Diñeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Billete de 5 euros.

O diñeiro é calquera ben —metais preciosos, pedras, sal, cunchas de moluscos, grans de cacao, peles animais, follas de , hachas metálicas, papeis con debuxos— que cumpre as seguintes tres propiedades nunha sociedade determinada:

  1. É unha medida do valor das cousas;
  2. É unha reserva do valor das cousas;
  3. É aceptado xeralmente como medio de pagamento.

Como medio de pagamento pode intercambiarse por calquera tipo de ben material ou servizo. Como medida do valor permite facer comparacións entre os diferentes bens e servizos. Como reserva de valor permite ser gardado indefinidamente sen que se deteriore nin perde ningunha das súas características co paso do tempo.

En xeral, é necesario que aquilo que se faga servir como diñeiro sexa escaso, xa porque se utiliza un ben naturalmente escaso, como o ouro ou outros metais preciosos, ou ben porque se fai artificialmente escaso, como sería o caso das moedas e billetes.

Na actualidade, o diñeiro é unha abstracción, polo menos nas sociedades industrializadas. A maior parte da reserva monetaria dun país non existe fisicamente, senón como entidade contable. As moedas e billetes (o diñeiro en efectivo) son o tipo de diñeiro físico máis habitual hoxe en día, aínda que os materiais como o ouro ou a prata aínda manteñen as propiedades esenciais do diñeiro. A comezos do século XXI, o uso do diñeiro electrónico (tarxetas de crédito ou débito) é cada vez máis frecuente nos países industrializados. Para determinar a cantidade de diñeiro existente utilízanse os agregados monetarios.

Funcións[editar | editar a fonte]

Os cartos son un instrumento de pagamento xeralmente aceptado por especialistas membros da comunidade na solución dunha compra, un beneficio ou unha débeda. Ten tres funcións principais:

  • Función de intermediario para o comercio.
  • Expresión dos valores e da unidade para o cálculo económico e contable.
  • Función de depósito de valor.

Algúns autores consideran que a capacidade de transformar as débedas e pasivos, incluídos os impostos, é unha cuarta función nomeada "descarga" da moeda.

O diñeiro está caracterizado pola confianza dos seus usuarios na persistencia do seu valor e a súa capacidade de servir como medio de intercambio. Por tanto, ten dimensións sociais, políticas, psicolóxicas, xurídicas e económicas.

O diñeiro tivo formas moi diversas ao longo da súa historia: carne de bovino, sal, perlas, ambre, metal, papel etc. Despois dun período moi longo onde o ouro e a prata (e outros metais) foron os medios de intercambio preferidos, o diñeiro está agora bastante desmaterializado e circula principalmente de forma escritural ou electrónica.

Cada moeda é definida como a moeda dunha determinada zona, normalmente dun estado. Preséntase en forma de depósitos, billetes de banco e moedas, tamén coñecido como divisas. As divisas intercámbianse entre elas no contexto do Sistema Monetario Internacional. De feito, desde 1973 cando as paridades das principais divisas do mundo deixaron de ser defendidas, e xa despois dos Acordos de Xamaica de 1976, as moedas non son calibradas, directa ou indirectamente, polo peso dun metal precioso. Os seus valores flutúan no mercado internacional de divisas, como parte dun sistema de cambio flotante o flexible.

Debido á importancia do diñeiro, os estados buscaron desde o principio asegurar o máximo poder monetario, definiron unha divisa oficial e convertérona nun dos seus símbolos e unha marca do seu poder. Os estados exercen un control sobre os bancos e sobre a creación de diñeiro a través da lexislación e da política monetaria dos bancos centrais.

Amais de ser un medio de pagamento —se non o fose, o intercambio debería limitarse á permuta— o diñeiro serve como unidade de conta e como reserva de valor. Como unidade de conta permite medir de forma homoxénea o prezo de todos os bens, de maneira que se poidan comparar os uns cos outros. Como reserva de valor, permite separar considerablemente no tempo as dúas partes da transacción: quen recibe diñeiro a cambio de liberar un ben ou un servizo pode utilizar en calquera momento o poder de compra que lle dá a aceptación xeral do mesmo, constituíndo deste xeito unha forma importante de conservación da riqueza.

O valor do diñeiro correspondíase inicialmente ao valor asociado ao peso equivalente do metal sen estar convertido en moeda, de modo que se trataba dun diñeiro real (de contido pleno). En oposición a este existe o diñeiro nominal, que non ten apenas ningún valor material. Practicamente (exceptuando as moedas, sen case ningún valor material) o diñeiro nominal é na actualidade o único existente, e consiste en recoñecementos de débeda bancarios. Estas débedas bancarias poden ser de dous tipos:

  • billetes do banco central: teñen a denominación de curso legal, dado que os propietarios do crédito non poden rexeitar que o reembolso do mesmo lles sexa feito en billetes do banco central.
  • depósitos á vista do público nos bancos: son utilizables polos titulares como medio de pagamento, a través da extensión dun cheque bancario ou da previa conversión deste en diñeiro do banco central.

O feito de que tanto os billetes como os depósitos á vista sexan recoñecementos de débeda dos bancos explica o fenómeno da creación do diñeiro. O banco libera un crédito contra el mesmo e, polo feito de que este crédito pode ser utilizado immediatamente polo beneficiario como pagamento, crea diñeiro.

A cantidade de diñeiro que o público (consumidores e empresas) quere ter no seu poder constitúe a demanda de diñeiro, tendo esta unha relación directa co nivel de actividade económica; en contraposición está a oferta de diñeiro, cantidade de diñeiro realmente existente e sobre a cal o goberno pode actuar satisfacendo ou non a demanda do mesmo.

Propiedades do diñeiro[editar | editar a fonte]

Quentin Matsys: O cambista e a súa muller (1514).
  • Unidade de conta. Defínese como unidade de conta a fracción mínima que se fai equivalente a un dos bens que por convención serven para medir o prezo das cousas, así como a relación entre elas; deste xeito pódese establecer identidade entre unidade de conta e unidade monetaria, establecéndose unha característica esencial do diñeiro.
  • Propiedade adquisitiva. Indica a posibilidade de converter o diñeiro en mercadorías; desta propiedade derívase a definición de poder adquisitivo: a cantidade de bens ou servizos que se poden adquirir cunha determinada cantidade de diñeiro. Fluctúa inversamente ás variacións que experimentan os prezos dos bens que se queren adquirir.
  • Poder liberador. Faculdade de liberar débedas que se conceden ao diñeiro; esta capacidade liberadora é concedida polas autoridades monetarias.
  • Ilusión monetaria. Recoñecemento subxectivo da estabilidade do valor do diñeiro sen ter en conta as variacións do seu poder adquisitivo. Dita ilusión permite manter un prezo fixo da unidade monetaria feita que conserva tamén o valor ao longo do tempo. Deste modo un aumento da renda nacional dun país non comporta necesariamente un incremento da riqueza, pois esta tamén depende da capacidade adquisitiva da moeda.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Diñeiro
Wikiquote
A Galicitas posúe citas sobre: Diñeiro
Galizionario
Vexa a entrada do Galizionario acerca de Diñeiro

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]