Dante Alighieri

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Dante")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Dante Alighieri
Portrait de Dante.jpg
Durante degli Alighieri
Datos persoais
Nacemento Entre o 22/5 e o 5/6 c. 1265
Lugar Flag of Florence.svg Florencia
Falecemento 13/14 de set. de 1321 (56 anos)
Lugar Casa Da Polenta Rávena
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe Gemma (filla de Manetto Donati)
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua Italiano
Período {{{período}}}
Debut {{{debut}}}
Movemento Dolce Stil Novo
Xéneros {{{xéneros}}}
Princ. obras Divina Comedia
Influencias {{{influencias}}}
Alma mater {{{alma_mater}}}
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación Político, poeta, filólogo
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
Premios {{{premios}}}
[[Ficheiro:{{{sinatura}}}|centro|150px]]
{{{web}}}

{{{notas}}}

Dante Alighieri, nado en maio ou xuño de 1265 e finado o 13 ou 14 de setembro de 1321, é considerado por gran parte dos italianos como o seu poeta maior. Naceu e viviu gran parte da súa vida en Florencia. O seu poema, de cariz épico e teolóxico, a Divina Comedia, é o culminar da afirmación do modo medieval de ver o mundo e a base da lingua italiana moderna.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos de vida e familia[editar | editar a fonte]

Descoñécese a data de nacemento de Dante, aínda que el propio nos informe de que naceu baixo o signo dos xemelgos, o que significa que sería entre maio e xuño. Naceu nunha importante familia florentina, (cuxo apelido era, na realidade, Alaghieri) comprometida politicamente co partido dos Guelfos, unha alianza política envolvida en loitas con outra facción de florentinos: os xibelinos. Os Guelfos estaban de súa vez divididos en Guelfos Brancos e Guelfos Negros. Dante, no Inferno (XV, 76) pretende dicir que a súa familia ten raíces na Roma Antiga, aínda que o familiar máis antigo que se lle coñece (citado polo propio Dante, no libro Paraíso, (XV, 135), sexa Cacciaguida degli Elisei, que terá vivido, cando moito, contra o ano 1100 (o que, con respecto ao propio Dante, non é moi antigo).

O seu pai, Alighiero di Bellincione, foi un Guelfo Branco. Non sufriu, porén, ningunha represalia após a vitoria do partido xibelino na Batalla da Montaperti. Esta consideración por parte dos propios inimigos denota, sen sombra de dúbida, o prestixio da familia. A nai de Dante chamábase Dona Bella degli Abati; nome algo comentado por significar "a bela dos abades", aínda que Bella sexa na realidade unha contracción de Gabriella. Morre cando Dante conta apenas con 5 ou 6 anos de idade. Alighiero rapidamente casa con Lapa di Chiarisimo Cialuffi. Hai algunha controversia canto a este casamento, propondo algúns autores que os dous se uniran sen contraer matrimonio, debido a dificultades postas daquela ao casamento de viúvos. Desta segunda muller nacerá o irmán de Dante, Francesco e Tana (Gaetana), súa irmá.

Cando Dante tiña 12 anos, en 1277, decidiuse o seu casamento con Gemma, filla de Mese Manetto Donati. Contraer matrimonio con esta idade, naquela altura, era bastante común. Dábaselle unha importancia excepcional á cerimonia, que decorría nun ambiente moi formal, coa presenza dun notario. Dante tivo varios fillos de Gemma. Como acontece en xeral coas persoas famosas, apareceron moitos supostos fillos do poeta. É probábel, no entanto, que Jacopo, Pietro e Antonia fosen, realmente, fillos seus. Antonia tomou o hábito de freira, co nome de Irmá Beatriz. Outro home, chamado Giovanni, reclamou tamén a filiación pero, malia ter estado con Dante no exilio, restan algunhas dúbidas ao respecto.

Educación e Poesía[editar | editar a fonte]

Pouco se sabe sobre a educación de Dante. Presúmese que estudou na casa, de forma autodidacta. Sábese que estudou a poesía toscana, talvez coa axuda de Brunetto Latini. A poesía toscana centrábase na "Scuola poetica siciliana", un grupo cultural de Sicilia que se daba a coñecer daquela na Toscana. Ese interese axiña se ampliou a outros autores, entre os cales destacan os menestreis e poetas provenzais, alén dos autores da Antigüidade Clásica latina (de entre os cales elixía, preferentemente, a Virxilio, aínda que tamén tivese coñecemento da obra de Horacio, Ovidio, Cicerón e, de forma máis superficial, Tito Livio, Séneca, Plinio e outros dos que encontramos bastantes referencias na Divina Comedia).

É importante referir que durante a Idade Media, a Italia estaba composta por un complexo mosaico de pequenos estados, de modo que Sicilia estaba tan lonxe, cultural e politicamente, de Florencia como a Provenza. Os territorios que hoxe compoñen Italia aínda non compartían a mesma lingua nin a mesma cultura, en parte debido ás vías de comunicación deficitarias. Porén, é notorio o espírito curioso de Dante que, sen dúbida, pretendía estar a par das novidades culturais a un nivel internacional. Aos dezaoito anos, con Guido Cavalcanti, Lapo Gianni, Cino da Pistoia e, pouco despois, Brunetto Latini, Dante lanza o Dolce Stil Nuovo. Na Divina Comédia (Inferno, XV, 82) faise unha referencia especial a Brunetto Latini, onde se di que instruíu a Dante. Tanto na Divina Comedia como na Vita Nuova apréndese que Dante se interesou por outros medios de expresión como a pintura e a música. Aínda novo (18 anos), coñeceu aBeatrice Portinari, a filla de Folco dei Portinari, aínda que, acreditando no propio Dante, a teña fixado na memoria cando a viu pola primeira vez, con nove anos (tería Beatriz, nesa altura, 8 anos). Hai quen di,[quen?] no entanto, que Dante a viu unha única vez e que nunca deu falado con ela. Non hai elementos biográficos que comproben este feito.

É difícil interpretarmos en que consistiu esta paixón pero, é certo, foi de importancia fulcral para a cultura italiana. É baixo o signo deste amor que Dante deixa a súa marca profunda no Dolce Stil Nuovo e en toda a poesía lírica italiana, abríndolle camiño aos poetas e escritores que lle seguiron para desenvolveren o tema do Amor (Amore) que, até entón, non fora tan enfatizado. O Amor por Beatriz (tal como o amor que Petrarca demostra por Laura, aínda que nunha perspectiva diferente) aparece como a xustificación da poesía e da propia vida, case confundíndose coas paixóns políticas, igualmente importantes para Dante. Cando Beatriz morre, en 1290, Dante procura refuxio espiritual na filosofía da Literatura latina. Polo Convívio sabemos que leu a "De consolatione philosophiae" de Boecio e a "De amicita" de Cicerón. Dedicouse, pois, ao estudo da filosofía en escolas relixiosas, como a Dominicana de Santa Maria Novella, tanto máis que el propio era membro da Orde Terceira de San Domingos. Participou nas disputas entre místicos e dialécticos, que se producían, entón, en Florencia nos medios académicos. Disputas esas que se centraban en torno das dúas ordes relixiosas máis relevantes. Por un lado, os Franciscanos, que defendían a doutrina dos místicos e, por outro, os Dominicanos, que se socorrían das teorías de San Tomé de Aquino. A súa paixón "excesiva" pola filosofía é criticada por Beatriz (representando a Teoloxía), no Purgatorio.

Carreira política en Florencia[editar | editar a fonte]

Dante participou, tamén, na vida militar da época. En 1289 combateu ao lado dos cabaleiros florentinos, contra os de Arezzo, na Batalla de Campaldino, o 11 de xuño. En 1294 estaba cos soldados que escoltaban a Carlos Martel (fillo de Carlos de Anjou e heroe de Poitiers) cando este estaba en Florencia. Foi, tamén, médico e farmacéutico; non pretendía exercer esas profesións pero, segundo unha lei de 1295, todo nobre que pretendese tomar un cargo público debía pertencer a unha das Guildas (Corporacioni di Arti e Mestieri - ou sexa, Corporación de Artes e Ofícios). Ao entrar na guilda dos boticarios, Dante podía, así, acceder á vida política. Esta profesión non era de todo inadecuada para Dante, xa que, nesa época, os libros vendíanse nas boticas. De 1295 a 1300, fixo parte do Consello dos Cen (o Consello Municipal de Florencia), onde fixo parte dos seis priores que gobernaban a cidade. O compromiso político de Dante carrexoulle varios problemas. O Papa Bonifacio VIII tiña a intención de ocupar militarmente Florencia. En 1300, Dante estaba en San Gimignano, onde preparaba a resistencia dos guelfos toscanos contra as intrigas papais. En 1301, o papa enviou a Carlos de Valois, (irmán de Filipe, o Belo, rei de Francia), como pacificador da Toscana. O goberno de Florencia, no entanto, xa recibira mal os embaixadores papais, semanas antes, de forma a rexeitar calquera influencia da Santa Sé. O Consello da cidade enviou, entón, unha delegación a Roma co fin de indagar ao certo as intencións do Sumo Pontífice. Dante encabezaba esa delegación.

Exilio e morte[editar | editar a fonte]

Bonifacio rapidamente enviou os outros representantes de volta a Florencia , retendo só a Dante en Roma. Entrementres, o 1 de Novembro de 1301, Carlos de Valois entraba en Florencia cos Guelfos Negros que, por seis días, devastaron a cidade e masacraron gran número de partidarios da facción branca. Instalouse, entón, un goberno partidario dos Guelfos Negros, e Cante dei Gabrielli di Gubbio foi nomeado "Podestá" (funcionario público designado polas familias máis influentes da cidade). Dante foi condenado, en Florencia, ao exilio por dous anos, alén de ser condenado a pagar unha elevada multa en diñeiro. Estando aínda en Roma, o papa "suxeriulle" que ficase, sendo considerado, a partir de entón, un proscrito.

Non tendo pago a multa, foi, por consecuencia, condenado ao exilio perpetuo. O poeta participou en varias tentativas para repor os Guelfos Brancos no poder; en Florencia, no entanto, debido a diversas traizóns, todas fallaron. Dante, contrariado polo o tratamento de que foi albo por parte dos seus inimigos, lamentaba tamén a inacción dos seus antigos aliados. Declarou solemnemente, daquela, que pertencía a un partido cun único membro. Foi nesta altura cando comezou a facer o bosquexo do que sería a "Divina Comedia", poema constituído por 100 cantos, divididos en 3 libros ("Inferno", "Purgatorio" e "Paraíso") con 33 cantos cada un (exceptuando o primeiro libro que, dos seus 34 cantos, o primeiro é considerado apenas como Canto introdutorio). Foi para Verona, onde foi hóspede de Bartolomeo Della Scala; mudouse para Sarzana (Liguria), e, despois, suponse que viviu algún tempo en Lucca con Madame Gentucca, que o acolleu de forma calorosa (o que, máis tarde, será referido de forma agradecida no Purgatorio XXIV,37).

Algunhas fontes chegan a avanzar que estivo en París, entre 1308 e 1310. Outras fontes, menos fiábeis, porén, din que foi até Oxford. En 1310, Arrigo VII de Luxemburgo invadía Italia. Dante viu nel a oportunidade de se vingar. Escribiulle (así como tamén a varios príncipes italianos) cartas abertas onde incitaba violentamente á destrución do poderío dos Guelfos Negros. Mesturando relixión e asuntos privados, invocou a ira divina sobre a súa cidade, suxerindo como albo principal do desagrado de Deus os seus máis acérrimos inimigos persoais. En Florencia, Baldo d'Aguglione perdoou a maior parte dos Guelfos Brancos que estaban no exilio, permitíndolles o seu regreso. Dante, no entanto, traspasara con moito os límites tolerábeis para o partido negro nas súas cartas a Arrigo VII, polo que o seu regreso non foi permitido. En 1312, Arrigo asalta Florencia, derrotando os Guelfos Negros. Non hai, no entanto, ningunha evidencia dunha posíbel participación de Dante no evento. Hai quen di que Dante se negou a participar nun ataque á súa cidade ao lado dun estranxeiro. Outros, porén, suxiren que o seu nome se tornara incómodo para os propios Guelfos Brancos, polo que calquera trazo da súa pasaxe foi axiña ocultado para a posteridade. En 1313, coa morte de Arrigo, morre tamén a esperanza de Dante de rever a súa cidade.

Volta para Verona, onde Cangrande Della Scala lle permite vivir seguro, confortábel e con algunha prosperidade. Cangrande é unha das personaxes admitidas por Dante no seu Paraíso (XVII, 76). En 1315, Florencia foi obrigada, por Uguccione della Faggiuola (oficial militar que controlaba a cidade) a outorgar amnistía a todos os exiliados. Dante constaba na lista daqueles que debían recibir o perdón. No entanto, esixíase que estes pagasen unha determinada multa e, sobre todo, que aceptasen participar nunha cerimonia de cariz relixioso onde se retractarían como ofensores da orde pública. Dante negouse a semellante humillación, preferindo o exilio. Cando Uguccione derrota, finalmente, a Florencia, a sentenza de morte que recaía sobre Dante foi conmutada nunha pena de prisión, baixo a única condición de que tería de ir a Florencia xurar solemnemente que xamais entraría na cidade. Dante non foi.

Como resultado, a pena de morte estendeuse aos seus fillos. Dante aínda esperou que fose posíbel ser convidado por Florencia a un regreso honrado. O exilio era como unha segunda morte, privándoo de moito do que formaba a súa identidade. Os seus restos mortais mantéñense en Rávena, non en Florencia. Guido Novello da Polenta, príncipe de Rávena, convidouno en 1318 a vivir alí. Dante aceptou a oferta. Foi en Rávenaonde terminou o Paraíso e, pouco despois, falecía, talvez de malaria, en 1321, con 56 anos, sendo sepultado na Igrexa de San Pier Maggiore (máis tarde chamada Igrexa de San Francesco). Bernardo Bembo, pretor de Venecia, decidiu honrar os restos mortais do Poeta, erixíndolle un monumento funerario de acordo coa dignidade de Dante Alighieri.

Obras[editar | editar a fonte]

Dante e Virxilio no Inferno. Cadro de William-Adolphe Bouguereau (1850).

A Divina Comedia describe unha viaxe de Dante a través do Inferno, do Purgatorio, e do Paraíso, primeiro guiado polo poeta romano Virxilio, autor do poema épico Eneida, a través do Inferno e do Purgatorio e, despois, no Paraíso, pola man da súa amada Beatriz (con quen probabelmente nunca chegou a falar e apenas viu de unha a tres veces). En termos xerais, os lectores modernos prefiren a descrición vívida e psicoloxicamente interesante para a sensibilidade contemporánea do "Inferno", onde as paixóns se axitan de forma angustiada nun ambiente case cinematográfico. Os outros dous libros, o Purgatorio e o Paraíso, xa esixen outra abordaxe por parte do lector: contén sutilezas a nivel filosófico e teolóxico, metáforas dificilmente comprensíbeis para a nosa época, requirindo algunha procura e paciencia. O Purgatorio é considerado, dos tres libros, o máis lírico e humano. É interesante verificar que é, tamén, aquel onde aparecen máis poetas. O Paraíso, o máis pesadamente teolóxico de todos, está repleto de visións místicas, raiando o éxtase, onde Dante tenta describir aquilo que, confesa, é incapaz de expresar (como acontece, de feito, con moitos textos místicos que fan a historia da literatura relixiosa). O poema preséntase como "poema sagrado", o que demostra que Dante leva moi a serio o lado teolóxico e, quizais, profético, da súa obra. O poema chámase "Comedia" non por ser divertido ou cómico, senón porque termina ben (no Paraíso). Era ese o sentido orixinal da palabra comedia, en contraste coa traxedia, que terminaba, en principio, mal para os personaxes. Dante escribiu a "Comedia" no seu dialecto local. Ao crear un poema de estrutura épica e con propósitos filosóficos, Dante demostraba que a lingua toscana (moi próxima ao que hoxe é coñecido como lingua italiana) ou lingua vulgar (en oposición ao latín, que se consideraba como a lingua apropiada para discursos máis serios) era adecuada para o máis elevado tipo de expresión, ao mesmo tempo que establecía o toscano como dialecto patrón para o italiano.

Outras obras importantes do autor son:

  • De Vulgari Eloquentia ("Sobre a lingua vulgar", escrita, curiosamente, en latín)
  • La Vita Nova ("Vida Nova"), onde insire sonetos comentados onde narra a historia do seu amor por Beatriz. A lingua utilizada é a toscana, tanto para os poemas (o que non é gran novidade, xa que moitas obras líricas xa se escribían daquela en lingua vulgar) como para os comentarios que, polo seu carácter máis teórico, xa innovan ao prescindir do latín.
  • Le Rime - ("As rimas"), tamén chamadas de "Canzoniere", onde aparecen varios textos de cariz lírico (sonetos, cancións, baladas, sextinas...), onde, novamente, lle canta ao amor idealizado (amor platónico), a Beatriz, así como á Ciencia, á Filosofía e á Moral (nun sentido amplo do termo);
  • Il Convivio - "O Convivio" ou "O Banquete", de carácter filosófico, é presentado polo poeta como un banquete con 14 pratos (simbolizando as cancións), acompañados do pan (os comentarios). Fai parte das obras que pretenden dignificar a lingua vulgar. Dante chega aquí a citar autores tan importantes como Aristóteles ou San Tomé de Aquino.
  • Monarchia - "Monarquia", onde expón as súas ideas políticas;
  • Outras obras, consideradas menores, como "As Epístolas", "Églogas" e "Quaestio de aqua et terra".