Islam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Este artigo amosa letras árabes. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

O islam (en árabe: الإسلام, ar-al_islam.ogg al-Islām ) é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá[1] e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá».[2] A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría».[3] En 2010 calculábanse en case 1600 millóns de seguidores do Islam que son maioría en 49 países, arredor dun 87/90% dos musulmáns son sunnitas e o 10/13% xiítas[4].

O islam xurdiu coa predicación de Mahoma no ano 622 na Meca (na actual Arabia Saudita). Baixo o liderado de Mahoma e os seus sucesores, o islam estendeuse rapidamente. Existe discrepancia entre os musulmáns e non musulmáns de si se estendeu por imposición relixiosa ou militar, ou por conversión dos pobos ao islam. As ensinanzas de Mahoma están contidos no Corán, ou Alcorán (Qur'an, "recitación" en árabe). Os musulmáns acreditan que Mahoma recibiu estas ensinanzas de Alá (a palabra árabe para Deus), por intermedio do anxo Xibreel (Arcanxo Gabriel) que Mahoma despois recitou para que outros pasasen a escrito, xa que era analfabeto segundo considera a tradición islámica[5], converténdose no mensaxeiro do islam[6]. Alén do Corán, inclúense entre os conceptos e prácticas relixiosas os piares do islam, cinco para os sunnitas: profesión de fe (non hai máis deus que Alá e Mahoma é o seu profeta), orar cinco veces ao día, a esmola, o xexún no Ramadán e a peregrinación á Meca que os xíis imamís inclúen entre as derivacións da fe xunto con outras prácticas; os ditos e accións de Mahoma tal como se recolle no corpus dos hadith, distintos segundo a tradición sunnita e a xiíta e que para os sunnitas conforman a sunna, que clarifican e explican as ensinanzas de Mahoma e que forman o Rexistro histórico das accións e as ensinanzas do Profeta.

A Kaaba, na Meca, na rexión de Hejaz, actualmente Arabia Saudita, é o centro do islam. Musulmáns de todo o mundo reúnense aquí para orar xuntos.

O islam, á semellanza do xudaísmo e do cristianismo, descende da tradición relixiosa do patriarca bíblico Abraham, e é clasificado como unha relixión abrahámica. O islam non nega o xudaísmo nin o cristianismo senón que considera esas relixións monoteístas como parte da súa herdanza e consideran que Adán foi o primeiro musulmán. Aceptan como libros sagrados a Torá (o Antigo Testamento dos cristiáns), os Libros de Salomón e os Evanxeos (o Novo Testamento). Teñen como profetas, entre outros, a Adán, Noé, Abraham, Moisés, Salomón e Xesús.

Ao contrario do xudaísmo e do cristianismo, o islam non atravesou un período de gran reforma ou reformulación fundamental.

Para a maioría dos musulmáns o islam non é só unha relixión senón un xeito de vida, un sistema que dá instrucións que se relacionan con todos os aspectos da actividade humana, sexan políticos, sociais, financeiros, legais, militares ou interpersoais pero entre os crentes hai diversos graos de observancia, para uns é un asunto privado mentres para outros é a base de todo o seu sistema de relacións [7].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sura 3:18
  2. Sura 48:29.
  3. Al-Uzaimin, Muhammad Ibn Saalih (1997) p. 116.
  4. Pew-Templeton Global Religious Futures Project
  5. Richard Bell (1988) Introducción al Corán. Encuentro, p. 43-46 (edición orixinal en inglés de 1970 de Edinburgh University Press)
  6. Suleyman Eris (2006) Islam: Belief and Practice : a Brief Guide Somerset:Tughra Books, p. 5
  7. Hussain, Amjad e El-Alami, Kate (2005) A Guide to Islam (Faith Guides for Higher Education). School of Theology and Religious Studies. Universidade de Leeds, p. 1

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Islam

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]