Fundación Cidade da Cultura

Saltar ao contido

Redefinición e participación

A Consellaría de Cultura e Deporte vén traballando, desde o cambio de goberno producido en agosto de 2005, na redefinición dos usos Cidade da Cultura. Ao longo deste período, sucedéronse unha serie de informes e estudos centrados no redimensionamento do proxecto. Esta iniciativa complementouse cun proceso de consulta no que participaron os principais axentes do tecido cultural galego.

Culminada a análise, o 26 de decembro de 2006 presentouse no Parlamento Galego o novo proxecto de usos da Cidade da Cultura. Un plantexamento que entende o complexo como un foco de prestación de servizos culturais e de desenvolvemento económico, por medio da promoción de Galiza no mundo.

De seguido exponse o proceso que derivou no novo plan de usos da Cidade da Cultura de Galicia.

Evolución do proceso de redefinición

A participación dos axentes culturais na redefinición da Cidade da Cultura foi un dos primeiros compromisos adoptados pola Consellaría de Cultura e Deporte tras o cambio de goberno en agosto de 2005.

Daquela, a Cidade da Cultura tiña un orzamento licitado por valor de 373,8 millóns de euros, estando o edificio da Hemeroteca practicamente rematado, o da Biblioteca no ecuador da súa construción e o Museo da Historia de Galicia acadando case que un terzo do seu desenvolvemento arquitectónico, de aí que os esforzos na redefinición dos usos e dos contidos se centrasen nos dous últimos edificios do complexo, o Teatro da Música e o Edificio de Novas Tecnoloxías, que estaban nas súas fases iniciais.

En xaneiro de 2006, a Consellaría de Cultura anunciou a suspensión temporal das obras do Teatro da Música e do Edificio das Novas Tecnoloxías por un período de catorce meses, tras acadar un acordo coas empresas construtoras. Paralelamente, a Consellaría intensificou os contactos con institucións culturais para procurar a redefinición de usos do complexo do Monte Gaiás; así, solicitáronse informes ao Consello da Cultura Galega e ao Museo do Pobo Galego, ao tempo que un equipo da Consellaría elaboraba a base cultural dos contidos para o Edificio das Novas Tecnoloxías e o Teatro da Música.

Por cabo, a finais de marzo de 2006, iniciábase un proceso de consulta con representantes de diferentes sectores culturais para recoller as súas achegas na definición das funcionalidades e das potencialidades culturais de ambos os dous contedores.

O proceso de redimensionamento e redefinición do proxecto construtivo e cultural do Monte Gaiás estéase en cinco grandes orientacións:

  • A súa ideación como espazo arquitectónico e cultural unitario, non como un sumatorio de contedores culturais, para poder aproveitar as súas sinerxías no marco dunha programación cultural integrada.
  • A consideración da Cidade da Cultura como un equipamento para a afirmación da identidade cultural de Galicia, a un tempo soporte de apoio ás capacidades creativas da sociedade galega e medio para a visualización e proxección mundial da nosa arte e cultura e o intercambio cultural.
  • A súa xestión como un instrumento activador do patrimonio histórico e cultural de Galicia, para procurar a súa recolleita, conservación, sistematización e posta en valor como fundamento de novas creacións culturais.
  • O seu deseño como un espazo para a innovación e a promoción de novos proxectos e iniciativas culturais, como unha factoría cultural, e para traballar en rede con outros centros de creación cultural do país.
  • A súa concepción como un conxunto de infraestruturas, equipamentos e recursos humanos e financeiros postos ao servizo da creación de coñecemento, como un espazo integrador de compoñentes informativos, educativos, culturais, turísticos e recreativos, como ámbito para a aplicabilidade das TIC ás manifestacións artísticas e como un centro de ensaio de I+D+i especializado en produtos e bens culturais.

O 26 de decembro de 2006 a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentaba no Parlamento Galego o novo proxecto de usos para a Cidade da Cultura de Galicia. Grazas a este traballo, o complexo converterase nun foco unitario de prestación de servizos para o sector cultural. Asemade, a Cidade da Cultura actuará como un motor de promoción de Galiza no mundo, converténdose nun activo para o desenvolvemento económico do país.

O complexo estará integrado polos seguintes recintos:

  • Biblioteca Nacional
  • Arquivo Nacional
  • Centro de Investigación de Patrimonio
  • Museo da Historia de Galiza
  • Centro de Arte Internacional, dentro do que se situarán
    • Museo dos nenos
    • Centro de enlace cultural
  • Escenario Obradoiro



© cidade da cultura de galicia