Documentos

O Informe

La Copa del 39 · Juan Luis Franco

O RACING DE FERROL FOI SUBCAMPIÓN ABSOLUTO DE ESPAÑA EN 1939

Achego aquí o informe de 70 páxinas elaborado hai dous anos polo amigo e historiador sevillano Juan Luis Franco (compoñente do grupo de investigación da historia sevillista Guardianes de la Memoria) titulado "La Copa del 39", no que se expón porqué a edición copeira de 1939, cuxa final xogaron en Barcelona o Sevilla F.C. e máis o Racing Ferrol F.C., é, a todos os efectos, "Campionato de España". Durante moitos anos existiu controversia ao respecto desa sesión do "torneo do k.o." por ser considerada unha competición da denominada "zona nacional" da Guerra Civil española, promovida pola federación creada en 1937, con sede en San Sebastián, baixo o fastoso nome de "Federación de Fútbol de la España Liberada". Mais os documentos proban que non é así. Dende os papeis oficiais até as placas que levan os trofeos outorgados a campión e subcampión, pasando pola prensa da época e mesmo as fotografías, queda meridianamente claro que a competición foi e é parte da historia do Campionato de España, torneo decano do fútbol español nacido en 1903. Ese excepcional traballo foi elaborado en Sevilla para engrosar o caudal documental requerido pola Federación Internacional de Historia e Estatística do Fútbol (IFFHS nas súas siglas en inglés) a través da súa delegación española (CIHEFE) coa finalidade de despexar dúbidas e poder homologar todas as competicións estritamente oficiais de cada época e país (é dicir, aquelas que foron organizadas por unha federación recoñecida pola FIFA) ao longo da historia do deporte balompédico dende que os ingleses organizaron a primeira competición, The Cup, en 1871. 

 
No fútbol español, en sintonía con ese criterio absolutamente fundamental, a saber, unha competición só é oficial se a organiza unha federación recoñecida pola FIFA, e ten carácter nacional se a organiza a federación representativa do país en cuestión; temos que o primeiro título español de carácter estatal outorgouse en 1910, na primeira edición do Campionato de España organizada pola vella Federación Española de Clubs de Foot-Ball (FECF), fusionada coa Unión Española de Clubs de Foot-Ball (UECF) en 1913 para dar lugar á actual RFEF. Todas as edicións anteriores a 1910 están desprovistas de carácter oficial ao ser organizadas por un club, o Madrid F.C. (actual R. Madrid C.F.). Algo semellante acontece cos entón existentes campionatos rexionais (entre eles o galego, xurdido en 1905), desaparecidos en 1940 agás o canario, que seguiu vivo até 1949. As edicións non organizadas pola federación territorial correspondente non alcanzan o título de oficiais. Dese xeito, no Campionato de Galicia, por exemplo, non son oficiais as edicións anteriores a 1913, ao ser promovidas polo Vigo F.C. 
Canto ao torneo celebrado na "zona republicana" durante o conflito bélico español de 1936-39 denominado Campeonato de España Libre e disputado entre xuño e xullo de 1937, non pode ser considerado como parte da historia oficial do Campionato de España porque só é unha competición organizada por un club nunha parte da entón dividida España. Participaron equipos valencianos e cataláns, para máis datos. O desaparecido Levante F.C. (fusionado en 1939 co Gimnástico F.C. para dar carta de natureza ao actual Levante U.D.) é campión dese torneo non oficial da "zona republicana" pero non é campión de España. Non aconteceu o mesmo co torneo cuxa final xogou o Racing ferrolán porque inicialmente se xestara na "zona nacional", mais cando empezou (maio de 1939) rematara a guerra e non había xa dúas "zonas" nin dúas federacións.

O Racing de Ferrol posando no barcelonés estadio de Montjuich momentos antes da final do Campionato de España de 1939, que perdeu por 6 a 2 diante do Sevilla.

Para min foi unha honra ter aportado un gran de area ao estupendo traballo de Juan Luis Franco e os seus colegas coa fin de lograr que o fútbol mundial recoñeza, sen marxe á discusión, a Sevilla F.C. e Racing C. de Ferrol como campión e subcampión de España de 1938/39, e, asemade, absolutos, xa que non se celebrou o Campionato de Liga nesa temporada. 




Ningún comentario:

Publicar un comentario