Jimmy Carter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "James Earl "Jimmy" Carter, Jr.")
James Earl Carter, Jr.
Nobel prize medal.svg
Jimmy Carter
Imaxe oficial de Jimmy Carter

20 de xaneiro de 1977 – 20 de xaneiro de 1981
Vicepresidente Walter Mondale
Precedido por Gerald Ford
Sucedido por Ronald Reagan

Datos persoais
Nacemento 1 de outubro de 1924 (90 anos)
Plains, Xeorxia Flag of the United States.svg
Partido Partido Demócrata
Cónxuxe Rosalynn Smith
Sinatura Sinatura de Jimmy Carter

James Earl "Jimmy" Carter, Junior, nado en Plains (Xeorxia) o 1 de outubro de 1924, é un político estadounidense do Partido Demócrata. Foi presidente dos Estados Unidos de América (1977-1981), gobernador do estado de Xeorxia (1971-1975) e senador na Asemblea Xeral de Xeorxia (1962-1966). Carter recibiu o Premio Nobel da Paz en 2002, galardoado polos seus esforzos infatigables para atopar solucións pacíficas aos conflitos internacionais, por impulsar a democracia e os dereitos humanos, e por fomentar o desenvolvemento económico e político dos pobos.

O seu mandato estivo marcado por importantes éxitos en política exterior, como os tratados sobre a Canle de Panamá, os Acordos de paz de Camp David (tratado de paz entre Exipto e Israel), o tratado SALT II coa URSS e o establecemento de relacións diplomáticas coa República Popular da China. En política interior, o seu goberno creou os ministerios de enerxía e educación e reforzou a lexislación sobre protección ambiental.

Desde que abandonou a Casa Branca, dedicouse a un labor de mediación en conflitos internacionais e a pór o seu prestixio ao servizo de causas humanitarias. En 2002, recibiu o Premio Nobel da Paz e distinguiuse en literatura, sendo autor de numerosos libros.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Carter foi o maior de catro irmáns. Os seus pais, James Earl Carter e Bessie Lillian Gordy, eran granxeiros e baptistas practicantes. Foi o primeiro presidente estadounidense en vir ao mundo nun hospital. A súa infancia pasouna na localidade próxima de Archery.

Desde unha idade moi temperá, Carter demostrou ser un alumno avantaxado ao que lle gustaba a lectura. Máis adiante, foi admitido na universidade Georgia Southwestern College, e licenciouse en Ciencias na Academia Naval dos Estados Unidos en 1946, ano en que contraeu matrimonio con Rosalynn Smith. Carter licenciouse no posto 59 dos 820 alumnos da súa promoción. Posteriormente, cursou física nuclear e tecnoloxía do reactor no Union College, aínda que non chegou completar eses estudos.

Carter foi destinado aos submarinos do océano Atlántico e do Pacífico e pronto foi escollido polo almirante Hyman Rickover para participar no programa de submarinos nucleares. A pesar de que a súa intención era facer carreira na mariña, á morte do seu pai en 1953 dimitiu das súas responsabilidades militares para encargarse do negocio familiar de cacahuetes, no seu pobo natal.

Por outra banda, desde moi novo mostrou un profundo sentimento cristián, impartindo clases de catequeses durante a súa carreira política. El mesmo manifestou que Xesucristo marcou a súa vida; de feito, durante o seu mandato presidencial rezaba varias veces ao día.

Carreira política anterior á presidencia[editar | editar a fonte]

Jimmy Carter comezou a súa carreira política con postos modestos en órganos locais como a comisión escolar de Plains. Porén, pronto lograría progresar: en 1962 foi elixido para o Senado de Xeorxia e dous anos despois obtivo a reelección para un segundo mandato.

En 1966 decidiu presentarse candidato para a Cámara de Representantes dos Estados Unidos. Cando viu que o seu adversario do Partido Republicano abandonou a pugna polo escano para presentar a súa candidatura a Gobernador de Xeorxia, Carter resolveu facer o mesmo. Perdeu a elección e regresou ao negocio dos cacahuetes, aínda que pasou os seguintes catro anos preparando a súa candidatura para volver presentarse a gobernador en 1970.

En 1970 logrou o nomeamento do Partido Demócrata e venceu nas eleccións a gobernador ao republicano Hal Suit. No seu discurso inaugural, en 1971, Carter sorprendeu aos xeorxianos e ao resto do país cunha alegación en contra da discriminación racial, o cal resultaba chocante nunha contorna (o sur estadounidense) na que aínda imperaba a segregación entre brancos e negros. Precisamente, entre as súas primeiras actuacións como gobernador estivo a de situar a moitos negros en importantes cargos administrativos.

A lexislación xeorxiana impedía a Carter presentarse a un segundo mandato tras a finalización do primeiro, en 1975, polo que cando abandonou o cargo concentrou os seus esforzos na carreira presidencial. Cando entrou nas primarias presidenciais do Partido Demócrata en 1976, moitos consideraron que contaba con moi poucas posibilidades fronte a outros candidatos máis coñecidos a nivel nacional. Con todo, o escándalo Watergate aínda estaba recente na memoria dos electores, polo que o feito de non pertencer á clase política de Washington supuña unha vantaxe para Carter. A posta en práctica dunha estratexia intelixente permitiulle gañar o nomeamento do Partido Demócrata á presidencia dos Estados Unidos.

Na campaña electoral, Carter comezou cunha importante vantaxe nas sondaxes sobre o presidente republicano Gerald Ford, en parte porque o indulto deste a Nixon fora moi impopular. Porén, Ford foi aos poucos recurtando as distancias, xa que o electorado seguía mostrando as súas dúbidas ante un candidato tan pouco coñecido como Carter. Finalmente, Carter resultou vencedor nas eleccións do 2 de novembro de 1976, co 50,1% dos votos (Ford obtivo o 48%). Así, converteuse no primeiro candidato do Sur Profundo en ser elixido presidente desde 1848.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Jimmy Carter


Predecesor:
Gerald Ford
Seal of the President of the United States.svg
Presidente dos Estados Unidos de América

19771981
Sucesor:
Ronald Wilson Reagan