domingo 25 maio 2014

Racing de Ferrol 2013/14: goles foron amores

Isidro Silveira, presidente do Consello de Administración, non aceptou as propostas do técnico berciano de corrixir defectos e tomar decisións para seguir coa progresión do equipo

Unha mala noticia para os adeptos ao Racing de Ferrol: José Manuel Aira non seguirá sendo adestrador do cadro verde. As conversas sostidas co presidente chegaron a un punto final tan feo como agardado, tan estraño como inevitábel…
Foi a pugna dialéctica entre a continuidade e o continuismo. Aira quería mellorar cousas, darlle continuidade a todo o que dende hai dous anos empezou a tomar forma con resultados, participando agora nas decisións da política deportiva, corrixindo detalles que esta temporada non se fixeron ben. Para que en 2014/15 o Racing afrontase a exixencia de estar arriba e chegar en condicións axeitadas con maiores argumentos.

sábado 24 maio 2014

Racing Club de Ferrol - Club Gimnàstic de Tarragona 0-0 (Sáb 24-05-2014 / 1E-volta / FA2)

ALMA, CORAZÓN E BÁGOAS

O Racing de Ferrol empata sen goles co Nàstic e cae eliminado na primeira rolda da Fase de Ascenso á Segunda División pechando unha excelente temporada 2013/14

A piña formada por José Manuel Aira e os seus xogadores no centro do campo unha vez rematado o encontro desta tarde n`A Malata resume á perfección o que foi a temporada recén concluída para o Racing de Ferrol. Un grupo unido, comprometido, que deu todo o que puido para chegar o máis lonxe posíbel nun exercicio sen obxectivo ambicioso que só se pode calificar de brillante: espectacular retorno á Segunda B con merecido subcampionato e clasificación para a fase polo ascenso caendo ante o oficio do Gimnàstic de Tarragona coas bombonas de aire en reserva.

venres 23 maio 2014

RACING DE FERROL-GIMNÀSTIC DE TARRAGONA: A Malata tamén xoga

O sábado 24 de maio ás 17:45h o Ferrol futbolístico ten unha cita ineludíbel. Un Racing-Nàstic decisivo, con dous goles a superar para pasar á segunda rolda da Fase de Ascenso á Segunda División.
Durante esta semana son moitas as reflexións en relación ás posibilidades do equipo verde. A historia non está da súa parte, xa que o Racing nunca superou dous goles en competicións por eliminatorias. Pero a ilusión da afección e as ganas do cadro que dirixe José Manuel Aira de poñer fin a esa especie de maleficio foi tomando dimensións descomunais segundo os días, as horas, se suceden.

martes 20 maio 2014

REMONTAR PARA RACHAR A HISTORIA

Tras a derrota do pasado domingo en Tarragona, o Racing de Ferrol e a súa afección esfórzanse por crer que é posíbel a remontada o vindeiro sábado n`A Malata. O 2 a 0 do Nou Estadi non é o marcador máis desexado para intentar superar a un bo rival como o tarraconense, pero iso non significa que resulte imposíbel de voltear. No fútbol, como na vida, case todo é factíbel e sobre de todo o é cando se cre firmemente na empresa. Crer na remontada é un primeiro paso necesario; e aprender do acontecido hai dous días para facer en Ferrol o partido demandado polas circunstancias é o segundo e transcendental paso.

domingo 18 maio 2014

CLUB GIMNÀSTIC DE TARRAGONA - RACING CLUB DE FERROL 2-0 (Dom 18-05-2014 / 1E-ida / FA2)

O RACING CAEU NA TRAMPA DO NOU ESTADI (2-0)
Un práctico Nàstic ponse por diante na eliminatoria ante un Racing sen profundidade nin pegada que terá que marcar tres goles en Ferrol para seguir na Fase de Ascenso

O obxectivo verde no Nou Estadi era, ante todo, marcar. Pero os de José Manuel Aira a penas foron quen de crear ocasións para facer realidade ese anhelo. Tiveron bastante a pelota, pero só onde lles deixaba un Nàstic fiel ao seu estilo de esperar, observar, aproveitar o erro dun voluntarioso pero impreciso rival e sair con alta velocidade, con descarada verticalidade, con cualificados apoios e con ideas claras ao contragolpe. Así ganou o cadro de Vicente Moreno, un gran equipo que non deu un baño ao Racing de Ferrol nin nada semellante pero está cheo de oficio, experiencia e talento.

venres 16 maio 2014

NÀSTIC-RACING DE FERROL: COMEZA A BATALLA

A Fase de Ascenso á Segunda División (FA2) da temporada 2013/14 xa está aquí. O Club Gimnàstic de Tarragona é o rival do Racing Club de Ferrol na 1ª eliminatoria, e este domingo ás 19,00 (TV3) o Nou Estadi, pegadiño á A-7, ao noreste da cidade catalá, é o escenario do encontro de ida. Será o nº 58 que dispute o cadro verde nunha fase de ascenso á “división de prata” -o nº 35 dende a Segunda B-. Asemade, será a primeira vez que compita cun equipo catalán nun play-off para dar o salto á Segunda División.

luns 12 maio 2014

GIMNÀSTIC DE TARRAGONA, RIVAL DO RACING DE FERROL NA PRIMEIRA ELIMINATORIA DA FASE DE ASCENSO Á 2ª DIVISIÓN

Eliminatoria de campións de grupo (ida):

Sestao River C. - Albacete B., SAD
U.E. Llagostera - R. Racing C., SAD

Eliminatoria de segundos contra cuartos de grupo (ida):

C. Gimnàstic de Tarragona, SAD - Racing C. de Ferrol, SAD
C.D. Guijuelo - C.D. Leganés, SAD
Cádiz C.F., SAD - Cen. E. L`Hospitalet
U.D. Las Palmas At. - La Hoya Lorca C.F.

Eliminatoria de terceiros contra terceiros de grupo (ida):

C.D. Toledo, SAD - C. Lleida Esportiu Terraferma C.F.
F.C. Cartagena, SAD - R. Avilés C.F., SAD

Na eliminatoria entre campións ascenden os vencedores da mesma, e os derrotados continuarán xogando a Fase de Ascenso dende a segunda rolda. 
Os partidos de ida dos oito emparellamentos saídos do sorteo desta tarde na RFEF disputaranse a vindeira fin de semana, e na seguinte celebraranse os encontros de volta. 
Os goles en terreo contrario valen dobre no caso de producirse un empate no global dos dous partidos. De non resolver esta fórmula a eliminatoria procederíase á disputa dunha prórroga de trinta minutos dividida en dous tempos de quince. Se fose preciso se recurriría a unha quenda de penaltis, a razón de cinco lanzamentos por equipo, prolongándose os mesmos, no seu caso, até adxudicar un vencedor.




FA2: Las Palmas At., Nàstic ou Cádiz, dous amarelos e un granate

Quedan escasas horas para coñecer o rival do Racing de Ferrol na primeira rolda da Fase de Ascenso á Segunda División 2013/14. Como segundo clasificado do seu grupo, o cadro verde confrontará cun cuarto dalgún dos restantes grupos. Concluída onte a liga regular na Segunda B, Las Palmas Atlético, Gimnàstic de Tarragona ou Cádiz son os posíbeis para un equipo, o de José Manuel Aira, que vivirá a súa segunda fase de ascenso en dous anos.

U.D. LAS PALMAS AT.
O segundo equipo da entidade canariona é unha incognita. Acabou no cuarto lugar do grupo segundo marcando cincoenta goles e encaixando tan só vinte e sete. Non perdeu ningún encontro nas últimas dez xornadas ligueiras. As súas seis derrotas producíronse ante o campión (Sestao River), Leganés, Getafe B, Barakaldo e Toledo. No seu terreo só cedeu os tres puntos nunha oportunidade, diante do Conquense, na 19ª xornada.
A U.D. Las Palmas está experimentando un auxe deportivo esta temporada. Co primeiro equipo loitando por, como mínimo, unha praza na Promoción de Ascenso á Primeira División (PA1), a súa canteira pide paso e dá resultados para reverdecer o prestixio do fútbol insular. 
Confrontar cun filial nunha fase de ascenso sempre dá lugar ás dúbidas. Que rival nos atoparíamos? Os segundos equipos adoitan ser quen do mellor e do peor nunha competición, pero Las Palmas Atlético demostrou competitividade. Non sería a primeira vez que o Racing se atopa nestas tesituras cun filial. Na Fase de Ascenso á Segunda División de 2003/04 competiu na súa liguiña con Sevilla B e At. Madrid B. No filial sevillista, que vivía unha época dourada, estaba xente como Sergio Ramos, o malogrado Puerta, Jesús Navas ou Kepa. E o Racing fora quen de vencer en feudo andaluz. 
A U.D. Las Palmas At. xoga no anexo ao estadio de Gran Canaria. A presión do público non sería excesiva pero a viaxe a Canarias é longa.

C. GIMNÀSTIC DE TARRAGONA
Un histórico que quere regresar á Segunda División. O Nàstic tivo un brutal remate ligueiro no grupo terceiro con dez vitorias nas últimas dez xornadas. A loita foi tremenda por unha praza na FA2 nese grupo pero os de Tarragona andiveron moi centrados no obxectivo de colarse e non fallar. 
No capítulo goleador fixo números parecidos ao Racing (cincoenta e dous tantos a prol por trinta e sete en contra). No seu plantel salientan Iván Aguilar, Lago Júnior e o ex-albaceteño Rocha. Equipo con calidade ben repartida e oficio, o club contou esta temporada cun orzamento elevado e unha masa social fiel, esperanzada e numerosa. O cadro tarraconense contaría cun apoio masivo no seu Nou Estadi (con capacidade para 14.500 espectadores), disposto a darlle continuidade á excelente segunda volta feita na liga regular.

CÁDIZ C.F.
O outro equipo amarelo que pode tocar esta tarde no sorteo da RFEF é o Cádiz. O club andaluz semella o máis complicado dos tres posíbeis rivais verdes na primeira rolda da FA2. O equipo gaditano tamén terminou a liga no grupo cuarto con bos números, pois non coñeceu a derrota nas últimas oito xornadas. A súa crise de resultados xa a pasou, entre as xornadas 16ª e 26ª. Equipo con experiencia en fases de ascenso (disputou tres nos últimos seis anos), foi o máis realizador dos catro grupos (setenta e cinco dianas), conta con elementos casados co gol como Kike López, Juan Villar (dezaoito) e sobre de todo Airam (con vinte e tres un dos principais artilleiros da categoría nesta temporada) e un plantel cheo de talento, percorrido e ganas -e obrigación- de ascender. 
O factor campo sería un dos seus principais aliados. O Ramón de Carranza, con algo máis de 25.000 localidades, sería un inferno a vindeira fin de semana. As afeccións tamén xogan. 

Toque o rival que toque, o feito de disputar o partido de volta n`A Malata é unha baza importante (aínda que non totalmente decisiva) para o Racing. 

domingo 11 maio 2014

S.D. Noja - Racing C. de Ferrol, SAD 1-3 (Dom 11-05-2014 / 38ª xor. / CL2B)

SUBCAMPIÓNS!
O Racing de Ferrol venceu ao pechaportelos Noja e termina a liga regular 2013/14 no segundo posto do grupo primeiro da Segunda División B

Rematou a liga. Unha máis, e xa van oitenta e unha disputadas polo Racing de Ferrol dende 1929/30 (en 1928/29 disputárase sen éxito un torneo clasificatorio por dúas prazas vacantes na Segunda B, logo chamada Terceira División). Trinta e catro temporadas no segundo, trinta e oito no terceiro e nove na cuarto nivel ligueiro contemplan ao vello Racing até hoxe. 
O cadro verde incautouse a segunda praza do grupo primeiro -que xa ocupara durante doce xornadas anteriores a esta- tras vencer en Noxa. De nada serviulle ao Real Avilés o 4 a 0 que lle meteu ao Zamora. O Guijuelo nin puido entrar na pelexa ao ser derrotado no dificilísimo terreo do Caudal, que elude co seu triunfo o descenso directo (que experimentaron finalmente S.D. Logroñés, derrotado en Ourense, Celta B e Noja) e se engancha á Promoción de Permanencia. A clasificación final en CL2B-I queda así:



O equipo de José Manuel Aira xa agarda ao bombo de Las Rozas, ao que decida o sorteo que mañá terá lugar na sede da RFEF. Os posíbeis rivais verdes na 1E (primeira eliminatoria) xa son do dominio público: Las Palmas Atlético, Gimnàstic de Tarragona ou Cádiz, cuartos clasificados nos seus grupos, para unha rolda en todo caso apaixoante que dará comezo a vindeira fin de semana.

Esta tarde Jorge Rodríguez tivo presa por marcar e despachar canto antes ao derradeiro clasificado nesta liga. O torrelaveguense, heroe oficial racinguista a semana pasada, quixo asumir protagonismo á beira da praia de Trengadín e antes de cumprirse o primeiro minuto xa abría o marcador de La Caseta. Repetiu experiencia goleadora á media hora para canalizar a vitoria e o Racing alcanzou o descanso coa sensación de ter os tres puntos practicamente no peto.
No segundo acto apareceu ese Noja solto, cómodo, sen presión, que estaba acadando bos resultados nas últimas semanas. E unha man de Víctor Vázquez preto da área deu lugar a unha falta coa que o Noja se meteu no partido. Porén, a cousa non foi a maiores e o Racing de Ferrol inxectou un calmante ao electrónico co tanto do xuvenil Carlos López. O 1 a 3 definitivo que permitía reconquistar o segundo posto da clasificación.

CINCO SUBCAMPIONATOS LIGUEIROS NO TERCEIRO NIVEL
Como queda dito, non é a primeira vez que o Racing de Ferrol remata unha competición de liga no seu terceiro nivel (ven sexa na antiga Terceira ou na Segunda B) como subcampión -de grupo ou absoluto-.
Na temporada 1929/30 o Racing de Ferrol, campión do subgrupo galego, foi subcampión do grupo 1º da Terceira División logo de que na final a dous partidos contra o Club Gijón (campión do subgrupo asturiano) perdera en La Campona e non pasara do empate no Inferniño. O cadro verde obtivo ese subcampionato sen adestrador. Empezara no cargo o aragonés José Meseguer durante o Campionato de Galicia e posteriormente o club quixo fichar para a Liga a José Planas -que fixera campión galego invicto ao cadro verde a campaña anterior- pero nesa ocasión non houbo acordo entre as partes no terreo económico. Planas marcharía ao potente Arenas de Guecho (que estaba na Primeira División) e o Racing disputou a competición ligueira, como queda dito, sen técnico.
O conxunto ferrolán volveu a ser subcampión de grupo na Terceira División na campaña 1961/62, desta volta baixo a dirección de Santiago Vázquez Díez. O Lugo fora o primeiro clasificado con seis puntos de vantaxe. Os verdes disputaron a Fase Promocional de Subcampións, que unha vez superada daba o billete á Promoción de Ascenso á Segunda División. Pero o Jerez Deportivo (actual Xerez Deportivo) foi quen de levantar cun 3 a 1 o 2 a 1 que lograra o Racing no estadio Manuel Rivera. Julito Nogueira marcara os tantos na ida e Lamelo o gol ferrolán no vello estadio Domecq da cidade xerezana.
En 1995/96 logrou o Racing o seu terceiro subcampionato de grupo no terceiro nivel da Liga. Nesta ocasión xa na Segunda B, que suplira á vella Terceira nese "piso" do edificio ligueiro español a partir da temporada 1977/78. Naquela campaña 1995/96 o equipo de Luis Rodríguez Vaz (que xa ascendera á Segunda División ao Racing en 1977/78) quedara no segundo lugar tras a U.D. Las Palmas. Logo disputaría a fase de ascenso, que era polo sistema de puntos. Pero na liguiña acabou na derradeira posición tras Levante, Córdoba e Real Avilés Industrial (actual Real Avilés). 
En 2003/04 o Racing de Luis César regresou vía FA2 á "división de prata" ao primeiro intento (descendera a temporada anterior) tras quedar clasificado no segundo posto do grupo primeiro da Segunda B. Naquela liga regular fora campión o Pontevedra. O conxunto ferrolán superaría a Sevilla B, Castellón e At. Madrid B nunha liguiña que tivo na derradeira xornada emoción e suspense en cantidades industriais, coa derrota case sen querer no Cerro del Espino ante o filial colchonero e a vitoria do Castellón (uh, aquel paradón de Oliva!) ante o segundo equipo palangana que deu luz verde ao ascenso departamental e a ledicia subseguinte do milleiro de heroes racinguistas desprazados a Maxadahonda, onde houbo que aturar corenta carpeto-vetónicos graos de temperatura e un sol implacábel... nunha bancada descuberta. Reconfortou -a parte da enorme cantidade de auga servida no campo aos sedentos afeccionados ferroláns- o detalle final do Atlético de Madrid cando puxo os acordes do himno racinguista unha vez rematado o "match".

Esta tarde o Racing de Ferrol, o Racing de José Manuel Aira (cento seis partidos de liga, un do Campionato de España / Copa del Rey e tres de Copa RFEF); este Racing que de trinta e seis partidos ganou dezasete, empatou doce e perdeu tan só sete (tres deles n`A Malata); este Racing que acabou sendo o equipo máis goleador do grupo con cincoenta e oito dianas; que estivo vinte e cinco xornadas en prazas FA2 (dende a 14ª); este Racing que contou con até seis gardametas durante a temporada, Mackay, Camacho, Marcos Souto, Valín e os canteiráns De Santiago e Quique; nos labores defensivos con Rubén, Víctor Vázquez (o do gol oficial nº 5.000), Antonio, Pérez, Pumar, Dopico e os canteiráns Amil e Juan Rodríguez; no centro do campo con Pablo Rey (que golazo o do Nuevo Tartiere!), Vela, Dani Rodríguez, Iago, Forte, Villar, Marcos e a rapacería dos Toni, Álex Ares, De Diego, Álvaro Rey e o madrileño do filial Morais; e arriba coa dinamita e corazón de Jorge Rodríguez, heroe do partido dos desvelos do chulesco Calderé, e Manu Barreiro, o "crack", o ídolo, o deus...; este Racing, señoras e señores, convida aos seus seareiros, alí onde estean, a soñar. 

Mañá, a primeira hora da tarde, unha bola indicará o primeiro paso para poder facer realidade unha ilusión colectiva. O "capítulo 2.0" do rexurdimento verde segue o seu curso.

PARABÉNS RACING, FELICIDADES FERROL, E MOITA SORTE!!!!!





venres 09 maio 2014

Morreu Alfredo Pascual, pulmón e corazón verde a finais dos sesenta

Alfredo Pascual coa gloriosa camiseta racinguista
Esta tarde saltou a triste noticia do falecemento de Alfredo Pascual Sáenz, ex futbolista e ex adestrador do Racing de Ferrol. Pascual, nacido na localidade segoviana de Chañe o 9 de xuño de 1945 pero criado na biscaíña de Baracaldo, chegara a Ferrol procedente do Indauchu, para reforzar un centro do campo no que xunto aos vascos Juan Luis Igartua e sobre de todo Víctor Aurre foi protagonista e garantía de talento e de maneira especial dun pundonor e unha forma física espectaculares nunha época dourada do club verde. 
Pascual estreábase coa Verde nun partido ligueiro ante o Real Murcia. Era o 15 de setembro de 1968 e esta a ficha técnica do encontro:

Dom 15.SET.1968 (2ª Xor. / CL2) Ferrol–Murcia 1-2 
6.000 espect. (loc. est. Manuel Rivera: 8.000). C. Ferrol: Santi; Aurre, Arturo, Carlos; Igartua, Pascual; Juan, Ledo, Germán, Roberto, Arroyo. (Banco: ...?). Adestr: Juan Ramón Santiago. C.R. Murcia: Gómez; Robles, Maraver, Rebellón; Silvio, Erviti; Juan Antonio, Más, Iznata, Ilundain, Pose. (Banco: ...?). Adestr.: Rafael Yunta, Rafa. Árbitro: Sr. Santana Páez (Lpm.). Auxiliares: ...? Goles: 0-1 Silvio 23’; 1-1 Juan 40’; 1-2 Silvio 58’. Disciplina: Amt> Aurre; Robles. NOTAS: 1) Antes do comezo Germán recibiu o trofeo ao máximo goleador verde da temporada pasada outorgado pola tenda de confeccións Rafael y Vicente e foi homenaxeado o C. Esteiro S.D., campión galego de modestos da temporada 1967/68. 2) Choveu no 2º tempo. 

O Racing (entón Club Ferrol) estivo a piques de ascender á Primeira División, como é sabido, aquela excelsa campaña 1968/69 na que estivo dirixido dende o banco por Juan Ramón Santiago. Alfredo Pascual disputou nela 29 partidos e marcou un gol. Participou intensamente nunha liga dura e ilusionante, na que o cadro ferrolán se postulou ao ascenso. Tamén probou nas súas carnes a tensión ás veces incontrolada que xenera estar a moitas revolucións no fragor da batalla balompédica. Foi ao rematar o partido da 23ª xornada no Ramón de Carranza ante o Cádiz, onde o equipo verde sumara un punto. Pascual sufriu a agresión dun ex racinguista, Tucho de la Torre e a forza pública tivo que intervir para que a cousa non fose a maiores. 


Un gran Racing con Pascual no once, nun Manuel Rivera en tarde pechada de chuvia e lama a esgalla na temporada 1969/70. Fútbol de carne e óso.

Na temporada seguinte Pascual prodigouse no quinteto atacante pero sen deixar a posición de medio voante. Compartiu tarefa con Víctor Ledo, co redondelán Germán, con Jesús Garrido, con Manuel Fernández Amado, con Domingo Erviti, co cántabro Roberto López... Xogou 34 partidos e fixo dous tantos. Para o Racing, especialmente, foi unha campaña copeira, porque o seu percorrido no "torneo do k.o." foi estupendo, caendo con polémica arbitral nos cuartos de final ante o Valencia tras deixar fóra a dous conxuntos da Primeira División, Hércules e Elche, e despois ao Betis. Pascual estivo en todos os encontros e esta é a ficha técnica do que perdeu o cadro verde no Manuel Rivera ante os de Salvador Artigas:

Mér 10.XUÑ.1970 (4os / volta CE) Ferrol–Valencia 2-3 
10.000 espect. (loc. est. Manuel Rivera: 8.000). C. Ferrol: Santi; Bastida (Noriega Ds), Arturo, Carlos; Sagasta, Castell; Garrido, Pascual, Erviti (Germán 79’), Ledo, Arroyo. (Banco: ...?). Adestr.: José Caeiro. Valencia C.F.: Abelardo; Sol, Aníbal, Roberto (Barrachina 34’); Antón, Paquito; Poli, Claramunt, Ansola, Nebot (Cayuela 40’), Jara. (Banco: ...?). Adestr.: Salvador Artigas. Árbitro: Sr. Camacho (Cas.). Auxiliares: ...? Goles: 0-1 Nebot 19’; 0-2 Ansola 39’; 0-3 Jara 40’; 1-3 Ledo 48’; 2-3 Garrido 50’. NOTA: Foron habilitadas bancadas especiais para aumentar o número de localidades.

Tras o seu paso por Ferrol, onde deixou (e lle quedou) un recordo permanente, Pascual xogou no Sporting de Gijón que dirixía un ex futbolista do Racing dos anos cincoenta, Luis Cid Carriega. Na entidade de El Molinón puido actuar, fundamentalmente como defensa, na Primeira División durante varias temporadas (superou amplamente o centenar de partidos na máxima categoría, xunto aos Quini, Churruca, Valdés, etc). Logo militou no Alavés; pero a súa relación co Racing de Ferrol e coa cidade departamental se reproduciu tras colgar as botas como futbolista. Adestrou ao Baracaldo C.F., á desaparecida S.D. Lemona e ao C.D. Laredo, e na temporada 1990/91 regresou a Ferrol para dirixir o banco verde co obxectivo de sacar á nave ferrolá da Terceira División. Non foi quen de logralo pero nos últimos tempos quixo aportar coñecementos, experiencia e calidade humana ao traballo da canteira racinguista.
Foise un ilustre dunha época brillante do Racing. Pascual deixou nas tres facetas, a de futbolista polivalente e poderoso, a de adestrador e a de técnico de base, unha pegada deportiva e sobre de todo humana inesquecíbel.

Dende aquí a nosa condolencia aos seus familiares e achegados.

Grazas por todo, Pascual. Ata sempre!

 

 

xoves 08 maio 2014

Noja-Racing de Ferrol: último ensaio con puntos importantes



A liga regular na Segunda B remata a vindeira fin de semana e o Racing de Ferrol disputará na localidade cántabra de Noxa (domingo 11 de maio, 18:00h) tres puntos que poderían outorgarlle a segunda praza se se dan as circunstancias. En función do que fagan os de Aira en La Caseta, e do que fagan Real Avilés e Guijuelo nos seus compromisos, os verdes terminarán esta sesión ligueira nunha posición que, para algúns, é irrelevante de cara á disputa da Fase de Ascenso e para outros ten notábel importancia. Ser segundo implica enfrontarse na primeira rolda a un cuarto de calquera dos outros tres grupos e disputar o partido de volta na casa; ser terceiro supón emparellarse con outro terceiro; e ser cuarto facelo cun segundo. En realidade, se non se é líder tanto ten a posición que se ocupe dado que para ascender hai que superar si ou si tres eliminatorias. Pero acabar en cada un deses postos posíbeis na táboa final desta CL2B-I ten adeptos e detractores pensando na FA2.

A S.D. Noja naceu en 1963 e vive a súa cuarta presenza na Segunda División B do fútbol español. A vila de Noxa ten nome con lendarias resonancias diluvianas non confirmadas, compartidas coa localidade galega de Noia. Porén, nin a Arca de Noé nin a de Russell Crowe lograron salvar ao cadro cántabro do castigo de Elohim. A economía, esa tola descontrolada que ultimamente só escraviza e todo o estropea en nome da humana estupidez, deixou moi ferido ao modesto club branco-verde. A súa arca particular non quedou varada no Ararat senón nas débedas, nas denuncias e na fuxida de elementos. 
A liga 2013/14 foi moi convulsa para o equipo cántabro, con problemas extradeportivos que case precipitan a súa retirada mediada a temporada. A súa traxectoria foi inevitabelmente deficiente, marcada por tantas movidas. O Noja non perdeu o seu primeiro partido até a oitava xornada, pero despois acusou as exixencias da categoría e os contratempos citados. Ganou 1 a 5 en Coruxo na novena xornada e non volveu a vencer até a trixésimo sexta, ante o Compostela. Descendido de maneira matemática dende hai varias semanas, atopou certo alivio unha vez que se sacou de enriba a presión de sumar puntos por obrigación porque, curiosamente, foi entón cando os seus resultados pasaron a ter unha faciana máis agradábel. O Noja só perdeu un partido dos últimos cinco.


O Racing de Ferrol visitará por primeira vez o terreo noxarense de La Caseta, situado a cen metros da praia de Trengadín.
 
O cadro cántabro deixara boas sensacións na súa visita a Ferrol na derradeira xornada da primeira volta. Ganara daquela o Racing (4 a 2 o 22 de decembro), pero o seu rival, denunciado nesas datas por nove xogadores, puxo en serios apuros a un excesivamente confiado (e defensivamente deficiente) equipo ferrolán. Os de Aira puideron golear pero os visitantes, dando todo un exemplo de pundonor, foron quen de marcar dous tantos e elevar ao electrónico un emocionante 3 a 2 a seis minutos do remate que case dá un disgusto á afección d`A Malata. Menos mal que Jorge Rodríguez de penalti no último suspiro (como a xornada pasada ante o Burgos) pechaba o partido para evitar máis continxencias.

PARA SER SEGUNDO
Para que o Racing acabe esta liga regular 2013/14 como subcampión do grupo 1º da Segunda B (iso acontecería por terceira vez na historia dende que o "terceiro nivel" ligueiro se denomina así, pois xa fora segundo en CL2B-I nas temporadas 1995/96 e 2003/04, nesta última con ascenso á “división de prata” tras a disputa da FA2) ten que acontecer algunha das dúas opcións seguintes:

a) Ganar en Noxa, e que tanto Real Avilés (ante o Zamora no Román Suárez Puerta) como Guijuelo (na casa do Caudal, que loita por colarse na Promoción de Permanencia) non o fagan nos seus encontros.
b) Empatar en Noxa, e que perdan nos seus respectivos compromisos avilesinos e jamoneros.

PARA SER TERCEIRO
O Racing está no terceiro posto neste momento (ten o goal-average empatado cos seus dous rivais e, entre eles, teno a prol o Real Avilés), con trinta e sete xornadas disputadas. Para rematar nese mesmo lugar tería que pasar algunha das situacións seguintes:

a) Perder en Noxa e que tamén caian derrotados Real Avilés e Guijuelo nos seus partidos.
b) Perder en Noxa, e que o Real Avilés gane (superando o coeficiente xeral de goles que disfruta o Racing, +21; o do cadro asturiano é +18)  e o Guijuelo perda.
c) Perder en Noxa, e que o Guijuelo gane (superando o coeficiente xeral de goles que disfruta o Racing, +21; o do cadro salmantino é +19) e o Real Avilés perda.

PARA SER CUARTO
Para que o equipo de José Manuel Aira ocupe a cuarta praza ao remate desta liga tería que acontecer isto:

Que perda en Noxa, e tanto Real Avilés como Guijuelo non o fagan.

BAIXAS A ESGALLA
O strip-tease da pasada xornada, no que varios futbolistas do Racing aproveitaron que o rego Sardina desemboca na enseada d`A Malata para forzar cartóns amarelos quitándose a camiseta na celebración do gol do heroe Jorge Rodríguez e liberarse desa carga na fase final polo ascenso; o equipo de Aira terá que acoller a xuvenís para actuar en Noxa. Será a décimo oitava vez que o técnico racinguista bote man de canteiráns na presente liga 2013/14. José Manuel Pérez foi expulsado ante o Burgos -xa fora substituído- e sancionado con dous partidos, co que se perderá tamén o de ida da primeira eliminatoria da FA2; e Antonio, Dopico (que acumula catro ligueiros máis un copeiro), Iosu Villar e Pablo Rey non estarán en La Caseta ao cumprir ciclo de amoestacións.

CRONOLOXÍA
A S.D. Noja é o rival racinguista nº 291 en competicións oficiais; o nº 137 na Segunda B; e o nº 185 no “terceiro nivel” ligueiro (CL3 antiga + CL2B).