Chiang Kai Chek

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Chiang Kai Chek
Este artigo amosa escritos chineses. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

Chiang Kai-Chek, nado en Fenghua o 31 de outubro de 1887 e finado en Taipei o 5 de abril de 1975, foi un militar e político chinés, líder do Kuomintang, xeneral en xefe das forzas chinesas vencido por Mao Zedong na revolución. Na República Popular da China é coñecido como 蔣介石 (pinyin: Jiǎng Jièshí) e en Taiwán como 蔣中正 (pinyin: Jiǎng Zhōngzhèng),

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Sucedeu a Sun Yat-sen como líder do Partido Nacionalista Chinés Kuomintang, e foi o líder máximo, baixo diversos cargos, da República da China establecida en Nankín en 1927. Tras a derrota dos nacionalistas fronte aos comunistas en 1949, refuxiouse co seu goberno na illa de Taiwán.

Chiang Kai-shek gobernou Taiwán de forma autoritaria desde 1949 até a súa morte en 1975, cando foi sucedido polo seu fillo Chiang Ching-kuo. Durante a súa etapa en Taiwán nunca se resignou a que o exilio fora definitivo. Mantivo a esperanza de que o comunismo acabaría caendo, e que a República da China, baixo o seu liderado, reconquistaría a China continental.

Chiang utilizou varios nomes ao longo da súa vida. Durante a súa etapa en Cantón á fronte da Academia Militar de Whampoa, utilizaba o nome que a transcrición pinyin é Jiǎng Jièshí (chinés tradicional: 蔣介石, chinés simplificado: 蒋介石, Wade-Giles: Chiang Chieh-shih). A forma habitual en Occidente "Chiang Kai-shek" corresponde á transcrición que se fixo naquela época deste nome segundo a pronunciación do dialecto cantonés falado en Cantón. Chiang Kai-shek e Sun Yat-sen son as únicas personalidades históricas chinesas cuns nomes que se transcriben habitualmente en Occidente en forma cantonesa, e non en mandarín.


Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Chiang Kai-shek