Manuel Beiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Manuel Beiras García")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Manuel Beiras
Medalla Castelao Icona vectorial.svg


Datos persoais
Nacemento 10 de abril de 1904
Santiago de Compostela, Galicia Galicia
Falecemento 28 de xullo de 1996 (92 anos)
Santiago de Compostela, Galicia Galicia
Partido Partido Galeguista, Dereita Galeguista, Unidade Galega, Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista
Cónxuxe/s Herminia Torrado Moldes
Fillos Xosé Manuel Beiras e outros 8 fillos
Relixión Católico

Manuel Beiras García, nado en Santiago de Compostela o 10 de abril de 1904 e finado na mesma cidade o 28 de xullo de 1996, foi un intelectual galego e político galeguista. Pai do dirixente nacionalista galego Xosé Manuel Beiras.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Graduado pola Escola de Comercio da Coruña, dende moi novo comezou a escribir. Aos dezaseis anos publicou o seu primeiro artigo xornalístico en Diario de Galicia. Posteriormente seguiu escribindo e traducindo ao galego baixo o pseudónimo "Eu ben sei".

Católico e galeguista, foi un dos fundadores do Partido Galeguista en 1931. Ao ano seguinte promoveu a celebración da primeira misa en galego. Beiras militou no Partido Galeguista até 1935, cando xunta con outros militantes encabezados por Xosé Filgueira Valverde e Vicente Risco abandonou o partido polos seus pactos coa esquerda e fundou a Dereita Galeguista.

Trala guerra civil prosegue as súas actividades culturais e crea, xunta con outras personalidades de Galiza, coma Otero Pedrayo, Gómez Román, Luis Iglesias, Fermín Bouza Brey, Xaime Illa Couto, Antón Fraguas e Xesús Ferro Couselo, o Padroado Rosalía de Castro. Foi tamén moi activo no ámbito compostelán, creando a Orquestra Filharmónica de Compostela e promovendo actos como a celebración do Día de Galiza en Santiago de Compostela ou a Festa do Traxe Galego.

Tras a ditadura[editar | editar a fonte]

Tralo fin da ditadura franquista, foi concelleiro no concello de Santiago de Compostela en 1979 polas listas da coalición Unidade Galega, e un dos responsábeis da refundación de Partido Galeguista en 1978. En 1985, ante a decisión da maioría dos militantes de disolver o partido e integrarse en Coalición Galega, participa nunha nova refundación do partido (V Congreso), formando parte da executiva do partido. Nas eleccións autonómicas galegas de 1989 foi número dous nas listas do Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista (PNG-PG) pola Coruña, sen obter acta de deputado.

Traduciu ao galego Os contos de Grimm e Platero e eu.

Estaba casado con Herminia Torrado Moldes e era pai de nove fillos.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Obtivo a Medalla Castelao en 1987, a Medalla de Ouro ao Mérito Cidadán de Santiago de Compostela en 1991 e foi nomeado Galego do Ano pola Universidade de Santiago de Compostela en 1995.

O Concello de Santiago de Compostela dálle o seu nome ao Premio Manuel Beiras que distingue o emprego habitual do galego no ámbito empresarial e comercial.