Vladimir Tatlin

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vladimir Tatlin
Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.

Vladimir Evgrafovich Tatlin (en ruso: Владимир Евграфович Татлин), nado o 28 de decembro de 1885 e morto o 31 de maio de 1953), foi un pintor e arquitecto ruso. Xunto con Kasimir Malevitch converteuse nunha das dúas figuras máis importantes do movemento artístico do Avant-garde ruso nos anos 20.

Tatlin naceu en Kharkiv, Ucraína, fillo dun enxeñeiro de raís e poeta. Traballou como cadete nun barco mercante e pasou algún tempo no mar. A súa carreira artística comezou como pintor de iconas en Moscova, mentres asistía á Escola de Pintura, Escultura e Arquitectura de Moscova.

Tatlin gañou fama como o arquitecto que deseñou o xigantesco "Monumento á terceira internacional", tamén coñecido como a Torre de Tatlin. Plantexado no ano 1920, o monumento tiña que ser unha alta torre de metal, cristal e ferro a cal podería aloxar á Torre Eiffel de París no seu interior (era un terzo maior). Dentro da estrutura de ferro e metal xiratoria o deseño propoñía a construción de tres bloques de edificios, cubertos de fiestras de cristal, e poderían rotar segundo o tamaño unha vez ó día, ó mes ou ó ano. O seu alto orzamento fixo que Tatlin non puidese executa-lo proxecto.

Tatlin tamén fundou a arte construtivista que cuestionaba a antiga idea da pintura. Destacaron nesta arte Manuel Rendón Seminario, Joaquín Torres García, László Moholy-Nagy, Antoine Pevsner e Naum Gabo.

Aínda que eran grandes amigos cando comezaron as súas carreiras, Tatlin e Malevich diverxeron cando Malevich non se puxo de acordo co Construtivismo de Tatlin. Isto fixo que Malevich desenvolvese o seu programa Supremacista na cidade de Vitebsk, onde fundou unha escola chamada UNOVIS (Campións da nova arte). O Supremacismo viu a luz no ano 1915 na "0.10 exhibition", unha das exposicións máis importantes do Avant-garde ruso, tamén chamada "a exhibición dos últimos futuristas".

Tatlin tamén se dedicou ó estudo e deseño de roupa, obxectos etc. Ó final da súa vida comezou a estuda-lo voo dos paxaros, buscando un xeito de cumpli-lo soño da humanidade, poder voar.

Tatlin morreu o 31 de maio de 1953 e foi soterrado no Cemiterio Novodevichy, en Moscova.