Abstención

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Logotipo abstencionista

En política, a abstención é unha das opcións ou posicións posíbeis na que se encadrar perante un escenario de toma de decisións, coma pode ser un referendo ou unha votación. Quen practica a abstención non emite a súa opinión en forma de voto. Ten certos paralelismos co voto en branco, aínda que non son o mesmo.

Nunhas eleccións considéranse "abstencionistas" aqueles electores que non acoden ás urnas. Este tipo de abstención denomínase abstención pasiva. Considérase, en troques, abstención activa á suma de votantes que emiten votos en branco e nulos, aínda que en ocasións se propugna a non participación nunha consulta popular como unha postura política de protesta, cuxos partidarios considerarán polo tanto activa toda a abstención que se produza. Dependendo das lexislacións de cada estado, o abstencionismo pode ser legal -como no Estado español- ou ben unha falta puníbel.

Para os membros dun Parlamento (deputados ou senadores) a abstención e o voto en branco son equivalentes, mentres que a non comparecencia ten distintos efectos, posto que, dependendo do regulamento, pode alterar o quórum e o cálculo das maiorías.