Viernes, 12 de Octubre de 2007
San Rosendo, bispo dunha Igrexa direfente nunha Galicia distinta
A celebración dos mil cen anos do nacemento de San Rosendo lévanos a dicir algunha cousa acerca das orixes da diocese que rexeu o Santo, e que, no día de hoxe, configuran as terras da nosa Igrexa Particular de Mondoñedo-Ferrol.
(Segundo L. Pérez López, Delegado Diocesano para o XI Centenario do nacemento de San Rosendo)
1. Bretoña. Hai unha parte de Galicia que alguén chamou a terceira Bretaña e que, sen dúbida, é mais grande que o propio territorio. Trátase da última Bretaña, que vai da ría de Ferrol ó Éo, e que é irmá das illas do Norte e da Armórica de Francia.

É unha Galicia distinta que ten o seu propio xeito de ser, de contar, soñar e de relacionarse co mundo. Vive na terra que vai do antigo mosteiro do bispo Mailoc, en Bretoña, chega a Ferrol, a cidade das luces, tendo o seu corazón en San Martiño de Mondoñedo e nas terras da chaira luguesa.

2. Dumio. Hai tamén outra Galicia, a do sur do Miño, que ten a súa capital en Braga e tivo o seu primeiro centro cultural da alta Idade Media en Dume.

No século VI da nosa era houbo alí un monxe, que logo foi bispo do seu mosteiro e mais tarde arcebispo de Braga. Chamouse Martiño de Dume ou de Braga. Pódese dicir que el fixo de Galicia unha terra cristiá fiel a Igrexa de Roma, limpando esta terra de superticións pagás e restos da herexía Priscialianista.

3. San Martiño. Nestas terras e destas Igrexas, dende os anos vinte a década dos corenta do século X, foi bispo San Rosendo, recollendo a tradición de dúas Igrexas de tipo monacal: A Igrexa dos Bretóns e a Igrexa Dumiense.

Nas terras dumienses nace Rosendo, e nas de Bretoña foi educado, viviu como monxe, chegando a ser bispo do que fora Dumio e Bretoña que, uns cento cincuenta anos antes se xuntaron para dar pé a nova diocese de San Martiño de Mondoñedo, preto de Foz.

4. Monxe. En San Martiño, Rosendo, foi un monxe exemplar e moi querido por todos; de tal xeito que, entre os 18 e os 20 anos, foi elixido Abade-Bispo polos seus compañeiros. Dinnos os seus biógrafos que como bispo foi para todos un pai e un verdadeiro exemplo de servicio e acollida. Pódese dicir que el deu unidade territorial ás terras que compoñen a diocese mindoniense practicamente hasta os nosos días. Como xa sabemos, tanto a Igrexa Dumiense como a de Bretoña, que se axuntan en San Martiño, non tiñan mais territorio que os arredores dos respectivos mosteiros e a súa autoridade pastoral so se estendía ás familias que vivían o servicio dos mosteiros. Os terreos que darán orixe a diocese mindoniense pertencían as igrexas de Iria Flavia e de Lugo.

5. Fundador. San Rosendo era da opinión de que o futuro de Galicia precisaba de moitos e grandes mosteiros. Así podía ser unha terra cultivada e organizada a sombra dos mesmos, como centros de espiritualidade e de cultura. Podemos, pois, afirmar que san Rosendo e a súa familia toman parte na renovación e na fundación da maior parte dos mosteiros galegos: bo exemplo témolo na súa intervención en Samos, Lourenzá, Portomarín, Caaveiro, etc.

6. Reformador. En Galicia existían unha grande cantidade de pequenos mosteiros de tipo familiar. Tiñan moitos problemas e apenas tiñan impacto na vida da sociedade Galega. Pola contra eran unha continua fonte de preitos e escándalos. San Rosendo propón un modelo novo coa fundación de Celanova: o mosteiro como centro de vida contemplativa, cunha liturxia solemne e vivencial; un foco de formación e cultura para os monxes e a sociedade en xeral e, incluso, como unha forma de organización social e de cultivo da terra.

7. Mondoñedo. A devoción a San Rosendo en Mondoñedo conservouse sempre viva. A sede de San Martiño foi trasladada ó val de Vilarmaior de Brea, que tomou o nome de Mondoñedo, onde se estableceu a se episcopal de San Rosendo a partir do século XII. Pero haberá que agardar ó século XVI para que unha reliquia de San Rosendo veña de Celanova a Se mindoniense. Foi o bispo Alonso Mesía de Tovar quen o fixo, en outubro de 1614, con grande festa e ledicia. Da fidelidade o santo Patrón da diocese hai boa constancia na catedral: no altar das reliquias, na fachada da catedral, no altar maior e nalgunha pintura aquí conservada.

8. Modelo. Aínda que San Rosendo viviu no século X, a súa figura segue a ser actual. El traballou por un pobo libre, culto e con identidade propia. Gracias a el e figuras como San Froilán ou San Pedro de Mezonzo, Galicia encarou o seu futuro con forza e confianza en si mesma, en conexión con Europa. Podemos falar dunha Galicia das luces cando noutros lugares hai que falar de idade escura ou de ferro. O XI centenario do seu nacemento supón un bo pulo para recuperar a súa persoa e a nosa identidade nesta Igrexa diocesana. Diocese que está bicada por dous mares: o Cantábrico, antano poboado de normandos e piratas, e o Atlántico, o océano cheo de misterios, que ve marchar o sol cada tarde e tanta atención lles chamara, xa no seu tempo, os romanos que escoitaban o chasquido das augas o enterrarse o sol nelas.


  
Temas a fondo |::| lavozdegalicia.es
 
  

© Copyright LA VOZ DE GALICIA, S.A.
Poligono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España)