Internet Movie Database

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

The Internet Movie Database (IMDb) (en galego: A Base de Datos de Películas en Internet) é unha base de datos en liña con información sobre directores, produtores, actores, películas, programas de televisión, videoxogos e case todo o relacionado coa industria fílmica privada e independente. Propiedade de Amazon desde 1998, IMDb celebrou o seu décimo quinto aniversario o 17 de outubro de 2005.

Breve descrición de IMDb[editar | editar a fonte]

IMDb contén unha exhaustiva lista de películas e programas de televisión de todo o mundo, incluíndo resumos, imaxes, cuestionarios, erros, curiosidades e datos comerciais. Tamén recolle novas, aínda que estas case exclusivamente relacionadas co ámbito estadounidense.

Os foros de IMDb son comentarios do público e preguntas sobre películas, os seus gustos ou desagrados. Por políticas explícitas de contido os moderadores eliminan as mensaxes que se consideran ofensivos. Desde abril de 2005, o uso do foro está restrinxido ós socios de IMDb.

Aproximadamente o día 20 de febreiro de 2007 cámbiase o deseño de portadas para as películas.

IMDb ten unha páxina irmá chamada IMDb Pro, unha base de datos máis complexa que a básica que necesita unha subscrición de pago. IMDb Pro diferénciase en que dispón de miles de contactos de persoas e empresas ligadas á industria cinematográfica norteamericana, así como información de cásting. A diferenza do IMDb tradicional en IMDb Pro as películas de fala non-inglesa aparecen cos seus respectivos títulos traducidos.

Calquera usuario rexistrado pode subministrar información á páxina, aínda que esta non se fai visible de xeito inmediato, senón que é revisada e pasa un tempo ata que aparece na web. Tamén se ofrece a posibilidade de puntuar as películas, programas etc.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 1990 Col Needham deseñou un arcaico sistema de busca para as inxentes listaxes que se estaban elaborando no grupo de Usenet “rec.arts.movies.” Así, o 17 de outubro de 1990 marca o comezo da historia da Internet Movie Database, aínda que o sitio Web tardaría tres anos en chegar e seis en adoptar o seu nome definitivo. Col Needham viu en 1995 que tras aquel sitio, o primeiro da rede dedicado ó cine, había moito futuro; así que deixou o seu traballo e converteu IMDb en empresa.

Só haberían de pasar tres anos para que Jeff Bezos, fundador de Amazon.com, vira na base de datos cinéfila por excelencia a posibilidade de expandir o seu negocio cara á sétima arte. Desde aquel momento a IMDb viviu como mera espectadora, baixo o paraugas de Amazon.com, unha forte crise económica do sector durante os primeiros 2000. Na actualidade a IMDb é un punto de referencia para todos os internautas en termos de cine (e televisión) e un lugar obrigado para promocionar as grandes estreas de Hollywood.

Faltas[editar | editar a fonte]

Aínda que a IMDb semella recompilar a absoluta totalidade de películas producidas no mundo, detectáronse algunhas ausencias, debidas quizais á escasa transcendencia das mesmas e/ou a que son os propios usuarios rexistrados quen aportan información nova en moitas ocasións. Sobre todo hai carencias no mundo da curtametraxe e producións non anglosaxoas, aínda que a inmensa maioría de longametraxes mundiais están na web. Ademais, hai profesionais que aparecen por duplicado por seren creados dúas veces con pequenas variacións no nome. No caso español e galego isto adoita ser frecuente polo uso ou non dos tiles.

No eido galego, faltan algunhas curtametraxes e programas de televisión, o que non quita para que se recollan multitude de producións e profesionais e que se trate dunha base de datos moi valiosa tamén no relativo á produción audiovisual galega.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]