Gaoth Dobhair

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 55°03′03″N 8°14′08″W / 55.05083°N 8.23556°W / 55.05083; -8.23556

Gaoth Dobhair
Gweedore (en inglés)
Hotel, beach, and shipwreck south of R257 at Bunbeg - geograph.org.uk - 1159653.jpg
Vista aérea de Gaoth Dobhair (ao fondo) e a praia Machaire Chlochair.
Situación xeográfica
Gaoth Dobhair en Irlanda
Gaoth Dobhair
Gaoth Dobhair
País Flag of Ireland.svg Irlanda
Provincia Ulster
Condado Condado de Donegal
Xeografía
Altitude 32 msnm
Poboación
Poboación 4.065 hab. (2002)
Información
Código postal
Alcalde
Páxina web www.gweedore.net

Gaoth Dobhair[1] (en inglés: Gweedore), é unha parroquia gaélicofalante que se atopa na costa atlántica do condado de Donegal, en Irlanda. Gaoth Dobhair esténdese uns 25 km dende a localidade de Mín an Chladaigh ao norte até Croithlí no sur, e uns 14 km dende Dún Lúiche no leste até Machaire Chlochair no oeste. Trátase dunha das zonas rurais máis densamente poboadas de todo Europa.[2][3]

Tamén é a meirande parroquia gaélicofalante de todo Irlanda, cunha poboación de 4.065 persoas (2002),[4] e acolle os estudios rexionais do servizo de radio RTÉ Raidió na Gaeltachta no noroeste, así como tamén un campus externo da Universidade Nacional de Irlanda en Galway.[5] Gaoth Dobhair atópase preto do punto máis elevado de Donegal, o monte Errigal,[6] e inclúe as localidades de An Bun Beag, Doire Beag, Dún Lúiche, Croithlí e Bun an Leaca.[7]

Gaoth Dobhair é principalmente coñecido por ser o berce da cultura de Irlanda, [8] mantedor dos antigos costumes irlandeses, a música tradicional, o teatro, os deportes gaélicos e a lingua irlandesa como eixe fundamental da vida da poboación local. Por todo isto, xunto coas súas paisaxes e praias, Gaoth Dobhair converteuse nun destino turístico moi popular, sobre todo entre os visitantes de Irlanda do Norte.[9] Gaoth Dobhair e os distritos veciños de Cloch Cheann Fhaola e Na Rosa son coñecidos popularmente como "as tres parroquias", xa que forman unha rexión social e cultural de seu dentro do condado, sendo Gaoth Dobhair o seu epicentro industrial e de servizos.[10][11]

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Vista de Gaoth Dobhair e a súa foz que lle dá nome dende Cnoc Fola.

Gaoth Dobhair non se refire a unha soa localidade ou vila, senón a unha parroquia que aglutina varias vilas.[12] Aínda que o único nome orixinal e oficial é Gaoth Dobhair, a tradución inglesa Gweedore tamén é empregada de xeito non oficial. Gaoth fai referencia a unha entrada do mar na foz do río Croithlí, coñecida como An Gaoth, que fai de límite entre Gaoth Dobhair e Na Rosa ao sur. Dobhar é unha antiga voz irlandesa que significa auga, polo que Gaoth Dobhair poderíase traducir como "o esteiro de auga".[13]

Linguas[editar | editar a fonte]

Ao atoparse nunha área Gaeltacht, a lingua maioritaria de Gaoth Dobhair é o irlandés, mais tamén é común escoitar inglés. Tódalas escolas, os servizos relixiosos e os anuncios fanse co irlandés como lingua principal.[14] Ademais, durante os meses de verán, centos de estudantes de todas partes de Irlanda acoden a Gaoth Dobhair para mellorar o seu nivel de competencia lingüística en irlandés na escola de verán Coláiste Cholmcille.[15]

Dende que a maioría dos habitantes da parroquia son bilingües, é habitual escoitar interferencias lingüísticas entre as dúas linguas. Así, pódese escoitar vocabulario inglés en frases en irlandés e viceversa. Por mor disto, apareceu un grupo de vocabulario e frases únicas da zona que no pasado atraeron o interese de lexicógrafos e etimólogos. Un exemplo é o emprego do sufixo irlandés -ailte ou -eáilte para a formación de versións de verbos a partir de palabras inglesas, como no caso de "wreckailte" ("canso").

A porcentaxe de falantes nativos de irlandés nalgunhas das localidades é a seguinte:

  • 77% en Machaire Chlochair.
  • 83% en Cnoc Fola e Mín an Chladaigh.
  • 76% en Dún Lúiche.

Historia[editar | editar a fonte]

Gaoth Dobhair arredor de 1890.
Vista aérea de Gaoth Dobhair en 2008.

Coa colonización do Ulster en 1609 produciuse un xiro importante no destino da parroquia. As familias falantes de irlandés que foran expulsadas das súas terras no val do río Lagan e dos seus arredores acabaron estabelecéndose nas inhóspitas turbeiras do oeste de Donegal. Algunhas chegaron tan lonxe como Gaoth Dobhair, sen poder avanzar máis cara o oeste. Ao mesmo tempo, comezaron a chegar colonos ingleses e escoceses a esas terras pouco coñecidas, convertíndoas en baronías. Crese que a parroquia tiña unha densidade de poboación moi baixa até polo menos o século XVII. As primeiras persoas que se estableceron vivían nas illas ou nas zonas costeiras.

Até o século XIX a parroquia seguiu tendo unha poboación moi baixa, aínda que se semella que os locais tiñan unha boa relación cos terratenentes.[16] Porén, a súa calidade de vida comezou a deteriorarse coa chegada de novos propietarios das terras xa entrados no século XIX, en particular o Lord George Augusta Hill (1801–1879) e o seu fillo Arthur. Ante esta situación, a xente da parroquia dirixida polo crego Séamus Mac Pháidín, desafiou aos terratenentes coa fundación da Liga Nacional irlandesa da Terra. O 3 de febreiro de 1889 produciuse o asasinato do inspector do distrito da Policía Real Irlandesa William Limbrick Martin (coñecido localmente como An Mháirtínigh) a mans dos fregueses fóra da igrexa Teach Phobail Mhuire, en Doire Beag, mentres Séamus Mac Pháidín xacía no chan brandindo unha espada desenvaiñada.[17] Isto supuxo o punto culminante da Guerra da Terra en Gaoth Dobhair, e o caso mesmo chegou a ser nomeado nas memorias do político irlandés Tim Healy, quen defendía a Mac Pháidín e os seus fregueses.[18]

O xornalista estadounidense-irlandés W.H. Hurlbert tamén investigou con detalle as disputas polas terras en Gaoth Dobhair no seu libro Ireland under Coercion, publicado en 1888.[19]

Tamén se teñen publicado varios libros en irlandés e inglés que detallan a rica historia de Gaoth Dobhair. Unha das máis prolíficas historiadoras locais foi Cáit Nic Giolla Bhríde.[20]

A grande treboada[editar | editar a fonte]

Na tarde do 23 de xuño de 2009, unha enorme treboada azoutou Gaoth Dobhair. Afectou principalmente as vilas de An Bun Beag e Doirí Beaga, prolongándose durante varias horas e causando o desbordamento de dous ríos, a inundación de casas, tendas e fábricas, e a destrución de pontes e estradas. A lostregada durou dúas horas e danou as liñas de alta tensión, provocando unha grave avaría nos sinais de telefonía móbil e impedindo que as persoas atrapadas polos asolagamentos puideran comunicarse. Arredor dunhas 20 casas quedaron illadas do mundo exterior despois de que tres pontes de acceso fosen arrastradas polas medras dos ríos.[21][22]

Foi descrita como a peor treboada "na memoria viva" e tamén como a máis grave dende o ano 1880, data na que morreron cinco persoas afogadas en Doirí Beaga. Por mor da natureza altamente localizada da tormenta, as áreas de maior precipitación non se recolleron na rede de pluviómetros, mais o Servizo Metereolóxico de Irlanda estimou que entre as dúas e as seis da tarde caeron un 60 mm de chuvia.[22][23]

Economía[editar | editar a fonte]

A estrada principal R257 que atravesa Gaoth Dobhair vista dende Doire Beag.

Entre os anos 1980 e 1990, Gaoth Dobhair tiña unha rede industrial próspera, contando con até 20 grandes empresas produtoras de gomas de borrar, alfombras, equipos de tonificación corporal e produtos de limpeza. Porén, no ano 2001 pecharon moitas das empresas por mor da competición do países de Europa do leste. Estímase que se perderon uns 4.000 postos de traballo e tivo un efecto económico e social moi forte en Gaoth Dobhair e nas áreas veciñas.[24] A fábrica de bonecas de porcelana de Croithlí leva en activo dende 1939 baixo o nome de Crolly Dolls.[25]

No 2003, a axencia estatal Údarás na Gaeltachta comezou unha campaña para atraer empresas coa finalidade de revivir a economía local e renomeou o parque empresarial como Páirc Ghnó Ghaoth Dobhair. Unha empresa escocesa abriu un centro de chamadas no parque empresarial, pero ao pouco pechou. Entre os negocios da zona destacan varios supermercados, tendas, centros de estética, salóns de peiteado, garaxes, farmacias, pubs, cafeterías e cinco hoteis ben establecidos: Ostan Gweedore, Derrybeg Hotel, Teach Jack, An Chúirt Hotel e Foreland Heights.

Educación[editar | editar a fonte]

Áislann Ghaoth Dobhair (aberto en 2011) é un edificio estatal que acolle a biblioteca local, o teatro da escola e unha sala de exposicións.
Instituto de educación secundaria Pobalscoil Ghaoth Dobhair.

Educación primaria[editar | editar a fonte]

Na zona hai cinco escolas de primaria e todas son de fala irlandesa. Os nenos e nenas non reciben clases en inglés até os 5 ou 6 anos. Son as seguintes:

  • Scoil Chonaill, en An Bun Beag.
  • Scoil Mhuire, en Doire Beag.
  • Scoil Phádraig, en Dobhar.
  • Scoil Bhríde, en Mín an Chladaigh.
  • Scoil Adhamhnáin, en Luinneach.

Educación secundaria[editar | editar a fonte]

O único instituto de secundaria é o Pobalscoil Ghaoth Dobhair, establecido en Luinneach en 1977.[26] Ao igual que as escolas de primaria, tódolos estudantes reciben as clases en irlandés e a maioría fai os seus exames públicos en dita lingua.

Universidade[editar | editar a fonte]

No ano 2004, a Universidade Nacional de Irlanda en Galway abriu en Gaoth Dobhair o campus externo Acadamh na hOllscolaíochta Gaeilge,[27] ofrecendo así estudos universitarios en lingua irlandesa a preto de 80 estudantes cada ano. Ofértanse varias titulacións entre as que destaca o novo título de grao en estudos empresariais.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Vista do monte Errigal.
Vista da costa recortada de Gaoth Dobhair vista dende Cnoc Fola.

Gaoth Dobhair é coñecido pola súa peculiar xeografía física. Probabelmente, o accidente máis recoñecíbel é o monte Errigal, a montaña máis alta do condado de Donegal,[6] que ensombrece o lago Dunlewey. Está arrodeado polas profundas cañadas e lagos de Poisoned Glen, e máis adiante atópase o castelo de Glenveagh e o Parque Nacional Glenveagh, o meirande de toda Irlanda.[28] Na praia Machaire Chlochair pódese atopar un naufraxio dos anos 1970 coñecido como "Bád Eddie" (O barco de Eddie) ou "Cara Na Mara" (O amigo do mar).[29]

A costa de Gaoth Dobhair componse de longas praias de area e cantís escarpados. Tamén conta pequenas illas entre as que destacan a illa Gabhla[30] e a illa Toraigh.[31]

Transporte[editar | editar a fonte]

A estación de tren de Gaoth Dobhair abriu o 9 de marzo de 1903. Porén, o 3 de xuño de 1940 deixou de prestar servizo a pasaxeiros e o 6 de xaneiro de 1947 pechou definitivamente. Os autobuses que dan servizo en Gaoth Dobhair inclúen o Collins Coaches Donegal to Glasgow, Feda Ó Dónaill,[32] Coyle's Coaches,[33] John McGinley,[34] Patrick Gallagher Coaches,[35] Crónán Mac Pháidín,[36] e unha liña de bus que conecta o aeroporto local.[37]

Deporte[editar | editar a fonte]

Entre os deportes máis populares de Gaoth Dobhair destacan o fútbol gaélico, o golf e o fútbol.

Xogos gaélicos[editar | editar a fonte]

O campo do C.L.G. Ghaoth Dobhair, con Gaoth Dobhair e o monte Errigal ao fondo.

O club local da Asociación Atlética Gaélica (GAA), C.L.G. Ghaoth Dobhair, atópase en Machaire Gathlán e facilita recursos para tódolos xogos gaélicos. O equipo senior de Gaoth Dobhair é o máis existoso do Campionato Senior de Fútbol de Donegal e a Comórtas Peile na Gaeltachta. Xogadores locais como Kevin Cassidy e os irmáns Eamon e Neil McGee son recoñecidos a nivel nacional. Porén, o hurling nunca foi un deporte moi popular en Gaoth Dobhair, coa excepción dun exitoso equipo de finais da década de 1990.[38]

Golf[editar | editar a fonte]

O club de golf local Gailf Chumann Ghaoth Dobhair tamén se atopa en Machaire Gathlán. O seu campo acolle varios torneos cada ano. De entre eles destaca o torneo 'The Clannad Classic', patrocinado polo recoñecido grupo musical Clannad.

Asociacións de fútbol[editar | editar a fonte]

Entre os equipos de fútbol en activo de Gaoth Dobhair están o Gweedore Celtic,[39] o Gweedore United, o Glenea United e o Dunlewey Celtic. Todos eles participan en competicións do condado e tamén nacionais.

Carreiras de currach[editar | editar a fonte]

Cumann na gCurrach, con base en Machaire Gathlán, é un grupo de voluntarios que organiza carreiras de currach e que participa tamén en carreiras deste deporte por toda Irlanda.[40]

Arte e cultura[editar | editar a fonte]

Vista panorámica da praia de Machaire Chlochair na baía de Gaoth Dobhair, na que se atopan os restos do naufraxio do "Cara Na Mara" (O amigo do mar). O barco, máis coñecido como "Bád Eddie" (O barco de Eddie) naufragou por mor da mar axitada nos anos 1970.

Música[editar | editar a fonte]

Gaoth Dobhair é moi coñecido por manter viva a música tradicional irlandesa, sobre todo nas tabernas locais, e especialmente na taberna Hiúdaí Beag en An Bun Beag.[41]

Gaoth Dobhair tamén é vila natal dun bo número de recoñecidos músicos e cantantes. O grupo musical Clannad formouse en 1972, e dende entón xa venderon máis de 15 millóns de copias dos seus discos. A súa cantante principal, Moya Brennan tamén disfrutou dunha exitosa traxectoria en solitario. A banda Altan (inicialmente Ceoltóirí Altan),[42] é outro grupo local de renome, cuxa líder é Mairéad Ní Mhaonaigh. Porén, a cantante de Gaoth Dobhair de maior éxito a nivel internacional é Eithne Ní Bhraonáin, máis coñecida como Enya.[43]

Outros cantantes locais son Aoife Ní Fhearraigh,[44] Brídín Brennan,[45] Na Casaidigh,[46] Proinsias Ó Maonaigh,[47] Gearóidín Breathnach, Seamus McGee[48] e Maria McCool.[49] O coñecido grupo dos 70 Skara Brae tamén ten unha forte conexión coa parroquia.

Por outro lado, existen dous coros activos en Goath Dobhair: Cór Mhuire Doirí Beaga, dirixido por Baba Brennan e Eileen Nic Suibhne[50] e Cór Thaobh 'a Leithid, dirixido por Doimnic Mac Giolla Bhríde.[51] Ámbolos dous grabaron álbums de estudio.

A canción "Gleanntáin Ghlas' Ghaoth Dobhair" foi escrita polo músico local Francie Mooney, expresando o último adeus dun exilio dos verdes vales de Gaoth Dobhair. Converteuse nun clásico da música irlandesa moderna e foi versionado por Clannad, Paul Brady, Dáithí Sproule, The Johnstons e notabelmente por Altan. Outras cancións coñecidas que proveñen de Gaoth Dobhair son "Trasna na dTonnta" e "Báidín Fheilimí".

Festivais[editar | editar a fonte]

Gaoth Dobhair acolle un dos desfiles do Día de San Patricio meirande do condado de Donegal.

O festival Scoil Gheimhridh Frankie Kennedy tivo lugar en Gaoth Dobhair dende 1994 até 2014 na honra do músico de Belfast, Frankie Kennedy, que estivo casado con Mairéad Ní Mhaonaigh até a súa morte por cancro en 1994.[52] O desfile anual do Día de San Patricio atrae a milleiros de participantes e espectadores cada ano no seu percorrido entre An Bun Beag e Doire Beag.

Teatro[editar | editar a fonte]

Gaoth Dobhair posúe unha rica historia de producións teatrais e dramáticas. O teatro Amharclann Ghaoth Dobhair foi construído en 1961, pero o grupo de teatro local Aisteoirí Ghaoth Dobhair xa fora establecido en 1932.[53] A súa primeira obra chamada In Aimsir an Mháirtínigh de Eoghan Mac Giolla Bhríde, foi interpretada en Doire Beag.[54] Tódalas súas producións realízanse en lingua irlandesa e forman parte importante da vida social do Gaeltacht, atraendo audiencia dende sitios como Belfast. Aisteoirí Ghaoth Dobhair aínda está en activo e realizaron actuacións no teatro An Grianán de Letterkenny como parte do Festival de Arte Earagail entre 2010 e 2011.[55]

Arte[editar | editar a fonte]

Gaoth Dobhair posúe dúas galerías de arte que acollen a obra de coñecidos artistas da zona. An Clachán está considerada a galería de arte meirande de Donegal, mentres que An Gailearaí en Áislann Ghaoth Dobhair albergou exposicións do recoñecido artista Derek Hill.[56]

Relixión[editar | editar a fonte]

A parroquia católica de Gaoth Dobhair conta con catro igrexas: Teach Pobal Mhuire (Santa María) en Doire Beag (construída en 1972, despois de que a antiga capela se inundase en varias ocasións),[22] Teach Pobail an Chroí Naofa (Sagrado Corazón) en Dún Lúiche (construída en 1877), Teach Pobail Naomh Pádraig (San Patricio) en Mín Uí Bhaoill (construída en 1938) e Séipéal Cholmcille (San Columba) en Cnoc Fola (construída en 1933). A única capela protestante atópase en An Bun Beag.

Medios de comunicación[editar | editar a fonte]

Radio[editar | editar a fonte]

Os estudios rexionais da estación de radio en irlandés RTÉ Raidió na Gaeltachta atópanse na vila de Doire Beag. Neles fanse dous programas diarios e tamén se emiten as novas rexionais cada hora. Barrscéalta é un dos programas sobre asustos locais e está presentado por Áine Ní Chuireáin. Rónán Beo é o outro programa presentado por Rónán Mac Aodha Bhuí cunha duración de dúas horas.

Prensa[editar | editar a fonte]

Goitse é o único xornal local en circulación. Está en irlandés e é de tirada semanal. Tamén hai varios boletíns informativos que se reparten na zona, entre os que se inclúe o semanario Seacht.

Topónimos de Gaoth Dobhair[editar | editar a fonte]

Debido a que Gaoth Dobhair se atopa nun Gaeltacht e pola Acta de Linguas Oficiais 2003, só os nomes orixinais en lingua irlandesa teñen status legal de oficialidade e son empregados na rotulación e os sinais das estradas. A continuación, amósase unha listaxe dos topónimos de Gaoth Dobhair por orde alfabética.

Lugares e localidades[editar | editar a fonte]

Cemiterio Machaire Gathlán, en Doire Beag.
Vista de Gaoth Dobhair.
Ovellas pacendo ao longo da estrada en Mín an Chladaigh.
  • An tArd Don
  • Ard na gCeapairí
  • Baile an Droichid
  • An Baile Láir
  • An Bun Beag
  • Bun an Inbhir
  • Bun an Leaca
  • An Charraic
  • Carraig an tSeascain
  • Cnoc an Stolaire
  • Cnoc Fola
  • Coitín ou An Choiteann
  • Croichshlí ou Croithlí
  • Dobhar
  • Na Doirí Beaga ou Doire Beag
  • Dún Lúiche
  • Glaise Chú
  • Glaiseach ou An Ghlaisigh
  • Gleann Tornáin
  • Gleann Ualach
  • Luinneach
  • Loughkeel
  • Machaire Chlochair
  • Machaire Gathlán
  • Mín an Chladaigh
  • Mín a Dubh
  • Mín an Iolair
  • Mín na Cuinge
  • Mín na Leice
  • Mín Uí Bhaoill
  • Port Uí Chuireáin
  • Seascann Beag
  • An Sloitheán
  • Srath na Corcra
  • An Tor

Illas[editar | editar a fonte]

Vista de Inis Sionnaigh.
  • Gabhla
  • Inis Meáin
  • Inis Oirthear
  • Inis Sionnaigh
  • Umthoinn
  • Toraigh, aínda que non está realmente situada na costa de Gaoth Dobhair, o seu transbordador opera na zona.[57]

Persoeiros notábeis[editar | editar a fonte]

Enya en novembro de 2007.
Mairéad Ní Mhaonaigh en xullo de 2013.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Orde de 2004 para os topónimos (Ceantair Ghaeltachta) páxina 154 (de 155)
  2. http://www.donegaldirect.ie/ws_town_details.aspx?Town=Gweedore+(Gaoth+Dobhair)
  3. http://www.goireland.com/donegal/gweedore.htm
  4. http://travel.timesonline.co.uk/tol/life_and_style/travel/destinations/ireland/article2544786.ece A Lost Weekend in Donegal
  5. http://www.donegalcottageholidays.com/towns/holiday-cottage-kincasslagh.php
  6. 6,0 6,1 Gaoth Dobhair e o monte Errigal
  7. Logainmneacha Ghaoth Dobhair, Tír Chonaill, Éire
  8. http://www.gweedore.net/?p=57
  9. http://www.irishabroad.com/Travel/Features/gweedore.asp
  10. http://www.donegaldemocrat.ie/news/cloughaneely_1_1986720
  11. . maio de 2007. http://www.letterkennypost.com. Consultado o 15 de febreiro de 2015.
  12. www.real-ireland.com
  13. Logainmneacha Ghaoth Dobhair
  14. An Chrannóg – Lárionad Gaeilge
  15. Páxina web de Coláiste Cholmcille
  16. Gweedore Donegal
  17. Historia de Gaoth Dobhair, capítulo 1
  18. Memorias de Tim Healy, capítulo 22
  19. Hurlbert W vol.1, pp. 66–122
  20. Coiscéim 1996
  21. "Horror storms flood west Donegal"
  22. 22,0 22,1 22,2 Donegal Democrat do 24 de xuño de 2009.
  23. Informe do Servizo Metereolóxico de Ilranda.
  24. "Downturn forces Donegal factory cutbacks". RTÉ News. 28 de setembro de 2001. http://www.rte.ie/news/2001/0928/jobs-business.html. Consultado o 16 de febreiro de 2015.
  25. Historia das bonecas de Croithlí
  26. www.gaothdobhair.com – Fáilte go Pobalscoil Ghaoth Dobhair
  27. Páxina oficial da Acadamh na hOllscolaíochta Gaeilge
  28. Guía para visitantes en Frommers.com
  29. rPhotosOnline.com :: Gaoth Dobhair, xullo de 2005
  30. Gabhla
  31. Oileán Thoraí / Toraigh
  32. Feda O'Donnell Coaches
  33. Coyle's Coaches
  34. John McGinley Coaches
  35. Patrick Gallagher Coaches
  36. Crónán Mac Pháidín coaches
  37. Autobús do Aeroporto de Donegal
  38. Gaoth Dobhair GAA club
  39. Club de fútbol Gweedore Celtic
  40. Donegal Democrat informa da carreira de currach
  41. "MC Muppet is a rapper from Connemara whose lyrics are very sexual in content. The Irish language is a very poetic language". The Irish Times. 3 de maro de 2010. http://www.irishtimes.com/newspaper/magazine/2010/0313/1224265920130.html. Consultado o 1 de marzo de 2015.
  42. "Altan" en www.musicianguide.com
  43. Biografía de Enya
  44. Páxina oficial de Aoife Ní Fhearraigh
  45. Páxina oficial de Brídín Brennan
  46. Páxina oficial de The Cassidys
  47. Report of Proinsias Ó Maonaigh's election as president of Oireachtas na Gaeilge
  48. Páxina oficial de Seamus McGee
  49. Dún na nGall.com – Gaoth Dobhair/Gweedore
  50. Páxina de Moya Brennan
  51. Dún-na-ngall.com News June/July 2006
  52. Scoil Gheimhridh Frankie Kennedy
  53. Donegal Democrat informe do teatro
  54. http://www.irishplayography.com/search/company.aspx?la=en&companyID=406
  55. http://www.culturefox.ie/event/aisteoiri-ghaoth-dobhair/1704.aspx
  56. Galería de arte An Clachán
  57. www.toryislandferry.com

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gaoth Dobhair Modificar a ligazón no Wikidata

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]