Patrimonio da Humanidade

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Patrimonio Mundial")
Muralla de Lugo declarada Patrimonio da Humanidade desde o 30 de novembro do 2000

O título de Patrimonio da Humanidade é concedido pola UNESCO, organización das Nacións Unidas para a Cultura, Ciencia e Educación, a sitios específicos do planeta (exemplos: bosques, cordilleiras, lagos, desertos, edificios, complexos ou cidades) que foron nomeados e confirmados para a súa inclusión na lista mantida polo Programa Patrimonio da Humanidade.

O programa de clasificación adícase a catalogar e preservar lugares de excepcional importancia cultural ou natural, como patrimonio común da humanidade (ver os criterios). Os lugares da lista poden obter fondos do World Heritage Fund baixo determinadas condicións. O programa foi fundado pola Convención sobre a Protección do Patrimonio Cultural e Natural, adoptado pola Conferencia Xeral da UNESCO de 16 de novembro de 1972.

A finais de 2004 estaban catalogados un total de 788 lugares, sendo 611 culturais, 154 naturais e 23 mixtos, en 134 países diferentes.

Criterios de selección[editar | editar a fonte]

A fins de 2004, había seis criterios no ámbito cultural e catro no ámbito natural. En 2005 isto modificouse para que só haxa un grupo de dez criterios. Para ser incluído na lista de Patrimonios da Humanidade un sitio debe ter un "sobresaínte valor universal" e debe satisfacer polo menos un dos seguintes criterios de selección:

I. Representar unha obra mestra do xenio creativo humano.
II. Testemuñar un importante intercambio de valores humanos ao longo dun período de tempo ou dentro dun área cultural do mundo, no desenvolvemento da arquitectura ou tecnoloxía, artes monumentais, urbanismo ou deseño paisaxístico.
III. Achegar un testemuño único ou polo menos excepcional dunha tradición cultural ou dunha civilización existente ou xa desaparecida.
IV. Ofrecer un exemplo eminente dun tipo de edificio, conxunto arquitectónico ou tecnolóxico ou paisaxe, que ilustre unha etapa significativa da historia humana.
V. Ser un exemplo eminente dunha tradición de asentamento humano, utilización do mar ou da terra, que sexa representativa dunha cultura (ou culturas), ou da interacción humana co medio ambiente especialmente cando este se volva vulnerable fronte ao impacto de cambios irreversibles.
VI. Estar directa ou tanxiblemente asociado con eventos ou tradicións vivas, con ideas ou con crenzas, con traballos artísticos e literarios de destacada significación universal. (O comité considera que este criterio debe estar preferentemente acompañado doutros criterios).
VII. Conter fenómenos naturais superlativos ou áreas de excepcional beleza natural e importancia estética.
VIII. Ser un dos exemplos representativos de importantes etapas da historia da terra, incluíndo testemuños da vida, procesos xeolóxicos creadores de formas xeolóxicas ou características xeomórficas ou fisiográficas significativas.
IX. Ser un dos exemplos eminentes de procesos ecolóxicos e biolóxicos no curso da evolución dos ecosistemas.
X. Conter os hábitats naturais máis representativos e máis importantes para a conservación da biodiversidade, incluíndo aqueles que conteñen especies ameazadas de destacado valor universal desde o punto de vista da ciencia e o conservacionismo.

Desde 1992 a interacción entre o home e o medio ambiente é recoñecido como paisaxe cultural.

Patrimonio da Humanidade en Galiza[editar | editar a fonte]

Galiza conta con tres monumentos Patrimonio da Humanidade e o Camiño de Santiago:

Patrimonio Mundial en Perigo[editar | editar a fonte]

A conservación do Patrimonio Mundial é un proceso continuo. Se un país non protexe os lugares inscritos, corre o risco de que eses lugares sexan retirados da Lista do Patrimonio Mundial. Os países deben informar periodicamente o Comité do Patrimonio Mundial sobre o seu estado de conservación.

Se o Comité do Patrimonio Mundial é avisado sobre posíbeis perigos para un sitio, é incluído na Lista do Patrimonio Mundial en Perigo, co fin de chamar a atención mundial sobre as condicións, naturais ou creadas polo ser humano, que ameazan as características polas cales inicialmente se incribiu o sitio na Lista do Patrimonio Mundial.

Listas de Lugares Patrimonio Mundial[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]