Ibn Battuta

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Explorador e ulema
Idade Media
Ibn Battuta Mall on 2 June 2007 Pict 3.jpg
Imaxe de Ibn Battuta en Ibn Battuta Mall (Dubai, Emiratos Árabes Unidos)

Nome

Ibn Battuta

Nacemento

25 de febreiro de 1304

Morte

1368 ou 1369

Filosofía

sunnismo (maliquismo)

Shams ad-Din Abu Abd Allah Muhammad ibn Muhammad ibn Ibrahim al-Luwati at-Tanyi, máis coñecido como Ibn Battuta, nado en Tánxer o 25 de febreiro de 1304 e finado en 1368 ou 1369, foi un viaxeiro e explorador da época da dinastía Meriní.

É o máis coñecido dos grandes viaxeiros árabes: a súa rihla ou periplo polo oriente durou vente abos, que relatou con detalle nunha crónica ditada ao estudoso granadino Ibn Yuzayy, a instancias do sultán marínida (ou benimerín). Practicamente todo o que se sabe da súa vida procede deste relato, que aínda sendo fantasioso ou esaxerado nalgúns puntos, é o retrato máis fiel que existe da parte do mundo que o viaxeiro percorreu nesa época. Na súa viaxe andou unha distancia maior que a da do seu contemporáneo Marco Polo, cruzando o oeste, centro e norte de África, o sur e o leste de Europa, Oriente medio, a India, Asia central, o sueste asiático e a China.

En 1976 a Unión Astronómica Internacional nomeou un astroblema lunar, «Ibn Battuta» na súa honra.[1] O aeroporto de Tánxer, a súa cidade natal, tamén leva o seu nome.

A Rihla[editar | editar a fonte]

Muhámmad ibn Battuta iniciou a súa viaxe con intención de realizar o hach ou peregrinación á Meca, que constitúe un dos cinco piares do Islam, e de visitar a tumba de Mahoma en Medina. Partiu de Tánxer, segundo a súa crónica, o 2 de rayab do 725 da Héxira, 13 de xuño de 1325, «só, sen compañeiro con quen compartir amizade nin caravana á que adherirme». Tiña daquela 22 anos. Non volvería até 24 anos máis tarde, despois de ter percorrido máis de 120.000 quilómetros, dun extremo a outro do mundo musulmán e fóra del.

De Tánxer á Meca[editar | editar a fonte]

Seguiu a costa norte de África, á que non presta moita atención no seu relato, até chegar a Exipto. Desde alí había tres rutas comunmente usadas para ir á Meca e Ibn Battuta escolleu a menos frecuentada: unha viaxe Nilo arriba (isto é, cara ao sur) e logo cara ao porto de Aydab no Mar Vermello. Non obstante, unha rebelión local impediulle chegar a Aydab, debendo regresar á capital exipcia.

Viaxeiro árabe, ilustración de 1237

Desde a capital arranca un periplo polo País de Sham (Siria e Palestina), que entón formaba parte dos dominios da mesma dinastía mameluca —a dinastía Bahrí— que gobernaba Exipto. Isto permitiulle desprazarse con certa seguridade, xa que as autoridades mamelucas facían un especial esforzo en manter segura para os peregrinos a ruta que pasaba polos lugares santos de Hebrón, Belén e Xerusalén.

Tras pasar o mes de ramadán en Damasco, Ibn Battuta seguiu 800 millas unha caravana até Medina, onde, na súa mesquita principal, está soterrado Mahoma. Logo seguiu cara á Meca, onde cumpriu cos ritos habituais dun peregrino musulmán, adquirindo o apelativo de hayi («peregrino»). En teoría cumprira os obxectivos da súa viaxe, pero en lugar de volver a Marrocos, decidiu acompañar a unha caravana de peregrinos procedentes de Iraq e Irán de regreso aos seus fogares.

Iraq, Persia, Curdistán e volta á Meca[editar | editar a fonte]

Ibn Battuta coñece o Iraq gobernado polos mongois. En primeiro lugar visita Najaf, o lugar de enterramento do cuarto califa, Ali ibn Abi Talib. Desde alí viaxou a Basora e logo pasa a Persia, visitando Esfahan –que só unhas décadas atrás fora case destruída por Tamerlán–, Shiraz e outros lugares. Volve a Iraq e visita Kufa e Bagdad, a antiga capital dos Abbásidas, agora convertida en cidade de segunda orde tras ter sido saqueada polas tropas mongois de Hulagu Khan.

En Bagdad coñeceu ao novo Abu Said Bahadur, «rei dos dous Iraq» e último gobernante do Ilcanato unificado, cunha morte e posterior fragmentación do seu reino que é contado por Ibn Battuta no seu relato. Viaxa coa caravana real e desvíase dela acompañando a un dos príncipes á cidade persa de Tabriz na Ruta da Seda, para regresar logo ao campamento de Abu Saíd. Obtén do rei o patrocinio para realizar unha segunda peregrinación á Meca, regresando a Bagdad para facer os preparativos. Ibn Battuta aproveita o tempo que resta até a saída da caravana de peregrinos para visitar o norte do país, atravesando poboacións como Samarra, Tikrit e Mosul e chegando até o Kurdistán.

Nas súas viaxes por Iraq e Persia, Ibn Battuta ten ocasión de coñecer aos xiítas, rama do Islam inexistente no Magreb, cunhas crenzas que abomina e a quen non oculta a súa antipatía.

Tras cumprir por segunda vez co rito do hach, Ibn Battuta ficou na Meca durante un ano, dedicándose enteiramente á vida relixiosa, o que lle permitiu coñecer numerosos peregrinos.

Iemen e a costa africana[editar | editar a fonte]

En decembro de 1330, Ibn Battuta emprende viaxe cara ao sur. En Jeddah embárcase cara á costa nubia, no actual Sudán, para cruzar de novo o Mar Vermello pouco despois cara ao Iemen, onde é aloxado por Nur ad-Din Ali. De Adén arranca unha longa viaxe por mar co que percorrerá as costas de África, o sur da Península Arábiga e o Golfo Pérsico. Pasando arredor dunha semana en cada un dos seus destinos, visitou Etiopía, Mogadiscio, Mombasa, Zanzíbar e Kilwa Kisiwani, entre outros lugares. Co cambio do monzón, o barco no que ía volveu cara ao sur de Arabia. Para completar a súa aventura, antes de volver establecerse na Meca, visitou Omán e o Estreito de Ormuz.

Asia occidental e central[editar | editar a fonte]

Despois dun ano, decidiu buscar ocupación co Sultán de Delhi. Necesitando un guía e tradutor para viaxar alí, foi a Anatolia, daquela baixo control dos turcos selxúcidas, para unirse a unha das caravanas que ían até a India. Unha viaxe por mar desde Damasco nun barco xenovés levouno até Alanya na costa sur de Anatolia. Desde alí viaxou por terra a Konya e despois a Sinope na costa do Mar Negro.

Cruzando o Mar Negro, Ibn Battuta tomou terra en Kaffa, en Crimea, e entrou nas terras da Horda de Ouro. Alí comprou un carro e de maneira fortuíta adheriuse á caravana de Ozbeg, o Khan da Horda de Ouro, nunha viaxe até Astrakán, no río Volga.

Tras alcanzar Astrakán, o khan permitiulle a unha das súas esposas embarazadas volver para dar a luz na súa cidade de orixe, Constantinopla. Ibn Battuta uniuse a esta viaxe, a primeira das súas fóra dos límites do mundo islámico.

Tras chegar alí a finais do 1332, encontrou ao emperador Andrónico III e viu o exterior da Santa Sofía. Despois dun mes na cidade, volveu sobre a súa ruta cara a Astrakán, continuou polo Mar Caspio e o Mar de Aral a Buxara e Samarcanda. Desde alí viaxou cara ao sur até Afganistán, que cruzou para ir á India.

India[editar | editar a fonte]

O Sultanato de Delhi era unha adición relativamente nova a Dar al-Islam (a terra do Islam), e o sultán decidira traer tantos estudosos musulmáns como fora posible para consolidar o seu dominio. Coa sabedoría adquirida nos seus anos de estudo mentres estaba na Meca, Ibn Battuta foi nomeado qadi ("xuíz") polo Sultán Muhammad Tuguluq.

Pero o Sultán era incluso máis arbitrario que o usual na súa época e Ibn Battuta pasou de vivir a cómoda vida dun subordinado de confianza a estar baixo sospeita por moitas razóns. Co tempo decidiu irse, baixo pretexto de facer outra peregrinación á Meca, pero o Sultán ofreceulle a posibilidade de ir como embaixador a China. Ante a oportunidade, tanto de afastarse do sultán, como de visitar novas terras, Ibn Battuta aceptou.

En ruta cara á costa, el e o seu grupo foron atacados por rebeldes hindús e separado dos outros roubáronlle e case perde a vida. Non obstante, logrou alcanzar a caravana en dous días e continuou a súa viaxe a Cambay. Desde alí embarcaron cara a Calicut. Pero, mentres Ibn Battuta visitaba unha mesquita na costa, desencadeouse unha tormenta e dous dos barcos da súa expedición resultaron afundidos. O terceiro, entón, partiu sen el e acabou sendo requisado por un rei local en Sumatra uns meses máis tarde.

Temeroso de volver a Delhi fracasado, permaneceu un tempo no sur, baixo a protección de Jamal al-Din, pero cando este home foi derrocado, Ibn Battuta debeu abandonar completamente a India. Decidiu continuar cara a China cun desvío ás Maldivas cerca do inicio da viaxe.

Nas Maldivas pasou nove meses, moito máis do que se propoñía. O seu saber como qadi era moi apreciado nas illas e foi medio subornado medio secuestrado para quedar. Nomeado xuíz en xefe e casado dentro da familia real, chegou a verse enredado na política local, e acabou marchando de mala maneira, ao impoñer Battuta xuízos estritos no reino, habituado ao "laissez-faire". Desde alí, continuou a Ceilán para visitar o Pico de Adán.

Pouco despois de saír de Ceilán, o seu barco case se afunde no medio dunha tormenta. Logo, o barco que o rescatou, foi atacado por piratas. Desembarcado na costa, Ibn Battuta, unha vez máis refixo o seu camiño de volta a Calicut, desde onde navegou ás Maldivas de novo antes de embarcar outra vez e tratar outra vez de alcanzar a China.

Sueste asiático e China[editar | editar a fonte]

Esta vez tivo éxito, alcanzando en rápida sucesión Chittagong, Sumatra, Vietnam, e finalmente Quanzhou, provincia de Fujian, en China. Desde alí seguiu ao norte até Hangzhou, non lonxe da moderna Shanghai. Tamén pretendeu viaxar incluso máis ao norte, polo Gran Canal a Khanbaliq (خاب باليق) (Pequín), pero crese que é unha das súas invencións, non un feito real.

Volta a Marrocos polo Mediterráneo[editar | editar a fonte]

De volta a Quanzhou, Ibn Battuta decidiu volver a casa, aínda que non sabía ben exactamente cal era "a súa casa". Volvendo a Calicut unha vez máis, considerou quedar con Mohammed Tuguluq, pero pensouno mellor e decidiu seguir cara á Meca outra vez. Volvendo vía Ormuz e o Il-Khanato, viu que o estado se desfacía nunha guerra civil, tendo finado Abu Sa'id desde a súa anterior estancia alí.

Volvendo a Damasco, coa intención de seguir outra vez a ruta do seu primeiro hach, soubo que se pai falecera. A morte estivo presente durante o ano seguinte pola peste negra, e Ibn Battuta estaba ao seu alcance conforme se estendía por Siria, Palestina e Arabia. Tras chegar á Meca, decidiu volver a Marrocos, case un cuarto de século despois de saír de alí. Durante a viaxe fixo un último desvío até Sardeña, e logo volveu a Tánxer para descubrir que súa nai tamén morrera, poucos meses antes.

Afincándose en Tánxer durante uns anos, Ibn Battuta comeza unha viaxe a Al-Andalus. Por entón, Afonso XI de Castela ameazaba con conquistar Xibraltar, e Ibn Battuta uniuse a un grupo de musulmáns que saían de Tánxer coa intención de defender o peñón. Cando chegou, Afonso perecera da peste negra e a ameaza desaparecera, así que Ibn Battuta decidiu seguir a viaxe por pracer. Viaxou por Valencia e acabou en Granada.

Ao deixar Al-Andalus, decidiu viaxar por unha das poucas partes do mundo musulmán que nunca explorara: Marrocos. Na súa volta á casa detívose un tempo en Marrakech, que era case unha cidade pantasma tras a recente epidemia e o cambio da capital a Fez.

Unha vez máis, retornou a Tánxer, e unha vez máis, volveu a partir. Dous anos antes da súa primeira viaxe ao Cairo, o rei do Imperio de Malí, Mansa Musa, pasara por esa cidade no seu propio hach e causara sensación coas súas extravagantes riquezas; algo así como a metade do subministración mundial de ouro nese tempo proviña da África Occidental. Aínda que Ibn Battuta nunca o menciona abertamente, esas noticias oídas durante a súa propia viaxe deberon incitar a súa curiosidade, porque decidiu partir e visitar ese reino musulmán no outro extremo do Deserto do Sáhara.

África occidental[editar | editar a fonte]

A finais de 1351, Ibn Battuta partiu de Fez, alcanzando a localidade de Sijilmasa pouco máis dunha semana despois. Cando as caravanas de inverno comezaron poucos meses máis tarde, uniuse a unha delas, e nun mes despois estaba na localidade de Taghaza, no Sáhara Central, pertencente ao reino de Malí. Centro do comercio do sal, Taghaza estaba inundada de sal e de ouro de Malí, aínda que Ibn Battuta non tivo unha favorable impresión do lugar. Outra viaxe de 800 km a través da peor parte do deserto levouno a Malí, e máis exactamente, á localidade de Walata.

Desde alí viaxou ao suroeste por un río que el cría que era o Nilo (pero que realmente era o Río Níxer) até que chegou á capital do Imperio de Malí. Alí encontrou ao Mansa Suleiman, rei desde 1341. Aínda que dubidoso pola escasa hospitalidade do rei, non obstante permaneceu alí durante oito meses antes de volver polo Níxer até Tombuctu que, aínda que nos seguintes dous séculos se tornaría na cidade máis importante da rexión, nesa época era pequena e insignificante, e Ibn Battuta pronto seguiu cara adiante. Nalgún lugar da súa viaxe, a través do deserto recibiu unha mensaxe do Sultán de Marrocos ordenándolle que volvera. Así o fixo, e esta vez quedou.

Época final[editar | editar a fonte]

Mausoleo de Ibn Batuta.

Sábese pouco da vida de Ibn Battuta despois da publicación da Rihla. Podería ter sido nomeado qadi en Marrocos.

Ibn Battuta morreu en Marrocos nalgún momento entre 1368 e 1377. Durante séculos o seu libro foi descoñecido, incluso dentro do mundo musulmán, pero no século XIX foi redescuberto e traducido a varias linguas europeas. Desde entón, a fama de Ibn Battuta foi en aumento e é agora unha figura ben coñecida no Oriente Medio.

Na medina de Tánxer, Ibn Batuta ten un pequeno mausoleo familiar, que é lugar de oración.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]