Compostela cultura

Estás en: Destaques > Conferencias > Antón Fraguas, in memoriam
Antón Fraguas Fraguas nunha foto sepia

O CCG CELEBRA O CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

Antón Fraguas, in memoriam

(27/12/2005) A Sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega (CCG) homenaxeará este mércores, día 28, a figura de Antonio Fraguas Fraguas, antropólogo, historiador e un dos membros máis insignes e queridos desta institución.

Foi un home de grande humanidade e preocupado desde os seus anos mozos pola recuperación, conservación e difusión da cultura galega.

O acto de lembranza, organizado co gallo do centenario do nacemento de Fraguas, terá lugar no salón de actos do CCG ás 19:00 horas e contará coa presentación de Alfonso Zulueta de Haz, presidente do Consello da Cultura Galega, e coas intervencións de Clodio González Pérez e Francisco Calo Lourido, membros da Sección organizadora.

Unha figura inesquecíbel da cidade
Antonio Fraguas Fraguas naceu o 28 de decembro de 1905 en Loureiro (Cotobade) e morreu en Santiago de Compostela o 5 de novembro de 1999, cando aínda formaba parte do CCG, como coordinador da súa Sección de Antropoloxía Cultural e membro do seu Plenario, pola súa traxectoria vital e cultural dedicada a Galicia. Foi un home de grande humanidade e preocupado desde os seus anos mozos pola recuperación, conservación e difusión da cultura galega.

Do seu labor como antropólogo, historiador, xeógrafo ou docente deixounos un leigado intelectual, recollido en numerosas publicacións e iniciativas persoais en institucións: presidiu o Museo do Pobo Galego, no que foi Cronista Xeral, e a Real Academia Galega. Formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou o propio Consello da Cultura Galega. Esta preocupación pola revalorización e dignificación de distintos aspectos da cultura galega, como os oficios populares, a literatura oral, o traxe tradicional, a lingua, a historia ou a arte, fixérono merecedor de numerosos premios e recoñecementos públicos, chegando a formar parte da , da Real Academia de la Historia, da Associação de Arqueólogos de Portugal e da Sociedade Portuguesa de Etnologia e Arqueologia.
O catedrático de Xeografía e Historia escribiu un considerábel número de libros sobre xeografía, sobre o traxe galego, sobre romerías, sobre a Porta Santa, etc: as Aportacións ao cancioneiro de Cotobade, (Fundación Otero Pedrayo, Ourense, 1985) ou o Cantigueiro tamén da súa terra que editou en Do Castro (Sada) o ano anterior á súa morte, o ensaio sobre o Entroido e as festas na Biblioteca de "El Correo Gallego", no 92, o estudo sobre Celso Emilio publicado pola RAG, ou os volumes sobre Fonseca, editados polo Instituto Padre Sarmiento. Adentrouse no mundo das festas e das crenzas populares con Galicia máxica.

Ademais do ensaio, cultivou tamén a narrativa cos relatos O conto de Serafín; O santuario da Franqueira, As cousas de Antonio de Insuela, ou a recopilación das "Lendas de Fonte Formás."

Foi conferenciante en Galiza, Portugal e Bos Aires, e participou en varios simposios e medios de comunicación. Foi premiado co Trofeo "Galeguidade 98."

Máis destaques de cursos e charlas