O Cairo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Cairo")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.

Coordenadas: 30°3′N 31°14′E / 30.050°N 31.233°E / 30.050; 31.233

O Cairo
القاهرة (en árabe)
Flag of Cairo.svg Coat of arms of Cairo Govenorate.jpg
Cairo Montage.png
Varias imaxes do Cairo.
Situación xeográfica
O Cairo en Exipto
O Cairo
O Cairo
País Exipto Exipto
Rexión
Xeografía
Altitude 68 msnm
Superficie 453 km²
Poboación
Poboación 6.758.581 hab. (2006)
Densidade 25.600 hab/km²
Xentilicio cairota[1]
Información
Código postal
Alcalde Abdul Azim Wazir
Páxina web www.cairo.gov.eg
Mesquitas de Rifa'i e do sultán Hassán na capital exipcia

O Cairo[1] (‏القاهرة‎, Al-Qahira en árabe) é a capital e maior cidade do Exipto. Situada nas marxes do río Nilo, ten preto de 15´9 millóns de habitantes. Foi fundada no 969 para servir de capital do Exipto árabe. Foi conquistada en 1517 polos turcos. Entre 1798 e 1801 foi ocupada polos franceses. É a sede da Liga Árabe. Unha cidade que é un museo aberto composto por unha mistura de antigo e moderno, que conviven nos seus barrios, rúas, ruelas e becos. O Cairo relixioso, cheo de vida e de contrastes, cidade cosmopolita en culturas e xentes, que revela diferentes civilizacións.

Monumentos[editar | editar a fonte]

Monumentos Faraónicos[editar | editar a fonte]

Monumentos Cristiáns e coptos[editar | editar a fonte]

  • A Igrexa Suspensa, construída sobre as ruínas dunha fortaleza da época romana.
  • A Igrexa de San Sérxio, a súa orixe remonta ao século IV. Coa estrutura dunha basílica, foi erixida sobre a cripta onde se refuxiara a Sagrada Familia cando da fuga para o Exipto.
  • O Museo Copto, contén a máis importante colección de arte copta do mundo.
  • A Árbore da Virxe en el Matariya, á sombra da cal tería descansado a Sagrada Familia.
  • A Igrexa da Virxe María, en Ceitun.

Monumentos Islámicos[editar | editar a fonte]

Museo do Cairo
  • A Mesquita de Amr Ibn Aas, a máis antiga no Exipto, e en toda a África (ano de 641).
  • Mesquita de Ibn Tulun, a terceira Mesquita en importancia no Exipto; posúe un minarete en forma de caracol como a Samara no Iraq.
  • Mesquita de El Azhar, construída polos fatimitas, fundadores do Cairo no ano 972. A Mesquita coa súa Universidade é considerado como a meca cultural do mundo Islámico.
  • Mesquita do Sultán Hassan, foi construída no ano de 1356-1362.
  • Mesquita de Moaed construída en 823 sobre Bab Ceuraila.
  • Mesquita de Mohamed Ali (Alabastro), construída sobre a cuíña norte da cidadela no 1830 sendo do estilo turco.
  • Cidadela de Saladino, construída en 1183.
Khan El Khalili
  • A Casa de Sohemy, construída no 1796 e situada en Darb El Asfar.

Monumentos Modernos[editar | editar a fonte]

  • O Museo Exipcio do Cairo, situado na praza de Tahrir, foi construído en 1902.
  • Palacio e centro de conferencias, situado en Madinet Nasr, foi inaugurado en 1989 e é ideal para congresos e conferencias internacionais.
  • A Aldea Faraónica, onde se pode asistir a unha demostración da vida cotiá no Antigo Exipto.
  • O Museo Islámico, situado en Bab El Khalk, posue a máis importante colección de arte islámica do Exipto.
  • Os Museos de Arte Moderna de Mukhtar e de Mohmoud Khalil, posúen coleccións de escultura e pintura de elevada importancia.
  • Khan El Khalili, é un dos máis orixinais mercados orientais. A súa historia remonta ao século XIV. Posúe gran número de tendas con exposicións de artigos en ouro, prata, madeira, marfil e cobre, así como peles, vestidos bordados, especias. O elevado nivel arquitectónico dos edificios converteu este local nun verdadeiro museo islámico.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Cando naceu hai cinco milenios chamárona Misr, que agora se usa en árabe como nome do país do que é capital. Séculos despois, cando creceu, rebautizouse como Al-Qahira ("A vitoriosa"). Xa que logo, sería incorrecta chamala "o Cairo" (que en galego significa "o dente") posto que isto sería unha interpretación do artigo castelán, onde se lle cambia incoherentemente de xénero. Ironicamente, a capital exipcia nunca venceu a ninguén, senón que máis ben foi case sempre derrotada no seu inútil empeño de se converter no centro dun imperio. Máis adiante chamóuselle tamén Um al-Dunya ("A nai do mundo"), mais agora verase que isto é moito esbardallar.

Na literatura[editar | editar a fonte]

O poeta turco Fazul Bey xa escribiu no século XV:

"¿Nai do mundo? Soamente é unha prostituta que se entregou a todo o mundo un século tras doutro".

Noutro libro da tradición árabe, As mil e unha noites, un personaxe afirma:

"Quen non visitou Al-Qahira non coñece o mundo. O seu po é ouro; o seu Nilo é marabilla; as súas mulleres coma virxes de ollos pretos vidas do Paraíso; as súas casas, pazos; o seu aire, morno; os seus olores, perfumes que aledan o corazón. ¿Como podería ser doutro xeito Al-Qahira sendo coma é a Nai do Mundo?".

O viaxeiro tanxerino Ibn Battuta visitouna varias veces no século XIV no período mameluco e describiuna dun xeito máis exacto:

"Dona de grandes provincias e terras fértiles, chea de grandes edificios, incomparable en beleza e esplendor, acolle os ilustrados e os ignorantes, os infelices e os ledos, os descoñecidos e os famosos, os asisados e os tolos, os nobres e os míseros... A súa mocidade é sempre nova a pesares da súa longa historia".

Actividade continua[editar | editar a fonte]

O certo é que a "Cidade dos mil minaretes" representa todo o que é Exipto. Xa entre o século XI e o século XII tiña medio millón de habitantes cando daquela París tiña douscentos mil, Londres corenta mil e Madrid era unha aldea. Hoxe habítana vinte millóns de persoas e para a ONU é a cidade poboada con máis densidade: no centro da cidade chega a douscentos mil habitantes por quilómetro cadrado inda que nalgunhas zonas esa cifra ascende a medio millón.

A súa superficie asfaltada é superior á de Nova York: case sen espazos verdes, a proporción de céspede correspondente a cada cairota ten a superficie dunha sola de zapato. Os novos edificios de vinte pisos das aforas da cidade déixanse a miúdo cos teitos sen rematar e as trabes vistas, coa idea de que nalgúns anos sexa necesario engadir novos andares.

Unha boa parte das familias cairotas habitan vivendas dun só cuarto e os integrantes fan quenda para comer, asearse ou durmir. Isto fai pensar que os habitantes de Al-Qahira esquecen a división natural entre día e noite: sen horario de durmir, o tráfico non baixa de intensidade e hai moitos mercados que continúan abertos toda a noite así coma oito mil cafés dos trinta mil totais. Tamén deambulan douscentos mil vendedores ambulantes, corenta mil nenos sen fogar.

Capitalidade[editar | editar a fonte]

Al-Qahira desborda o concepto de capital occidental: tódolos camiños e estradas nacen ou morren na capital, onde viven un de cada catro exipcios. As principais universidades exipcias teñen a súa sede na urbe e tódolos xornais se editan en Al-Qahira. Tódolos departamentos gobernamentais están na capital, censando máis de dous millóns de funcionarios.

Tamén se pode pode confirmar coma capital do Islam, polo menos intelectual e artística: é onde se editan un 60 por cento dos textos árabes do orbe, onde estudan as elites musulmáns, nas súas escolas coránicas é onde se forma boa parte do clero do Islam (tanto fundamentalista coma tolerante), onde se filma a maior parte das películas e telenovelas árabes (que consagra o dialecto cairota coma unha segunda lingua franca do Islam, co permiso do árabe coránico).

É a capital da arte no Islam, onde se fai e exporta a mellor música árabe: foi onde naceu, viviu e morreu a gran cantante Umm Kulsum, quen congregou no seu enterro máis xente có presidente Nasser, pai da independencia. Al-Sitt, "a gran señora" conmoveu coas súa baladas e aínda o fai dende Marrocos a Indonesia. É onde se acollen as mellores na danza do ventre (que chegan a cobrar un millón de pesetas por actuación), entre elas Fifí Abdú, quen, ante as prohibicións das autoridades relixiosas exipcias chegou a afirmar que a súa arte "é un asunto exclusivo entre Al-lah e mais eu".

Igual que gardián da espiritualidade e da fe e do rigor do pensamento, tamén é a anfitrioa dos seus pecados: a legalidade do alcohol atrae ós xeques de Arabia Saudita ou de Kuwait que o prohiben nos seus países e os seus lupanares son do mellor do Islam.

Transporte[editar | editar a fonte]

Tránsito do Cairo

A súa entrada en tren na Ramses Station ten pouco de faraónica, pero saír á rúa si que ofrece bastante de aventura, sorteando claxons, taxis e carros de tiro coma un toureiro para salvar a vida. O tránsito é dun millón de vehículos a motor cunha media de quince anos de idade, e aínda pasean por ela cinco mil burros.

Mentres, a cidade ofrece unha moderna rede de metro, limpa e eficaz, con espazosas plataformas e anchos vestíbulos (por exemplo nas estacións Nasser ou Sadat) e con vagóns moi novos. Existen vagóns destinados só a mulleres.

Historia[editar | editar a fonte]

Como xa se dixo, "a Vitoriosa" nunca venceu a ninguén: estivo sometida durante vinte e seis séculos ata 1952, en que Nasser derrocou ó rei Faruk, monicreque británico. Xa Herodoto dixera que "os exipcios non saben vivir sen reis" con razón, porque mesmo gobernadores e presidentes actuaron coma monarcas absolutos, tomando posesión do poder sempre con algún símbolo rexio.

Entre os anos 3000 e 500 a. de C. sucedéronse varias dinastías faraónicas, pero a derradeira foi derrotada polos asirios, que ocuparon o país durante décadas. Os persas de Ciro I e Cambises conquistáronlles o delta nilótico, pero no ano 332 a. de C. chegou o rei grecomacedonio Alexandre Magno que anexionou Exipto ó seu imperio e fixo capital a Alexandría. Unha dinastía ptolomeo-macedonia fundada por un xeneral grego resistiu no poder ata que as tropas romanas de Octavio converteron o país en provincia romana no ano 30 a. de C. Coa caída de Roma, o poder pasou a mans de Bizancio.

Os árabes conquistaron o país no ano 640, e sucedéronse varias dinastías:

  • Oito anos despois instalouse a dinastía omeia procedente de Siria;
  • En 750 chegaron os abbásidas (ou abasís) orixinarios de Iraq;
  • Despois chegaron os avasalles en 986;
  • Posteriormente gobernaron os fatimís en 1169, vidos de Marrocos;
  • Coas cruzadas iniciadas en 1099 para conquistar os Santos Lugares coa que dominarían Hierosolima e se expandirían cara ó levante, en 1171 comezou unha serie de batallas por parte do capitán kurdo ó servizo de Siria Salah al-Din (Saladino), quen expulsaría os fatimís no 1187 e conquistaría Exipto instalando a dinastía aiubí.
  • Na busca de tropas leais para dominar o seu imperio, Salah al-Din contratou un exército de mamelucos (mercenarios do Cáucaso e Asia central libertos nas guerras dos otomanos), que co tempo formaría unha caste militar, derrocarían o derradeiro aiubí en 1257 e gobernarían con 53 sultáns (de sorte moi diversa, xeralmente precaria);
  • Cando chegou o imperio otomán en 1517, presentaron vasalaxe e impostos a Estambul, de onde procedían a maioría, a cambio de seguir gobernado Exipto.

Isto foi o que pasou ata que chegou Napoleón Bonaparte o 1 de xullo de 1798, que derrotou ós mamelucos o 21 de xullo e conquistou Al-Qahira o 24 de xullo, na procura de recortar a expansión británica cara á India e aumentar o dominio francés. O día 1 de agosto, o almirante inglés Nelson dirixiuse a Exipto e deixou illado a Napoleón na batalla de Abukir. Os turcos apoiaron improductivamente ós seus aliados ingleses, pero a moral francesa ía debilitándose: nunha viaxe secreta de Napoleón a Francia, deixou o mando baixo o xeneral Kléber a quen matarían despois, o cal obrigou á capitulación en agosto de 1802.

Visitas interesantes[editar | editar a fonte]

  • A Citadela.
  • Khan Khalili.
  • A Cidade dos Mortos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cairota.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: O Cairo

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Max Rodenbeck (1998) Cairo, the city Victorious. Cairo: The American University of Cairo Press.
  • Javier Reverte (2002) Los caminos perdidos de África. Barcelona: Círculo de lectores.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]