O visor racinguista

A evolución do escudo racinguista: unha cazola laureada (I)

O escudo do Racing Club de Ferrol ten forma de cazola, con campo inferior verde e balón antigo no centro; unha banda branca no medio co nome da entidade; e un campo superior cun axedrezado branco e azul mariño, cores da cidade de Ferrol. Posteriormente, lle foi engadida a Cruz de Santiago por razóns de coxuntura política, perdéndoa durante uns anos e restabléndoa hai vinte. O escudo do fútbol español máis semellante ao racinguista é sen dúbida o do F.C. Barcelona.

 =1920-1939=

Este é o escudo orixinal do Racing Club de Ferrol. Foi establecido cando se reingresou na Federación en decembro de 1920 logo da primeira experiencia federativa na temporada 1919/20. O bordo inferior e os laterais levaban un elegante laureado, premonición, acaso, dos éxitos que o club habería de colleitar no seu longo percorrer polas competicións futbolístas galega e española.

 =temp. 1926/27=

Nun documento do club datado en xullo de 1926 vemos o cuño co escudo, que estivo vixente durante esa década e a seguinte.

=temp. 1928/29=

Na imaxe vemos o escudo racinguista na invitación editada pola ferrolá imprenta Montero para asistir á cea popular que se celebrou a finais de xaneiro de 1929 no hotel El Suizo co gallo do primeiro título de campións de Galicia, acadado o mes anterior. A lenda dos "diaños verdes" non fixera máis que comezar e Ferrol vibrou aquela temporada co Racing como nunca antes. Planas e os seus, os Suárez, Manolín Frade, Alejandro, Pedro Basterrechea, José Silvosa, Palacios, Gerardo Bilbao, Montero, Manuel Rivera, Guillermo Gorostiza, Toralla, Mondragón, etc, fixeran vencedor invicto ao club verde, abrindo unha fenda no dominio polarizado do fútbol de Galicia que viñan exercendo R.C. Celta e R.C.D. La Coruña dende 1924; e caeran despois con honra -e méritos para moito máis- nos oitavos de final do Campionato de España / Copa de S.M. el Rey diante do poderoso Athletic C. bilbaíno dos Roberto, Lafuente, Alberdi e Unamuno tras deixar fóra nos dezaseisavos ao non menos potente C.D. Alavés dos Olivares, Albéniz, Ciriaco e Quincoces.

=temp. 1929/30=

Tras o primeiro título de campión galego -virían dous máis en 1937/38 e 1938/39- os encabezamentos documentais do club reflectían do xeito que vemos nesta imaxe datada en xaneiro de 1930 o escudo; as federacións de adhesión (as siglas "FGCF" aínda non foran actualizadas, pois o "C" de "Clubs" era só unha reminiscencia da denominación que tivera a primitiva federación galega que existiu entre 1909 e 1913, precursora da actual FGF); e o prestixioso recordatorio da condición de campión, algo importantísimo naquela época no fútbol de calquera rexión española. Os torneos territoriais e o Campionato de España dominaban o panorama competitivo, pois a Liga aínda estaba dando os seus primeiros pasos.

=temp. 1931/32=

Nesta imaxe, que é parte dunha fermosa foto do Racing atopada hai uns anos no Café Derby (que fora sede do club nos anos trinta do pasado século), vemos a Silvosa, capitán do equipo, co escudo na súa casaca. Ao seu carón, Pedro Basterrechea e Manolín Frade.

A evolución do escudo racinguista: unha cazola laureada (II)

Na década de 1931-40 o Racing sumou dous títulos máis de campión galego e tamén foi subcampión en 1932/33 (xa o fora en 1923/24). E debutou na 2ª División ligueira en 1934/35. E o escudo mantivo o seu deseño ata que co estoupido da Guerra Civil española, o golpismo triunfante impuxo unha nova orde. O Racing fora incautado e depurado en outubro de 1936 polos proclives ao levantamento e ao réxime que se ía xestar ao remate da contenda; e cando o equipo verde logrou o seu terceiro campionato galego, superando con manifesto marxe ao seu eterno rival (o R.C.D. La Coruña), as autoridades deportivas e políticas decidiron que levase unha Cruz de Santiago no peito, para defender no proxectado Campionato de España desa temporada (1938/39) o pavillón galego. Non había "torneo do k.o." dende 1935/36 e a "España Nacional" quería organizar de novo a competición, inicialmente concibida para esa Zona. Mais, polo camiño pillou a conclusión da guerra (abril de 1939) e o campionato, que deu comezo en maio, acabou sendo, como tal, o Campionato de España. Como é sabido, o Racing alcanzou a finalísima, verificada no estadio barcelonés de Montjuich diante do Sevilla F.C.

 =temp. 1938/39=

Aquí vemos ao Racing no Inferniño xa coa Cruz de Santiago no peito, en datas previas á súa participación no Campionato de España desa temporada, o primeiro tras a guerra. Hai que suliñar que este non era o escudo da entidade, que seguía a ser o establecido en 1920, senón unha especie de distintivo imposto polas autoridades políticas e deportivas de Galicia para o campión rexional na súa singladura polo torneo copeiro. Algo así como a estrela dourada que incorporan á camiseta as seleccións que ganan o Campionato do Mundo.

=temp. 1938/39=

Na imaxe, localizada no vello campo de Atocha, en San Sebastián, o 4 de xuño de 1939 na volta dos cuartos de final de Copa, vemos a Portugués coa Cruz de Santiago no peito, mirando a Alberty como despexa o balón nun ataque donostiarra.

=temp. 1940/41=

Pasada a guerra o Racing aínda usaba o cuño orixinal, pese a que á altura de setembro de 1940 (data deste fragmento do modelo de regramento que houbo de actualizar o club para adaptalo á nova lei de asociacións) o escudo verde xa fusionara a cazola co emblema da antiga Orde de Santiago.

=temp. 1939/40=

Aquí podemos ver ao Racing na primeira temporada totalmente normalizada do fútbol español (coa Liga recuperada) tras a contenda bélica, xa co novo escudo. 

 =1939-1941=

No intervalo comprendido entre 1939 e 1941 (ano, este último, do troco de denominación do club por imperativo legal) o escudo foi este, rescatado do encabezamento dun documento da entidade. Na banda central non se reflicte a denominación correcta do club (Racing Ferrol Foot-Ball Club) senón que se optou por unha versión curta, "RACING, F.C."

=1941-1972=

Dende xaneiro de 1941 a marzo de 1972, o emblema identificativo do Racing (neses anos chamado Club Ferrol), foi o que vemos na imaxe, tamén extraída do encabezamento dun documento do club dese período. A cazola coa Cruz de Santiago por detrás e a lenda "CLUB FERROL" na banda central. Con ese novo deseño, que incorpora ao escudo primixenio dous elementos derivados de decisións de contido coxunturalmente máis político que deportivo (a Cruz e a nova denominación), o Racing consolidouse na 2ª División ligueira, estivo a piques de subir a 1ª e escribiu páxinas brillantes no torneo copeiro. É o Racing clásico, dos últimos tempos do vello Inferniño e do novo estadio alí ubicado, despois chamado Manuel Rivera na honra do carismático futbolista d`A Graña.

=temp. 1966/67=

O Racing disfrutando co Trofeo Teresa Herrera no seu poder logo de conquerilo en Riazor ante o R.C. Celta na edición de 1967. Podemos ver o escudo no seu deseño das décadas centrais do pasado século nas camisetas dos verdes.
Na derradeira temporada baixo o nome de Club Ferrol (1971/72) así lucía o escudo nas camisetas:

 =temp. 1971/72=

A evolución do escudo racinguista: unha cazola laureada (e III)

Dende 1972 o escudo racinguista tan só sufriu a variación da Cruz de Santiago, que desapareceu do mesmo en 1982 e foi restablecida en 1993. En ámbolos casos sen consulta asamblearia.

=1972-1982 / 1993-...=

Este é o deseño definitivo e actual do emblema verde, interrompido no citado período 1982-1993, no que por razóns máis técnicas no deseño das camisetas que outra cousa, a Cruz de Santiago desapareceu:

=1982-1993=


Nesta imaxe da temporada 1982/83 vemos ao Racing no Manuel Rivera co escudo sen Cruz e por vez primeira con publicidade nas camisetas, da firma Punto Fijo:

=temp. 1982/83=

Dez temporadas máis tarde, nun choque ante o Pontevedra C.F. Foi a última campaña sen o emblema compostelano no escudo:

=temp. 1992/93=

A finais da pasada década empezou a colocarse o escudo no centro do peito, como vemos nesta imaxe de 2007/08, última temporada do Racing, polo momento, na 2ª División:

=temp. 2007/08=

E aquí o día do retorno á 2ª División B, o pasado mes de xuño:

=temp. 2012/13=


Por descontado, todas as aberrantes versións do escudo racinguista que van de seguido, preñadas de erros e mal representadas por xornais, revistas, anuarios, carteis, televisións, etc. ao longo do tempo, poñen de manifesto un caso practicamente único a nivel mundial: a falla de homoxeneidade (ou o absoluto descoñecemento) á hora de plasmar nunha presentación gráfica o emblema do Racing Club de Ferrol, como se só este se puidese representar libremente cada vez:

Así representou o xornal Marca nun dos seus anuarios recentes o escudo do Racing. Daquela maneira e con derroche de "coñecemento" e riqueza gráfica... Todo parecido coa realidade é pura coincidencia.


Difícil comentario para estoutra "versión libre"...

Outra das "versións" máis en boga nos últimos tempos. Unha sorte de escudo deturpado, con bordo branco, lenda incorrecta no centro (debe poñer RACING CLUB FERROL ou, en versión para camiseta, RCF) e o inevitábel axedrezado de xuiz de meta nas carreiras de Fórmula 1...

Bandeira da cidade de Ferrol, que aparece representada na metade superior da "cazola" do escudo racinguista.

Bandeira a cadros clásica nas carreiras de Fórmula 1. Nada que ver coa bandeira ferrolá e o escudo do seu club de fútbol representativo.

É obvio que se necesita coidar este aspecto dende o club. Imaxinan vostedes que o escudo oficial de, por exemplo, F.C. Barcelona ou R.C.D. La Coruña se representase de catro ou cinco formas diferentes ou segundo o gusto (ou descoñecemento) de cada quen?




Sería un despropósito. Ogallá que no tocante ao escudo do Racing, algún día, todo o mundo o represente como corresponde, co deseño correcto, sen engadidos nin modificacións cromáticas:


Ningún comentario:

Publicar un comentario