Océano Atlántico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Atlántico")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Os cinco océanos

O océano Atlántico é o océano que separa Europa e África, ao leste, de América, ao Oeste. Ten unha área de 82.400.000 km² (106.200.000 km², incluíndo os mares locais como o Mar Mediterráneo, o que corresponde a aproximadamente un terzo das augas oceánicas mundiais).

Nubes sobre o océano, en Brasil

Xeografía[editar | editar a fonte]

Atlantico Oceano.(gl)(es).jpg

O océano Atlántico, o segundo do mundo en superficie e case enteiramente localizado no hemisferio occidental, alóngase no sentido Norte-Sur. cunha forma que lembra un S, comunícase co Océano Ártico polo estreito da Islandia; co Océano Pacífico e co Océano Índico pola ampla pasaxe que se abre entre a América, a África e a Antártida, nas altas latitudes austrais. No hemisferio Norte, as costas continentais, moi recortadas, delimitan numerosos mares anexos (Canal da Mancha, Mar do Norte, Mar Báltico, Mar Mediterráneo, Mar das Antillas). Ao sur, ao contrario, as costas son máis ben rectilíneas.

O fondo oceánico presenta unha disposición regular: a plataforma continental, ampla ao longo das costas da Europa, da América do Norte e da porción meridional da América do Sur, estreitase nas costas da África e do Brasil; unha enorme cadea de montañas submarinas, a dorsal mesoatlántica, esténdese ao longo do océano; entre ela e os continentes ábrense unha serie de cuncas de 6.000 a 7.000 m de profundidade (cuncas americana, brasileira e arxentina, a oeste; cuncas escandinava, da Europa Occidental, da Guinea, de Angola e do Cabo, a leste). A crista dorsal é sucada en toda a súa extensión por unha gran fosa tectónica (rift), que secciona no sentido lonxitudinal. Área de constante inestabilidade xeolóxica, provocada pola continua emisión de material ígneo, é obxecto de estudos xeolóxicos que analizan os procesos de formación e evolución das placas tectonicas, ou sexa, da codia terrestre. A crista da dorsal mesoatlántica situase xeralmente entre -3.000 e -1.500 m, mais emerxe nalgúns puntos, formando illas: Jan Mayen, Islandia, Azores, Ascensión, Tristán da Cuña. Nas latitudes ecuatoriais, a dorsal é cortada por fallas transversais que determinan fosas abisais (fosa da Romanche. -7.758 m). Nas outras porcións do Atlántico as fosas son raras: situanse nas Antillas (Caimáns e Porto Rico - a máis profunda con -9.218 m) e nas illas Sandwich do Sur (-8.264 m)

Na fachada occidental, grandes cuncas hidrográficas botan unha considerable cantidade de sedimentos sobre a plataforma continental, definindo conos aluvionais, como os dos ríos San Lourenzo e Mississippi, no Atlántico Norte, e o do Amazonas, na faixa ecuatorial. As augas do Atlántico son as máis salgadas de todos os océanos (37,5 por mil de salinidade media) e animadas por correntes que aseguran unha intensa circulación entre as augas frías das altas latitudes e as augas quentes ecuatoriais. As correntes frías do Labrador e das Falkland descenden ao longo das costas setentrionais e meridionais, respectivamente, de América. De Benguela percorre a costa suroccidental africana, en dirección ao Ecuador. Son compensadas polas correntes quentes do Brasil e Ecuatorial Atlántica, nos seus ramos N e S, pola corrente do Golfo, que ten grande influencia sobre os climas da Europa noroccidental, tornándoos menos rigorosos. Esa circulación das augas favorece súa oxixenación e a proliferación de plancto, definindo importantes zonas pesqueiras, como as costas do Brasil meridional, a fachada norteamericana en torno da Terra Nova, as costas da Escandinavia e de Islandia, alén da África meridional. As plataformas continentais encerran, ás veces, xacementos petrolíferos (Mar do Norte, costas de Venezuela e do Brasil, Golfo de Guinea). Ladeado no hemisferio Norte polas dúas áreas máis industrializadas do globo (NE dos EUA e Europa Occidental), o Atlántico Norte presenta o máis intenso tráfego marítimo e aéreo transoceánico do mundo.

Historia[editar | editar a fonte]

Batimetría atlántica

Os antigos, que chamaban ao Atlántico mar Tenebroso ou mar Océano, coñecían só as costas situadas entre o norte das illas Británicas e as Canarias. Do século VIII ao XI, os normandos frecuentaron as praias de Noruega, Islandia, Groenlandia, Spitsberg e Nova Escocia, no actual Canadá. Ata o final da Idade Media, só se facían navegacións costeiras, indo ata o Cabo Boxador (ao que chegaron os navegadores portugueses en 1434). No século XV os portugueses intensificaron a exploración da costa da África e, ao mesmo tempo, desenvolveron técnicas de navegación que permitiron viaxes por alto mar. A navegación por latitudes (determinadas pola observación da altura da estrela Polar ou do Sol ao mediodía, técnica desenvolvida por volta de 1485) foi facilitada polo uso de instrumentos como o compás e mailo astrolabio. Outro factor decisivo foi o estudo do rexime dos ventos no Atlántico: en 1439, as informacións existentes xa permitían unha navegación asidua e segura. Esas técnicas, aliadas aos novos navíos desenvolvidos polos portugueses (as carabelas, de maior porte, calado máis alto e común sistema de velas que permitía o aproveitamento dos ventos, mesmo en sentido contrario) permitirían o recoñecemento da costa da África e as primeiras incursións en alto mar; hai aínda informacións de que no século XV os portugueses terían explorado tamén o Atlántico Norte, xuntando coñecementos que máis tarde facilitaron a viaxe de Cristovo Colón na primeira travesía documentada do Océano.

Co desenvolvemento técnico obtido, as viaxes portuguesas tornáronse máis ousadas e frecuentes a través do Atlántico, de tal forma que ata 1488 toda a costa oeste da África estaba explorada, recoñecida e, nos primeiros 20 anos do século XVI, toda a costa atlántica do continente americano (atopado no 1492 por Colón) fora visitada por navegadores portugueses, españois ou italianos ao servizo de España. Os reis de Portugal procuraron, desde o inicio, garantir as descobertas dos seus navegadores e desde 1443, varias leis reivindicaron o dereito de navegación exclusiva nos mares recoñecidos polas súas naus. En 1454, o papa Nicolao V ratificou a pretensión dos portugueses, reservándolles o dereito exclusivo de navegación e comercio. En 1474, Afonso V mandou que aqueles que violasen esas determinacións fosen mortos e os seus bens confiscados pola coroa. O Tratado de paz de Toledo, entre España e Portugal, ratificou eses dereitos, que foron reafirmados nas ordenacións Manuelinas (1514). Ata 1580, houbo pouca contestación internacional a esas pretensións, excepto pequenos conflitos diplomáticos causados pola acción de corsarios protexidos polos reis de Francia e Gran Bretaña. Despois de 1580, con todo, a contestación creceu, envolvendo tamén os holandeses en guerra con España pola súa independencia. Eles estenderon as accións bélicas contra Portugal, despois da unión das dúas Coroas e pasaron á liberdade dos mares; na tregua asinada con Filipe III (de España e Portugal), obtiveron o dereito de navegar por eses mares, aínda que baixo licenza do rei de España. Ese tratado marcou o principio da liberdade dos mares. A partir do século XVII, comezou a exploración hidrográfica do Atlántico, efectuada de inicio polos holandeses, despois polos ingleses e franceses (século XVIII). No século XIX organizáronse numerosos cruceiros oceanográficos que permitiron a elaboración dunha detallada carta batimétrica do Atlántico.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Océano Atlántico

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Winchester, Simon (2010). Atlantic: A Vast Ocean of a Million Stories. HarperCollins UK. ISBN 9780007341375. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]