Amosando publicacións coa etiqueta Cádiz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cádiz. Amosar todas as publicacións

venres 22 xaneiro 2016

HAI MEDO NO RACING DE FERROL

A pouco máis dunha semana para que conclúa xaneiro, e con el o chamado "mercado de inverno", o Racing de Ferrol está de reformas. Coa "alerta laranxa" por risco de temporal n`A Malata logo da zoupada de Logroño, o club anda na procura dos necesarios reforzos que axuden a levar a segunda parte da temporada da mellor maneira posíbel. O obxectivo (sermos campións e ascender) segue en pé, é irrenunciábel, pero agora non se olla co mesmo prisma de hai unhas semanas. O fútbol son momentos, nada é estático. Ten moito de circunstancial, de virtual. Non hai foto fixa. Mandan os resultados e a xeografía clasificatoria. Coa urxencia de ganar ao Peña Sport este domingo (A Malata, 17:15h) para non complicar máis as cousas, o todavía líder do Grupo Primeiro da Segunda B atopou no Cádiz a súa tenda de rebaixas particular. Nas últimas horas foron anunciadas -de maneira non oficial aínda, porque o club non se pronunciou- as incorporacións de Enrique Márquez Climent, centrocampista ofensivo de 26 anos que rexeitou ir ao Tenerife, equipo que soou moito estes días atrás como destino do de Sanlúcar de Barrameda; e Jon Ander Garrido Moracia, centrocampista defensivo, natural de Guecho, e tamén de 26 anos de idade. Os dous virán como cedidos a un tempo que Juampa, Marcos Álvarez e Jaume Vidal marcharán e farán sitio para eles. O Racing non quere ampliar o plantel, senón substituír futbolistas alí onde o estime conveniente. Economía manda. Pero pertinencias deportivas tamén. Eses tres homes están nestes momentos con máis dun pé e medio fóra da entidade merengada, por non dicir cos dous, que sería o máis correcto. O bonaerense Juampa irá cedido ao Atlético Astorga polo seu novo club, a S.D. Ponferradina, e o "bicentenario" de Ortigueira, Marcos asinará coa Leonesa. O balear Vidal, ilusionado con seguir en Ferrol -e con catro partidos de sanción pola presunta labazada a un rival en Logroño-, non coñece aínda o seu novo club, porque é case seguro que non continuará. Coa marcha de Marcos pérdese velocidade e teremos un extremo menos. As marchas de Juampa e Vidal non resultan tan sensíbeis dado o pouco que concursaron no que levamos de temporada.

Jon Ander Garrido. (foto: Twitter)

Kike Márquez. (foto: Diario de Cádiz)

Dixen que hai "medo" no Racing pero... tranquilos! É só un recurso metafórico. Xa haberá tempo, se cadra, para dar marcha atrás, enlearse en situacións non tan inesperadas ou directamente levantar o pé por temor á vertixe... O medo do asunto que toca está na cláusula (coloquialmente así chamada, "do medo") establecida polo Cádiz para ceder aos seus preciados futbolistas. De cruzarse co cadro do Ramón de Carranza na fase de ascenso, o Racing non poderá botar man destes dous elementos. A aportación das novidades procedentes da Tacita de Plata é, ou pode ser, incompleta se o seu concurso non é posíbel nun partido decisivo ante os andaluces. Imaxinen a escena... Non sei se o varudo biscaíño Garrido e o sanluqueño Márquez serán determinantes no equipo, pero sería "viral" (para rir ou para tirarse dos pelos, elixan) que tocase xogar cos gaditanos e un e outro tivesen que quedar na bancada... 
O primeiro deles é un rochoso medio que pasou polo Barakaldo (está exultante o equipo vasco este ano, por certo) antes de incorporarse ao Cádiz. Pregunto: precisábase un futbolista así ou non se confía en Piette -coméntase por aí que mesmo podería regresar á Coruña- para darlle alternativa a Forte? Se o miramos, iso si, dende o punto de vista do impacto que as sempre temidas mancaduras podan provocar en momentos críticos da temporada, Garrido non sería mala fichaxe. Cumpriría o papel con decoro. Por outra banda, é Márquez o "plan B refrescante" para un Borja Domínguez hipoteticamente mancado ou necesitado de aire? Porque diso se trataría. En materia creativa suponse que temos a xente como Peláez, Pablo Rey ou Borja Domínguez, xunto a Joselu, que tamén participa abondo na elaboración. O Racing mesmo probou sorte coa posibilidade dun retorno do canario Maikel Mesa, mais desta volta tiña ofertas inalcanzábeis para a caixa racinguista. Pero non nos desviemos. Será Márquez o "solucionador" do ataque ferrolán cando este se confunde? Ese home que estea atento aos rexeites defensivos, que dea pases executivos, que estea casado coa frontal da área cando subimos, que corrixa e simplifique a circulación nas zonas e momentos nos que non se pode dubidar? Ou é moito pedir?
O futbolista andaluz pasou de ser unha peza clave no Cádiz a descarte de xaneiro. Centrocampista con tendencia a caer polo lado esquerdo e de claro perfil atacante, ten contrato até 2017 cos gaditanos. O seu rendemento foi decrecendo nas últimas semanas até o punto de que Claudio Barragán, técnico do equipo amarelo, decidise deportalo cariñosamente a Siberia para que lle dese un pouco de aire renovador e tomar así impulso de cara ao seu regreso estival. Veremos se contribúe a encher o oco, un tanto baleiro, que o Racing amosa en determinado tipo de accións cando ataca. Se non reforza, non haberá festa.
Positiva foi a cesión de Juampa para que non teña inactividade. En Astorga terá que xogar e moito. Imaxino que agardada e inevitábel a case certificada baixa de Jaume Vidal, que non me acabou de disgustar. E un pouco triste a marcha "semi-voluntaria" de Marcos Álvarez, o "torpedo" de Ortigueira, o home do gol do retorno a Segunda B aquela tarde ante o Laudio... Marcos foi un dos importantes nesa xeración brillante e poderosa que armou a resurrección racinguista. Colectivo no que tamén estaban os Pumar, Rubén Comesaña, Dani Rodríguez, Chicho, Iago Iglesias, Manu Barreiro, Jorge Rodríguez e compañía, xunto ao retornado Héber e o capitán Pablo Rey. Un futbolista importante nacido na nosa canteira. Iso é Marcos. Sorte en León!



luns 12 maio 2014

FA2: Las Palmas At., Nàstic ou Cádiz, dous amarelos e un granate

Quedan escasas horas para coñecer o rival do Racing de Ferrol na primeira rolda da Fase de Ascenso á Segunda División 2013/14. Como segundo clasificado do seu grupo, o cadro verde confrontará cun cuarto dalgún dos restantes grupos. Concluída onte a liga regular na Segunda B, Las Palmas Atlético, Gimnàstic de Tarragona ou Cádiz son os posíbeis para un equipo, o de José Manuel Aira, que vivirá a súa segunda fase de ascenso en dous anos.

U.D. LAS PALMAS AT.
O segundo equipo da entidade canariona é unha incognita. Acabou no cuarto lugar do grupo segundo marcando cincoenta goles e encaixando tan só vinte e sete. Non perdeu ningún encontro nas últimas dez xornadas ligueiras. As súas seis derrotas producíronse ante o campión (Sestao River), Leganés, Getafe B, Barakaldo e Toledo. No seu terreo só cedeu os tres puntos nunha oportunidade, diante do Conquense, na 19ª xornada.
A U.D. Las Palmas está experimentando un auxe deportivo esta temporada. Co primeiro equipo loitando por, como mínimo, unha praza na Promoción de Ascenso á Primeira División (PA1), a súa canteira pide paso e dá resultados para reverdecer o prestixio do fútbol insular. 
Confrontar cun filial nunha fase de ascenso sempre dá lugar ás dúbidas. Que rival nos atoparíamos? Os segundos equipos adoitan ser quen do mellor e do peor nunha competición, pero Las Palmas Atlético demostrou competitividade. Non sería a primeira vez que o Racing se atopa nestas tesituras cun filial. Na Fase de Ascenso á Segunda División de 2003/04 competiu na súa liguiña con Sevilla B e At. Madrid B. No filial sevillista, que vivía unha época dourada, estaba xente como Sergio Ramos, o malogrado Puerta, Jesús Navas ou Kepa. E o Racing fora quen de vencer en feudo andaluz. 
A U.D. Las Palmas At. xoga no anexo ao estadio de Gran Canaria. A presión do público non sería excesiva pero a viaxe a Canarias é longa.

C. GIMNÀSTIC DE TARRAGONA
Un histórico que quere regresar á Segunda División. O Nàstic tivo un brutal remate ligueiro no grupo terceiro con dez vitorias nas últimas dez xornadas. A loita foi tremenda por unha praza na FA2 nese grupo pero os de Tarragona andiveron moi centrados no obxectivo de colarse e non fallar. 
No capítulo goleador fixo números parecidos ao Racing (cincoenta e dous tantos a prol por trinta e sete en contra). No seu plantel salientan Iván Aguilar, Lago Júnior e o ex-albaceteño Rocha. Equipo con calidade ben repartida e oficio, o club contou esta temporada cun orzamento elevado e unha masa social fiel, esperanzada e numerosa. O cadro tarraconense contaría cun apoio masivo no seu Nou Estadi (con capacidade para 14.500 espectadores), disposto a darlle continuidade á excelente segunda volta feita na liga regular.

CÁDIZ C.F.
O outro equipo amarelo que pode tocar esta tarde no sorteo da RFEF é o Cádiz. O club andaluz semella o máis complicado dos tres posíbeis rivais verdes na primeira rolda da FA2. O equipo gaditano tamén terminou a liga no grupo cuarto con bos números, pois non coñeceu a derrota nas últimas oito xornadas. A súa crise de resultados xa a pasou, entre as xornadas 16ª e 26ª. Equipo con experiencia en fases de ascenso (disputou tres nos últimos seis anos), foi o máis realizador dos catro grupos (setenta e cinco dianas), conta con elementos casados co gol como Kike López, Juan Villar (dezaoito) e sobre de todo Airam (con vinte e tres un dos principais artilleiros da categoría nesta temporada) e un plantel cheo de talento, percorrido e ganas -e obrigación- de ascender. 
O factor campo sería un dos seus principais aliados. O Ramón de Carranza, con algo máis de 25.000 localidades, sería un inferno a vindeira fin de semana. As afeccións tamén xogan. 

Toque o rival que toque, o feito de disputar o partido de volta n`A Malata é unha baza importante (aínda que non totalmente decisiva) para o Racing. 

domingo 11 maio 2014

S.D. Noja - Racing C. de Ferrol, SAD 1-3 (Dom 11-05-2014 / 38ª xor. / CL2B)

SUBCAMPIÓNS!
O Racing de Ferrol venceu ao pechaportelos Noja e termina a liga regular 2013/14 no segundo posto do grupo primeiro da Segunda División B

Rematou a liga. Unha máis, e xa van oitenta e unha disputadas polo Racing de Ferrol dende 1929/30 (en 1928/29 disputárase sen éxito un torneo clasificatorio por dúas prazas vacantes na Segunda B, logo chamada Terceira División). Trinta e catro temporadas no segundo, trinta e oito no terceiro e nove na cuarto nivel ligueiro contemplan ao vello Racing até hoxe. 
O cadro verde incautouse a segunda praza do grupo primeiro -que xa ocupara durante doce xornadas anteriores a esta- tras vencer en Noxa. De nada serviulle ao Real Avilés o 4 a 0 que lle meteu ao Zamora. O Guijuelo nin puido entrar na pelexa ao ser derrotado no dificilísimo terreo do Caudal, que elude co seu triunfo o descenso directo (que experimentaron finalmente S.D. Logroñés, derrotado en Ourense, Celta B e Noja) e se engancha á Promoción de Permanencia. A clasificación final en CL2B-I queda así:



O equipo de José Manuel Aira xa agarda ao bombo de Las Rozas, ao que decida o sorteo que mañá terá lugar na sede da RFEF. Os posíbeis rivais verdes na 1E (primeira eliminatoria) xa son do dominio público: Las Palmas Atlético, Gimnàstic de Tarragona ou Cádiz, cuartos clasificados nos seus grupos, para unha rolda en todo caso apaixoante que dará comezo a vindeira fin de semana.

Esta tarde Jorge Rodríguez tivo presa por marcar e despachar canto antes ao derradeiro clasificado nesta liga. O torrelaveguense, heroe oficial racinguista a semana pasada, quixo asumir protagonismo á beira da praia de Trengadín e antes de cumprirse o primeiro minuto xa abría o marcador de La Caseta. Repetiu experiencia goleadora á media hora para canalizar a vitoria e o Racing alcanzou o descanso coa sensación de ter os tres puntos practicamente no peto.
No segundo acto apareceu ese Noja solto, cómodo, sen presión, que estaba acadando bos resultados nas últimas semanas. E unha man de Víctor Vázquez preto da área deu lugar a unha falta coa que o Noja se meteu no partido. Porén, a cousa non foi a maiores e o Racing de Ferrol inxectou un calmante ao electrónico co tanto do xuvenil Carlos López. O 1 a 3 definitivo que permitía reconquistar o segundo posto da clasificación.

CINCO SUBCAMPIONATOS LIGUEIROS NO TERCEIRO NIVEL
Como queda dito, non é a primeira vez que o Racing de Ferrol remata unha competición de liga no seu terceiro nivel (ven sexa na antiga Terceira ou na Segunda B) como subcampión -de grupo ou absoluto-.
Na temporada 1929/30 o Racing de Ferrol, campión do subgrupo galego, foi subcampión do grupo 1º da Terceira División logo de que na final a dous partidos contra o Club Gijón (campión do subgrupo asturiano) perdera en La Campona e non pasara do empate no Inferniño. O cadro verde obtivo ese subcampionato sen adestrador. Empezara no cargo o aragonés José Meseguer durante o Campionato de Galicia e posteriormente o club quixo fichar para a Liga a José Planas -que fixera campión galego invicto ao cadro verde a campaña anterior- pero nesa ocasión non houbo acordo entre as partes no terreo económico. Planas marcharía ao potente Arenas de Guecho (que estaba na Primeira División) e o Racing disputou a competición ligueira, como queda dito, sen técnico.
O conxunto ferrolán volveu a ser subcampión de grupo na Terceira División na campaña 1961/62, desta volta baixo a dirección de Santiago Vázquez Díez. O Lugo fora o primeiro clasificado con seis puntos de vantaxe. Os verdes disputaron a Fase Promocional de Subcampións, que unha vez superada daba o billete á Promoción de Ascenso á Segunda División. Pero o Jerez Deportivo (actual Xerez Deportivo) foi quen de levantar cun 3 a 1 o 2 a 1 que lograra o Racing no estadio Manuel Rivera. Julito Nogueira marcara os tantos na ida e Lamelo o gol ferrolán no vello estadio Domecq da cidade xerezana.
En 1995/96 logrou o Racing o seu terceiro subcampionato de grupo no terceiro nivel da Liga. Nesta ocasión xa na Segunda B, que suplira á vella Terceira nese "piso" do edificio ligueiro español a partir da temporada 1977/78. Naquela campaña 1995/96 o equipo de Luis Rodríguez Vaz (que xa ascendera á Segunda División ao Racing en 1977/78) quedara no segundo lugar tras a U.D. Las Palmas. Logo disputaría a fase de ascenso, que era polo sistema de puntos. Pero na liguiña acabou na derradeira posición tras Levante, Córdoba e Real Avilés Industrial (actual Real Avilés). 
En 2003/04 o Racing de Luis César regresou vía FA2 á "división de prata" ao primeiro intento (descendera a temporada anterior) tras quedar clasificado no segundo posto do grupo primeiro da Segunda B. Naquela liga regular fora campión o Pontevedra. O conxunto ferrolán superaría a Sevilla B, Castellón e At. Madrid B nunha liguiña que tivo na derradeira xornada emoción e suspense en cantidades industriais, coa derrota case sen querer no Cerro del Espino ante o filial colchonero e a vitoria do Castellón (uh, aquel paradón de Oliva!) ante o segundo equipo palangana que deu luz verde ao ascenso departamental e a ledicia subseguinte do milleiro de heroes racinguistas desprazados a Maxadahonda, onde houbo que aturar corenta carpeto-vetónicos graos de temperatura e un sol implacábel... nunha bancada descuberta. Reconfortou -a parte da enorme cantidade de auga servida no campo aos sedentos afeccionados ferroláns- o detalle final do Atlético de Madrid cando puxo os acordes do himno racinguista unha vez rematado o "match".

Esta tarde o Racing de Ferrol, o Racing de José Manuel Aira (cento seis partidos de liga, un do Campionato de España / Copa del Rey e tres de Copa RFEF); este Racing que de trinta e seis partidos ganou dezasete, empatou doce e perdeu tan só sete (tres deles n`A Malata); este Racing que acabou sendo o equipo máis goleador do grupo con cincoenta e oito dianas; que estivo vinte e cinco xornadas en prazas FA2 (dende a 14ª); este Racing que contou con até seis gardametas durante a temporada, Mackay, Camacho, Marcos Souto, Valín e os canteiráns De Santiago e Quique; nos labores defensivos con Rubén, Víctor Vázquez (o do gol oficial nº 5.000), Antonio, Pérez, Pumar, Dopico e os canteiráns Amil e Juan Rodríguez; no centro do campo con Pablo Rey (que golazo o do Nuevo Tartiere!), Vela, Dani Rodríguez, Iago, Forte, Villar, Marcos e a rapacería dos Toni, Álex Ares, De Diego, Álvaro Rey e o madrileño do filial Morais; e arriba coa dinamita e corazón de Jorge Rodríguez, heroe do partido dos desvelos do chulesco Calderé, e Manu Barreiro, o "crack", o ídolo, o deus...; este Racing, señoras e señores, convida aos seus seareiros, alí onde estean, a soñar. 

Mañá, a primeira hora da tarde, unha bola indicará o primeiro paso para poder facer realidade unha ilusión colectiva. O "capítulo 2.0" do rexurdimento verde segue o seu curso.

PARABÉNS RACING, FELICIDADES FERROL, E MOITA SORTE!!!!!