Conflito árabe-israelí

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
The question to be asked, pintura moderna alegórica do conflito árabe-israelí.

O conflito árabe-israelí comeza coa descolonización de Reino Unido e Francia da ribeira oriental do mar Mediterráneo. Existen un cúmulo de circunstancias e causas que orixinaron o conflito.

Historia[editar | editar a fonte]

Xudeus evacuando a Cidade Vella de Xerusalén logo das revoltas árabes de 1936.

Circunstancias[editar | editar a fonte]

  • O sionismo como movemento nacionalista dos xudeus da diáspora que reclamaban a volta á Terra (Haaretz) dende finais do século XIX ata a Segunda Guerra Mundial, sobre todo na década dos anos 20.
  • A desaparición do Imperio Otomán trala Primeira Guerra Mundial e consecuente aparición de novos focos de poder en Oriente Medio.
  • O Holocausto da Segunda Guerra Mundial que provocará en última instancia o definitivo asentamento da diáspora xudía en Palestina.
  • O desprazamento de millóns de árabes trala creación do moderno Estado de Israel que provocará tensións nos países de maioría árabe musulmá.

Orixe[editar | editar a fonte]

En 1947, a decisión do Reino Unido de descolonizar Palestina, deixa a administración desa terra en mans da ONU. Quen ten moitos problemas en conter ós cada vez máis numerosos conatos de violencia entre xudeus e musulmáns, e entre cada un destes contra a ONU. O 29 de novembro de 1947 a ONU aproba un plan de partición do territorio en dúas zonas a repartir entre os grupos maioritarios: unha xudía e outra árabe. O resto de minorías (cristiáns armenios, ortodoxos, drusos, turcománs,etc), acabarán por asentarse en gran proporción na zona xudía por ser esta a que resulte nun estado de dereito.

Refuxiados palestinos abandonando Galilea durante a guerra árabe-israelí de 1948.

O 14 de maio de 1948, David Ben Gurion proclama a independencia do Estado de Israel. Xordania, Exipto, Líbano, Siria e Iraq deciden atacar Israel (ver guerra árabe-israelí, tamén coñecida como Guerra da Independencia de Israel ou Al Nacba). Prodúcense os maiores desprazamentos de refuxiados na historia da zona en conflito: uns 700.000 xudeus son expulsados dos países árabes cara Israel, país este que aproveitará para conseguir certo poder demográfico, e un número similar de árabes son expulsados de Israel cara os países veciños, onde non serán acollidos, senón tratados en calidade de refuxiados permanentes. A guerra finaliza coa firma da tregua (Armisticio de Rodas). Só Exipto e Xordania remataron por firma-la paz e recoñece-lo Estado de Israel (en 1978 e 1994 respectivamente).

En xullo de 1956, Nasser nacionaliza a canle de Suez, e tropas anglofrancesas lanzan unha operación conxunta con Israel para "protexe-la poboación civil dos ataques dos extremistas". Exipto perde a península do Sinaí, pero a ONU e as dúas superpotencias (ver Guerra Fría), conseguen que se retiren as tropas europeas. Israel rematará por volta-la canle a mans exipcias.

O 27 de maio de 1964, fúndase baixo o auspicio da Liga Árabe, a Organización para a Liberación de Palestina (OLP), constituíndo un fito na escalada terrorista entre grupos árabes por unha beira e do estado israelí pola outra.

A guerra dos seis días[editar | editar a fonte]

Territorios anexionados por Israel logo da Guerra dos seis días (en cor rubia).

O 8 de marzo de 1965, Nasser afirmara: "Non entraremos en Palestina coa terra cuberta de area, entraremos coa terra cuberta de sangue". Nos seguintes meses, o exército sirio leva a cabo unha campaña de acoso ós civís israelís asentados nos altos do Golán (Siria). A combinación dunha retórica belicista, un comportamento ameazante e a persecución dos intereses xudeus nos países árabes, foi tomada por Israel como un casus belli, a que levaría a Israel a atacar os seus veciños por sorpresa antes de ser atacado.

O 5 de xuño de 1967, Israel ataca Exipto, Siria e Xordania, conquista os Altos do Golán (a día de hoxe en mans de Israel) a Siria, a península do Sinaí e Gaza a Exipto, e Cisxordania a Xordania. Exipto respostará expulsando os cascos azuis da ONU do Sinaí e Suez, e coa mobilización de 100.000 soldados. Nasser afirma publicamente que a súa intención é destruir Israel. As forzas aéreas israelís eliminan ás exipcias en ataques por sorpresa. Tras esta guerra queda clara a capacidade militar de Israel fronte os seus veciños.

A guerra do Yom Kippur[editar | editar a fonte]

O exército exipcio cruzando o Canal de Suez durante a Guerra do Yom Kippur.

En outubro de 1973, Siria e Exipto lanzan un ataque coordinado para recupera-las posesións conquistadas por Israel seis anos antes. Os árabes aproveitan a iniciativa da batalla e logran recuperar parte dos Altos do Golán. Pero tras tres semanas de batalla, os israelís conseguen destruír ó exército sirio e rodean as posicións exipcias no deserto do Sinaí. A ameaza soviética de tomar partido polos árabes fai que os EUA convenzan a israel de asinar un alto o fogo.

De esquerda a dereita Menachem Begin, Jimmy Carter e Anwar el-Sadat en Camp David (1978).

O 18 de setembro de 1978, Israel, Exipto e os EUA firman os Acordos de Camp David, polos que Israel devolve o Sinaí a Exipto e este recoñece o dereito a existir de Israel.

A guerra do Líbano[editar | editar a fonte]

Carro de combate sirio destruído durante a guerra do Líbano de 1982.

En 1982, as Forzas de Defensa de Israel (exército israelí), invaden o sur do Líbano para perseguir ós terroristas de Al Fatah, dirixidos por Yasser Arafat. A pesar do éxito das maiores operacións militares, esta invasión terá dúas consecuencias fundamentais:

  • O recoñecemento en todo o mundo da figura de Yasser Arafat como líder árabe en auxe.
  • A multiplicación de grupúsculos terroristas que declaran a guerra a Israel.

No transcurso deste enfrontamento, teñen lugar as masacres de Sabra e Shatila. No ano 2000, Israel retirouse definitivamente do sur libanés.

Primeira intifada[editar | editar a fonte]

Control do exército israelí nunha estrada durante a primeira intifada.

En 1987 grupos terroristas palestinos organízanse para expulsa-los colonos xudeus dos "territorios ocupados" da Franxa de Gaza e Cisxordania. Durante a Primeira Guerra do Golfo (1990-1991), Iraq lanza mísiles Scud contra cidades israelís, dentro da estratexia e das boas relacións entre Saddam Hussein e a OLP de Yasser Arafat (daquela exiliado en Túnez). Pero como aquela guerra foi de agresión a outro país árabe (Kuwait), moitos países árabes aliados dos EUA retiran a súa confianza na OLP, e a intifada rematará cos Acordos de Oslo en 1993.

Por outra banda, a nivel local, a primeira intifada foi nun principio un conflito máis ideolóxico que violento, sobre todo vendo a desigualdade militar que existía e existe entre Israel e Palestina, de tal xeito que, coma resposta á represión brutal sufrida e a presións exercidas pola comunidade internacional, reflectida en afirmacións coma a imposibilidade dunha independencia económica dos territorios palestinos envoltos no conflito, a OLP decide tratar de autoxestionarse coma pobo independiente facéndolle un bloqueo económico ó pobo israelí entre outras accións político-libertarias de maior ou menor carácter violento.

Co paso dos anos e cunha OLP cada vez máis debilitada e radicalizada en ideas debido á morte ou engaiolamento dos seus líderes, o complexo proceso de guerrilla, as escisións internas, a represión, os medios de comunicación, a política levada polos palestinos que vivían no estranxeiro (véxase Yasser Arafat) e o alongamento do conflicto no tempo entre outros moitos factores levaron o conflito a un punto moito máis extremo que rematará co recoñecemento dun estado palestino con diferentes consecuencias a nivel tanto internacional como local.

Segunda intifada[editar | editar a fonte]

Trátase dun levantamento producido o 28 de setembro de 2000. Provocada pola presenza de Ariel Sharon na explanada das mesquitas, foi tomada coma escusa para que grupos en disputa no seo da Autoridade Palestina tomaran posicións de poder. A resposta israelí á escalada de violencia foi duramente criticada en todo o mundo. Esta intifada aínda segue activa, pese á morte de Yasser Arafat en 2005 e á vitoria do continuísta Mahmoud Abbas nas eleccións palestinas.

Estatísticas militares[editar | editar a fonte]

Vitimas israelíes desde 1987 (en azul os anos correspondentes á primeira e a segunda intifada).
Vitimas palestinas desde 1987 (en azul os anos correspondentes á primeira e a segunda intifada).
País/Area Forzas

Armadas

  Activas Reservas Total
Iraq (pre2003) 429.000 650.000 1.079.000
Irán 545.600 350.000 895.600
Siria 316.000 396.000 712.000
Exipto 450.000 254.000 704.000
Arabia Saudita 105.000 57.000

(Garda Nacional)

162.000
Xordania 104.000 35.000 139.000
Líbano 67.900 0 67.900
Palestina 40.000

(Policía)

0 40.000
Total 2.057.500 1.742.000 3.799.500
       
Israel 173,000 425,000 598,000

Estas estatísticas deben ser analizadas tendo en conta que Israel posúe unha tecnoloxía militar incomparablemente superior ós seus veciños árabes, e ó apoio histórico dos EEUU. Asemade, no campo árabe, tan só Xordania e Exipto recoñecen a Israel.

No inverno de 2005, e como consecuencia do asasinato dun lider libanés, mobilizacións sociais, a guerra de Iraq, a presón estadounidense, etc., comezou a evacuación de 30.000 soldados sirios desplegados no Líbano.

A táboa non contabiliza o poder militar dos diversos grupos terroristas que xa teñen capacidade de lanzar ataques con cohetes Qassam iraníes.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]