Amosando publicacións coa etiqueta Góngora. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Góngora. Amosar todas as publicacións

domingo 02 marzo 2014

Racing C. de Ferrol, SAD - Cult. D. Leonesa, SAD 1-0 (Dom 02-03-2014 / 28ª Xor. / CL2B)

O Racing de Ferrol regresa ao segundo posto e sitúase a dous puntos do líder

Manu Barreiro anotou o gol racinguista nº 4.000 en ligas regulares para superar, nun mal partido, a unha Cultural Leonesa combativa pero roma

A 28ª xornada ligueira no grupo 1º da Segunda B foi totalmente propicia para os intereses do Racing de Ferrol. As derrotas sabatinas de Burgos -aparatosa, ante o Marino, por 0 a 3- e Racing de Santander -sorpresiva, no “futbolín” do Celta B- daban unha oportunidade de ouro aos de José Manuel Aira para, vencendo á Leonesa, ampliar distancias co quinto clasificado e recuperar a segunda posición na táboa achegándose a só dous puntos ao líder. A vitoria ante os de Luis Cembranos antoxábase obrigada e a necesidade de retornar ao mundo dos tres puntos por partido logo de cinco sesións sen facelo acentuaba ese imperativo.

En Zamora xa dera o Racing mostras de estar listo para volver a ganar e os verdes sairon ante a Leonesa coa mente posta nos tres puntos. Porén, nin o Racing estivo tan cómodo e dominador nin a Cultural foi ese rival insípido que todos agardaban. Os da cidade do Bernesga non lle perderon a faciana ao envite en ningún momento, pelexaron o indicíbel, gozaron de ocasións de gol e mantiveron con vida o encontro até o asubío final. Pero a ineficacia dos seus atacantes e o tino dos defensores e o gardarredes locais (Camacho desta volta estivo exultante) deixaron o guarismo visitante a cero.

O Racing non fixo un partido para enmarcar. Discontínuo, excesivamente lento por momentos, demasiado dependente da referencia e as artes de Manu Barreiro; cando o santiagués –autor do gol da vitoria- marchou substituído só en contadas accións de Pablo Rey ou Marcos Álvarez se creou perigo real diante da porta leonesa. Dani Rodríguez intentou mandar na súa parcela, e, así como era un chisco lento no manexo, despregaba excelentes pases en profundidade que nunca atopaban unha recepción axeitada. Menos mal que un mal despexe do leonés Góngora foi aproveitado por Manu Barreiro no 33’ para adiantar ao Racing. Iso non deu tranquilidade vitalicia pero si certo remanente diante dun contrincante esforzado pero brando e desafinado nos metros finais.

Mellorou o Racing no segundo tempo, con maior empuxe que no primeiro cando tiña a pelota e moi esforzado cando tocaba defender. A entrada de Forte foi crucial para conter as audaces acometidas culturalistas. Coa chuvia o partido tornouse moi aberto, de ida e volta pero con moitas prudencias, practicidade, dúbidas e certo barullo por ámbolos bandos. A Leonesa quería e tiña relativa chegada pero ningún acerto. Cembranos pasou case todo o segundo período metido no terreo de xogo, desfacéndose en repetidas indicacións aos seus ata que acabou expulsado (e desquiciado). E o Racing, laborioso e sacrificado atrás, só era perigoso cando deixaba de frear os seus avances, pensando menos e apostando máis pola verticalidade e velocidade. Tivo ocasións de gol para ampliar a renda e pechar o partido pero faltou metela.

En resumidas contas, un partido máis ben feo o ollado esta fría e chuviosa tarde ferrolá, onde se ganou con só algúns méritos máis que o rival e sofrindo moito até a conclusión. Só tocaba ganar -todo o demais sería literatura de peto- e os de Aira lograron os tres puntos en liza para auparse ao segundo posto na clasificación, a nove partidos do remate da liga regular e co duelo de El Sardinero esperando dentro de sete días.



A DICTADURA TELEVISIVA SEGUE BOTANDO Á XENTE DOS CAMPOS
A hora pouco habitual para un domingo de inverno (19:00) retraeu a moitos seareiros racinguistas, atados á dictadura imposta polas televisións, para as cales o fútbol español é só o que fai alusión a Real Madrid e Barcelona. A retransmisión do Atlético de Madrid-Real Madrid (“partido do século”, ao parecer) obrigou á inmensa maioría dos clubs de Segunda B a asumir o rol de rabaño de ovellas e modificar de maneira sumisa as datas e os horarios dos seus encontros para evitar o éxodo de espectadores ante o “magno” evento televisivo. O fútbol español semella un programa de televisión onde sempre saen os mesmos e o resto, o que só fai vulto, está condenado a adaptarse ao establishment imposto polas grandes cadenas, ávidas de enriquecemento e de facerlles sentirse importantes e ricos aos clubs, mentras os estadios se baleiran cada vez máis en España.

POR FIN, 4.000
Manu Barreiro marcou o gol nº 4.000 do Racing de Ferrol en todas as ligas regulares. Únese a Rogelio Rodríguez (Malpica), autor do gol nº 1.000, marcado no Manuel Rivera o 11 de xaneiro de 1959 ao C. Baracaldo-Altos Hornos, na Segunda División; o arxentino Marcelo, autor do gol nº 2.000, marcado tamén no Manuel Rivera ao desaparecido Palencia C.F. o 22 de decembro de 1974, na vella Terceira División; e Javi Prendes, autor do tanto nº 3.000, marcado n`A Malata o 21 de xaneiro de 1996 ao Real Madrid C.F. “C”, na Segunda B. Asemade, a vitoria desta tarde supón alcanzar os 1.000 puntos na liga regular da Segunda División B.