Conta o teu caso

Estamos a traballar nunha web especificamente destinada ás denuncias de casos de exclusión da sanidade pública por parte da Xunta de Galicia. Mentres tanto, poñemos á túa disposición este canal para que nos contes o teu caso: abonda inserir un comentario e contar o que desexes.

Se preferes facer unha denuncia anónima, podes escribirnos a iniciativa.bencomun@gmail.com co compromiso de que respectaremos escrupulosamente todos os datos persoais que nos proporciones.

*  *  *  *  *

Para aquelas persoas que aínda non teñen claro en que consiste o tarxetazo sanitario perpetrado polo goberno Feijoo, que inaugura unha nova era na cal a sanidade pública deixa de ser un dereito da cidadanía para pasar a ser unha «graza outorgada» pola caridade do poder público, aquí vai unha explicación ben clariña elaborada por Carme Verde, membro da Marcha Mundial das Mulleres .

Despois de recabar información do que significa realmente o recén aprobado DECRETO 209/2011, de 27 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios pretados nos centros dependentes do SERGAS e nas Fundacións públicas sanitarias (entrou en vigor o 9 de novembro de 2011), esta é a situación:

Foi aprobado un protocolo interno do Sergas sobre a tramitación do dereito á prestación da asistencia sanitaria, onde se recollen as esixencias ás persoas desempregadas dende hai 12 meses e o recorte do dereito para as persoas estranxeiras e sen recursos (PSR). O protocolo interno do Sergas é resultado da Orde de 5 de setembro, que actualiza o procedemento para o recoñecemneto do dereito á asistencia sanitaria das persoas sen recursos económicos suficientes (PSR), das persoas que se atopan en situación de demprego (Código 29) e das persoas estranxeiras. Entrou en vigor 29 de setembro de 2011, é de aplicación nos Centros de Saúde de Galicia e desde o día 18/11/2011 existe certeza de que xa se está aplicando nalgúns deles.

En resumo, as cousas quedan así:

O Decreto 209/2011 especifica as persoas que SI teñen cuberta a súa asistencia sanitaria e farmacolóxica e polo tanto as «tarifas» que presenta serán de aplicación para aquelas que non a teñen.

Son dous grandes grupos de persoas as que quedan sen cobertura sanitaria garantida: I) desempregados que teñan perdido a cartilla sanitaria despois de rematar o subsidio (12 meses de desemprego); e II) personas sen recursos (PSR) que nunca estiveron dadas de alta -non teñen número da Seguridade Social- entre as cales o protocolo interno do SERGAS inclúe os estranxeiros, sen especificar diferenza algunha respecto da súa situación administrativa en España.

  • I. As persoas desempregadas que remataron o seu subsidio de desemprego quedan sen asistencia sanitaria-farmacéutica tres meses máis tarde; se queren recuperala, teñen obrigatoriamente que realizar unha solicitude a través do chamado Código 29 que lles volve a garantir os dereitos sanitarios por 2 anos, xa que despois dese prazo teñen que renovar a petición. Este método presenta varios problemas:
    • a) que estas persoas teñen que ser comunicadas prontamente de que quedan sen asistencia sanitaria-farmacolóxica;
    • b) que a solicitude para recuperala ten que repetirse cada dous anos;
    • c) que tramiten a solicitude a través dos seus centros de saúde en tempo;
    • d) que non se produza entre unha situación e outra un intervalo de tempo durante o cal non terían dereito a cobertura sanitaria e se lles aplicaría o Decreto 209/2011, tendo que pagar as prestacións durante este período.
  • II. Ás «persoas sen recursos» (PSR) ocórrelles algo similar. Teñen de por si dereito a urxencias, pero non a ter médico de cabeceira asignado nin gastos farmacéuticos (agás os menores de idade e as embarazadas). Terían que solicitar estas prestacións a través dun procedemento que dura entre 1 e 2 meses. O problema nesta situación é que durante este período se lles aplicaría o Decreto 209/2011 e terían que pagar. A maiores, faraselles asinar un compromiso de pagamento para o caso de se atoparen nunha situación de non cobertura.
    Neste grupo de PSR, están incluídos os estranxeiros. O Decreto 209/2011 alude a «6. Cidadáns estranxeiros, nos supostos previstos»… e se imos á Lei 2/2009 de estranxeiría ou á Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, nelas establécese que teñen os mesmos dereitos sanitarios que os españois, ou sexa a «universalidade» da asistencia médica e farmacéutica. Non obstante, o PROTOCOLO INTERNO DO SERGAS contradí o anterior: especifica que os estranxeiros, a partir do 1 de xaneiro de 2012, poderán acceder a esa asistencia médico-farmacéutica aos 183 días de estar censados nun concello. Isto é, durante os primeiros 6 meses de residencia nun concello NON terán cobertura sanitaria nin farmacéutica e durante ese prazo aplicaraselles este Decreto 209/2011, polo que terán pagar polas prestacións sanitarias os prezos que alí se indican.

Existe a maiores outro efecto perverso na aplicación do protocolo do SERGAS. Téndese a agrupar máis persoas nunha única cartilla «familiar» -en vez de pensar no dereito individual das persoas á sanidade- polo que, a efectos da Administración, os médicos e médicas serán contratados en función do seu «cupo» cun nº de cartillas x -como agora- pero na realidade terán cada vez mais pacientes xa que 1 cartilla non corresponde a 1 paciente senón que pode pode conter 3, 4, 5… persoas asociadas. Ou sexa: o persoal sanitario, na práctica, non poderá mais que reducir o tempo de atención para cada paciente, devaluando a calidade na atención sanitaria pública.

*  *  *  *  *

Documentación citada: