Auga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
H2O, molécula de auga.
Diagrama da molécula de auga coas dimensións.

A auga é unha substancia formada a partir de átomos de hidróxeno e osíxeno, con moléculas de fórmula H2O. Na natureza nunca se atopa en estado puro, senón mesturada con minerais e outras moitas substancias.

É a base de todo organismo pluricelular, polo que a existencia de auga está intimamente relacionada coa de vida. A maior parte dos animais e vexetais conteñen unha alta porcentaxe de auga, e son poucas as especies que poden sobrevivir nos lugares onde esta é escasa (desertos e outras zonas áridas).

Pode atoparse como auga doce (en ríos, lagos, e montañas), ou como auga salgada nos mares e océanos. A auga ten un importante papel tanto en múltiples ámbitos: en bioloxía debido á xa mencionada importancia para a vida, en química pola súa composición e por ser unha molécula bipolar e de pH neutro, en xeoloxía polo seu importante papel na erosión das rochas,...

A 0 °C (273 aproximadamente na escala Kelvin) atópase en estado sólido como xeo, e ferve a aproximadamente a 100 °C. O punto de xeación espontánea atópase preto dos 233 K. Na natureza pode atoparse tanto en estado sólido como líquido e gasoso, pasando dun estado a outro nun ciclo continuo.

Funcións biolóxica da auga[editar | editar a fonte]

As principais funcións biolóxicas da auga son:

  • Participa no mantemento da forma e estrutura celular e dos organismos, sobre todo nas plantas.
  • É un excelente disolvente, especialmente das substancias iónicas e dos compostos polares.
  • Intervén como axente químico reactivo na hidratación, hidrólise e oxidación-redución.
  • Permite o movemento no seu seo das partículas disoltas (difusión) e constitúe o principal axente de transporte de moitas substancias nutritivas reguladoras ou de excreción.
  • É un excelente termorregulador.

Enfermidades causadas por auga contaminada[editar | editar a fonte]

Protozoo Enfermidade Síntomas
Amoeba Disentería ameboide Forte diarrea, dor de cabeza, dor abdominal, calafríos, febre; de non se tratar, abscesos no fígado, perforación intestinal e morte.
Cryptosporidium parvum Criptosporidiose Sensación de mareo, vómitos, diarrea acuosa, falta de apetito.
Giardia lamblia Giardíase Diarrea, fatiga, cambras abdominais, flatulencia.
Toxoplasma gondii Toxoplasmose Gripe, inflamación dos ganglios linfáticas; aborto e infeccións cerebrais.


Bacteria Enfermidade Síntomas
Aeromonas sp. Enterite Diarrea moi líquida, con sangue e moco.
Campylobacter jejuni Campilobacteriose Gripe, diarreas, dor de cabeza e estómago, febre, cambras e náuseas.
Escherichia coli Infeccións do tracto urinario, meninxite neonatal, enfermidades intestinais. Diarrea acuosa, dores de cabeza, febre, uremia, danos hepáticos.
Plesiomonas shigelloides Plesiomonas-infección Náuseas, dores de estómago e diarrea acuosa, dores de cabeza e vómitos.
Salmonella typhi Febre tifoide Febre.
Salmonella sp. Salmonelose Mareos, cambras intestinais, vómitos, diarrea e ás veces febre leve.
Streptococcus sp. Enfermidade (gastro) intestinal Dores de estómago, diarrea e febre, ás veces vómitos.
Vibrio O Tor Cólera (forma leve) Forte diarrea.

Toponimia[editar | editar a fonte]

Gota de auga caendo.

Da importancia da auga na vida biolóxica e sentimental do ser humano, sobre todo nas súas orixes nas que non dispuña dela a pracer coma agora, dan conta a abundancia de topónimos. Estes son algúns exemplos espallados:

Propiedades físicas e químicas[editar | editar a fonte]

Algunhas das propiedades máis salientables son:

  • A auga é líquida en condicións normais de presión e temperatura.
  • A cor da auga varía segundo o seu estado: como líquido, pode parecer incolora en pequenas cantidades, aínda que no espectrógrafo se proba que ten un lixeiro ton azul verdoso. O xeo tamén tende ao azul, e en estado gasoso (vapor de auga) é incolora.
  • A auga bloquea só lixeiramente a radiación solar UV forte, permitindo que as plantas acuáticas absorban a súa enerxía. Xa que o osíxeno ten unha electronegatividade superior á do hidróxeno, a auga é unha molécula polar. O osíxeno ten unha lixeira carga negativa, mentres que os átomos de hidróxeno teñen unha carga lixeiramente positiva do que resulta un forte momento dipolar eléctrico. A interacción entre os diferentes dipolos eléctricos dunha molécula causa unha atracción en rede que explica o elevado índice de tensión superficial da auga.
  • A forza de interacción da tensión superficial da auga é a forza de vander Waals entre moléculas de auga. A aparente elasticidade causada pola tensión superficial explica a formación de ondas capilares. A presión constante, o índice de tensión superficial da auga diminúe ao aumentar a súa temperatura. Tamén ten un alto valor adhesivo grazas á súa natureza polar.
  • A capilaridade refírese á tendencia da auga a moverse por un tubo estreito en contra da forza da gravidade. Esta propiedade é aproveitada por todas as plantas vasculares, como as árbores.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Auga