Amosando publicacións coa etiqueta Álvarez Tomé. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Álvarez Tomé. Amosar todas as publicacións

domingo 06 abril 2014

Caudal Deportivo - Racing Club de Ferrol, SAD 1-1 (06-04-2014 / 33ª xor. / CL2B)

O Racing dase cun canto nos dentes   

Un gol de penalti marcado por Manu Barreiro deu un punto aos de Aira, que a penas crearon perigo en Mieres ante un intenso Caudal


A mañá luciu soleada na vila de Mieres para acoller o trixésimo sétimo Caudal-Racing de Ferrol en competicións oficiais. Os de Álvarez Tomé dispostos a quedar con tres puntos importantísimos na súa empresa salvadora e os de José Manuel Aira prestos a conservar a segunda praza ligueira e intentar un triunfo que lles achegase un pouco máis ao obxectivo/premio (de moitas maneiras valórano xogadores, técnicos e afeccionados estas últimas semanas) de estaren na fase de ascenso ao fútbol de prata.

O Caudal xogábase a vida; cuestión seria deportivamente falando. E os asturianos sabían o rival que tiñan diante. Cualificado pero con puntos fracos (como todos). Con intensidade, con anticipación, con presión abafante e con ideas claras, os propietarios do vello Batán déronlle ao Racing ferrolán un baño á beira do fresco río Caudal nun primeiro tempo primoroso daqueles, gozando de ocasións moi claras de marcar que atoparon no debutante Ian Mackay á súa "besta negra" particular. O coruñés brillou con luz propia e grazas a el o Racing chegou vivo ao descanso. Salvou varios goles agás a acción do fino e veterano Rojas, que sacou partido á enésima fenda defensiva do cadro da chamada “cidade naval”. Ben Mackay, que non só aliviou o problema dos porteiros coa súa fichaxe senón que pode ser un elemento importante no futuro racinguista.

O equipo ferrolán amosouse nese primeiro acto no Hermanos Antuña moi espeso, lento, incómodo, agobiado (e non pola calor, que non pegaba). Foi ese Racing aparentemente canso que estamos a ollar ultimamente, que navega sen ADSL, que desperdicia a calidade que ten porque lle custa ser dominante na media e expeditivo na retagarda, especialmente lonxe d`A Malata. Cando se atopa diante un rival con claro referente goleador e compañeiros que o alimenten; ou cando o contrincante tece unha rede no centro do campo e lle pon rapidez e agresividade ao seu xogo, o Racing sufre. Non é a primeira vez que acontece nesta temporada. O Caudal dos Nacho Matador, Samuel e demais soubo empantanar o centro do campo verde e anular a un Manu Barreiro que o intentou en todos os idiomas pero non lle saeu nada, agás o gol (que soubo a punto de ouro). O Caudal reduciu a unha versión vulgar ao segundo da táboa, que se difuminaba do centro para adiante e andaba deficitario de contundencia do centro para atrás. Nese primeiro tempo, mentras os mierenses coleccionaban chegadas claras -demostrando unha evidente adaptación ao céspede de fábrica-, o Racing non era quen de construir fútbol porque a pelota lle duraba pouco, era saltarina, volátil, viva, dinámica, e case sempre era dos de casa. Non tiña chegada porque a penas daba tres pases seguidos e non imprimía velocidade. Os de Aira desgastábanse en disputas da bola rodeados de caudalistas, tardando en soltala, pensándoo demasiado para pasala. Repetíanse en pases atrás, e os seus homes máis ofensivos non aparecían, perdidos na selva de rivais e freados na súa efectiva presión.

E iso que o once inicial foi totalmente ofensivo! Estaban todos agás Vela, que caeu da lista de Aira por un golpe semanal. Pero os verdes non se atoparon felices sobre a cancha artificial, bufaban. Na segunda metade só tocaba reaccionar. Mais nela, non trocou demasiado o panorama. É certo que o Caudal estivo menos cómodo, que o Racing tivo máis a pelota e apareceu timidamente a súa infantería para agobiar aos de Álvarez Tomé. E que Mackay pasou moitos menos apuros. Pero o equipo verde non foi quen de terminar a laboura reactiva. Pablo Rey con disparos con máis intención que acerto, Dopico explorando incursións pola banda acompañando a Pumar cando o ourensán entrou no partido, Marcos aportando un chisco das súas esencias, tolo (como os seus compañeiros) por incordiar; o Racing do segundo tempo equilibrou a situación, mellorou a fea e anódina imaxe do primeiro, pero case non creou máis perigo real que a suave acción de Dopico (estame gustando o pontés nos últimos partidos) que acaba en penalti transformado polo pichichi racinguista. Álvarez Tomé protestou e o árbitro convidouno a marchar aos vestiarios.

O cansazo foi facendo mella ao longo do segundo tempo. A temporada exixe a este grupo de dezasete heroes sen refresco nin excesivo “plan B”. E nótase. O Caudal despertaba por momentos, desesperado por ver un inservíbel 1 a 1 no marcador e transformou o choque nunha loita física, apresurada, trabada e incerta. Pero o Racing andaba agora máis atinado e non menos canso, sobre de todo máis protector con ese resultado que lle valía. O empuxe final dos locais levou a José Manuel Aira a unha retirada aos “cuarteis de inverno”, borrando do campo toda pegada ofensiva e poboando o once de elementos defensivos. Saíron Manu (canso e sen feeling, pero polo menos marcou), Jorge Rodríguez (opositando sen éxito a algún balón con substancia, e cando o tivo disparou aos Picos de Europa, que non quedaban lonxe) e Pablo Rey (os seus tiros non atoparon a puntería requerida) e ingresaron Villar, Pumar e Pérez. Para pechar partido e dar por bo un empate co que, visto o visto, o Racing de Ferrol pode darse repetidas veces cun canto nos dentes.

A xornada completouse pola tarde, salientando as derrotas de Guijuelo e Marino (que se unen ao empate do Real Oviedo en Santiago de Compostela onte sábado). O Real Avilés achégase a dous puntos e no partido de Xixón ante os yogurines de El Mareo é absolutamente obrigado ganar para chegar ao super partido contra o Real Oviedo con catro puntos (como mínimo) de vantaxe. En Xixón o Racing non atopará a un rival necesitado e alí os de Aira non se poden permitir dúbidas, parsimonias nin cantadas. Hai que ganar. E punto.

TRES PENALTIS SEGUIDOS
Manu Barreiro continúa marcando goles (leva xa vinte), os tres últimos dende os once metros. O compostelán leva transformados sete penaltis no que vai de liga 2013/14. 

VINTE XORNADAS
Os verdes levan xa vinte xornadas instalados na zona FA2. Curiosamente, o Racing de Ferrol aínda non ocupou a cuarta praza, pois leva once na segunda, unha na primeira (a posteriori, co partido do Nuevo Carlos Tartiere completado) e o resto na terceira posición. Hoxe, a derrota do Guijuelo salvou o segundo posto, unha xornada máis, para os ferroláns, que volverán a defendela no importantisimo partido contra o Sporting B.