Amosando publicacións coa etiqueta Nike. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Nike. Amosar todas as publicacións

mércores 16 xullo 2014

O RACING DE FERROL MÁIS MERENGUE DA HISTORIA

A horas do inicio da pretemporada 2014/15 o club verde (con perdón) estrea equipación proporcionada pola multinacional Nike, á que estará unida até a campaña 2016/17. O acto de presentación da mesma, con MackayPablo Rey e Joselu como modelos, tivo lugar esta tórrida mañá n`A Malata. A camiseta, sometida a unha invasión de cor branca na súa parte frontal, deixa ao escudo da entidade cun fondo de coruscante merengue.

domingo 23 febreiro 2014

A semana verde (do 17 ao 22 de febreiro)

Debates e reflexións sobre a paradinha de Manu Barreiro
Uns por como foi tirada e outros porque foi detida polo gardarredes do Guijuelo, o empate ante o bo equipo salmantino xirou arredor do lanzamento dende os once metros a cargo do artilleiro compostelán. A bola non entrou e a paradinha non se tolerou porque así o estipula o regulamento dende hai algún tempo. Menos mal que Manu vai ter ocasións para lembrar (que non demostrar) que sabe tirar penaltis como o mellor. Por outra banda, o cartón amarelo amosado ao ídolo racinguista foi apelado polo Racing Club de Ferrol sen fortuna. Por intentalo que non fose. 

Salimos un pelín atascados (18/feb)
Así valora en La Voz de Galicia do 19-02-2014 o capitán Pablo Rey unha das claves do partido ante o Guijuelo. Contra Ourense ou Racing de Santander fíxose unha primeira media hora moi boa e ante o Guijuelo o equipo entrou no partido con menos intensidade. A recuperala.

Xuntanza de bronce en Madrid (19/feb)  
Os clubs da Segunda B, fartos do abandono federativo e o escaso interese dos grandes medios de comunicación tradicional -radio e televisión-, organízanse para defenderen os seus dereitos. A xuntanza, celebrada nun hotel de Madrid, congregou a representantes de cincoenta e catro clubs e acordouse a formación dun equipo de traballo que integran dirixentes de Lucena C.F., U.E. Llagostera, C.E. L`Hospitalet, U. Bca. Conquense, Burgos C.F., C.F. Fuenlabrada, R. Unión C., Peña Sport F.C., C.D. Leganés, At. Sanluqueño C.F. e Huracán Valencia C.F. A idea é crear unha asociación de clubs ao estilo da LFP (que agrupa aos de Primeira e Segunda), que defenda os intereses deportivos e sobre de todo económicos da "categoría de bronce" do fútbol español.


Todos queren vestir ao Racing de Ferrol (20/feb) 
O Racing non está espido pero varias empresas do ramo poxan por ser a elixida para equipar aos homes de José Manuel Aira. Adidas, Nike, Kelme, Givova ou Macron son algunhas das marcas de roupa deportiva que agardan a resposta do club que preside Isidro Silveira. Canto a Trezze, coa que leva traballando o Racing dende 2003, a empresa porriñesa intentará prorrogar o seu vínculo coa entidade ferrolá un ano máis. O que está claro é que os futbolistas non terán problema para vestir con tantos pretendentes. O caso é acertar e que ganen todos.


Non hai bache e si boas sensacións (21/feb) 
José Manuel Aira non quere falar de baches (xa hai dabondo nas rúas da cidade!) e prefire quedar coas sensacións xerais que ofrece un equipo consolidado na zona alta da táboa, que pese a levar catro xornadas sen ganar continúa de terceiro na clasificación e mantén o seu estilo competitivo e comprometido coa causa. Recoñeceu, porén, que o Racing perdeu un pouco de fluidez e frescura no xogo, algo que unha vitoria poderá recuperar. Pasados os temporais e as lesións (case todas) os verdes terán que dar o dó de peito no treito final da liga. Non queda outra se se desexa unha primavera con emocións.


Tres no "dique seco" e regreso de Carlos López (22/feb)
Valín, Pumar e Víctor Vázquez son as baixas para o partido de Zamora. Iso obrigou a Aira -que dirixirá o seu partido oficial nº 100 con Racing, o nº 96 ligueiro- a chamar ao xuvenil Carlos López, que vivirá a súa décima convocatoria ligueira co primeiro equipo.