Amosando publicacións coa etiqueta Isidro Silveira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Isidro Silveira. Amosar todas as publicacións

mércores 15 xullo 2015

ARCANOS, OBXECTIVOS REAIS E ILUSIÓNS VIRTUAIS DO RACING DE FERROL 2015/16

Un mes e dous días despois da xusta eliminación na pasada Fase de Ascenso (que non Promoción) á Segunda División ante o Huesca -que acabou logrando o salto á "división de prata" xunto a Real Oviedo, Athletic B e Nàstic- o Racing de Ferrol está xa inmerso, como quen non quere a cousa, na súa pretemporada 2015/16, iniciada o pasado venres 10. Os vinte e seis días de transición entre a inactividade competitiva e o arrinque da preparación da campaña vindeira (na cal os merengados xogarán por 40ª vez na "división de bronce" ligueira e participarán por 51ª vez na Copa del Rey) deron moito de seu no inevitábel baile de nomes desas datas. Os que seguen, os que marchan, os que poden ou puideron vir e os que finalmente veñen. Ofertas e contraofertas, rumores fundados e infundados, regresos estelares, desistimentos de última hora, renuncias inopinadas... De todo dá sempre este período de reactivación, de configuración e posta a punto, preludio de cada pretemporada. 

O Racing de Ferrol empezou a traballar o pasado 10 de xullo nunha nova pretemporada.
 
UN RESULTADO DITOU MÁIS DUNHA SENTENZA
A eliminación ante o Huesca na FA2 estaba cantada dende o 0 a 4 irreprochábel, rotundo e mesmo curto que os azulgranas de Tevenet cobraran en Ferrol. Ese partido ditara sentenza firme sen posibilidade de reposición nin revisión extraordinaria. E o partido de El Alcoraz só foi un triste trámite con máis que remotísimas posibilidades dun milagre que non tería precedentes nos case noventa e seis anos de vida do club. A temporada 2014/15 acabou para o Racing cando o colexiado asturiano Alonso Prendes asubiou a conclusión do partido d`A Malata. E, como xa comentamos, iso non lixou a campaña feita. Os branquexados da prenda deportiva Nike (que seguirán vestindo mentras non se ascenda, haberá que tomalo como un castigo) estiveron entre os bos pero non foron quen de estaren entre os mellores. Así a todo, tres fases de ascenso consecutivas, unha á Segunda División B (con éxito) e dúas á Segunda División, neste último caso detrás de grandes expresos como Racing de Santander (en 2013/14) e Real Oviedo e Real Murcia (en 2014/15) na liga regular; din moito dun Racing ferrolán que foi recuperando prestixio na "división de bronce" dende o seu retorno a ela.
O 0 a 4 ante o Huesca que precipitou a fin do soño do ascenso provocou unha ferida enorme e o seu impacto foi absolutamente determinante para certificar o punto e final do traballo de Manolo García á fronte do banco racinguista. O técnico ferrolán comentara publicamente o 9 de maio que a súa renovación estaba asegurada se o equipo era quen de acabar sexto na clasificación do Grupo 1º da Segunda B. Manolo asegurou que así llo confirmou o presidente no seu día. Se isto é certo (e non temos porqué dubidar dos protagonistas) o propósito de Isidro Silveira era que, agás catástrofe ou calamidade pública, Manolo continuase no banco sen que os resultados deportivos obrigasen demasiado a un cambio. Pero as calamidades apareceron nun treito final da temporada 2014/15 no que se cruzaron mancaduras, dúbidas e estraños desalentos. E o Huesca, poderoso e chulo el, encargouse de escachizar toda esperanza ferrolá de prosperar na festa pro-ascenso, sacando tallada á empanada colectiva e a un minguado rendemento deportivo sen arranxo, dirección nin reacción. Rendemento minguado pola anémica motivación existente en todas as instancias e a realidade física dun plantel que, como a temporada anterior, terminou andando sobre o campo. Pero repito, a sesión 2014/15 foi boa e os racinguistas poideron ilusionarse (autonomamente) cun obxectivo fermoso que acabou de xeito asumíbel.

Silveira cancelou a continuidade de Manolo tras o fiasco na FA2.
Polo tanto, o fiasco ante o Huesca foi un viño demasiado amargo para Isidro Silveira, o cal non tivo reparos en cambiar o rumbo da situación. Quizais era o seu desexo dende moito antes. Así a todo, a súa frase "se acabó el rollo de la Segunda B" (La Voz de Galicia, 08-06-2015) foi máis do Silveira afeccionado que do Silveira presidente. Foi o froito da rabecha que todos os racinguistas experimentamos tras o fortísimo pau diante dos aragoneses. Un querer pasar páxina canto antes sen demasiada literatura e aplicar, outra volta, o xa rutinario método imposto dende hai tres lustros no concernente á fichaxe de adestradores. Deposto Manolo, o seu substituto non podía ser -dentro do sistema silveirista- máis que unha persoa que tivese unha estreitísima relación co Racing e un abondoso coñecemento dos seus misterios. Ou sexa, tirar da confraría de adestradores locais e comarcais con ou sen pasado merengado ou, directamente, recorrer a un futbolista en activo no plantel. A idea xa non ten nada de novidoso neste Racing do século XXI porque cos anos foi alcanzando a categoría de dogma de fe. Aínda que existe un precedente na historia antiga (o asturiano Cipriano Pañeda Caliche, sendo xogador, asumía a dirección técnica na parte final da temporada 1939/40, iso si, por unha razón de forza maior como foi a sanción ao míster titular, Isidro Corral de Lis) o modelo en vigor non resulta máis que a aplicación práctica do que o propio Silveira declarara tras un partido ligueiro de Segunda ante a desaparecida U.D. Salamanca xogado o 22 de decembro de 2007 e saldado coa enésima derrota ferrolá -aínda viñeron varias seguidas despois- e moita música de vento dende as bancadas contra o entón técnico Juan Veiga. Naquela oportunidade, a parte doutras "perlas", o mandatario dixera o seguinte: "Comprendo el enfado de la grada, los gritos de Silveira vete ya y Veiga vete ya, el partido de hoy fue asqueroso, pero el entrenador cumplirá su contrato y aunque me pida la dimisión no se la aceptaré. No quiero líos con entrenadores. Tengo ilusión en este equipo. La afición, lo que debe hacer ahora es disfrutar de la Navidad, comer todo lo que haya en el plato y disfrutar de la familia, y a la vuelta de las vacaciones enderezaremos el rumbo". A afección tivo que comer todo o que tiña no prato e o seu Racing acabou descendendo á Segunda B seis meses máis tarde. Obviamente, a ese dogma de fe establecido dende 2000 hai que engadirlle a intención (comprensíbel) de gastar a menor cantidade de cartos posíbel en técnicos dada a economía, cada vez máis minguante, da entidade merengada. Por iso, a fichaxe do novo adestrador non podía agachar demasiadas sorpresas. Moito ruxerruxe para pasar o tempo pero eventos inopinados os xustos. Como diría un castizo, sota, caballo y rey...

LOTERÍA CON MOITOS ACERTANTES
Manolo García levou ao Racing até a FA2.
Os racinguismos de café e "electrónico" fixeron sisudas cábalas durante os catro días que van do luns 15 ao xoves 18 de xuño por ver quen sería o substituto de Manolo García. Foron horas, días, preñados de divertimento e loterías. Pero mentras todo ese estrondo (estéril, tendo en conta o canon instituído á beira do río da Sardiña) ocupaba páxinas e webs de xornais e espazos para o diálogo e a tolemia nas redes sociais; ao técnico ferrolán, sen facer ruído, a conciencia tranquila e o traballo encomendado -con acertos e erros, como todo o mundo- cumprido con creces, se lle comunicaba o día 17 á hora do vermú que non seguiría na dirección técnica do Racing. Era a evidencia do pretendido xiro radical, o cambio de rumbo na sempre procelosa travesía polo océano da competición sen rede e do estado de ánimo convertido en proxecto de etiqueta. E exixira, unha vez máis, un concilio unipersonal decisorio rodeado por unha robusta muralla de dúbidas e despistes a dúas augas e fume, negro ou branco, confirmatorio do que para algúns foi un desaguisado, para outros un risco innecesario e para outros tantos un novo reto por afrontar. O que verdadeiramente sexa o tempo o dirá.
Manuel Ángel García Rodríguez acumulou un total de 74 partidos oficiais no banco ferrolán en dúas etapas, 2006/07 (na que fora destituído o 25-03-2007 de xeito escasamente elegante) e 2014/15. Deses setenta e catro encontros, sesenta e sete corresponderon á liga regular da Segunda B, catro á FA2 da pasada temporada (ante Reus Deportiu e Huesca) e tres ao Campionato de España. Manolo García é, neste momento, o décimo sétimo adestrador con máis partidos oficiais dirixidos ao Racing ferrolán.
Só queda desexarlle as mellores venturas.

O castellonenco Miguel Ángel Tena é unha das incógnitas do Racing 2015/16. (foto: César Toimil)

O levantino Miguel Ángel Tena García foi o elixido, sen grandes sorpresas pero con certo sixilo e artificial emoción até o último minuto, para quentar o banco d`A Malata en 2015/16. O até o sábado 13 de xuño central do Racing pasou a ser o 69º adestrador da historia do noso club, co obxectivo de ascender, ou quedar o máis arriba posíbel na táboa, ou facer unha boa temporada, ou facer o que se poida en función do plantel que se forme, porque de todo se falou estes días, con super-interpretacións e auténticas exexeses -non bíblicas precisamente- sobre o que uns e outros dixeron ou quixeron dicir sobre proxectos e previsións de futuro, sobre tácticas e xeitos de xogar, sobre aspiracións para a temporada que dará comezo a finais do vindeiro mes. A cabalo entre os desexos puros e a realidade pura, os obxectivos complacentes coa grada (e coa galería) e os que marquen a nosa pírrica capacidade económica no marco dun mercado "meridional" pero inevitabelmente exixente ante as metas exixentes; o grado de acerto de Juáncar Fernández, director deportivo, e compañía á hora de configurar a nómina de futbolistas definirá o futuro dun Racing convertido nun pozo de incógnitas no banco e no vestiario que se forme.

PLANTEL
A día 15 de xullo, sen pensalo moito, teño que recoñecer que, sen disgustarme, non me ilusiona excesivamente o "proxecto" para 2015/16 que hoxe mércores terá para o Racing o seu primeiro partido amigábel do verán, ante o Deportivo La Coruña, n`A Malata. Aínda non terminou o proceso de elaboración do plantel, certamente, pero me dá a sensación (e só é unha sensación, polo tanto non será publicada no DOG nin no BOE) de que o Racing vai perder bastante nivel no centro do campo para que o seu fútbol sexa máis físico e directo, coa sociedade cooperativa Peláez-Joselu como factor "estrela". 
Ao longo das pasadas semanas causaron baixa Galván (regresa ao Tenerife), Jonathan Aspas, Álvaro (foise ao Real Jaén), Antonio (ao Somozas), Maikel (regresa ao At. Osasuna), Adrián Cruz (foise ao At. Osasuna), Dani Rodríguez (ao Racing de Santander) e Dalmau (ao Espanyol B).
Na portería segue o gran Ian Mackay e hai que traer a outro gardameta, sen que sexa necesariamente impedimento botar man dalgún porteiro do filial ou do xuvenil, que para iso están, e esta temporada máis todavía co ascenso do Galicia de Mugardos á Terceira División, na que estará adestrado por Juan Veiga e terá ás súas ordes a xogadores sub-23 fichados polo Racing como Juampa do Órdenes e Pablo Rubio do Cerceda, ou rescatados como Brais, que marchara cedido ao Cerceda a pasada temporada. A voltas coa portería dinse marabillas do xuvenil Joaquín Abuín, que foi convocado en dous partidos da recente FA2. Así que, como dicía Cervantes, por mucho trigo nunca es mal año.

Iván González vén da Leonesa.
Na retagarda tocaba limpeza (dende hai tempo) e esta levouse a cabo en gran medida. Só quedaron da pasada temporada o lateral esquerdo Diego Maceira (que terá como compañeiro de plantel nesa demarcación ao veterano Nano Macedo) e o central marinense Víctor Vázquez, que vivirá a súa terceira campaña en Ferrol. Polo momento, as novidades nesta liña do equipo son o madrileño Iván González, lateral dereito de 25 anos procedente da Cultural Leonesa, e José Manuel Catalá, central alacantino (de La Vila Joiosa, para máis detalles) de 30 anos, chegado do modesto P.A.E. Beroia grego -antes militara no fútbol chipriota, nomeadamente no Apollon Limassol- e que actuou no Villarreal C.F. hai catro temporadas, mesmo disputando partidos na Champions League co equipo amarelo. En Chipre e Grecia non estivo acompañado da Deusa Fortuna por mor dunha mancadura, o cal lle fixo disputar tan só cinco encontros en Limasol e tres en Veria.

Català, no momento da sinatura como xogador do P.A.E. Beroia grego a pasada temporada. (foto: web oficial do P.A.E. Beroia)
 
Nesta liña defensiva estaba confirmado verbalmente que o central Víctor Marco -solicitado expresamente por Miguel Ángel Tena- vestiría de merengado en 2015/16 pero, a última hora, o que fora central do C.D. Lugo no último quinquenio preferiu prestar atención á oferta doutro club. Hai que seguir na procura.

No centro do campo para 2015/16 continúan o capitán Pablo Rey, Marcos Álvarez, Iván Forte (xa 100% recuperado) e Diego Vela. Nesta liña é na que máis incorporacións se produciron até o de agora, cinco: dous ex verdes, Héber Pena e Juan Martínez (ámbolos dous do Somozas) e máis Diego Peláez (da Leonesa), Sergio González (do Somozas) e Borja Domínguez (do Celta B).
Encántame moito que regrese o extremo esquerdo Héber. N`As Somozas fixo un bo papel no histórico ascenso á Segunda B e na fantástica temporada da estrea branco-verde nela, saldada cun soberbio décimo posto. O naronés regresa ao Racing para darlle a velocidade, a profundidade e a combatividade necesarias e anheladas a esa zona do equipo. E tamén a súa cota goleadora, como demostrou no Somozas. Do mesmo xeito é positivo o retorno do medio defensivo cedeirés Juan tras a súa estadía no desaparecido Ourense e no Somozas, onde atopara acougo logo da lesión de longa duración doutro ex racinguista, Roberto Baleato.
Xogadores con "fame", motivados, con ganas de triunfar é o que na meirande parte dos casos se constitúe na clave, no segredo, do éxito dun equipo. Máis xogadores deste perfil -veñan de onde veñan- e menos prexubilados ou "turistas" a soldo. Iso é o que convén sempre. A calidade non ten límites xeográficos, só económicos. E hai que pagala e non sempre está próxima, está claro. Pero contar na medida do posíbel (e do pertinente) con xente de Ferrol, que sinta a camiseta non máis que os de fóra pero si de xeito especial, tamén puntúa de cara aos resultados, aos malos momentos e á grada.

Héber e Juan, produtos da canteira ferrolá e dous dos elementos máis importantes do Somozas a pasada temporada, regresan á Malata máis maduros e coas mesmas ganas de éxitos que cando marcharan. (foto: Ángel Manso)

Diego Peláez, santiagués procedente da Leonesa.
 
A fichaxe de Peláez, de 26 anos, é unha das máis rechamantes nesta demarcación. O compostelán enténdese marabillosamente con Joselu -todo o mundo salienta iso- e vén de facer unha moi boa temporada na Cultural Leonesa. Moitos agardarán que axude ao crack de Palmeira a engordar a súa renda goleadora. Ogallá se reproduza ese tándem exitoso que disfrutou o Compostela en 2012/13 e 2013/14.

Sergio González. (foto: Luis Polo)

Borja Domínguez. (foto: Fran Carrera)

Completan polo momento o capítulo de novidades no apartado de centrocampistas Sergio González e Borja Domínguez. O primeiro vén do Somozas, club ao que o Racing lanzou as súas redes logo da excelente campaña pasada para pescar a tres elementos. O coruñés é un dos sub-23 obrigatorios no plantel (ten 20 anos) e o vigués un dos talentosos da canteira céltica. Borja Domínguez, que acaba de cumprir 23 anos, estaría chamado a ser o "novo" Dani Rodríguez no equipo.

BAIXAS MOI SENSÍBEIS
Resultaron moi sensíbeis as marchas de Adrián Cruz e Dani Rodríguez. Algo crebou no bloque da pasada temporada e, dende logo, a fenda está aí, no medio. O bravo mediocampista de Moaña non quixo deixar escapar a oportunidade de xogar na Segunda División e aceptou a oferta dun Atlético Osasuna que estivo contra as cordas en asuntos extradeportivos.
Dani Rodríguez brillou con luz propia en Ferrol.
Porén, a baixa de Dani Rodríguez foi a peor noticia deportiva xerada polo Racing de Ferrol dende a eliminación na FA2 a mans da S.D. Huesca. O formidábel centrocampista betanceiro, un dos mellores en vestir a nosa camiseta nos últimos 40 anos, pechou un ciclo personal de tres temporadas en Ferrol sinxelamente sensacionais, deixando nas retinas dos afeccionados a imborrábel pegada dun futbolista con clase, capaz de cousas pouco habituais na Terceira ou na Segunda B cos pes e coa cabeza. Tal é a súa visión e execución do xogo. Certo é que o futbolista sempre dixo que só marcharía do Racing de Ferrol se tivese unha oferta de Segunda División. E o Racing de Santander, o seu novo club, non está na "división de prata". Pero, por riba de que se especulase semanas atrás na capital cántabra sobre a posibilidade de que o club de El Sardinero poidese actuar na Segunda División en 2015/16 e que iso determinase a decisión do crack de Betanzos de marchar cara a Cantabria; o certo é que un futbolista da súa clase e do rendemento demostrado en Ferrol merece tomar as súas decisións sen pedir permiso, máxime se temos en conta o especial cariño co que se despediu da afección racinguista. Só podemos desexarlle toda a sorte deste mundo no equipo dos nosos irmáns santanderinos e, quen sabe, se algún día regrese ao Racing de Ferrol.

O plantel racinguista para 2015/16 está así a día de hoxe, á espera de incorporar, segundo agarda o club, un gardameta sub-23, un central (tras a "fuxida" de Víctor Marco) e un dianteiro sub-23:


UN RECORDO A FRANCISCO ESTEBAN, PEGASO
Pegaso.
Nestas semanas de descanso e reflexión blogueiros coñecemos a noticia triste do falecemento de Francisco Esteban Aedo, coñecido universalmente como Pegaso, e polo cal me preguntaron en diversos foros. O feito lutuoso produciuse o 19 de xuño pasado na súa localidade natal, Portugalete (Biscaia), onde nacera o 10-01-1938. Pegaso actuou no Racing -entón Club Ferrol- en 1964/65 tras pasar polo desaparecido Sestao e máis o Deportivo La Coruña (no que xogou dúas temporadas na Primeira División). Daquela os nosos estaban en plena tarefa por regresar á Segunda División, obxectivo que se conseguiría na campaña seguinte. Na de 1964/65, que os verdes estaban adestrados por José María García de Andoin, Pegaso fixo trío defensivo con Juan Vilar ou Granda e Gorostiola. Xunto ao gardameta Alfredo Otero, Pegaso foi o que máis encontros disputou, os trinta da liga regular na que o equipo terminou líder con cinco puntos de vantaxe sobre o desaparecido Compostela. A eses trinta encontros completos hai que engadir os catro que disputou correspondentes á Fase de Ascenso á Segunda División, na que os ferroláns eliminaron no desempate de Riazor ao Salamanca na 1ª rolda e caeron despois ante o Rayo Vallecano de Pedro Eguiluz.

DE MERENGADOS, UN ANO MÁIS

Non insistirei demasiado neste tema ao longo da temporada. Semella que só ascendendo nos poderemos librar desta equipación. Así que espero que non pese máis no desexo de ascender o quitarse de enriba esta camiseta que volver a xogar na Segunda División. 






venres 12 xuño 2015

TRÁMITE DE AUDIENCIA EN HUESCA


Ás seis da tarde de mañá sábado, 13 de xuño (TVG-2), dará comezo o encontro de volta da 2ª eliminatoria da Fase de Ascenso á Segunda División entre Huesca e Racing de Ferrol. Será en El Alcoraz, escenario no que non perden (na liga) os oscenses dende o outono de 2013 e no que agardan certificar o pase á derradeira rolda. Os de Tevenet deixaron máis do 99% do labor feito no partido de ida n`A Malata con goles e un dominio pouco habituais nun rival racinguista en feudo ferrolán.
O choque é, polo tanto, un mero trámite para ámbolos equipos. Remontar un 0 a 4 acontece só en determinadas ocasións, equiparábeis case a un premio "gordo" quinielístico ou de calquera lotería. O Racing nunca se viu no reto de ter que superar catro goles nunha eliminatoria de calquera competición. Porén, aínda que tivese precedentes a empresa é terribelmente difícil.
Non imos alimentar dende aquí esperanzas ou ilusións alén o razoábel. No Racing e no racinguismo practicamente todos asumen que a temporada rematou e toca ir pensando en establecer as liñas mestras da campaña vindeira. Remontar é posíbel pero case totalmente improbábel e, máis por acompañar aos nosos na derradeira batalla competitiva que por agardar con fe manifesta o milagre; os Diablos Verdes estarán, en auténtico trámite de audiencia voluntario, en El Alcoraz animando coma sempre aos da Nike. Que moral!, dirán moitos. Pero cun xesto así, dende logo, se demostra que o Alcoyano xa non ten a exclusividade daquel famoso dito que todos coñecen. Os Diablos son especiais.

O Racing de Ferrol volverá a El Alcoraz case trinta e dous despois da última visita, na que perdera por 3 a 1 o 11 de setembro de 1983. Dúas vitorias ferrolás rexistra a historia neste feudo.
 
As mancaduras acabaron sendo como un teimoso orballo nesta parte final da temporada. Semella que non molla pero si o fai. E moito. Nunca se poden prever pero, á marxe desas continxencias, este equipo non deu a sensación de adestrar o suficiente (falo a nivel cuantitativo, non no sentido cualitativo) ao longo da campaña nin de contar coa preparación física máis axeitada. Eu non asisto aos adestramentos, obviamente, pero nos partidos se aprecian estas cousas. O equipo non chega ao remate das temporadas como é debido. Plantel curto (iso ten pros e contras, pero estas últimas pesan máis no deportivo que aqueles a nivel económico máis cedo ou máis tarde), mancaduras con resolución case sempre moi demorada, adestramentos de duración e frecuencia light e outras cousiñas que non vou comentar aquí, descreben o making-of da película desta temporada (e non só desta). Son detalles, eses, que saen a relucir especialmente na parte final. O outro día puidemos ollalo. Os do Huesca, calidade doutra categoría e ideas moi claras á marxe, corrían como motos e os nosos andaban e non chegaban case nunca a nada. Físico e mente van inseparabelmente unidos pese ao que dicían os órficos gregos, e cando falla algún dos dous o outro se resente sen remedio. No Racing o físico e o mental necesitaron (e necesitan) moita máis aplicación. O déficit nesas materias afecta en momentos críticos ou decisivos á actitude, á concentración e á capacidade de sacrificio máis aló dos exames de conciencia e os propósitos de enmenda que se fagan en público ou en privado. E iso págase cando toca pasar pola "caixa" da competición. Tamén é certo, como non!, que o fútbol é así. Pero o que si podes controlar, tamén.

A xeitosa e bonita Fuente de las Musas da capital oscense abofé que inspirou nesta temporada ao cadro azugrana que dirixe Luis García Tevenet para camiñar cara ao obxectivo do ascenso.

Todo isto non quita que a temporada 2014/15 fose boa. Xa o dixemos. Quedar terceiros no grupo primeiro da Segunda B está moi ben. Nos dous últimos exercicios só quedamos por detrás de Real Racing de Santander -que acaba de regresar á "división de bronce"-, Real Oviedo e Real Murcia. Nada menos! Xogar por segunda vez consecutiva a fase polo ascenso á "división de prata" está máis ben aínda. Pero non corrixindo cousas que non se están a corrixir quedaremos sempre a medio camiño na empresa de regresar á categoría que anhelamos. E nese sentido, o capítulo económico só inflúe de xeito secundario, ou diferido, como diría certa gobernante española. E non esquezamos algo importantísimo: desexar o ascenso, e logralo, non é un antollo ou algo opcional. É unha obriga para a supervivencia deportiva e económica do club a medio ou longo prazo. Polo tanto, no Racing pódese falar de "urxencia histórica", se queremos usar esta expresión. "Se acabó el rollo de la Segunda B", dixo esta semana Isidro Silveira

TURISMO Á PORTA DO PIRINEO ARAGONÉS
O Racing viaxou hoxe venres cara a Huesca, cidade duns 52.000 habitantes considerada como a "porta" do Pirineo aragonés. A localidade é depositaria de moita historia dende os tempos protohistóricos dos iberos, que a chamaron Bolskan, até a dominación dos árabes, pasando polos non menos dominantes romanos e máis os visigodos. Cidade dende a que se miran as soberbias montañas pirenaicas e rodeada de pobos medievais con castelos; resulta un lugar digno de visitar haxa ou non algo en xogo futbolisticamente falando.
A bo seguro que o cansazo do desprazamento non terá as mesmas connotacións que a viaxe a Reus. Non só porque son menos kilómetros senón porque non hai, imaxino, a mesma tensión, a mesma motivación por xestionar un resultado que solucione ou verifique un obxectivo real. Vaise a Huesca a ganar para terminar a temporada do mellor xeito posíbel... Esa é a versión oficial para saír ao paso. Lóxica, por outra banda. Eu non caerei na tentación, como dixen máis arriba, de alimentar falsas esperanzas en sentidos diferentes. Xunto ao Cerro de San Jorge, onde estivera o vello campo homónimo no que o Racing xa competira hai máis de sesenta anos na Segunda División coa extinta U.D. Huesca, toca meter cinco goles, nin un máis nin un menos (e sempre que o Huesca non o faga) para estar no sorteo do luns en Las Rozas. Pero iso roza a utopía. Así a todo, é de agardar, como mínimo, que a imaxe do noso equipo nivele un chisco a desfeita do pasado "Black Sabbath".

Un recanto da antiga xudería de Huesca.
Os da Merengada -espero que este sexa o derradeiro partido con ese penoso deseño de camiseta- afrontarán o trámite oscense coas baixas de Pablo Rey (mancado a pasada fin de semana e que terá, presumibelmente, até ben entrado o verán para recuperarse), Víctor Vázquez (por sanción) e o gardameta Galván (lesionado durante un adestramento hai dúas semanas). Irán a Huesca Iván Forte -de xogar poría fin a meses no "dique seco"- e Adrián Cruz, que todavía non está recuperado ao 100%. No cadro oscense tamén haberá algunha que outra baixa, non porque sexan máis chulos que ninguén senón para reservarse de cara á terceira rolda na que, se non acontece nada extraordinario ou de natureza divina, estarán si ou si. 
Así que todo se presenta propicio para un partido aberto, tranquilo, mesmo soporífero, no que os de azul e granate procurarán non deixar a menor opción ás sorpresas e os ferroláns intentarán, ogallá que si, disfrutar da tarde laboral e ganar para repoñer forzas, tras a loita balompédica, na cea prevista en Zaragoza.


sábado 11 abril 2015

O RACING DE FERROL VESTIRÁ DE GANADOR EN VALLADOLID


A trixésimo terceira estación da presente "liga de bronce" ten para o Racing de Ferrol un almorzo nada doado para a mañá deste domingo (12:00h) no Nº 2 dos Anexos del Real Valladolid C.F., SAD. Á sombra do Nuevo José Zorrilla os de Manolo García non vestirán de negro senón de ganadores. Polo menos esa é a "equipación" necesaria para conservar (ou aumentar, no seu caso) a distancia co Guijuelo e soñar con dar alcance ao Real Murcia de José Manuel Aira. 
 
Silveira dixo non a seguir vestindo de negro.
Isidro Silveira, presidente racinguista, pediu esta semana que o equipo non vista de negro polo resto de temporada como se propuxera nun principio. Díxoo con estas palabras: "Mi Elina y yo somos del Racing y sabemos que este club viste de verde. No queremos al Racing de negro sino con sus colores habituales. Ha sido un detalle que agradezco, pero no quiero que continúe".
Co equipo plenamente centrado no obxectivo de estar na Fase de Ascenso e intentar despois o retorno á Segunda División; converter ámbolos retos (alcanzábeis) nunha homenaxe ao veterano mandatario e á súa familia será a mellor expresión de adhesión. Hai unha motivación extra para todos, no humano e no competitivo. O sentimento global de futbolistas, técnicos e afeccionados polo acontecido é, certamente, forte e moi palpábel, e iso é o que importa nestes momentos. Acompañar no sentimento, facelo unidos e dalo todo até a conclusión desta campaña.

NOITE EN PALENCIA
Os aloxamentos da cidade de Valladolid están totalmente ocupados por mor do Campionato de España de voleibol que alí terá lugar, razón pola cal o Racing velará armas en Palencia. Por riba de todo, o importante é que o plantel de Manolo García só ten a Iván Forte como única baixa -o eldense podería estar listo dentro dun mes-. E a mellor noticia é o regreso de Dani Rodríguez tras unha xornada de sanción.

VALLADOLID, CIDADE DA CULTURA
A capital da comunidade autónoma de Castela e León conta con 306.830 habitantes segundo o censo de 2014. Atravesada polo Pisuerga, aproveitando que o mesmo pasa por ela, a antiga Balad al Walid e Vallisoletum chegou a ser capital do reino de Castela -a Serbia ou a Prusia hispánicas- e logo foino de España toda, durante cinco anos, en tempos da publicación da primeira parte do Quixote. Alí casaron os católicos Isabel e Fernando, morreu Colón, viviron Quevedo, Góngora e Cervantes, naceu Felipe II e, como non, José Zorrilla, que pese a non ter relación algunha co mundo do deporte -o seu eran as letras poéticas-, leva dando o seu nome ao feudo futbolístico principal da cidade dende 1954, primeiro no vello campo e dende 1982 ao actual. Valladolid foi arrasada por un incendio, levantouse nas revoltas Comuneras (algo así como as Irmandiñas pero en castelán) e contou cunha das grandes sedes da tenebrosa e fanática Inquisición española, nacida a finais do século XV para perseguir aos xudeus, ás bruxas e a todo o que se movese -até Frai Luis de León estivo nas súas mazmorras- nun nacente reino hispánico super atrasado, excluínte e gobernado por ignorantes e ultraortodoxos da cousa relixiosa. 

Bonita imaxe da Plaza Mayor de Valladolid. Aquí tiñan lugar os chamados Autos de Fe nos tempos da intolerancia eclesiástica.

Con toda esa bagaxe, boa e menos boa, é normal que Valladolid presuma dun perfil de cidade elegante, ilustrada e culta. Moitos din que é onde mellor se fala o español. Supoño que será tan certo como que A Coruña sexa a cidade onde ninguén é forasteiro.... Antes, nos tempos da caspa en branco e negro, se dicía que Ferrol era a Valladolid pequeña, porque se presumía do excelente castellano hablado, ao estilo de Valladolid, que se practicaba grazas á presenza numerosa de xentes doutras partes do Estado. A condición imposta de cidade sempiternamente vencellada ao estatal e alonxada do estándar galego (sempre desprestixiado, e aínda hoxe) reforzaba esa idea ridícula de que Ferrol é a cidade menos galega de Galicia, que fala de marabilla o español en malintencionado contraste co uso dese dialecto (así o titulaban os marulos que descoñecían que o galego é un idioma, culto e literario xa antes que o castelán, e traducían topónimos como Niñodaguia por Niño de la Guía e Mesón do Bento por Mesón del Viento sen medo ao ridículo) propio de pailarocos -en tempos recentes tamén propio de separatistas e outras xentes de mal vivir-. En Valladolid, polo seu pasado capitalino, aconteceu, en certa medida, algo semellante.

A Casa del Príncipe, un dos exemplos modernistas de Valladolid. Nalgúns detalles ten un certo parecido co Edificio Simeón de Ferrol, situado na rúa da Igrexa esquiña a Concepción Arenal, fronte á Praza de Galicia.

Na cidade que visitamos mañá abundan os museos e bos exemplos arquitectónicos como o Palacio de Santa Cruz. Hai un festival internacional de cine e unha Semana Santa moi loada. Aproveitando que o Pisuerga pasa por alí, por Pucela, sempre é unha boa oportunidade visitar esa urbe mesetaria chea de historia. E de historias.

O RIVAL DOMINICAL
O Real Valladolid Club de Fútbol, SAD B foi fundado en 1943 pola fusión dos modestos locais Club Deportivo Delicias e Recreativo Europa. Denominouse Recreativo Europa Delicias até 1973, Real Valladolid Promesas até 1991, Real Valladolid Deportivo B en 1991/92 e Real Valladolid Deportivo, SAD B até 1995. Foi club filial do Real Valladolid entre 1944 e 1991, ano éste último no que se disolveu como tal club pasando a ser equipo dependente da entidade branco-violeta en aplicación da lei do Deporte 10/1990.
Dirixido esta temporada por un técnico que me encanta, Rubén de la Barrera (o coruñés conducira brillantemente ao Guijuelo á FA2 a pasada campaña), o cadro vallisoletano demostrou bo fútbol, moito talento e combatividade a partes iguais. Era chamado a pelexar pola Fase de Ascenso pero non foi todo o regular que unha empresa así exixe. Xa se sabe como é o mundo dos "equipos B", capaces do mellor e do peor sen despeiteárense. Porén, a súa tarxeta de presentación é boa e o Racing non atopará mañá ao mediodía a un rival desmotivado nin doado de superar. 

O rival de mañá cando era club filial do Real Valladolid D. e se denominaba Recreativo Europa Delicias, referido no anuario da RFEF de 1948.
 
Rubén de la Barrera.
O Real Valladolid B desta temporada destaca pola capacidade goleadora do seu centro do campo. Varios dos principais anotadores xogan nesa demarcación, na que creatividade e realización se combinan para facer do seu xogo unha aposta valente e vistosa na categoría. Homes como o zamorano Jorge Hernández e Ángel García suman dezasete dianas e o punta Guille sete. Jorge Hernández, asemade, ten a especial virtude de marcar ante os VIP do Grupo. Fíxoo ante a U.D. Logroñés a pasada semana (en oito minutos os pucelanos pasaron dun 2 a 0 en contra a empataren o choque de Las Gaunas), e tamén ante o Guijuelo, a Leonesa, o Real Oviedo ou o propio Racing de Ferrol por partida dobre (lembremos o apertado 4 a 3 que se dera n`A Malata na primeira volta, marcando o futbolista zamorano o segundo e o terceiro tantos dos casteláns).
Xogar ao mediodía en campo de herba sintética ante un bo "equipo B" non semella o máis desexado para o Racing. Pero na Segunda B toca isto e moito máis. Non é necesario dicir que ganar en Valladolid é importantísimo, porque todo o é xa nesta recta final ligueira. Ganar para superar a barreira -moitos dirían psicolóxica- dos sesenta puntos. Ganar para achegarse un chisco máis a vintena de vitorias. 

O Racing de Ferrol xogará por terceira vez nos anexos do Nuevo José Zorrilla, nos cales xa vencera en 1994/95, na primeira visita tributada.

O Racing coñecerá a sorte do Compostela ante o Tropezón cando arrinque o partido dos anexos ao Nuevo José Zorrilla. Os santiagueses xogan esta mesma tarde no seu feudo e de venceren situaríanse a tres puntos provisionais de nós. O Real Murcia farao en Xixón á mesma hora que os nosos e a bo seguro que moitos soñarán cun triunfo dos esportinguistas. Eu tamén. A U.D. Logroñés xogará despois, pola tarde, en Coruxo, onde tamén agardamos a vitoria viguesa. E o Guijuelo recibirá a un Celta B que loita pola permanencia. Será unha xornada, esta 33ª, na que nada quedará resolto de xeito definitivo pero si podería supoñer un avance importantísimo nos nosos obxectivos.

UNHA VITORIA EN PUCELA EN TEMPORADA FANTÁSTICA
O Racing de Ferrol leva visitando Valladolid nada menos que dende a temporada 1930/31, cando o fixera por vez primeira naquela vella Terceira División que tiña unha entidade mesmo superior á actual Segunda B, porque aglutinaba infinitamente a menos equipos e a prensa de entón cubría con atención as súas páxinas coas crónicas dos partidos desa prestixiosa categoría de bronce. A historia dos choques entre Real Valladolid e Racing de Ferrol é moi longa, tanto na "división de prata" (especialmente) como nesa antiga de "bronce" que hoxe chaman Segunda B. Pero lembrar iso non toca hoxe. Xogamos co "equipo B".
Na temporada 1994/95 só lle faltou ascender a aquel excelso Racing que congregaba cada fin de semana unha media de case catro milleiros de afeccionados. Nada que ver co de hoxe. Non era para menos. A Malata, preñada de imperfeccións estruturais e cun terreo de xogo calamitoso -os políticos locais tiveran moita presa en recibir do goberno galego a instalación, acaso para facer electoralismo, e logo houbo que remendar os defectos- era todavía bastante novidade para os seareiros esmeraldas (estreárease, lembremos, en abril de 1993), había unha atmosfera pro-ascenso permanente e, sobre de todo, nesa campaña os racinguistas disfrutamos como vacas nun prado verde de infinito horizonte co fútbol do noso equipo. Foi nesa sesión ligueira cando os de verde botella conseguiron o que, até o momento, é o único triunfo acadado en terreo do Real Valladolid B
Marca, 09-12-1994.
Era a primeira visita ao segundo equipo pucelano, e o 1 a 3 final daquel 8 de decembro de 1994 reflectiu con fidelidade as armas do cadro que dirixía Luis Rodríguez Vaz: calidade a mazo, oficio, entusiasmo e practicidade. Tres clásicos do Racing desa época, Pazolo, Juanito e Manel, facían os goles á sombra do Nuevo Zorrilla, o cangués de forte punteirolo dende corenta metros.  Asinaríamos algo semellante mañá. Non si?

CRONOLOXÍA
O Real Valladolid Club de Fútbol, SAD B é o rival racinguista nº 223 en todas as competicións oficiais ao longo da historia; e o nº 133 no Terceiro Nivel ligueiro de sempre con presenza racinguista (CL3 antiga + CL2B).

martes 06 xaneiro 2015

O RACING DE FERROL NO ECUADOR DA LIGA

Co inicio do ano 2015 terminou esta pasada fin de semana a primeira volta no Terceiro Nivel ligueiro do fútbol español, coñecido dende 1977/78 como Segunda División B. No Grupo Primeiro o podente Real Oviedo Club de Fútbol domina claramente a táboa con seus 43 puntos (é o líder con máis dos catro grupos), logrados cun brillante menú de catorce vitorias e un empate. É dicir, o equipo do arxentino Sergio Egea só deixou de puntuar en catro partidos. Un deles, o que perdeu en Ferrol.
Xunto aos carbayones -que semellan estar a outro nivel aínda que teñan, como os demais, os seus momentos menos fashion- os tres de case sempre, Guijuelo, Real Murcia e Unión Deportiva Logroñés (na primeira metade desta volta andaba por aí o exultante Coruxo), completan o cadro de honra deste "torneo apertura" sen excesivas sorpresas. Todos sabíamos que estes tres equipos ían estar entre os favoritos. E cada un por razóns diferentes. 

Así está a táboa, nas primeiras sete posicións, unha vez concluída a primeira volta no Grupo 1º da Segunda División B.

DENDE O SURESTE CON AMOR 
Por "urxencia histórica" (ou histérica, segundo se mire e polo visto o pasado verán) o Real Murcia Club de Fútbol está obrigado a entrar no bombo da RFEF cando a liga regular termine. Hai razóns deportivas, económicas e sociais poderosas. De promocionar polo ascenso á Primeira contra o Córdoba C.F. veuse o cadro do Nueva Condomina deportado a un grupo ignoto da "división de bronce" rodeado de irreductíbeis galaicos, astures e cántabros. Aproveitou un ¡hasta luego Lucas! para levarse de Ferrol ao noso José Manuel Aira e este ao noso Fernando Pumar; e o inéfabel Jesús Samper ofreceu un neurótico man a man co costarricense de orixe aragonesa Javier Tebas, cabeza visíbel da LFP, nun mes de agosto surrealista con declaracións cruzadas e manifestacións con pancarta polas rúas murcianas que case provocan unha proclamación cantonal ou algo semellante. Coa sombra da abisal situación económica que vive a histórica entidade pimentonera, o conxunto murcianista está cumprindo, en liñas xerais, o guión previsto, pese a que o seu ritmo competitivo, a imaxe de equipo partido a partido e a lucidez dos seus resultados decreceron conforme foi avanzando a liga. Nas últimas cinco xornadas o Real Murcia foi moi sobrio, moi austero no capítulo goleador con só tres dianas, e só sumou cinco puntos. É, de feito, o menos goleador dos actuais oito primeiros clasificados (só anotou vinte e un tantos). Aínda que disfruta neste momento, iso si, da bitola de ser o menos goleado do Grupo con catorce tantos encaixados. Sexa como sexa, o Murcia é un dos favoritos a clasificarse para a Fase de Ascenso e cun adestrador motivante e con ideas claras como José Manuel Aira raro sería que se perdese polo camiño.

XAMÓN, XAMÓN
O Club Deportivo Guijuelo do ex verde Jonathan Martín pode parecer unha especie de milagre. Ou un misterio insondábel. Pero en realidade non é nada diso. O actual máximo representante do fútbol da provincia de Salamanca -e a cousa vai para longo visto o panorama balompédico por aquelas terras- leva camiño de certificar a súa segunda temporada triunfal con selo propio. Só perdeu un partido (en Oviedo, o lonxano 21 de setembro do ano recén finiquitado); é, xunto ao Racing de Ferrol, o segundo equipo máis anotador con trinta a tres tantos; e só o Real Oviedo ten mellor diferencial de goles ca el. Os da localidade jamonera non están aí por casualidade. Moi fortes na Bajada de las Piscinas (só tres cadros ousaron chupar puntos do Municipal en forma de empates, Real Valladolid B, Burgos e Real Sporting B), comprometidos coa causa con humildade e criterios dende a notábel campaña pasada baixo as ordes do galego Raúl de la Barrera; son un cadro rochoso, duro de mondar e de pelar. Denominación de orixe.

A UDL, AÍ PERO A MENOS
A Unión Deportiva Logroñés dos Ubis, Abaloa, Iker Alegre, Camochu e compañía é hoxe veciña do Racing de Ferrol na táboa (tres puntos separan a ámbolos equipos). A escuadra de Carlos Pouso empezou fortísima co seu fútbol directo, físico, sen xogos florais e moi efectivo, confirmando as expectativas formadas polas fichaxes realizadas e as metas claramente marcadas de estar si ou si na FA2 e intentar o ascenso. Logroño quere volver a ver fútbol de prata (a última presenza dun club desa cidade na Segunda División deuse en 1999/2000 co desaparecido C.D. Logroñés) e nesta temporada se puxeron as pilas para percorrer o longo e duro camiño cara ao Segundo Nivel da liga española. Mais o equipo branco-vermello leva dous meses á baixa, perdendo fol, un chisco atuído. Nas últimas nove xornadas só ganou dous encontros (un deles ao Racing, na, até agora, última derrota ferrolá). E, de igual maneira que o Real Murcia, cóstalle marcar goles. A este tipo de detalles pode agarrarse o Racing durante a segunda volta para intentar colarse na FA2. Logralo exixirá moito esforzo e resultados. Pero tamén saber sacar partido as debilidades dos demais. Que as teñen. 

UN EQUIPO DE CLAROSCUROS QUE PODE DAR MOITO MÁIS
O Racing Club de Ferrol 2014/15, xa o comentamos abondo, resulta un conxunto un tanto desigual, un chisco desequilibrado, asimétrico se comparamos a cousa defensiva coa ofensiva. Conta cun plantel -agora reducido a dezaoito homes- con incuestionábel talento en moitos dos casos. Pero non logra sacar de enriba as versións diferentes que exhibe segundo xogue no coliseo da enseada d`A Malata ou por eses campos de Deus. O seu fútbol non é super brillante; produce destellos ocasionais no xogo de conxunto e salienta máis no terreo individual. Non defende demasiado ben, é bastante vulnerábel cando ten diante a un rival espabilado. Este Racing, e dixémolo repetidas veces porque é o que estamos a ver, cando xoga con velocidade e demostra fame de balón, cando é vertical na evolución e coral na participación, é un equipo difícil de parar. Vímolo. Sabémolo. Pero en moitos partidos veuse a un Racing chairo.


Unha xornada (episódica) en prazas de descenso; nunca -até o momento- entre os catro primeiros; e unha tendencia á alza, apuntando á zona alta nas últimas dez xornadas (nas que o Racing ganou sete partidos); permiten valorar a primeira volta ferrolá como boa. Non sempre cun paralelismo perfecto entre resultados e imaxe nin un equilibrio entre o rendemento na casa e fóra. O equipo de Manolo García conqueriu vinte e dous puntos n`A Malata con sete vitorias seguidas e un empate (xogou un total de dez partidos en Ferrol). Pero lonxe da cidade -onde disputou nove choques- logrou só dez puntos con dous únicos triunfos, o último hai dous meses en Burgos.


RESUMO DO DÍA A DÍA DA PRIMEIRA VOLTA VERDE MERENGADA
Sábado 23-08-2014: Manolo García declara sobre o primeiro encontro ligueiro, que será en Langreo: "Es un rival con el que hay que tener cuidado. No me gusta su corpulencia, sobre todo cuando nosotros no somos de los equipos más grandes de la categoría. Será fundamental defender bien en las acciones de estrategia". 
O Real Murcia, ofuscado, anuncia que irá á Audiencia Provincial para seguir na Segunda División. Logra o aprazamento do seu encontro da 1ª xornada ligueira contra a U.D. Logroñés.
Domingo 24-08-2014: Na apertura da liga 2014/15 o Racing empata sen goles en Ganzábal (que de "novo" non ten nada xa que é o Ganzábal de sempre, remodelado, iso si).
Luns 25-08-2014: O Real Murcia solicita o aprazamento do choque de Ferrol, previsto para o día 30, porque só dispón de seis xogadores no plantel. A xerente racinguista, Cristina Valiño, recibe a confirmación da RFEF de que non haberá suspensión do partido ante os pimentoneros.  
Martes 26-08-2014: O Deportivo La Coruña incorpora para o seu segundo equipo ao loiro canadiano Piette, que fixera parte da pretemporada co Racing e estivera a piques de fichar polo club esmeralda. 
Javier Tebas, presidente da LFP, declara: "El Murcia no es viable ni en Segunda B".
Mércores 27-08-2014: O central David Prieto, do C.D. Lugo, rexeita unha oferta do Racing de Ferrol.
Confírmase que o Real Murcia viaxará a Ferrol. Pumar declara sobre isto: "Aira ya nos comentó que el jueves por la noche saldríamos en autobús hacia Coruña, adonde llegaremos en la mañana del viernes".
La Opinión de Murcia faise eco dunhas declaracións de Isidro Silveira na gubernamental Radio Galega nas que o dirixente racinguista di que o dono do Real Murcia ha engañado y mentido a sus aficionados. Silveira engadiu que el Murcia tiene muchos problemas, pero nadie se acuerda allí de lo bien que les vino el descenso del Guadalajara para seguir en Segunda. O xornal murciano, facendo un penoso tribalismo victimista, con escasísimo sentido crítico e nula obxectividade, reflexiona deste xeito: "Con los líos que tiene el Real Murcia, ya lo que faltaba es que todos los dirigentes de escasa relevancia del fútbol patrio vayan a condenar a una entidad que al final, a los ojos de la mayoría, ha quedado como la responsable del jaleo que se ha montado el último mes y que ha puesto en entredicho al fútbol  nacional".
Sábado 30-08-2014: O Racing é derrotado polo Real Murcia n`A Malata por 1 a 2. Pablo Rey marcara de falta directa o 1 a 1 nos inicios do 2º tempo e o tanto da vitoria visitante chegaba a sete minutos da conclusión, por medio de Acciari. Manolo García explota na rolda de prensa posterior ao encontro declarando que as decisións federativas deixaron como único prexudicado ao Racing. E protestou, con grande enfado, de que o club se enterase o mércores de que se ía xogar o partido: "Cuando no puedo hacer mi trabajo me jode muchísimo". 
Tena, central levantino procedente do Cádiz que xa actuara no Racing en 2004/05 (na Segunda División), e o tamén central Cristian Flórez, colombiano cedido polo Rayo Vallecano, incorpóranse ao plantel racinguista para completaren un grupo de vinte futbolistas con once novidades en relación coa temporada pasada. 
Sábado 06-09-2014: Tres días despois de eliminalo na Copa del Rey, o Racing houbo de conformarse na 3ª xornada ligueira cun empate a dous ante o Atlético Astorga nun partido con inclemencias meteorolóxicas na capital de La Maragatería (chuvia, graínzo, aparato eléctrico) que ganaba a un minuto da conclusión. Un tanto do astorgano Uña no 89' privou aos branquexados de levarse os tres puntos de La Eragudina.
Domingo 14-09-2014: Baixo unha intensa chuvia o Racing de Ferrol toca fondo -colócase na 17ª posición- coa súa derrota por 1 a 2 n`A Malata ante o Zamora, pechaportelos da táboa, na 4ª xornada. Dani Rodríguez apela á mala leche que, segundo o centrocampista betanceiro, lle falta ao equipo no ataque. Manolo García di: "Hoy es el día en el que menos cosas hemos hecho bien".
Martes 16-09-2014: Silveira confirma a Manolo García no banco e declara que está convencido de que o técnico ferrolán nos llevará al play-off.
Mércores 17-09-2014: O capitán Pablo Rey confesa que o plantel está preocupado pero irá hacia arriba. E engade: "Cada uno tiene que mirarse al ombligo, pensar que tiene que darlo todo por este club para que esté donde se merece, que es entre los cuatro primeros".
Domingo 21-09-2014: Primeira vitoria racinguista desta liga en Tanos, ante o Tropezón, por 1 a 2. O lateral ovetense Álvaro Cuello marca os goles. 
Mércores 24-09-2014: Joselu, vixente "Pichichi" da Segunda B española, segue sen marcar na liga coa camiseta racinguista, pero declara: "Los goles llegarán, estoy seguro". O técnico Manolo García, referíndose a Joselu, explica que nunca se esconde, siempre va de cara. E engade: "Ahora trabaja más en favor de los compañeros, pero esperemos adaptarnos a él poco a poco para que llegue el primer tanto".
Sábado 27-09-2014: Racing e Compostela empatan sen goles n`A Malata dentro da 6ª xornada ligueira. Maceira e Víctor Vázquez protagonizan a anécdota do encontro, ao xogar no arrinque do 2º tempo, durante varios minutos, co dorsal nº 5 ás súas costas.
Mércores 01-10-2014: Manolo García declara: "Me contrataron para que el equipo ganara y no estoy haciendo bien mi trabajo".
Xoves 02-10-2014: De cara ao encontro n`As Somozas e no medio dun intenso debate sobre a traxectoria gris do equipo, os Diablos Verdes colocan unha pancarta nos valados do campo de adestramento na que se lee: "Moriremos junto a vosotros si dejais la vida por nuestro escudo. Somozas 1ª batalla".
Sábado 04-10-2014: O Racing Club de Ferrol cumpre 95 anos.
Domingo 05-10-2014: Novo empate sen goles, desta volta no somocense Alcalde Manuel Candocia dentro da 7ª xornada. Os merengados tiveron máis posesión pero ningunha pegada ante un Somozas firme atrás e directo nas opcións de contragolpe. O Racing só suma sete puntos de vinte e un posíbeis. O adestrador racinguista declara tras o encontro: "El equipo hace lo necesario para tener más de lo que tiene hasta ahora".
Luns 06-10-2014: O Real Oviedo recibe un milleiro de entradas para distribuir entre os seus seareiros de cara ao encontro que disputará n´A Malata na 8ª xornada.
Domingo 12-10-2014: Espectacular vitoria dun motivado e acertado Racing ante o Real Oviedo, que acodía a Ferrol como líder da clasificación. Houbo dous tantos en cada tempo para os locais (Pablo Rey -golazo "marca da casa"- e Antonio no primeiro e Marcos -golazo pola escuadra- e Forte no segundo) e o dos asturianos produciuse no derradeiro minuto. 
Mércores 15-10-2014: Isidro Silveira declara sobre o triunfo ante o Real Oviedo (que non puido ver ao estar de viaxe polo Brasil): "Ha sido un partido ilusionante. Volvemos a empezar".
Manolo García di sobre Joselu, permanente centro do debate sobre a súa seca goleadora na liga: "El equipo genera ocasiones pero no consigue que él sea el finalizador. Joselu se implica mucho y ayuda en otras posiciones, por lo que, quizá, le cuesta más llegar. Ahora lo vemos más de pasador que de goleador".
Domingo 19-10-2014: Tras a euforia provocada pola vitoria ante o Real Oviedo, o Racing regresa á realidade coa derrota en Xixón ante o pechaportelos Real Sporting B (2 a 1). Os de Manolo García rozaron o ridículo na primeira media hora, na que encaixaron dous tantos. Pese a iso, no 2º tempo mereceu un chisco de sorte o cadro ferrolán nalgunha aproximación con perigo á porta asturiana. Manolo García cargou contra o equipo tras o choque declarando: "Un equipo que dá a imaxe que dimos na primeira metade non merece ganar. Utilicei a palabra honra no descanso. Non é só a camiseta verde, tamén o corazón". O Racing colócase a só tres puntos da zona de descenso logo desta 9ª xornada. 
Domingo 26-10-2014: O Racing de Ferrol supera ao Real Avilés (2 a 1) na 10ª xornada. Joselu, por fin, marca o seu primeiro gol ligueiro coa camiseta merengada, de penalti.
Domingo 02-11-2014: Nova vitoria ferrolá, desta volta en Burgos, por 1 a 2. Joselu volveu a mollar, a nove minutos da conclusión. O coruñés Vela abría o marcador de El Plantío na primeira metade.
Venres 07-11-2014: Joselu declara: "Aún hay mucho que mejorar. El partido de Avilés fue en el que más disfrutamos".
Sábado 08-11-2014: O Racing confirma o seu bo momento coa terceira vitoria consecutiva, e quinta do que vai de liga, ante a Cultural Leonesa n`A Malata (3 a 2). Colócase na novena posición da táboa (a máis alta do que vai de competición) tras esa 11ª xornada. 
Venres 14-11-2014: Ian Mackay declara sobre a situación do equipo tras os tres triunfos seguidos: "Nos reunimos en el vestuario, se aclararon las cosas y cambió la dinámica".
Sábado 15-11-2014: O Guijuelo frea a racha vitoriosa do Racing derrotándoo por 3 a 1 nun enchoupado Municipal guixuelense. Pablo Rey adiantaba aos ferroláns no minuto 3 pero os jamoneros voltearon o marcador sacando partido á rigorosa expulsión de Vela pouco antes do descanso. O xogador herculino recibira unha cuspidela dun contrario e afastou coa man -sen agresión- a faciana do xogador local, que se aproximara á do futbolista do Racing máis do debido.
Mércores 19-11-2014: O comité de competición sanciona a Vela con catro partidos de suspensión polo cartón vermello directo recibido en Guixuelo.
Sábado 22-11-2014: O Racing vence con moitos apuros ao Real Valladolid B por 4 a 3 n`A Malata dentro da 14ª tirada. Os pucelanos foron quen de neutralizar en só dous minutos o 2 a 0 que xa disfrutaba o equipo ferrolán dende o minuto 16. Pablo Rey fai o seu primeiro hat-trick coa camiseta racinguista. 
Luns 24-11-2014: O Racing conta a día de hoxe con 1.845 abonados segundo datos do club.
Domingo 30-11-2014: O Racing volve a perder ante un dos "galos" da clasificación con dous agasallos defensivos. Desta volta aconteceu no novo Las Gaunas ante a U.D. Logroñés (2 a 1). Antonio veu cartóns amarelos no minutos 85 e 87. O cadro ferrolán queda tras esta xornada a oito puntos da FA2 e do descenso.
Sábado 06-12-2014: Cáustica crónica en La Voz de Galicia, asinada por José Luis Valencia, sobre a incómoda situación dun Racing alonxado da zona alta: "Si se pierde hoy el paso atrás será muy duro y ya casi dará igual si se acaba por prescindir de Manolo García o que lleguen refuerzos para la defensa en el mercado invernal, ya que todo el pescado estará vendido (...) Al final nadie dará una explicación de por qué hay una defensa de pandereta, o por qué Joselu, el delantero más deseado de la Segunda B, no funcionó en el Racing (...) El viejo Racing seguirá existiendo y pronto habrá que iniciar un nuevo proyecto ilusionante, ya que el fútbol es así y sobre todo en clubs como el Racing, en el que hay mucho de azar en las contrataciones y muy poco de planificación".
Ese mesmo día o Racing vence nun bo partido ao Coruxo por 2 a 0 con goles de Adrián Cruz e Dalmau.
Sábado 13-12-2014: Os merengados repiten triunfo n`A Malata para pechar 2014 ante o Celta B (4 a 0) cun primeiro cuarto de hora brutal, con tres goles. Logo desta 17ª xornada o Racing se coloca na quinta praza por primeira vez nesta liga.
Martes 15-12-2014: Causa baixa o colombiano Cristian Flórez.
Mércores 17-12-2014: Primeiros rumores do interese do Real Oviedo por Pablo Rey
Sábado 20-12-2014: O anunciado cumio entre dirixentes de Racing e Real Oviedo, aproveitando o encontro deste último ante o Somozas n`A Malata, queda diluído pola condición indeclinábel imposta pola entidade ferrolá de percibir cartos pola marcha de Pablo Rey, o cal choca co propósito carbayón de levarse gratis ao crack ferrolán. Asemade, o capitán racinguista manifesta o seu interese en seguir no club esmeralda, co que ten contrato até 2016.
Domingo 21-12-2014: O Racing suma na 18ª xornada un decepcionante punto (1 a 1) en Luanco deixando escapar unha vitoria que tiña case no peto ante o pechaportelos Marino sobre un terreo de xogo impracticábel.
Luns 22-12-2014: O compostelán Brais abandona ao Racing.
Sábado 03-01-2015: O Racing vence, con máis pena que gloria, a un dos pechacancelas, o Lealtad (2 a 1). É a sétima vitoria caseira no que vai de liga. Joselu fixo os dous tantos (o segundo tras errar un penalti inexistente sobre Dani Rodríguez) e o cadro verde termina a primeira volta quinto clasificado a tres puntos do cuarto, que é a U.D. Logroñés. 

GOLES SON AMORES
O Racing de Ferrol sumou nesta primeira volta trinta e tres goles. Só o supera o Real Oviedo, que fixo corenta e catro. Sen dúbida, un dos asuntos que máis ocuparon aos racinguistas estes catro meses foi buscar unha resposta á pregunta máxica: por que non marca goles Joselu? O de Ribeira, sempre tranquilo e confiado en que os goles chegarían, tardou dez xornadas en lograr o primeiro tanto na liga pero na actualidade, con seis xa no seu peto, dá a sensación de que o futbolista está empezando a atopar o punto bo, o que todos agardamos nel. 
A seguir, as táboas cronolóxicas de anotadores no que vai de temporada 2014/15. Na columna de valores con sombreado verde están os tantos na liga e baixo sombra gris (non confundir co cabalo de Gandalf, Sombragrís) aparecen os acadados no Campionato de España. (GTCO, por certo, significa Goles Totais en todas as Competicións Oficiais):

O dobre asterisco refírese a goles marcados de penalti.

DATOS DEPORTIVOS DOS VERDES MERENGADOS
Para rematar esta pequena análise ao que deu de si a primeira volta ligueira no Racing de Ferrol, vai de seguido a táboa cos números de todos os xogadores do plantel até o momento:


Vemos que Mackay e Dani Rodríguez son os únicos que estiveron nos dezanove partidos disputados, aínda que só o gardameta galaico-escocés computa os 1.710 minutos completos, xa que Galván aínda non se estreou. Pablo Rey lidera o capítulo goleador, seguido agora moi de preto por Joselu. Chama a atención a gran cantidade de cartóns amarelos recibidos en dezanove partidos (sesenta, que cos dous que recibiu Antonio en Logroño son sesenta e dous). A temporada pasada o Racing vira só corenta e cinco ao remate da primeira volta (corenta a sete se sumamos os dous que tamén recibiu Antonio ante o Marino en Luanco), na cal houbera unha xornada de descanso.