Yitzhak Rabin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Yitzhak Rabin

Yitzhak Rabin ou Isaac Rabin ( יִצְחָק רַבִּין en hebreo ), nado en Xerusalén o 1 de marzo de 1922 e finado en Tel Aviv o 4 de novembro de 1995, foi un político e militar israelí. Foi o quinto primeiro ministro de Israel entre 1974 e 1977 e de novo entre 1992 e o seu asasinato en 1995, perpetrado por Yigal Amir.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia sionista, seu pai, Nehemiah era un xudeu americano de orixe ucraína que viñera a Palestina para loitar na Lexión Xudía durante a Primeira Guerra Mundial coa misión de botar os turcos de Israel e súa nai, Rosa, xudía de orixe rusa foi unha das primeiras integrantes da organización paramilitar Haganah. Aínda que nado en Xerusalén, a familia residiu primeiro en Haifa e desde 1923 en Tel Aviv [1]. Yitzhak identificouse co sionismo e o socialismo dende a súa mocidade, estudou na escola agrícola Kaduri de Galilea, onde se graduou con distinción, pouco despois en 1941 entrou na Palmach, a forza de elite da Haganah, dirixida por Igal Alon. A súa primeira acción foi cortar as liñas de teléfono no Líbano [2], entón en mans do goberno de Vichy. Ascendeu rapidamente e xa rematada a guerra, en outubro de 1945 dirixiu unha operación para liberar a refuxiados xudeus do campo de detención de Atlite. Durante a guerra de independencia mandou un rexemento, trala creación do Estado de Israel mantense na carreira militar, e chega a xefe de Estado Maior durante a guerra dos seis días. Deixou o exército en 1968, nomeado embaixador en Italia e nos Estados Unidos. En 1973 entra no Knesset co Partido Laborista e asume o ministerio de traballo, o 2 de xuño de 1974 foi designado líder do partido e sucede a Golda Meir como primeiro ministro, foi o primeiro sabra (nado en Israel) en acceder ao posto. Durante o seu segundo mandato xogou un papel destacado nos Acordos de Oslo, que crearon a Autoridade Palestina e acabou por recoñecer á OLP o 9 de setembro de 1993 logo de Arafat renunciar á violencia. En 1994 recibiu o Premio Nobel da Paz con Shimon Peres e Yasser Arafat.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. David Horovitz (1996)Shalom, Friend: The Life and Legacy of Yitzhak Rabin, Newmarket Press, páx. 26
  2. Libby Hughes (2005) Yitzhak Rabin: From Soldier to Peacemaker , páx. 29

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]