Amosando publicacións coa etiqueta Fase Regular. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fase Regular. Amosar todas as publicacións

martes 31 decembro 2013

Nomenclátor das cousas do fútbol

No fútbol todo é diferente. Hai deportes nos que os detalles da camiseta, o pantalón, as medias ou o escudo son pouco menos que irrelevantes. As denominacións oficiais dos clubs ao longo do tempo, os motivos dos trocos das mesmas, as vicisitudes, ás veces complexas, das fusións ou as desaparicións... Todo iso propicia sempre un debate e un intenso seguemento por parte de historiadores e afeccionados, a cabalo entre o rigor duns e a paixón doutros.
Un dos aspectos que se engloba nesta reflexión é o nome das diferentes competicións. No fútbol español, hai torneos oficiais (os organizados exclusivamente pola RFEF ou as federacións autonómicas) e non oficiais, e entre estes, os hai estatais e territoriais, preliminares, regulares ou finais. Pero non sempre son denominados ou coñecidos polo seu nome de maneira correcta. Especialmente nos medios de comunicación, case sempre sometidos á presión da inmediatez, ao vértigo da escrita acelerada, á elipse conceptual ou ao simple descoñecemento, que de todo hai, como en todas partes.
En España a competición máis importante, a súa espiña dorsal, é a Liga. Non é a decana (esa honra correspóndelle ao Campionato de España) pero co tempo acabou sendo a principal, a que ubica aos clubs, a que lles dá estatus ("é de Segunda", "está en Primeira"...) e a que marca as súas axendas en cada exercicio ("o principal é a Liga", "o obxectivo é ascender", "non pasar apuros"...). A súa denominación completa e oficial é, de sempre, Campionato Nacional de Liga. Nacido na temporada 1928/29 con tres categorías, 1ª División, 2ª División e 2ª División Gr. B (ésta última denominada 3ª División dende 1929/30), incorporou unha cuarta en 1977/78, que consistiu na transformación da vella 3ª División na agora denominada 2ª División B e na formación dunha nova Terceira, a vixente na actualidade. Dalgún xeito, aquela nacente Segunda B pasaba a ser unha "Terceira forte" e a recén nacida Terceira pasaba a ser a "Terceira feble". Quizais, a RFEF debeu evitar a confusión nominal que iso suscitou mantendo a vella 3ª División como estaba e formando unha "4ª División" de novo cuño entre a 3ª e a primeira categoría rexional, de tal xeito que as temporadas de militancia dun equipo na Terceira fosen puras, sen ter que separar as que xogou nela antes e despois de 1977, por aquelo de que participar na Terceira antes de 1977 era estar na terceira categoría ligueira pura e facelo despois dese ano é estar na cuarta categoría. No caso do Racing de Ferrol, como xa sabe o lector, temos 34 temporadas na segunda categoría (2ª División), 38 na terceira categoría (dezasete delas na vella 3ª División e o resto na actual 2ª B) e 9 na cuarta categoría (todas elas na actual 3ª División).
No referente á denominación das categorías os medios de comunicación -e non poucos afeccionados, influidos por aqueles- cometen un erro clásico: chamar "2ª División A" á división de prata. Nunca se chamou -nin se chama- así a mesma, pero cando se creou a 2ª División B a prensa inventou pola súa conta o título para a segunda categoría engandíndolle a letra "A". 
Outro erro habitual ten que ver coas fases e promocións que se xogan unha vez celebrada a "liga regular". A competición ligueira está composta actualmente por unha Fase Regular (de 38 xornadas na 1ª División; 42 na 2ª División; 36 no grupo 1º da 2ª División B e 38 nos restantes grupos; e 38 en case todos os grupos da 3ª División), á que lle sucede despois unha sorte de fases e promocións de ascenso e permanencia. De Segunda a Primeira hai ascensos directos dos dous primeiros, e os clasificados entre os postos 3º e 6º disputan unha Promoción de Ascenso. En troques, de Segunda B a Segunda existe unha Fase Final (ou de Ascenso) cando termina a fase regular. É dicir, non hai ascensos directos e dispútase, polo tanto, unha fase de ascenso. Onde está a diferenza entre Fase de Ascenso e Promoción de Ascenso? Dirémolo. Hai Fase de Ascenso naquela liga que ao rematar nas súas xornadas estipuladas non celebra logo ascensos directos. Na Segunda B, unha vez concluída a liga regular, os catro primeiros de cada grupo disputan unha fase final polo ascenso, da cal sairán os catro que ganen praza na división de prata da temporada seguinte. E hai Promoción de Ascenso naquela liga que, unha vez que remata na súa fase regular, celebra ascensos directos; pero engade unha ou varias prazas máis para que as disputen equipos non clasificados en prazas de ascenso automático, a xeito de accésit. Este sistema existe actualmente, como xa queda dito, na Segunda División. Ascenden dous a Primeira e promocionan catro.
Así as cousas, na Segunda B non hai promoción de ascenso, porque cando termine a liga regular (36 xornadas no grupo 1º, o do Racing de Ferrol, e 38 nos outros tres), non ascenderá ninguén de maneira automática, senón que lles tocará disputar a fase final aos dezaseis privilexiados que obteñan algunha das catro primeiras prazas grupais. O que si hai é Promoción de Permanencia, porque ao remate da liga regular existen descensos directos (catro por grupo) e para completar o número de equipos que obrigatoriamente deben baixar á 3ª División necesítase elucidar ao decimo sétimo conxunto a través da promoción.
Por último, falemos do Campionato de España. Torneo decano do fútbol español, xurdido en 1903 de maneira oficiosa e en 1910 de xeito oficial, tende a ser coñecido polo nome do trofeo que ten en disputa en cada época, o cal conleva o risco de dicir, por exemplo, que o Racing de Ferrol foi subcampión da Copa do Rei... Moitas veces temos lido ou escoitado ese disparate. A competición sempre se chamou como queda dito, Campionato de España, e o club que o gana é campión de España (o que gana a Liga é campión da Liga, non campión de España). Outra cousa é o trofeo que estea en xogo en cada momento: Copa de S.M. el Rey (non oficial, 1903-1909; oficial, 1910-30; e dende 1977 á actualidade), Copa Presidente de la República (1931-36); e Copa de S.E. el Generalísimo (1939-76).