Os Pinos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Himno de Galicia")
Os Pinos
Os Pinos
Eduardopondal.jpg
Eduardo Pondal, autor da letra
Himno de Galicia Galicia
Letra Eduardo Pondal
1907
Música Pascual Veiga
1907
Adoptado 1981
Mostra da música

Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal do poemario Queixumes dos pinos[1], concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.

Historia[editar | editar a fonte]

Sepultura de Pascual Veiga, autor da música do himno galego, no antigo cemiterio de Mondoñedo.

Estreouse na cidade da Habana o 20 de decembro de 1907 e, ao igual ca bandeira de Galicia, é froito da emigración. Desde 1907 até 1923, o himno galego foi cantado por rexionalistas e agraristas nos seus actos e devagariño foi sendo aceptado e recoñecido como tal, impoñéndose a outras propostas como o Himno da Acción Gallega. Cando se prohibiu o uso durante a ditadura de Miguel Primo de Rivera, as sociedades galegas de América intensificaron o seu interese pola súa interpretación pública. Durante a Segunda República acadou un certo grao de recoñecemento, porén non chegou a ser considerado oficialmente como Himno de Galicia.

Sufriu un rexeitamento frontal durante o período do franquismo no Estado Español, e mesmo durante a etapa de aperturismo só se cantaba, todo o máis, en actos culturais, e unicamente a modo de simple canción, unha máis de tantas do vasto folclore galego. Dende 1960 comeza a interpretarse de xeito máis explícito, aínda que disimulando os seus aspectos ideolóxicos. En concreto, cantábase só a primeira parte.

En 1975, mentres tiñan lugar uns actos folclóricos na festa do Apóstolo, a xente comezou a se erguer das cadeiras para entoalo. Ao ano seguinte instaurouse este costume de xeito definitivo na Praza da Quintana, sendo así mesmo ratificado polas autoridades competentes e asistentes ao acto. Ao cabo, a maioría dos partidos non nacionalistas haberíano asumir no decorrer da campaña electoral de 1977.

A primeira gravación da que se ten constancia realizouna o Coro Cantigas e Aturuxos de Lugo o 19 de novembro de 1918.

Xénese e motivos do texto[editar | editar a fonte]

O texto do himno é froito da correspondencia que mantiveron Eduardo Pondal e Pascual Veiga en 1890, no que o compositor lle solicitaba ao escritor un texto para unha partitura que ía presentar con motivo dun certame que ía elixir o mellor himno galego para o caso que o premio resultase deserto. Logo de varias redaccións envioulle un primeiro texto que titulou Breogán. Pascual Veiga solicitoulle algúns cambios na acentuación para adaptalo ritmicamente á música.

O texto definitivo publicouse xa como Os Pinos por primeira vez o 22 de maio de 1890 nun folleto do certame musical que convocara o Orfeón nº 4 da Coruña para elixir a mellor Marcha Rexional Galega. O texto apareceu tamén n'A Monteira e en El Eco de Galicia da Habana. Ao final, aínda que houbo ensaios, o himno non se chegou a interpretar. A maioría das versións do texto derivan do texto que apareceu na número 18 da revista Galicia da Habana en 1905. En 1935 o texto integrouse na segunda edición, realizada pola RAG, de Queixumes dos pinos, base das versións modernas do texto

O motivo central do texto é que Galiza debe acordar do seu sono (apatía política) e emprender o camiño cara a liberación. Para iso deberá escoitar a voz dos rumorosos piñeiros, ou sexa, o pobo galego como entidade nacional histórica.

O nome do país non figura en ningures no poema, como é habitual en Pondal, e fanse referencias metafóricas ao "Fogar" e á "Nazón de Breogán".

Ademais do celtismo e do helenismo sempre presentes na obra de Pondal, foi a súa capacidade para penetrar nos sentimentos do pobo e expresar as súas aspiracións fundamentais, o que posibilitou o seu éxito.

Letra[editar | editar a fonte]

Placa na praza Maior de Lugo

En 1890, cando foi escrito o poema orixinal, aínda non existía unha norma ortográfica establecida do idioma galego. A letra do himno oficializada en 1984 seguiu a normativa ortográfica vixente (Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego) no devandito ano, polo que, consecuentemente, existen certas diferenzas gráficas entre a letra do himno e a versión orixinal do poema de Eduardo Pondal.

Letra orixinal de 1890

Que din os rumorosos
Na costa verdecente,
Ó rayo trasparente,
Do prácido luar...?
Que din as altas copas
D'escuro arume arpado,
Co seu ben compasado,
Monótono fungar...?
Do teu verdor cingido,
É de benígnos astros,
Confin dos verdes castros,
E valeroso clán,
Non dés a esquecemento,
Da injuria o rudo encono;
Despérta do teu sono,
Fogar de Breogán.
Os boos e generosos,
A nosa voz entenden;
E con arroubo atenden,
O noso rouco son;
Mas, sós os ignorantes,
E férridos e duros,
Imbéciles e escuros
No-nos entenden, non.
Os tempos son chegados,
Dos bardos das edades,
Q'as vosas vaguedades,
Cumprido fin terán;
Pois donde quer gigante,
A nosa voz pregóa,
A redenzón da bóa
Nazón de Breogán.

Letra de 1984

Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?
Do teu verdor cinguido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
fogar de Breogán.
Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso ronco son,
mais sóo os iñorantes
e féridos e duros,
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.
Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, donde quer, xigante
a nosa voz pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

A letra orixinal de 1890 foi o primeiro texto que se publicou d'Os Pinos, que apareceu o 22 de maio de 1890 no folleto coas obras presentadas ao certame musical convocado polo Orfeón nº 4 da Coruña que dirixía Pascual Veiga.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Eduardo Pondal. Fondos da Real Academia Galega, ed. «Queixumes dos pinos» (en galego). Consultado o 23 de xuño de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Os Pinos

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]