Océano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Para o deus mitolóxico Océano véxase Océano.
Mapa das profundidades dos océanos, derivadas das medidas de gravidade.
Mapas dos océanos.

Un océano (do grego Ωκεανός, Okeanós, 'océano') é unha grande extensión de auga salgada, que cobre case tres cuartas partes da superficie do planeta Terra, sendo o principal compoñente da hidrosfera. Aproximadamente o 70% da superficie da Terra (uns 361 millóns de quilómetros cadrados) está composta por océano, unha extensión continua de auga que se acostuma a dividir en varios océanos e en mais pequenos mares. Máis da metade desta área tén mais de 3.000 metros de profundidade. A salinidade media é arredor de 35 partes por mil, oscilando basicamente entre 31 e 38 partes por mil.

Division en océanos[editar | editar a fonte]

Ese continuum de océano acostúmase dividir en océanos e mares en función dos continentes e arquipélagos circundantes. Deste xeito distínguense cinco océanos:

A auga do mar[editar | editar a fonte]

Contén sustancias sólidas en disolución, sendo as máis abundantes o sodio e o cloro que, na súa forma sólida, combínanse en cloruro de sodio ou sal común e, xunto co magnesio, o calcio e o potasio, constitúen preto do 90% dos elementos disoltos na auga do mar. Ademais hai outros elementos, maiso en cantidades ínfimas.

Salinidade da auga[editar | editar a fonte]

Aproximadamente unha media do 3,5 % do volume da auga, corresponde a substancias en disolución. Se hai moita evaporación, desaparece unha maior cantidade de auga, ficando as sustancias disoltas, co que aumenta a salinidade.

Esta é escasa nas rexións polares, en especial no verán cando o xeo se dilúe na auga. En mares como o Báltico, tamén hai pouca salinidade.

A meirande parte da auga na Terra, o 94 %, atópase nos océanos, da que se evapora unha maior cantidade de auga pura que da que retorna en forma de precipitacións. O volume de auga dos océanos permanece inalterable xa que estes reciben auga a través dos ríos.

Composición[editar | editar a fonte]

Hai que salientar que nunha grande extensión, o océano presenta todos e cada un dos elementos químicos naturais existentes, ben sexa por escorrentía desde os continentes ou polas reservas existentes nel.

Disoltos na auga, aínda que nunha cantidade ínfima, ao ter ese volume tan colosal os océanos, os elementos disoltos constitúen unhas reservas de materias primas case inesgotables, aínda que a súa extracción, coa excepción do cloruro sódico, o sal común, ofrezan actualmente pouca rendibilidade.

En gramos por litro, as cantidades disoltas son as seguintes:

Cloro 19 g/l
Sodio 10,5 g/l
Magnesio 1,35 g/l
Xofre 0,885 g/l
Calcio 0,400 g/l
Potasio 0,380 g/l
Bromo 0,065 g/l
....
39º Prata 0,0000003 g/l
57º Ouro 0,000000004 g/l

A cor do océano[editar | editar a fonte]

Un malentendido moi cotián é que os océanos son de cor azul debido sobre todo ao azul do ceo. Sendo verdade que a superficie do océano reflicte a cor azul do ceo, contribuíndo a ter esa cor na tona da auga, non é porén a causa principal. A causa principal é a absorción que fan as moléculas de auga dos fotóns vermellos da luz incidente. Este é de feito o único exemplo coñecido de cor na natureza que resulta da dinámica vibracional máis que da electrónica.

As correntes mariñas[editar | editar a fonte]

Correntes mariñas (1911)
Para máis información, vexa Corrente oceánica

As correntes oceánicas, movementos máis ou menos continuos da auga dun océano, están causadas polas forzas da rotación terrestre, o vento, o gradiente de temperatura e de salinidade e mais as mareas. O contorno das costas, así como outras correntes, tamén inflúen na dirección das correntes e na súa forza.

As correntes oceánicas poden ter percorridos de miles de quilómetros. Inflúen determinantemente no clima dos continentes, sobre todo nas rexións que bordean os océanos. En particular a corrente do Golfo ou Gulf Stream, que nace no mar Caribe, proporciónalle á zona noroccidental de Europa uns invernos moito máis benignos do que lle correspondería pola súa latitude. Un exemplo oposto é o arrefriamento das illas Hawaii pola corrente de California.

As correntes próximas á superficie dos océanos débense en xeral aos ventos, e viran no hemisferio norte no senso do reloxio e no hemisferio sur en senso contrario. Nas correntes debidas ao vento, o efecto da espiral de Ekman provoca que as correntes avancen angularmente con respecto aos ventos que as producen.

As correntes de profundidade están causadas polo gradiente de temperatura e salinidade, co consecuente gradiente de densidade. A circulación termohalina, unha circulación convectiva (conveccion debida á diferencia de densidades) afecta dun xeito global o conxunto das masas de auga oceánicas. É moi importante pola súa significativa participación no fluxo neto de calor desde as rexións tropicais cara ás polares, sen a que non se comprendería o clima terrestre. Ao fluír nas profundidades, tamén se chaman "ríos submarinos".

As correntes oceánicas mídense en sverdrups, unidade que ten por símbolo Sv. Un Sv correspóndese cunha velocidade de fluxo de 106 metros cúbicos por segundo.

Antigos océanos[editar | editar a fonte]

A deriva continental provocou a evolucion dos océanos (e dos continentes) terrestres, en tanto que xuntou e separou os antigos océanos, conformando a súa estrutura actual.