VARAMENTOS

Quenlla fociñuda en Marín

O buque arrastreiro con base en Marín "Gonzacove Uno" capturou accidentalmente nas profundidades da plataforma de Galicia un rarísimo exemplar de quenlla fociñuda -"tiburón duende" en castelán- (Mitsukurina owstoni) , macho de 161 cm de lonxitude. O exemplar entrou na rede do barco a principios de febreiro durante unha faena de pesca a  máis de 400 m de profundidade.

Sendo conscientes da singularidade do caso, a tripulación púxose en contacto coa CEMMA, ao coñecernos por ter levado a cabo numerosos programas de divulgación e concienciación co sector pesqueiro sobre a problemática da captura accidental de cetáceos e tartarugas, e tamén de quenllas como os momos e outras especies pouco frecuentes como a que nos ocupa.

Dada a rareza e o grande interese científico do exemplar, acordouse cos mariñeiros a súa doazón ao Museo da Natureza da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) en Ferrol -como xa se tiña feito anteriormente noutros casos similares-, para a toma de biometrías, mostras, e posterior conservación e incorporación á mellor colección de fauna mariña de Galicia, formando parte da colección expositiva que está preparando nas súas novas instalacións.

A quenlla fociñuda é unha especie demersal de cor cincenta pálida a rosácea, que destaca polo alongado fociño cartilaxinoso con forma de espada aplanada situado sobre a curiosísima boca protráctil,  característica das quenllas primitivas. Pode chegar a acadar un tamaño de ata 4 m. Descoñécese o tamaño da cría recén nacida e pénsase que a reproducción é ovovivípara. As aletas dorsais e pectorais son pequenas e redondeadas, as pélvicas e a anal son de maior tamaño.

Os paleontólogos relaciónano coas especies fósiles do Cretácico Scapanorhynchus e Anomotodon. O primeiro rexistro a nivel mundial da especie data de 1897, cando foi capturado por un pescador un exemplar na corrente de Kuro-Shivo, á altura de Yokohama (Xapón). Anos despois Carlos I, rei de Portugal capturou outro exemplar durante unha das súas campañas oceanográficas. A pesar de ser unha especie que se distribúe por todos os océanos é unha das menos coñecidas.

POUCOS REXISTROS NO MUNDO

Só constan 73 rexistros nos catálogos especializados en todo o mundo, de todos eles só seis apareceron na costa atlántica europea. Dous destes rexistros foron en Galicia, xa que o anterior exemplar, de 122 cm de lonxitude, foi recollido tamén polo mesmo barco no ano 2003; exemplar que xa conserva o Museo da Natureza da SGHN e que é unha das pezas de maior admiración pública pola súa estraña fisionomía.

 

 

 
 

 

Varamentos