Lituania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lietuvos Respublika
República de Lituania
Bandeira de Lituania Escudo de Lituania
Bandeira Escudo
Lema: Vienybė težydi

Deixa que a unidade floreza

Himno nacional: Tautiška Giesmė
 
EU-Lithuania.svg
 
Capital
 • Poboación
Vilnius
542.809 (2007)
Cidade máis poboada Vilnius
Lingua oficial
Lituano
Forma de goberno República presidencialista
Dalia Grybauskaitė
Andrius Kubilius
Independencia
 • Declarada
 • Recoñecida
 • Perdida
Independencia
 • Re-declarada
Da Rusia Imperial
16 de febreiro de 1918
12 de xullo de 1920
15 de xuño de 1940
Da Unión Soviética
11 de marzo de 1991
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 123º
65.200 km²
1,35
1.273 km
99 km
Poboación
 • Total
 • Densidade

3 369 600 (2007 est.)
52 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita
Posto 77º
US$ 44.000 mill.
US$ 12.240 (2008)
PIB (PPA)
 • Total (2008)
 • PIB per cápita
Posto 76º
US$ 66.000 mill.
US$ 19.730 (2008)
IDH (2007) 0,862 (43º) – Alto
Moeda Euro (EUR)
Xentilicio Lituano, lituana
Fuso horario EET (UTC+2)
Dominio de Internet .lt
Prefixo telefónico +370
Prefixo radiofónico LYA-LYZ
Código ISO 440 / LTU / LT
Membro de: UE, ONU, OTAN, OSCE
Tódolos países do mundo

Lituania (Gl-Lituania.ogg pronunciación ) (en lituanoLietuva[ˈliɛtʊvaː] (AFI)), oficialmente República de Lituania (Gl-República de Lituania.ogg pronunciación ) (en lituano: Lietuvos Respublika), é un país da Europa do norte localizado na rexión dos chamados países bálticos.[1] Lituania atópase na beira sueste do mar Báltico, comparte fronteira con Letonia (453 km) polo norte, Bielorrusia (502 km) polo sueste, Polonia (91 km), e o enclave ruso de Kaliningrado (227 km) polo suroeste. Lituania é membro da OTAN e da Unión Europea dende o 2004, ten unha poboación aproximada de 3,4 millóns de habitantes, a súa capital e cidade maior é Vilnius.

Durante o século XIII, Gran Ducado de Lituania constituía o maior país do continente europeo, estando formado polas actuais Bielorrusia, Ucraína e partes de Polonia e Rusia. Coa Unión de Lublin de 1569 Polonia e Lituania formaron un novo país, a República das Dúas Nacións. A República existíu durante máis de dous séculos, ata que os seus países veciños se repartisen os seus territorios entre 1772 e 1795, quedando o Imperio Ruso coa maior parte das terras que hoxe forman Lituania. Co estourido da I Guerra Mundial Lituania asinou a súa acta de independencia o 16 de febreiro de 1918 volvendo a ser unha nación independente. A comezos da década de 1940, Lituania foi ocupada primeiro pola Unión Soviética e logo pola Alemaña Nazi. A finais da II Guerra Mundial , coa retirada dos alemáns en 1944 os soviéticos volveron ocupar o país. O 11 de marzo de 1990, Lituania converteuse na primeira das repúblicas bálticas en declarar de novo a súa independencia.

Actualmente Lituania presenta un dos maiores crecementos da Unión Europea, sendo alcumada o Tigre báltico, emulando ao Tigre céltico irlandés. Lituania converteuse nun membro do acordo Schengen o 21 de decembro de 2007.[2] No ano 2009, Lituania vai celebrar os mil anos da existencia do seu nome.

Historia[editar | editar a fonte]

Mencionada por primeira vez o 14 de febreiro de 1009, Lituania creceu ata tornarse nunha nación relevante na Idade Media. Considérase que a data de constitución do estado é a da coroación oficial do rei Mindaugas, a 6 de xullo de 1253 en Voruta/Vilnius, que uniu os duques lituanos rivais nunha nación e estado. Lituania transformouse nun reino independente e multiétnico que na súa máxima extensión, no século XV, ocupou a maior parte da Europa do leste dende o mar Báltico ata o mar Negro. En 1385 uniuse á Polonia en unión persoal cando o rei lituano Xogaila foi coroado rei da Polonia. En 1569, Polonia e a Lituania formaran a Comunidade Polaco-Lituana. Esta unión mantense ata as particións da Polonia no 1795, cando a propia Lituania foi anexada pola Rusia Imperial.

Mapa dos diferentes territorios que abranguiu Lituania dende o s. XIII ata os nosos días

Lituania restableceu a súa independencia o 16 de febreiro de 1918. De seguido, envolveuse e disputas territoriais coa Polonia (acerca da capital, Vilnius, e da Lituania Oriental entón ocupadas polos polacos) e coa Alemaña (acerca de Klaipėda). Foi anexada pola Unión Soviética en 1940 durante a Segunda Guerra Mundial grazas a un pacto segredo xermano-soviético asinado polos ministros de asuntos exteriores dos dous países, Ribbentropf e Molotov, formándose a República Socialista Soviética de Lituania.

O período comunista rematou despois da chegada da glasnost e a Lituania, liderada polo movemento pola independencia Sajūdis, anticomunista e antisoviético, proclamou a independencia a 11 de marzo de 1990. Foi a primeira república soviética en facelo, malia as forzas soviéticas intentaren sen éxito suprimir a revolta independentista ata agosto de 1991, o que iría levar ao desmembramento da propia Unión Soviética. As derradeiras tropas rusas saíran do país o 31 de agosto de 1993 - antes mesmo que da Alemaña Oriental.

O 4 de febreiro de 1991, Islandia tornouse o primeiro país en recoñecer a independencia da Lituania e Suecia foi o primeiro país en abrir unha embaixada no país. Os Estados Unidos e varios outros países occidentais nunca recoñeceran as reivindicacións da URSS sobre a Lituania.

Lituania foi admitida nas Nacións Unidas o 17 de setembro de 1991. O 31 de maio de 2001, o país tornouse o 141º membro da Organización Mundial do Comercio. Dende 1988, Lituania ten procurado estreitar os lazos co occidente e o 4 de xaneiro de 1994 tornouse o primeiro estado báltico a pedir a entrada na OTAN, sendo convidada a iniciar as negociacións o 21 de novembro de 2002 e tornándose membro de pleno dereito o 29 de marzo de 2004. O 1 de febreiro de 1998, o país tornouse Membro Asociado da Unión Europea, a 16 de abril de 2003 asinou o Tratado de Adhesión á UE, o 11 de maio de 2003 o 91% dos electores aprobaran en referendo a adhesión á Unión e o 1 de maio de 2004 tornouse membro da UE, regresando ao vello obxectivo proclamado en 1254 polo rei Mindaugas de se tornar parte do occidente e da Europa.

Política[editar | editar a fonte]

Actual presidente de Lituania Valdas Adamkus (dereita) co vicepresidente dos EEUU Dick Cheney en Vilnius en maio de 2006
Artigo principal: Política de Lituania.

Dende a declaración de independencia de Lituania o 11 de marzo de 1990, o país manten un estable democracia. Nas primeiras eleccións democráticas acontecidas o 25 de outubro de 1992, o 56,75% apoiou a nova constitución do país.[3] Houbo intensos debates vecellados á constitución, especialmente no referente ao papel do presidente. Tomando como exemplo a primeira esperiencia independente do país, fixéronse diferentes propostas que ían dende un goberno parlamentario ata un sistema presidencialista semellante ao dos Estados Unidos. O 23 de maio de 1992 tivo lugar un referendo co fin de estimar a opinión pública, no referendo un 41% dos votos deu o seu apoio á restauración do Presidente de Lituania.[3] Eventualmente pensouse nun sistema semipresidencialista.[4]

O xefe de estado lituano é o Presidente, elixido directamente por un período de 5 anos e servindo como máximo durante dúas lexislaturas. O posto de presidente é principalmente cerimonial; as súas principais funcións políticas inclúen as políticas de asuntos exteriores e seguridade nacional. Tamén actúa como comandante en Xefe militar. O presidente, coa aprobación do corpo parlamentario, o Seimas, elixe ao primeiro ministro e designa ao resto do gabinete, xunto algúns altos funcionarios e xuíces das diferentes cortes. Os xuíces da Corte constitucional (Konstitucinis Teismas), serven por un período de nove anos, estes son designados polo Presidente (tres xuíces), o presidente do Seimas (tres xuíces) e o presidente da Corte suprema (tres xuíces). O parlamento unicameral lituano, o Seimas, ten 141 membros que son elixidos por períodos de catro anos.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa da Lituania
Parque nacional de Kursiu Nerija
Mapa do percorrido do río Nemunas

Lituania é a maior das repúblicas Bálticas, tanto en poboación como en superficie. O país comparte 1.273 km de fronteira cos seus veciños: 502 km con Bielorrusia, 453 con Letonia, 91 km con Polonia, e 227 con Rusia (Oblast de Kaliningrado).[5]

Lituania posúe cunha pequena costa areosa de aproximadamente 99 quilómetros;[5] destes tan só 40 quilómetros están abertos ao Mar Báltico.

O maior porto de augas quentes do país é o de Klaipeda, localizado na desembocadura do golfo de Kursiu (unha lagoa rasa que se extende ao sur de Kaliningrado e que se atopa separada do Mar Báltico por un enorme banco de area de 100 km). A reserva natural do golfo de Kursiu – o Parque nacional Kursiu Nerija – está catalogada como Patrimonio Común da Humanidade pola UNESCO.[6]

O río Nemunas e algúns dos seus afluentes empréganse para a navegación fluvial.

Situada entre as latitudes 53,53 e 56,27 N e lonxitudades 20,56 e 26,50 L, Lituania é glacialmente chá – agás polas colinas de morainas en planaltos do oeste e nas montañas do leste, non superiores, entretanto, a 300 metros. O terreo está marcado por numerosos lagos pequenos e pantanos, e tamén por zonas de floresta que cobren preto do 32% do país.[7]

A estación de cultivo dura preto de 169 días no leste e 202 días no oeste; a maioría das fazendas atópanse sobre solos areosos e arxilosos. Pedra calcaria, arxila, area e cascallo son algúns dos recursos primarios naturais da Lituania.

A plataforma continental posúe reservas estimadas en 1,6 millóns de metros cúbicos de petroleo (o equivalente a 10 millóns de barrís), e no sur existen reservas de minas de ferro e granito que poden ofrecer bastantes dividendos.

Segundo algúns xeógrafos, a capital da Lituania, Vilnius, atópase no centro xeográfico da Europa.[8]

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Lituania.
Centro financeiro de Vilnius

Lituania é un país cun reducido risco político e económico, e cunha taxa de crecemento que se sitúa entre as máis altas de Europa. Na actualidade o país báltico ten un alto nivel de vida con respecto aos seus veciños do leste, conta con moitos servizos sociais para os seus cidadáns e todas as comodidades de calquera nación moderna, achegándose cada día máis ao nivel de vida dos países nórdicos. Os factores determinantes deste excepcional crecemento son atribuíbles non só á estabilidade no plano macroeconómico, senón á flexibilidade do traballo, a forza do seu comercio internacional, a política de incentivos para as innovacións e a súa estratéxica posición xeopolítica, que converte a Lituania nun punto imprescindible nas relacións entre Rusia e os membros da Unión Europea.

Lituania é un dos países que ingresou no ano 2004 á Unión Europea avalado por unha excelente conxuntura económica, sendo dende entón un dos países cun maior crecemento da Unión Europea, crecemento que lle valeu o alcume do Tigre báltico.[9] En 2003 rexistrou o crecemento máis alto de toda a súa historia cun incremento no PIB do 10,3 %.[10] En 2007 debido á recesión económica mundial, a economía de Lituania baixou o seu crecemento a un 8,7 %, o cal segue estando moi por riba da media europea e manteno como o país con maior crecemento da UE.[11] Lituania aparte de ser membro da UE, é membro da Organización Mundial do Comercio e da OTAN. Segundo a clasificación da ONU, Lituania é un país con ingresos altos e cun Índice de Desenvolvemento Humano alto. A economía Lituana baséase fundamentalmente nas actividades agropecuarias e a explotación forestal (explotación forestal sostible como en Canadá), aínda que o turismo internacional está medrando rapidamente e estase convertendo en parte importante do desenvolvemento económico.

Tralo seu ingreso na Unión Europea o país báltico tamén aumentou a súa industrialización. Un dos fortes de Lituania en materia de alta tecnoloxía, son a biotecnoloxía e o desenvolvemento das tecnoloxías láser. Cabe citar que Lituania é xunto a Francia, o país da UE que máis depende da enerxía nuclear (69% e 79% respectivamente),[12] polo que Lituania ten previsto pechar a súa actual planta nuclear (modelo soviético semellante ao de Chernobyl) e construír unha planta nuclear de alta tecnoloxía que abasteza a todo o país báltico, e co seu superávit permita exportar enerxía aos seus países veciños, Estonia, Letonia, Polonia, Suecia e Finlandia.

Exportacións a Importacións de
País Porcentaxe País Porcentaxe
Reino Unido Reino Unido 14,7 % Rusia Rusia 27,9 %
Letonia Letonia 12,6 % Alemaña Alemaña 15,1 %
Alemaña Alemaña 12,6 % Polonia Polonia 8,3 %
Rusia Rusia 10.4 % Italia Italia 4,2 %
Polonia Polonia 5,5 % Flag of France.svg Francia 3,8 %
Outros 44,2 % Outros 40,7 %
Lituania é un país tradicionalmente agrícola. Esta industria ocupa ao 19% da poboación

A agricultura é o sector tradicional e máis variado da economía de Lituania. Ocupa a un 19 % da poboación activa.[13] A agricultura constitúe un 7 % do Produto Bruto interno e produce un 12 % dos ingresos por exportación.

A cría de gando e a produción láctea son as actividades agrarias dominantes. Os cultivos principais son os cereais, as patacas, a remolacha azucreira, a soia e o liño[14]. Os recursos minerais son limitados; destacan o xeso e a arxila. Unha mención especial merecen os servizos, o transporte e o turismo, que achegan unha alta porcentaxe do PBI. O turismo constitúe unha das alternativas de negocio que máis axiña estase desenvolvendo

O Banco Central Europeo prevé que en menos de 20 años Lituania será un país altamente desenvolvido como Suecia, e estará á par cos seus veciños da Europa do norte, superando incluso algúns países da antiga Unión Europea 15 como España e Portugal. Debido ao crecemento acelerado da economía lituana, moi por riba da media europea, a mediados de 2004, aderiuse ao Sistema Monetario Europeo II, o que lle asegura estabilidade cambiario e ao Euro o 1 xaneiro 2015.[15][16]

Cabe mencionar que aparte do seu alto incremento no PIB, Lituania ten outros factores que favorecen o seu crecemento, algúns destes son: o turismo, o crecemento acelerado da industria, o alto investimento estranxeiro, a privatización de empresas estatais, a súa baixa débeda pública (case nula), un déficit baixo e unha sociedade moderna que deixou atrás a época comunista; o que en conxunto fai que o país teña un crecemento económico alto, sostible e cun índice de desenvolvemento humano elevado.

Co seu acceso á OTAN, OMC, Banco Mundial e Unión Europea Lituania rematou de consolidarse como un país libre e democrático, e no que os servizos e institucións públicas son eficientes, aínda que aínda ten un camiño por percorrer a mediano prazo para porse á vez cos países máis desenvolvidos da Unión Europea. En 2007 o seu PIB (nominal) per capita foi de US$ 16.472 o que o converte xa nun país desenvolvido, aínda que aínda se atopa á cola da Unión Europea dos 27 ocupando o posto 16º en maior renda per cápita.

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

Mapa dos condados de Lituania.

O territorio Lituano fórmase de 10 condados (apskritys), cada un chamado co nome da principal cidade. Os condados están subdivididos en 56 municipios. Esta división administrativa foi creada en 1994.

Demografía[editar | editar a fonte]

Según os datos do derradeiro censo de (1996), a división étnica da República de Lituania divídense do seguinte xeito:

Composición étnica de Lituania
lituanos
  
81.6%
rusos
  
8.2%
polacos
  
7%
bielorrusos
  
1.5%
outros
  
1.7%
Distribución dos polacos na Lituania
  • 3 016 000 (81,6 %) lituanos, etnia de fala indoeuropea (linguas bálticas e relixión maioritariamente católica romana con minorías protestantes e ateas.
  • 304.000 (8,2 %) rusos, etnia de fala eslava e relixión ortodoxa, moitos deles emigraron durante o réxime soviético. Viven principalmente nas grandes cidades, como Kaunas e Vilnius, moitos volveron a Rusia (9,3 % en 1990).
  • 259.500 (7,0 %) polacos, etnia de fala eslava (dialeto tutejszy) e relixión católica romana. Viven principalmente na área metropolitana de Vilnius (73,6 % na área metropolitana e 20 % na cidade), Solcininkai (o 80 %), Trakai (o 33,8 %) e Švenčionys (o 28,8 %).
  • 55.600 (1,5 %) bielorusos, etnia de fala eslava e relixión ortodoxa, viven maioritàriamente na área de Vilnius.
  • 37.000 (1,0 %) ucraínos, etnia de fala eslava e relixión ortodoxa.
  • 11.000 (0.3 %) xudeus, étnia de relixión xudea e fala yiddish, rusa ou lituana, viven maioritariamente en Vilnius e Kaunas.
  • 5.135 (0,13 %) tataros de Lituania, dos cales o 32 % falan o seu dialeto turco, e relixión musulmana. Viven en Vilnius e en Trakai, a maioría falan lituano.
  • 4.200 (0,12 %) letóns, etnia de fala báltica indoeuropea e relixión maioritariamente protestante.
  • 3.500 (0,1 % ) alemáns, etnia indoeuropea de relixión protestante e católica, viven principalmente en Klaipeda, antiga Memel.
  • 300 (0,01 %) caraítes, étnia de relixión xudea sectaria , algúns falan un dialecto do turco, o karaim. Viven en Trakai, ó leste de Vilnius.

Segundo o censo de 2001, sobre o 84% da poboación fala lituano como lingua materna, un 8.2% fala ruso, un 5.8% fala polaco. Máis do 60% da poboación sabe falar ruso, e só un 16% di saber inglés. De acordo co eurobarómetro de 2005, o 80% dos Lituanos pode falar ruso e un 32% sabe falar inglés. A maioría da escolas lituanas ensinan o inglés como primeira lingua internacional, pero os estudantes tamén poden estudar alemán, francés e/ou ruso. Nas zonas habitadas por rusos e polacos hai escolas en ruso e polaco respectivamente. Tamén hai algunhas escolas en bielorruso.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lituania

Outros artigos[editar | editar a fonte]