Monte da Farrapa. Argomoso. Mondoñedo (Lugo)

As Covas do Rei Cintoulo, sitas no Monte da Farrapa, en Argomoso, (Mondoñedo) teñen unha lonxitude explorada de 5 km. No seu interior encóntranse estalactitas, estalagmitas e outros tipos de formacións naturais que lle dan ó interior un carácter misterioso e máxico.

A primeira exploración arqueolóxica efectuouna o Club de Montañeiros Celtas en 1954, ben que o mindoniense Xosé Villamil y Castro xa publicara un plano da galería principal no ano 1873. Daquela acháranse na cova varios fósiles humanos e algúns obxectos coma un puñal de ferro da cultura céltica.

Está situada a seis kilómetros da cidade de Mondoñedo. Sobre ela opinaron moitos historiadores, falaron novelistas e poetas...

Segundo Murguía, polo nome que leva e polas tradicións das que está rodeada é merecente dunha detida e minuciosa exploración e que o nome "Cintolo" puidese responder "a una más lejana tradición al presente olvidada, y que se refería a un buen genio guardador de la cueva, que como rey otorgaba mercedes y merecía por la generosidad de que le creía dotado, el nombre de Cintolo...". Nunha lápida atopada neses lugares, pódese ler o nome de "Ancetolo", que, pola transposición dunha letra, pode converterse en "Acentolo", que feminizado, por se tratar dunha cova resultou "A centola" ou "A centoia". Esta última é a denominación dunha vila que existiu no século IX preto de Mondoñedo, e que se cita nun privilexio concedido por Afonso III á igrexa luguesa, segundo o Padre Risco.

Sexa como for, o certo é que a misteriosa cova do rei Cintolo ou Cintoulo foi mal estudiada na segunda metade do século XIX, e os obxectos nela atopados desapareceron e nin sequera foron reseñados.

Máis esta cova posúe tamén fabulosas lendas de damas enfeitizadas, dragóns e tesouros escondidos...

Hai dúas lendas que fan referencia a estas covas:

A primeira conta que na cova hai unha moza encantada que se peitea con peites de ouro ó tempo que se contempla nun espello de prata. Quen desencante a moza casará con ela e posuirá moitas riquezas. Pero hai un problema: a cova está custodiada por unha enorme serpe ou dragón que devora a quen intente desface-lo encanto. A pesar de tódo-los impedimentos, dous irmáns decidiron intenta-lo, pero despois de entrar na cova non se soubo máis deles.

A segunda lenda conta que na Antigüidade no lugar onde hoxe está Mondoñedo había outra cidade: Bría.

Reinaba o rei Cintolo, que tiña o seu castelo onde hoxe está a cova. Nel vivía tamén a súa fermosa filla, pretendida por moitos mozos.

Certo día chegou o conde Hollvrudet, do que se namorou, pero pouco despois apareceu un vello (de nome Tuba de Oretón) que viña decidido a casar coa princesa, e de non aceptar, derrubaría o castelo. O conde decidiu enfrontarse a Tuba, e xusto cando lle cravaba a espada, soou un trono que derrubou a cidade e o castelo. Cando o conde recobrou o coñecemento, no lugar só había unha cova.

E a tradición popular afirma que a princesa Xila, está a esperar ó mozo que se atreva a entrar na cova para ceiba-la do meigallo que a ten presa alí dentro.


SUÁREZ GROBA, Mónica Beatriz. De Breviario enciclopédico, de Eladio Rodríguez Gónzalez

1