John Backus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

John Backus, nado en Filadelfia o 3 de decembro de 1924 e finado en Oregon o 17 de marzo de 2007, foi un informático estadounidense, gañador do Premio Turing en 1977 polos seus traballos en sistemas de programación de alto nivel, en especial polo seu traballo con FORTRAN.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Para evitar as dificultades de programación das calculadoras da súa época, en 1954 Backus encargouse da dirección dun equipo de investigación da IBM que tiña como misión crear unha linguaxe de programación máis próximo á notación matemática normal. Dese proxecto xurdiu a linguaxe FORTRAN, a primeira das linguaxes de programación de alto nivel que tivo un impacto importante, ata comercial, na emerxente comunidade informática.

Tras a realización de FORTRAN, Backus foi un membro moi activo do comité internacional que se encargou do proxecto de linguaxe ALGOL. Nese contexto propuxo unha notación para a representación das gramáticas usadas na definición dunha linguaxe de programación (as chamadas gramáticas libres de contexto). Tal notación coñécese como BNF, ou Forma Naur-Backus (Backus-Naur Form), unindo o seu nome co de Peter Naur, un informático europeo do comité ALGOL que contribuíu á súa definición.

Nos anos 1970, Backus interesouse sobre todo pola Programación funcional, e proxectou a linguaxe de programación FP, descrita no texto que lle serviu para gañar o premio Turing, "Can Programming be Liberated from the Von Neumann Style?". Trátase dunha linguaxe de uso fundamentalmente académica, que con todo animou un gran número de investigacións. O proxecto FP, transformado en FL, terminouse cando Backus se xubilou da IBM, en 1991.

John Backus faleceu o sábado 17 de marzo de 2007, á idade de 82 anos na súa casa en Ashland, Oregon por causas naturais, de acordo coa declaración da súa familia.[1]

Notas[editar | editar a fonte]