Xosé María Álvarez Blázquez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Xosé María Álvarez Blázquez

Datos persoais
Nacemento 5 de febreiro de 1915
Lugar Tui Galicia Galicia
Falecemento 2 de marzo de 1985 (70 anos)
Lugar Vigo Galicia Galicia
Soterrado {{{soterrado}}}
Soterrada {{{soterrada}}}
Residencia {{{residencia}}}
Nacionalidade {{{nacionalidade}}}
Cónxuxe M. ª Luisa Cáccamo Frieben [1]
Fillos {{{fillos}}}
Relixión {{{relixión}}}
Actividade
Lingua {{{lingua}}}
Lingua Galego, castelán
Período {{{período}}}
Debut {{{debut}}}
Movemento {{{movemento}}}
Xéneros Poesía, novela, teatro
Princ. obras {{{obras}}}
Influencias {{{influencias}}}
Alma mater {{{alma_mater}}}
Estudos {{{estudos}}}
Ocupación {{{ocupación}}}
Profesión {{{profesión}}}
Organización {{{organización}}}
Cargos {{{cargos}}}
Premios {{{premios}}}
Xosé María Álvarez Blázquez, sinatura.jpg
{{{web}}}

Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no 2008.

Xosé María Álvarez Blázquez, nado en Tui o 5 de febreiro de 1915 e finado en Vigo o 2 de marzo de 1985, foi un escritor galego de poesía, narrativa e ensaio, arqueólogo, investigador e editor galeguista. Foi cronista oficial da cidade de Vigo desde 1976, e en 2008 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

É unha das figuras máis laboriosas da cultura galega, cunha grande actividade que chega dende a literatura (novela, poesía, teatro) ata a investigación como arqueólogo e a súa tarefa como editor e galeguista. Pertence a unha saga de escritores que ten os seus antecedentes no seu avó Emilio Álvarez Giménez, seguiu co seu tío Xerardo Álvarez Limeses e compartiu co seu irmán Emilio. É un dos representantes da poesía neotrobadoresca, vangarda poética xurdida ao redor de 1930 debida á difusión en Galiza da lírica medieval galego-portuguesa.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Cheminea de 30 metros de altura da fábrica de ladrillos de Nigrán.[2]

Fillo de Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester e irmán de Darío e Emilio Álvarez Blázquez, naceu en Tui, onde estudou o Bacharelato, se ben nos veráns ía coa familia a unha casa de campo en Baión (Vilanova de Arousa). En setembro de 1931 foi vivir a Pontevedra para estudar Maxisterio, hospedándose na casa do seu tío Xerardo Álvarez Limeses, permanecendo na cidade até xullo de 1934. Alí funda en 1932 canda a Xoán Vidal Martínez a revista Cristal. En agosto dese ano coñeceu a Federico García Lorca.

En Pontevedra amizou con Alexandre Bóveda, que casara cunha curmá súa. En 1933 comezou a militar na Federación de Mocedades Galeguistas, pasando en 1936 ao Partido Galeguista. O 26 de abril de 1934 leu o manifesto "Berro en lembranza dos heroes de Carral", publicado en texto polas Mocedades. O 26 de maio de 1934 publicou o seu primeiro artigo no voceiro A Nosa Terra, co título "Outro aldraxe".

Tras rematar Maxisterio comeza a estudar Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. En 1935 é destinado provisionalmente como mestre á Guarda, e en 1936 foi trasladado á escola das Olivas en Tui. Logo duns meses, acadou o posto definitivo por oposición na escola de Coia (Vigo), se ben non chegou a tomar posesión por mor da guerra civil española.

Foi desterrado a Coreses (provincia de Zamora), pero non chegou a tomar posesión por ter que facer o servizo militar. Exento por mor da miopía, foi destinado ao Hospital Militar de Santiago de Compostela, primeiro nas oficinas e despois como enfermeiro. Con todo, aos poucos días de ingresar librou no último momento de ir á fronte de Asturias nun camión que tivo un accidente no que morreron os 20 ocupantes. Rematada a guerra tomou posesión da súa praza en Coreses, mais en xaneiro de 1941 pediu unha excedencia para regresar coa súa familia, logo de que o seu pai, o médico Darío Álvarez Limeses fora encarcerado e fusilado o 30 de outubro de 1936.

Venderon a casa familiar en Tui e marcharon vivir a Vigo de alugueiro, na rúa García Barbón. Montou cos seus irmáns unha fábrica de ladrillos e tellas en Nigrán, se ben aos poucos meses tiveron que pechala logo dun accidente na fundición de caolín que rematou coa explosión dun forno. Logrou traballo como secretario da confraría de pescadores San Francisco, no barrio do Berbés. En 1945 comezou a saír con María Luísa Cáccamo Frieben, coa que o 10 de decembro de 1946 casa e marchan vivir ao barrio das Travesas, onde permaneceron até a súa morte. Tiveron seis fillos: María Luísa (nada o 2 de maio de 1948 e finada o 12 de marzo de 1970), Xosé María (1950), Alfonso Álvarez Cáccamo (1952), María Helena (1954), Celso (1958) e Berta (1963). Tiñan tamén unha casa en Coruxo, xunto á praia da Carrasqueira.

Placa de homenaxe na vivenda onde residiu na Gran Vía viguesa.

Nesa época frecuenta no café Derry a compañía dos seus irmáns, do pintor Carlos Maside, Valentín Paz Andrade, Laxeiro, Pedro Díaz, Mario González, Avelino Abilheira ou Luís Viñas Cortegoso. Con este último fundou en 1948 a librería Monterrey, que deu pé en 1950 á Editorial Monterrey. O 17 de abril de 1949 fora nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, na que ingresou en 1961 como membro numerario trala morte de Aquilino Iglesia Alvariño, lendo o seu discurso de ingreso o 28 de novembro, "Cantares e Romances vellos prosificados".

Fora nomeado comisario de escavacións arqueolóxicas do concello de Vigo. En 1952 iniciáronse as escavacións do Castro de Vigo, no monte do Castro. En 1953 apareceron unhas estelas funerarias romanas na rúa de Pontevedra, que foron trasladadas ao Museo Municipal Quiñones de León, do que foi membro do padroado. Nese mesmo ano participou no III Congreso Arqueológico Nacional, que se celebrou na cidade olívica. En 1956 participou en Porto no I Congreso Internacional de Etnografía e Folclore. Dous anos despois asistiu na mesma cidade ao Coloquio de Estudos Etnográficos Dr. Leite de Vasconcelos. En 1959 participou en Braga no Congresso Histórico de Portugal. Medioevo. Na súa labor como arqueólogo, participou no descubrimento das industrias paleolíticas do Baixo Miño e das Gándaras de Budiño, dunha fábrica romana para a elaboración de aceite de oliva en Teis e dunha cisterna con enxoval funerario da época do bronce en Atios. En 1980 foi nomeado polo ICONA vogal para a conservación dos restos arqueolóxicos das illas Cíes. En 1982 foi nomeado membro do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos.

En 1964 fundou, xunto aos seus irmáns Álvaro e Emilo Edicións Castrelos, da que foi director xerente, e na que destacan a súa colección O Moucho, de libros do pobo pra o pobo, uns libriños de baixo prezo e gran difusión que marcaron época nos anos 60 e 70 do pasado século que contaron con unha grande aceptación por parte dos lectores, como destaca as reedicións do Catecismo do labrego (de Valentín Lamas Carvajal). O fondo editorial da empresa foi vendido en 1979 a Galaxia.

A comezos de 1966 empeza a traballar en Pescanova como delegado de vendas para Asturias, instalándose en Oviedo. Consegue traballo tamén na empresa de publicidade Gil Luis, polo que en setembro dese ano a familia toda múdase á capital asturiana. Porén, regresan a Vigo en 1967 por mor dunha doenza da súa filla maior, que morreu tres anos despois. En 1968 volve á ensinanza como mestre de formación humanística no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro de Vigo. Acadou a praza por oposición en 1970, xubilándose en 1983.

No verán de 1969 viaxou a Arxentina, convidado polo Centro Galego de Bos Aires, participando en varios actos na capital, en Mendoza e en Mar de la Plata. Aproveita para visitar Venezuela, onde estivo con Celso Emilio Ferreiro e co seu sobriño Darío Álvarez Gándara. Despois viaxou a Miami, onde estivo co seu curmán Xerardo Álvarez Gallego.

En 1981 foille concedido o Pedrón de Ouro. Nas eleccións municipais de 1983 presentouse no último posto das listas do Partido Galeguista en Vigo, do que era secretario o seu sobriño Alfonso Álvarez Gándara.

Na investigación literaria descubriu a égloga Belmiro e Benigno de Nicomedes Pastor Díaz, e realizou contribucións á época chamada da Decadencia (Escolma de Poesía Galega t. II), con investigacións que alcanzan diversos campos desa épocas, como o teatro, as panxoliñas, a poesía lírica, a prosa político-social, a poesía panfletaria ou o romanceiro etc.

Xosé María Álvarez Blázquez colaborou en diversos medios (Faro de Vigo, La Noche, Radio Vigo (cos programas Cada día tiene un suceso, 1960, Reloj de Sol, 1962, Reloj de arena, 1963-64, e Mar de Historias, de 1965 a 1968), La Voz de Vigo[3] (cos programas Ventana al mar, 1958, e Buenas tardes, Galicia, 1959), BBC de Londres (charlas sobre temas galegos, entre 1953 e 1954), prensa de Portugal e América...) e pronunciou moitas conferencias en España e no mundo.

Obra[editar | editar a fonte]

En 1932 publicou o seu primeiro libro, o poemario Abril, con poema-limiar do seu tío. En 1936 ía publicar o libro de contos Os ruíns coa Editorial Nós, mais o orixinal desapareceu tralo apresamento e fusilamento de Ánxel Casal e non chegou a ver a luz. En 1945 presentou ao Premio Nadal a novela policial En el pueblo hay caras nuevas, que quedou finalista tras Nada, de Carmen Laforet. A obra foi traducida ao francés (Nogent-sur-Marne, 1969).

En 1947 estreou dúas obras de teatro escritas en castelán xunto co seu irmán Emilio: El zapato de cristal. Cuento escenificado foi estreada o 2 de xaneiro no Teatro García Barbón, e representouse despois na Guarda e en Caudete. O 11 de xuño estreouse no Teatro Jovellanos de Xixón a peza Los pazos altivos. Comedia en tres actos, en verso, coa compañía de Társila Criado. Voulveo representarse en Palencia, Valladolid, Salamanca, Alacant e Palma de Mallorca. En 1949 publica a obra Poemas de ti e de min, nunha edición conxunta co seu irmán Emilio na Colección Benito Soto. En 1950 edita o poemario Roseira do teu mencer (1950), adicado á súa primeira filla, e gaña os Juegos Florales de Vigo co estudo Hechos y figuras de Vigo.

O 28 de decembro de 1953 saíu do prelo o Cancionero de Monfero, presentado como un achado apógrafo da lírica trobadoresca. En 1954 publicou o Romance do Pescador Peleriño e gañou o premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires co poemario Canle segredo, adicado á súa dona e non publicado até 1976, con gravados de Antón Rivas Briones.

En 1955 aparece a súa terceira novela, Las estatuas no hablan, adicada ao seu irmán Celso. A trama desenvólvese na vila de Valmiñán, trasunto literario de Tui. A súa cuarta novela, Crecen las aguas, obtén nese mesmo ano o Premio Galdós; porén, non chegou a cobrar o premio económico nin recibiu a publicación da obra, que editou ao ano seguinte en Palencia. En 1958 coa obra Martín Códax, cantor del mar de Vigo gañou o Premio Álvarez García de Biografía, outorgado pola Asociación da Prensa de Vigo. En 1960 acadou o Premio López Cuevillas co conxunto de contos Mauro el barquero (inédito), o Premio Blas Agra polo traballo Historia del periodismo vigués e o Premio Ramón Mourente por Datos para la biografía del poeta Añón. Nos Jogos Florais Galego-Portugueses de Guimarães gaña tres premios, cos poemas "Xohaniña", "Lembranza e Loubor da Terra" e "Poema sen voz". Posteriormente foron incluídos no poemario Canle segredo.

En 1964 recibiu o premio Club de Ribadavia. En 1967 o premio Noriega Varela, e en 1968 o premio das Letras da Deputación da Coruña.

Algúns dos seus poemas teñen sido musicados polos mestres Freitas Branco, Rodolfo Halffter, Groba Groba e Ignacio Iglesias. Mostras da súa obra poética figuran en antoloxías de Enrique de Arcoaga, Varela Jácome, Fernández del Riego, González Alegre etc.

Poesía[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • Os ruíns, 1936 (relatos).

Literatura infanto-xuvenil[editar | editar a fonte]

  • A pega rabilonga e outras historias de tesouros, 1971, Edicións Castrelos.

Ensaio[editar | editar a fonte]

  • Poesías galegas de Nicomedes Pastor Díaz (1951)
  • O vencello espiritual dos Fisterres Atlánticos (1951)
  • Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952)
  • Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (1959)
  • O libro na tradición popular galega (1963)
  • Gil Vicente e Galicia: o conto das dúas lousas (1964)
  • Os nomes da terra recollidos do pobo (Editorial Castrelos, 1976. Baixo o pseudónimo de Celso de Baión)
  • Alexandre Bóveda. Apunte biográfico (1982; non distribuído ata 1992)
  • A muller na literatura medieval e outras achegas etnográficas (Museo do Pobo Galego, 2008. ISBN 978-84-88508-42-5). Colectánea de varios traballos presentados en congresos en Portugal.

Edicións[editar | editar a fonte]

  • Escolma de poesía galega I: Escola medieval galego-portuguesa, 1953, Galaxia.
  • Escolma de poesía medieval (1198-1354), 1975, Edicións Castrelos.
  • Luís Amado Carballo. Vida e obra, 1982, Real Academia Galega.

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Obra en castelán[editar | editar a fonte]

Narrativa[editar | editar a fonte]

  • El crimen de la isla verde, 1941.
  • En el pueblo hay caras nuevas, 1945 (novela en castelán, finalista do Premio Nadal).
  • Una cabaña en el cielo, 1952.
  • Las estatuas no hablan, 1955.
  • Crecen las aguas, 1956.

Poesía[editar | editar a fonte]

  • Sonetos del alba insomne, 1995, Instituto de Estudios Vigueses.

Ensaio[editar | editar a fonte]

Unha imaxe do reloxo de sol da Colexiata de Santa María de Vigo ilustra a portada de La ciudad y los días (1960, Monterrey) e a súa versión en galego (2008, Xerais).
  • El libro del por qué?, 1945.
  • Arquitectura rural gallega. Un plano de Fray Manuel Caeiro, 1948.
  • Industria paleolítica de la comarca de Tuy, 1949.
  • Vigo, 1950.
  • Romerías gallegas, 1951.
  • Hallazgo de estelas funerarias en Vigo, 1955.
  • Galería de gallegos ilustres, 1956.
  • La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo, 1960 (reeditado en galego en 2008 por Xerais).

Teatro[editar | editar a fonte]

  • Los pazos altivos, 1947.
  • El zapato de cristal, 1947.

Obras colectivas[editar | editar a fonte]

Premios[editar | editar a fonte]

  • Finalista do premio Nadal en 1945, coa novela En el pueblo hay caras nuevas.
  • Premio Historia dos Xogos Florais de Vigo (1950).
  • Primeiro premio de poesía no Concurso dentro de Fillos de Vigo (1954).
  • Premio Pondal de poesía do CEBA (1954).
  • Premio Peréz Galdós de novela (1955).
  • Premio Biografía da Asociación da Prensa de Vigo (1958).
  • Premio Ramón Mourente (1960).
  • Premio Valle Inclán nos Xogos Florais Minho-Galaicos (1960).
  • Premio de novela López Cuevillas no I Certame Literario do Miño celebrado en Lugo (1960).
  • Premio especial Blas Agra sobre a historia do periodismo vigués (1960).
  • Premio Álvares García de biografía (1961).
  • Premio Josefina de Lema (1961).
  • Premio Enrique Lorenzo Docampo (1962).
  • Premio Club de Ribadavia (1964).
  • Premio Noriega Varela (1967).
  • Premio das Letras da Deputación Provincial da Coruña (1968).
  • Premio Cidade de Vigo (1971).
  • Pedrón de Ouro (1977).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xosé María Álvarez Blázquez

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Predecesor:
María Mariño Carou
Día das Letras Galegas
2008
Xosé María Álvarez Blázquez
Sucesor:
Ramón Piñeiro