Wikipedia:Política de protección de datos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Aviso: Esta páxina é unha tradución da política de protección de datos oficial da Fundación Wikimedia. A tradución só ten un propósito informativo e nunca pode ser substituta da política oficial, a cal é a única versión oficial autorizada. Pídese que toda conversa sobre a mesma teña lugar en meta:talk:Privacy policy.

Resumo

Esta política cobre a información de identificación persoal recollida ou almacenada pola Fundación Wikimedia (de aquí en diante, "Fundación") nos seus servidores en relación aos proxectos da Wikimedia (de aquí en diante, "proxectos") e as súas comunidades. De acordo coa política de retención de datos, a Fundación colleita e conserva a mínima cantidade de información de identificación persoal, tan só a imprescindible para responder ás necesidades operacionais dos proxectos.

A natureza pública e colaborativa dos proxectos

Todos os proxectos da Fundación desenvólvense de xeito colaborativo polos seus usuarios mediante o software MediaWiki. Calquera con acceso á internet (e non doutra maneira limitado no seu uso) pode modificar as páxinas publicamente editables destes sitios con ou sen antes acceder ao sistema como usuario rexistrado. Ao facelo, os editores crean un documento publicado e un rexistro público de cada palabra que engadan, retiren ou cambien. Trátase dun acto público e os editores identifícanse publicamente como autores dos devanditos cambios. Todas as contribucións feitas nun proxecto, xunto con toda a información dispoñible publicamente con respecto a estas contribucións, atópanse irrevogablemente licenciadas e poden ser libremente copiadas, citadas, reutilizadas e adaptadas por terceiras partes con poucas restricións.

Actividades nos proxectos da Fundación

En xeral, esta política aplícase soamente á información privada almacenada ou tomada pola Fundación que non está dispoñible publicamente.

As interaccións cos proxectos non cubertas por esta política inclúen, pero non están limitadas a, aspectos de navegación e edición de páxinas, emprego da función "Enviar un correo electrónico a este usuario" do wiki, subscrición ás e publicación nas listas de correo electrónico albergadas pola Fundación e correspondencia con voluntarios a través do sistema de billetes da Fundación ("OTRS"). Estas interaccións poden revelar o enderezo IP do colaborador, e posiblemente outra información persoal, sen distinción entre o público xeral e grupos específicos de voluntarios que actúen independentemente da Fundación.

Os usuarios tamén poden interactuar entre eles fóra dos sitios da Fundación, mediante correo electrónico, IRC ou calquera outro sistema de mensaxería instantánea, ou páxinas web independentes, e deberán avaliar os riscos derivados, e a súa necesidade persoal de protección de datos, antes de utilizar estes métodos de comunicación.

Contas de usuario e autoría

A Fundación non obriga aos editores a se rexistrar nun proxecto. Calquera pode editar sen acceder ao sistema cun nome de usuario, en cuxo caso o enderezo IP da rede será o identificador. Os usuarios que se rexistren serán identificados polo nome de usuario que elixiran. Ademais, os usuarios seleccionan un contrasinal, que é confidencial e serve para comprobar a integridade da súa conta.

Agás na medida en que o esixa a lei, ninguén debería revelar ou expoñer conscientemente os contrasinais de usuario e/ou as cookies xeradas para identificar un usuario. Unha vez creadas, as contas de usuario non poderán ser eliminadas. É posible cambiar un nome de usuario, dependendo das políticas dos proxectos individuais. A Fundación non garante que se poida modificar un nome de usuario baixo solicitude.

Propósito da recolección de información privada

A Fundación limita a recolección de datos de usuario que o poidan identificar persoalmente a propósitos que serven para o bo funcionamento dos seus proxectos, entre os que se encontran, pero non están limitados a, os seguintes:

Para mellorar a responsabilidade pública dos proxectos. A Fundación recoñece que calquera sistema o suficientemente aberto para permitir a mellor participación posible por parte do público xeral tamén será vulnerable a certo tipo de abusos e comportamentos contraproducentes. A Fundación e as comunidades de proxectos estableceron un número de mecanismos para evitar ou remediar as actividades abusivas. Por exemplo, ao investigar o abuso nun proxecto, xa sexa unha sospeita de usuario monicreque (conta duplicada), un vandalismo, un acoso a outros usuarios ou un comportamento destrutivo, os enderezos IP dos usuarios (derivados tanto destes rexistros como dos rexistros na base de datos) poden empregarse para identificar a(s) orixe(s) do comportamento abusivo. Esta información pódena compartir os usuarios con autoridade administrativa, elixidos polas súas comunidades para se encargaren da protección dos proxectos.
Para proporcionar estatísticas do sitio. A Fundación toma mostras de datos estatísticos a partir das visitas dos usuarios. Estes rexistros utilízanse para producir as páxinas de estatísticas do sitio; os datos brutos dos rexistros non se fan públicos.
Para resolver problemas técnicos. Os datos dos rexistros poden ser examinados polos desenvolvedores co obxectivo de resolver problemas técnicos e facer un seguimento de arañas web que destrúan o sitio.

Detalles sobre a retención de datos

Explicacións xerais

IP e outra información técnica

Cando un visitante solicita ou le unha páxina, ou envía un correo electrónico ao servidor da Wikimedia, non se colleita máis información ca a que calquera páxina web recollería. A Fundación pode gardar rexistros brutos destas transaccións, pero non se publicarán ou usarán para seguir usuarios lexítimos.
Cando un editor que previamente accedeu ao sistema edita unha páxina, o servidor almacena confidencialmente información relativa ao enderezo IP durante un período de tempo limitado. Esta información bórrase automaticamente transcorrido o período fixado. Para os editores que non accederon ao sistema, o enderezo IP utilizado relaciónase pública e permanentemente como autor desa modificación. É posible que unha terceira parte identifique o autor a partir dese enderezo IP e outra información dispoñible. O acceso ao sistema cun nome de usuario rexistrado permite unha mellor preservación do anonimato.

Cookies

Os sitios gardan unha cookie de sesión temporal no ordenador do visitante cada vez que accede a algunha páxina de calquera dos proxectos. Os lectores que non teñan intención de acceder ao sistema ou editar poden rexeitar esta cookie; borrarase ao rematar a sesión do navegador. O acceso ao sistema provoca o almacenamento de máis cookies co fin de manter o estado de rexistro. Se alguén garda un nome de usuario ou contrasinal no seu navegador, esa información gardarase ata 30 días e reenviarase ao servidor en cada visita ao mesmo proxecto. Os colaboradores que utilicen unha máquina pública e non queiran expor o seu nome de usuario a futuros usuarios deberían limpar estas cookies tralo seu uso.

Historial da páxina

As edición ou outras contribucións feitas nos artigos, páxinas de usuario e páxinas de conversa dun proxecto consérvanse, por regra xeral, para sempre. A eliminación de texto dun proxecto non o borra permanentemente. O normal, nos proxectos, é que calquera poida ollar as versións previas dun artigo e comprobar o que había entón. Mesmo se un artigo está "borrado", un usuario cun nivel de acceso maior aínda pode ver aquilo que se retirou da vista do público. Existen individuos con acceso aos servidores da Wikimedia que poden borrar permanentemente a información, pero, deixando ao lado estrañas circunstancias nas que a Fundación se atopa na obriga de borrar materiais do historial en resposta a unha orde xudicial ou un proceso legal equivalente, non hai garantía ningunha de que se produza o borrado permanente.

Contribucións de usuario

As contribucións dun usuario tamén están dispoñibles publicamente. As contribucións dun usuario engádense de acordo ao seu rexistro e estado de conexión. Os datos das contribucións de usuario, como a hora á que os usuarios editaron e o número de edicións que fixeron, están dispoñibles publicamente en listas de contribucións de usuario e formularios publicados por outros usuarios.
Ler os proxectos
Non se recolle máis información ca a tipicamente recabada nos rexistros dos servidores das páxinas web sobre usuarios e outros visitantes que len páxinas. Á parte do constatado enriba, estes datos gárdanse para propósitos xerais, as visitas a páxinas non expoñen publicamente a identidade dun visitante. Os datos poden incluír o enderezo IP de calquera usuario, pero non se fai público.
Editar os proxectos
As edicións nas páxinas dos proxectos identifícanse co nome de usuario ou o enderezo IP da rede do editor, e o historial de edicións engádese por autor a unha lista de contribucións. A devandita información estará dispoñible de forma permanente nos proxectos.
Usuarios rexistrados
Os usuarios que accederon ao sistema non expoñen o seu enderezo IP ao público agás en caso de abuso, como vandalismos nunha páxina do wiki polo usuario ou por outro usuario co mesmo enderezo IP. O enderezo IP dun usuario almacénase nos servidores do wiki por un período de tempo, durante o cal os administradores dos servidores e aqueles usuarios con permisos de verificador de usuarios teñen a posibilidade de ollalo.
A información do enderezo IP, xunto coa súa conexión con calquera nome de usuario que o comparta, pode revelarse baixo certas circunstancias citadas embaixo.
Os editores que fagan uso dun servidor de correo electrónico dunha empresa desde a casa ou traballan cunha conexión á internet DSL ou por cable, pódense identificar facilmente polo seu enderezo IP; en cuxo caso pode ser doado localizar todas as contribucións feitas en varios proxectos por ese mesmo enderezo. O emprego dun nome de usuario é o mellor xeito de preservar o anonimato nesta situación.
Usuarios non rexistrados
Os editores que non accederon ao sistema poden ser identificados polo seu enderezo IP da rede. Dependendo da conexión de cadaquén, este enderezo IP será fácil de seguir e asocialo a un provedor de internet ou, máis especificamente, a unha escola, un lugar de traballo ou un fogar. É posible utilizar esta información en combinación con outra, como poden ser o estilo e preferencias de edición, para identificar un autor por completo.
Conversas
Nas páxinas de conversa do wiki
Teoricamente, é posible que calquera páxina que se poida editar sexa o lugar para levar a cabo unha conversa. En xeral, as conversas nos proxectos da Fundación só teñen cabida nas páxinas de conversa de usuario (asociadas a usuarios en concreto), nas páxinas de conversa de artigos (asociadas a artigos en concreto) ou nas páxinas deseñadas especificamente para realizar a función de foro (por exemplo, a Taberna). As expectacións de anonimato nas páxinas de conversa aplícanse de igual maneira ca en calquera outro lugar.
Mediante o correo electrónico
Os usuarios non teñen a obriga de achegar o seu enderezo de correo electrónico ao se rexistrar. Aqueles que proporcionen un enderezo válido dan a posibilidade de que outros usuarios rexistrados lles envíen mensaxes de correo electrónico a través do wiki. Ao recibir un correo doutros usuarios mediante este sistema, o enderezo de destino non é revelado. Ao elixir a opción de enviar un correo a outros usuarios, o enderezo móstrase como remitente.
A Fundación pode empregar o enderezo de correo electrónico dado nas preferencias de usuario para comunicarse. Os usuarios cuxas contas non posúan un enderezo válido non poderán restablecer o contrasinal se o esquecen. Nesta situación, porén, os usuarios poden poñerse en contacto con algún dos administradores do servidor da Wikimedia para inserir un novo enderezo de correo electrónico. Os usuarios teñen a posibilidade de eliminar o enderezo das súas preferencias en calquera momento para evitar o seu uso. É responsabilidade dos usuarios gardar a correspondencia privada mantida entre eles, e en ningún caso se atopa baixo as políticas da Fundación.
Nas listas de correo
Os enderezos de correo electrónico usados para describir e publicar nas listas de correo dos proxectos son expostas ao resto de subscritores. A meirande parte dos arquivos destas listas de correo son públicos, e pódense realizar procuras neles. Os enderezos dos subscritores tamén poden ser utilizados como citas nas mensaxes escritas por outros usuarios. Estes enderezos e calquera mensaxe enviada a unha lista de correo pódese arquivar e manter dispoñible de cara ao público de maneira permanente.
Mediante o OTRS
Algúns enderezos de correo electrónico reenvían mensaxes a voluntarios do equipo de confianza da Fundación para usar un sistema de boletos, como o OTRS, para responder. As mensaxes enviadas a este sistema non son visibles publicamente, pero os voluntarios seleccionados pola Fundación terán acceso a elas. O equipo do sistema de boletos pode conversar con outros colaboradores acerca dos contidos das mensaxes recibidas co obxectivo de responder eficazmente. Os correos de enderezos privados de membros do Consello de administración e da Fundación tamén poderán ser reenviados ao equipo do OTRS. Estas mensaxes e correos electrónicos da Fundación poden ser gardados polos membros do equipo do OTRS e calquera servizo de correo electrónico que usen, e poden continuar dispoñibles para eles.
No IRC
Oficialmente, as canles IRC non son parte da Fundación e non se albergan nos servidores controlados pola Wikimedia. O enderezo IP daqueles usuarios que conversen a través deste servizo pódese expor a outros participantes. Soamente se pode protexer o anonimato dos usuarios do IRC de acordo coas políticas dos respectivos servizos e canles. As diferentes canles teñen políticas distintas con respecto á publicación dos rexistros.

Acceso a e revelación de información persoal

Acceso
Os proxectos están basicamente dirixidos por colaboradores voluntarios. Só a comunidade elixe algúns deles para concederlles privilexios. Por exemplo, para un usuario da Wikipedia en inglés, os niveis de acceso á Wikipedia están determinados pola pertenza do usuario a varios "grupos de usuario". Os dereitos e membros dos grupos pódense consultar en todos os proxectos a través da páxina especial "Special:ListGroupRights".
Entre outros usuarios que teñen acceso a información privada atópanse, pero non están limitados a, os usuarios con acceso ao OTRS ou ás funcións de verificador de usuarios e supervisor, os usuarios elixidos pola comunidade dun proxecto para servir como stewards ou árbitros, os empregados da Fundación, os membros do Consello de administración e aqueles designados, contratados e axentes empregados pola Fundación, desenvolvedores e outros con altos niveis de acceso ao servidor.
O acceso a e mais a publicación desta información réxese pola política de acceso a datos non públicos, así como políticas específicas en relación con estas funcións. Compartir a información con outros usuarios en posesión de privilexios non é "distribución".
Revelación: política de revelación de datos
Para calquera da seguintes situacións esta é a política da Fundación que regula a recollida de información persoal nos rexistros do servidor ou en rexistros na base de datos a través da característica de verificador de usuarios que pode ser publicada polos voluntarios ou membros da Fundación:
  1. En resposta a unha citación ou calquera outra solicitude obrigatoria válida para a execución da lei.
  2. Co permiso do usuario en cuestión.
  3. Cando sexa necesario para investigar reclamacións por abusos.
  4. Cando a información pertence a visitas de páxinas xeradas por unha araña web ou un bot e a súa diseminación sexa necesaria para ilustrar ou resolver problemas técnicos.
  5. Cando o usuario estivo a vandalizar artigos ou tivo un comportamento prexudicial persistente, os datos pódense revelar a un provedor de servizos ou calquera outra terceira parte para asistir no obxectivo de bloqueo de enderezos IP ou para axudar á formulación dunha reclamación ao un provedor de servizos de internet relevante.
  6. Cando é razoablemente necesario protexer os dereitos, os bens ou a seguridade da Fundación, os seus usuarios ou o público.
Agás para os casos descritos enriba, a política da Fundación non permite a distribución de información persoal baixo ningunha circunstancia.
Acceso de terceiras partes e notificación a usuarios rexistrados ao recibir procesos legais
Por regra xeral, o acceso a e mais a retención de datos persoais en todos os proxectos debería ser o mínimo e empregarse exclusivamente para garantir o benestar interno dos proxectos. En ocasións, porén, a Fundación pode recibir unha citación ou calquera outra solicitude obrigatoria por parte dun organismo de execución da lei, un tribunal ou calquera outro corpo gobernamental equivalente que pide a revelación de información sobre un usuario rexistrado, situación na que se atenderá á solicitude para cumprir a lei. Dándose as circunstancias legais citadas, a Fundación intentará notificar o usuario afectado nun prazo de tres días hábiles despois da chegada da citación por medio dun aviso por correo electrónico que enviará ao enderezo que rexistrou nas súas preferencias de usuario (se o tivese).
A Fundación non pode aconsellar o usuario que reciba a devandita notificación. Non obstante, a Fundación advirte de que o usuario ten o dereito legal de opoñerse ou limitar a información do tribunal enchendo un formulario para rexeitar a citación. Aqueles usuarios que se queiran opor á citación ou a calquera outra solicitude obrigatoria deben buscar consello legal no referente aos dereitos e procedementos aplicables que haxa dispoñibles.
Se a Fundación recibe unha notificación presentada por un tribunal para anular ou limitar a citación como resultado dalgunha acción feita por un usuario ou o seu avogado, a Fundación non divulgará a información solicitada ata que reciba unha orde do tribunal para facelo.
Os usuarios rexistrados non están obrigados a facilitar un enderezo de correo electrónico. No entanto, cando un usuario rexistrado afectado non deu un enderezo, a Fundación non poderá notificar o usuario mediante mensaxes privadas cando reciba a solicitude do organismo legal para revelar información persoal sobre o usuario.

Renuncia

A Fundación Wikimedia considera dun importante valor o mantemento e a preservación da intimidade dos datos de usuario. Esta política de protección de datos, xunto con outras políticas, resolucións e accións da Fundación, representa un esforzo comprometido para salvagardar a seguridade da limitada información de usuario recollida e gardada nos nosos servidores. Non obstante, a Fundación non pode garantir que a información de usuario se manteña privada. Recoñecemos que, malia os nosos esforzos para protexer a información privada, determinados individuos poderían desenvolver modos para a extracción de datos e outros métodos que descubrirían esa información e divulgárena. Por este motivo, a Fundación non pode garantir o acceso non autorizado á información proporcionada no transcurso da participación nos proxectos da Fundación ou nas comunidades relacionadas.