Amosando publicacións coa etiqueta O Vao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Vao. Amosar todas as publicacións

sábado 25 abril 2015

WÁTER-POLO EN CORUXO CON BO EMPATE PARA O RACING

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

Empate polo pelos pero merecido. O punto acadado esta tarde polo Racing de Ferrol en Coruxo unido á derrota do Guijuelo ante o Lealtad (que se está ganando a permanencia coa suor da fronte) supón un pasiño máis cara ao obxectivo de estar na Fase de Ascenso á "división de prata". Todos desexaban a vitoria pero os camiños que levaban cara a ela estaban atoados. Moita auga no pequeno recinto d`O Vao; moito Coruxo defendendo e sabendo darlle unha tarde de incomodidades ao Racing... Tarde para listos, para os que aproveitasen a xogada a balón parado soñada ou o erro en garrafa do rival. Porque o demais foi un encontro de wáter-polo, unha colección divertida de zoupadas e choupadas, de balóns freados pola auga no momento máis inoportuno, mentras o líquido elemento caia impenitente sobre a cidade olívica e as súas contornas.

A moitísima auga acumulada n`O Vao nunha tarde na que non deixou de chover nin un só minuto desluciu o partido, exposto á arbitrariedade de erros inesperados que beneficiasen a un equipo ou ao outro. (captura: www.crtvg.es)

A tarde en Vigo non estaba, polo tanto, para fútbol combinativo nin para pratos combinados nin flores semellantes. Impoñíase o xogo directo ao chou, o balonazo con orientación máis ou menos disimulada e, sobre de todo, atopar a falta ou o córner que salvase os mobles. O Coruxo demostrou no 1º tempo unha adaptación á realidade "hidrográfica" do partido con colocación defensiva digna de eloxio e anticipación esmerada cada vez que os lentos atacantes racinguistas intentaban aproximarse á area. O Racing, con Joselu case inédito e Maikel sen atopar acerto nin confort na piscina olívica, pretendía tocar a pelota, elaborar o fútbol como se estivese n`A Malata en día de secano, pero se golpeaba unha e outra vez coa ordenada trama dos locais, que non pasaban apuros. 

Pablo Rey callou un gran partido pese a non haber realmente partido de fútbol. Púxolle criterio, ideas e moitas ganas. (captura: www.crtvg.es)
 
O mellor foi Pablo Rey, que exerceu de capitán no sentido máis literal do termo. Se o xogo era sobre a auga, o barco racinguista tivo no loiro futbolista un capitán íntegro que non abandonou a nave até o final, dando, na medida na que as circunstancias llo permitiron, o mellor que o seu repertorio podía ofrecer na dura batalla pluvial: axudou todo o que puido nas recuperacións; pelexou como se non houbese un mañá por cada balón aínda que se levantase un tsunami de auga e esvarase metros e metros sobre o verde; probou fortuna na súa especialidade, as faltas e os centros, e deu opcións aos seus compañeiros nos saques dende o curruncho, lance este, o córner, no que xa se estreaba o Racing no minuto 4. Pero ademais, Pablo Rey intentou simplificar a chegada ante a porta coruxista con excelentes pases en profundidade, como o que xa no minuto inicial lle deu a Maikel, que saeu demasiado rápido e pasado. Ou o que lle fixo a Joselu no 42', anulado por fóra de xogo do de Ribeira.
Así a todo, foi o Coruxo o que se levou o mellor botín na guerra naval. Os merengados (hoxe de negro) procuraban levar a iniciativa pero era moi difícil darlle medo a Brais e aos compañeiros que tiña diante, Alberto García, Pazó (que bo é este home), Ángel, Cristóbal Juncal e compañía, porque os nosos se empeñaban en recibir balóns de costas á portería e mesmo en non aforrar pases no momento crítico no que tocaba, quizais, tirar a porta. Pero, por riba de todo iso, a retagarda do Coruxo, auga a embute á marxe, volveu a parecerme do mellorciño deste Grupo da Segunda B. 

Unha escena habitual durante o partido. (captura: www.crtvg.es)
O partido estaba, como queda dito, para que alguén cometese unha zarracina e o rival a aproveitase. No 19' o Coruxo avisara por medio de Rubén Rivera cun disparo que se lle foi desviado ao coruñés cando tiña bastante parte da tarta para unha boa merenda. A acción viñera precedida dun dobre erro defensivo ferrolán, inevitábel esta tarde. Os nosos colleron medo e empezaron a ser máis directos, reducindo a tocadela e saíndo dende atrás con saques longos de Mackay (que zoupou varias veces na empresa) ou con pelotazos intercontinentais a cargo de Jonathan Aspas para achar a Maikel, a Nano ou a Joselu, este último moi agobiado e impreciso na húmida selva defensiva viguesa. E tocoulle a lotería ao Coruxo. Corría o minuto 27 cando un córner botado por Álex Fernández dende o lado esquerdo segundo se mira dende a porta de Mackay; foi rematado coa testa por Pazó facendo inútil a estirada do porteiro galaico-escocés do Racing. O central local cabeceou con moita vista ante os defensores racinguistas.
A raíz do gol o Racing xa non foi quen de chegar á area viguesa. Costáballe moito. Non estaba a gusto. Tiña dous grandes rivais diante: auga por un tubo e un rival coas ideas claras e cun marcador a favor nun partido no que marcar estaba moi caro. Adrián Cruz probou un esporádico disparo dende a súa casa no 37' que saeu alto. Foi o único salientábel até o descanso. E mentras, o Coruxo xogou sete minutos con dez futbolistas dado que se deu unha curiosa situación. No 33' o bo lateral Ángel recibiu unha entrada de Nano (o coruñés estivo moi contundente e sería logo protagonista no 2º tempo para ben do Racing) tendo que ser atendido na banda durante tres minutos. Cando corría o 36' definitivamente marchou aos vestiarios pero a súa substitución non se confirmou até o 40', cando entrou no campo Pedro Vázquez.

O gol que adiantaba ao Coruxo, obra de Álex Fernández. (captura: www.crtvg.es)
 
No 2º período, sen trocos de inicio, Nano (xunto ao citado Pablo Rey) personificou a esperanza e o tesón. Sen cambiar demasiado a decoración do encontro, chuvia sen parar, o Coruxo ben prantado e moi atento a todo e o Racing intentando atopar a tecla do xeito menos pertinente pero con vontade indubidábel; o veterano media punta coruñés gozou de dúas ocasións para marcar que mantiveron viva a ilusión de non saír derrotados de Vigo. A primeira foi a do 55', cando remataba coa testa un córner que en última instancia Pedro Vázquez desviou a córner cando a pelota tiña clara intención de penetrar na rede olívica. A segunda chegaba oito minutos máis tarde, cando conectou co pé un centro estupendo e o balón se estrelou no lateral da rede. 
Eran momentos escollidos nun partido fragmentado, de ida e volta entre esvaróns e meras disputas físicas polo balón sen a penas fútbol definido polo medio. Era moi complicado meter a pelota na área do Coruxo con garantía de remate, e moito máis recibíndoa de costas á porta (e xa é a segunda vez que o comento). Joselu estaba ben colocado pero lento -ou os defensores locais máis rápidos-, Maikel non tiña a súa tarde e só Pablo Rey semellaba disposto a presentar batalla como fose, e que o recollesen as memorias. Empezaba a haber ansiedade. Había que sumar en Coruxo. Manolo García introduce aló polo 68' dous trocos, entrando na piscina viguesa Vela e Dalmau por Marcos -que loitou todo e máis pola banda dereita literalmente contra vento e marea, forzando córners e todo o que se movese- e Maikel, moi enfadado consigo mesmo cando buscou acougo no banco. Os recén entrados poderían aportar velocidade e capacidade para provocar erros defensivos aos de casa.
O certo é que o Racing se foi facendo co mando do partido pero á contra o Coruxo non se esqueceu de enviar "circulares". Como no centro do ex verde Rafita Mella no 74' que conectou Álex Fernández, un pouco forzado, para deter ben Mackay. E xa non digamos na do 77', onde o porteiro do Racing de Ferrol salvou dúas ocasións coruxistas na mesma xogada, primeiro despexando un perigoso balón centrado e logo subindo a luba para desviar o esférico por riba da trabe. Xenial, o noso gardameta.

O Racing de Ferrol salvou con este gol de Nano un punto que vale moitísimo a tres xornadas do remate da fase regular da liga. (captura: www.crtvg.es)
 
Adrián Cruz reapareceu nas pantallas cun cañonazo dende fóra da área que se foi perto do pau dereito. Era o minuto 81 e as presas empezaban a pesar. Entra Dani Rodríguez por Tena e o Racing lánzase con todo na procura do empate. No 84' Brais salva unha ocasión de Dalmau no remate dun saque de esquiña. Pero no 86' o erro agardado da impenetrábel defensa do Coruxo chegaba por fin baixo a eterna chuvia. Hai un mal despexe defensivo, o balón chégalle a Nano polo lado esquerdo e o coruñés dispara a gol, entrando na rede tras petar en Brais. A terceira ocasión de Fernando Macedo da Silva era, por fin, a vencida.
Á espera do que faga mañá domingo a U.D. Logroñés, o Racing aumenta nun punto a distancia co Guijuelo (agora son cinco) e seguirá sendo terceiro aínda que venza o cadro rioxano no seu compromiso (salvo que o faga por 12 a 0, claro). Por último, se gana o Compostela o seu encontro n`As Somozas quedaría a catro de nós logo desta 35ª xornada. Veremos como se dá o que resta dela.

venres 24 abril 2015

MOITO QUE GANAR EN CORUXO


Chega a 35ª xornada ligueira na Segunda B e o Racing de Ferrol inicia as súas visitas a Vigo confrontando co Coruxo mañá sábado (18:00h, TVG-2). Un partido intranscendente para os verdes d`O Vao -están virtualmente salvados e non van clasificarse para a Copa del Rey- e moi importante para os de Manolo García. Os nosos, logo das vitorias estratéxicas ante Guijuelo e U.D. Logroñés, teñen un pé na Fase de Ascenso á Segunda División pero hai que rematar a tarefa. Toca ganar mañá -non será doado- para manter a raia á U.D. Logroñés na pechada loita con éste equipo por quedar coa terceira praza (o triunfo do pasado domingo foi capital para de decantar o obxectivo do noso lado) e, a un tempo, seguir aspirando ao subcampionato se pica o Real Murcia. Por outra banda, o Racing ten unha boa oportunidade de equilibrar a bagaxe como visitante nesta recta final na que predominan as saídas. 

CORUXO, Á BEIRA DO MAR DE VIGO
Coruxo é unha das numerosas parroquias rurais que rodean á cidade de Vigo, urbe principal de Galicia. Non ten un núcleo urbano definido e histórico, senón máis ben é un conxunto de lugares e aldeas engordados pola expansión das últimas décadas a base de vivendas unifamiliares, chalets e urbanizacións. Este modelo non é tan acusado como en Alcabre ou Navia, parroquias practicamente absorbidas pola masa urbana de Vigo, pero o crecemento olívico occidental claramente apunta cara á zona de Coruxo. A localidade na que o Racing xogará mañá conta con algo máis de cinco milleiros de habitantes segundo o censo de 2013. A praia d`O Vao, case veciña da emblemática de Samil, en Navia, e a pequena illa de Toralla son dous dos lugares representativos de Coruxo. Especialmente fea é a agresión visual que sofre a citada illa, na que un edificio de setenta metros de altura é perfecto exemplo do urbanismo costeiro tipicamente español, totalmente descontrolado e puramente especulativo, que procura estar na primeira liña do mar a costa de desfigurar paisaxes e entornos naturais. É a faciana máis impertinente do progreso.

O RIVAL SABATINO
O Coruxo Fútbol Club foi fundado en 1946. Para máis datos deste club premer aquí.
O cadro de Rafa Sáez tivo un espectacular inicio de liga, con cinco vitorias nas primeiras seis xornadas. Era o perfecto reflexo do bo grupo de futbolistas formado pola entidade olívica, chamado a facer historia. Pero a derrota ante o Real Murcia na sétima tirada e, posteriormente, as mancaduras de determinados xogadores mermaron a un plantel curto que non puido aguantar o ritmo e a presión imprimidos polos conxuntos favoritos. O cadro vigués perdera en Ferrol pero deixara unha excelente impresión aló polo mes de decembro. Porén, houbo de conformarse con posicións medianas nunha táboa exixente. Así a todo, o Coruxo ten na súa man superar o histórico noveno posto acadado en 2012/13 -neste momento ocupa esa mesma posición, a dous puntos do Somozas, que é oitavo-, o máis alto conseguido en todo o seu percorrido ligueiro dende que en 1946/47 debutara na modesta liga do Val Miñor.
O plantel de Rafa Sáez ten elementos moi interesantes. Dous compoñentes da interminábel saga dos Aspas-Juncal, Aitor e Cristóbal, na retagarda, onde tamén salientan Adrián Pazó e Ángel Bastos, un lateral de Mos con percorrido nas subidas. No medio, un media punta bastante polivalente como o redondelán Mateo; un excelente pasador como o valenciano Moscardó e, como non, o capitán Jonathan Antúnez, referencia inexcusábel neste equipo. E arriba é imposíbel non citar ao "noso" Rafa Mella, excelente extremo con mobilidade electrizante; ao fenómeno granadino Manuel Salinas (internacional español sub-19), dianteiro centro finalizador que foi ao Coruxo coa bitola de ter marcado 32 goles na Terceira balear en 2013/14; e ao coruñés Rubén Rivera, un auténtico nómade do fútbol (chegou a actuar en dous equipos da liga austríaca).
O gol non é abondoso pero está bastante repartido no Coruxo. Até quince futbolistas marcaron nun equipo que fai da orde defensiva un dos seus sinais de identidade.

O Racing de Ferrol xogará por décimo terceira vez n`O Vao, onde ganou sete veces e empatou catro.

NUNCA DERROTADOS NO TERCEIRO NIVEL
O Racing de Ferrol nunca perdeu en Coruxo dentro do terceiro nivel ligueiro, xa fose na vella Terceira como na actual Segunda B (nesta última só hai o precedente da temporada pasada, con táboas). Cinco vitorias e dous empates son a carta de presentación histórico-estatística do Racing nas súas visitas a O Vao
A primeira vez que ámbolos equipos xogaron en territorio vigués foi na temporada 1960/61, rexistrándose empate a dous tantos. Nas seguintes campañas antes do noso regreso á "división de prata" todo foron triunfos, salientando o 1 a 4 de 1962/63 (con goles por partida dobre de Lamelo e Nanuco), o 2 a 5 de 1963/64 (con dúas dianas de José e unha de Suco II, Echave e Loza) e o 0 a 3 de 1964/65 (marcando para os nosos Ledo, Carlos Dula e Alonso). Aquel Racing -entón Club Ferrol- da primeira metade dos sesenta era devastador na "categoría de bronce", e só un pequeno grupo de equipos -normalmente Lugo, Turista, Arosa, Fabril ou Compostela- podían acharlle as cachogas nunhas ligas regulares, as do período 1960-66, nas que ao Racing lle era moi estraño non ganar. Outra cousa eran as fases de ascenso, moi complicadas, de aí que tivésemos que estar seis anos agardando pola volta á Segunda División. Mesmo anhelo que agora, en 2015.

CRONOLOXÍA
O Coruxo Fútbol Club é o rival racinguista nº 104 en competicións oficiais; e o nº 29 no Terceiro Nivel ligueiro de sempre con presenza do Racing (antiga Terceira + Segunda B).
 








martes 28 xaneiro 2014

O que vai e o que lle queda ao Racing de Ferrol nesta liga 2013/14

COA PERMANENCIA SEGURA, A FASE DE ASCENSO NO HORIZONTE

En vinte e tres xornadas (unha delas de descanso) o Racing de Ferrol logrou máis que virtualmente a permanencia na Segunda División B, meta nº 1 de todo equipo recén ascendido. Rebasada a barreira dos corenta puntos, o equipo verde ten outros retos, outros anhelos, subido ao poleiro dos principais, compartindo o primeiro posto co Racing de Santander, que de portas para adentro vive o drama dun divorcio entre dous bandos, un consello de administración inmobilista e incapaz de sacar á vella entidade cántabra da crise; e unha afección farta de estar farta e solidarizada cun plantel de xogadores que non cobra e acaba de anunciar que non estará na Copa do Rei se non hai cartos ou renuncias no poder. Esa situación que vive o equipo que acompaña ao Racing de Ferrol no alto da táboa non debe despistar aos de José Manuel Aira, xa que en xaneiro non toca falar do título de campións -nin moito menos- senón da seguinte xornada. Semella un tópico, pero a segunda volta non fixo senón principiar e a Segunda B non deixa de dar sorpresas cada semana.

PROGRESIÓN E CONSOLIDACIÓN

Botando unha ollada ao que xa foi, vemos que o Racing pasou de acadar unha soa vitoria nas sete primeiras xornadas a sumar unha única derrota nas últimas dezasete. A vitoria conseguida na "pataqueira" de Ourense, aló pola 4ª xornada, non só foi a primeira desta liga senón a que iniciou o acoplamento á categoría redescuberta logo de tres anos no fútbol  de tinte interparroquial da Terceira galega. E, sen dúbida, a vitoria sobre o entón líder Zamora C.F. n`A Malata cinco semanas máis tarde, supuxo a maduración da idea, a panca que converteu ao Racing nun equipo emerxente. O bloque funcionou á perfección a temporada pasada. E na presente o motor segue a funcionar.



GOLES SON AMORES

Manu Barreiro, unha das claves do éxito.
Manu Barreiro e Jorge Rodríguez son os dous principais referentes goleadores do equipo, algo lóxico tratándose dos dianteiros do plantel. O compostelán, codiciado até en Hong-Kong, é ídolo das masas verdes e garantía de recursos mil e execucións en masa (en forma de goles) nas áreas contrarias. Pola súa banda, o cántabro pode e debe marcar moitos goles cando lle chegan balóns en condicións, xa que ten máis capacidade resolutiva da que ás veces semella amosar. 
O Racing de Ferrol é neste momento o equipo máis goleador do grupo primeiro da Segunda B e o segundo de toda a categoría (xunto ao Granada C.F. B), detrás do Cádiz C.F. Os verdes marcaron corenta tantos polos corenta e tres dos amarelos. Afortunadamente, o gol empeza a repartirse no plantel ferrolán, e homes como Dani Rodríguez, Marcos Álvarez ou Pablo Rey están aparecendo na faceta anotadora nos últimos compromisos. Dani, agora mancado, fixera sete a pasada temporada na Terceira División e na presente campaña leva un. Marcos Álvarez non só aporta velocidade pola banda senón tamén capacidade para marcar e leva tres domingos seguidos facéndoo. E o capitán Pablo Rey, que semella recuperado para os gustantes do fútbol con clase do ferrolán, marcou tres goles nos últimos doce días (golazo pola escuadra no Nuevo Carlos Tartiere incluído). Todo iso suma.

Pablo Rey, pregoeiro de Amboage 2013.
O potencial que o Racing de Ferrol ten en materia ofensiva é importante. Homes como Diego Vela e Marcos Álvarez están casados co perigo constante cando entran en acción, dando traballo físico e mental aos rivais. Cando homes como Iago Iglesias e Dani Rodríguez estean restablecidos o equipo poderá recuperar a calidade, o toque e a visión de xogo que o coruñés e o betanceiro atesouran. 

NADA É CASUAL

Con todo, a ameaza constante das lesións (a semana previa ao partido de Coruxo foi a primeira borrasca nesa materia) non debería alterar de forma sensíbel o traxecto deste equipo. Por riba da necesidade de reforzarse e de que os reforzos cheguen ou non; a capacidade de traballo e compromiso do grupo que lidera José Manuel Aira está quedando fóra de toda dúbida. Xa fose en campos idóneos para a plantación de tubérculos como O Couto, en campos enchoupados como O Vao ou en partidos a porta pechada; o Racing de Ferrol poderá xogar mellor ou peor pero está saldando esta liga con nota. E iso non está a acontecer por casualidade. O co-liderado que disfruta; as dez xornadas que leva instalado entre os catro primeiros clasificados; a condición de máximo goleador do grupo e segundo da categoría tras vinte e tres partidos disputados; e os tres meses que acumula sen perder; nada diso é froito dunha racha ou da boa sorte. 


PRUDENCIA, QUE VEÑEN CURVAS

De todos os xeitos, o fútbol é ás veces tan estraño que sempre ten ao "home do mazo" esperando detrás dunha esquina ou oculto nun escuro calexón. Queda pelexar cos Real Avilés, Racing de Santander, Burgos e Real Oviedo para medirse nas alturas. E non despistarse naqueles partidos que semellen asequíbeis. Cero relaxación, cero confianzas. O Racing de Ferrol deu cunha fórmula efectiva a temporada pasada e pouco a pouco vai dando resultados. 


Con goles, con traballo grupal, con corazón e con sentido, fiel á súa identidade e a todo aquelo que o está a facer un dos principais da categoría de bronce do fútbol español, o Racing, ese vello club que simboliza un sentimento inexplicábel con palabras, poderá lograr o que se propoña. Os números, polo momento, o acreditan.



domingo 26 xaneiro 2014

O Racing de Ferrol xa comparte o liderado do grupo primeiro da Segunda B

O mermado equipo de José Manuel Aira supera con boa nota o desafío d`O Vao ante o Coruxo nun encontro de auga e pelexa

Coruxo F.C. - Racing C. de Ferrol, SAD 1-1 (Dom 26-01-2014 / 23ª Xor. / CL2B)

O Racing de Ferrol é un óso moi duro de roer. Adáptase a todo con prudencia e ambición a partes iguais, non perde sentido de grupo e desenvolve marabillosamente o rol de equipo grande que non ten pensado abandonar ese estatus. En Coruxo tiña todo na contra: epidemia de baixas (Pablo Rey, Rubén Comesaña, Iago Iglesias, Dani Rodríguez e Diego Vela, amais do mancado de longa duración Marcos Valín) tendo que tirar da canteira para completar unha lista de convocados; un rival en proceso de recuperación e motivado ante a visita dun dos "galiños"; un campo diminuto e en mal estado en tarde de pertinaz choiva... Pero os de Aira saben gardar a compostura, sentirse cómodos e sacarlle partido, e sufrir cando toca sen perder os papeis. Nun momento da tarde os verdes eran líderes por segunda vez no que vai de liga (segunda, porque na 20ª xornada xa lideraran a táboa en versión actualizada) grazas á derrota momentánea, que logo foi definitiva, do Racing de Santander en Zamora. Cando Marcos Álvarez marcaba n`O Vao para adiantar aos seus sen celebración por respecto ao seu ex equipo, o Racing de Ferrol poñíase provisionalmente con dous puntos de vantaxe sobre os cántabros, ensaiando o placer inmenso de ser líder. En todo caso, o cadro ferrolán xoga a campión, a aspirante a estar na fase final polo ascenso, pasiño a pasiño, contra vento e marea.
O envite de Vigo tiña un guión garantido. Terreo pequeno e enchoupado era sinónimo de fútbol de choque, de pelexa constante, de pelotazos. Cero espazos, moi difícil enfriar o xogo, alto risco de fallos. O fútbol combinativo tiña que quedar no vestiario e a agua que caeu dende mediado o primeiro tempo até o asubío final do encontro aseguraba un campo progresivamente máis pesado, escenario perfecto para un espectáculo nivelado, no que en calquera momento podía chegar un gol. 
No primeiro tempo o Racing de Ferrol buscaba fundamentalmente a velocidade de Marcos Álvarez enviándolle balóns á súa banda para correr e centrar. Pero as retagardas non pasaron apuros, agás na ocasión de Pedro Vázquez que salva Antonio e nas accións de Jorge Rodríguez, que recibiu en seis minutos dous pases sensacionais mais non foi quen de controlar o balón. Dende aí pouco máis que unha loita sobre a arroceira con moitas intencións nos vinte e dous protagonistas pero pouco traballo para os gardarredes. Escasas ideas nos locais e control nos visitantes. Ata que no ecuador do período apareceu Marcos Álvarez recibindo un excelente pase ao interior da área de Manu Barreiro para bater na súa saída a Fernando.
O Racing funcionaba ben polas bandas, coa movilidade de que eran capaces tanto Marcos como o ourensán Fernando Pumar. Atrás, sobriedade sen complicacións. No medio, a batalla de Villar e Forte con Manu Barreiro ordenando o tráfico coa súa elegante tranquilidade, coa súa presenza cualificada co balón nos pes para axudar e proxectar. E aguantando ben a súa merma física sobre un céspede moi perigoso. Por se fose pouco, chegaba a choiva para converter a arroceira na lameira que acabou sendo O Vao. E até o tempo de lecer os verdes lograron sacarse de enriba a iniciativa dos locais, xogando con enchufe na tarefa e practicidade a proba de bomba.
No segundo acto o Racing tivo menos a pelota pero contou cunha boa ocasión de Manu e Jorge Rodríguez, os cales non lograron que cristalizase en forma de gol. O xogo estaba moi vivo e nivelado grazas ás dimensións d`O Vao e á auga que caía sobre Vigo. Mediado o período final marca o Zamora no Ruta de la Plata e os ferroláns eran máis líderes todavía. Pero quedaba media hora de auga e lama á beira da ría olívica, de ímpetu local e de paciencia. Como en xogadas a balón corrido o Racing se amosaba moi atento e seguro, tivo que ser a balón parado que o Coruxo lograse o premio á súa vontade. Unha falta maxistralmente tirada por Antúnez vai á rede polo pau que defendía Camacho e ilumina o marcador d`O Vao a prol dos verdes vigueses. O gardarredes andaluz non estivo nada atinado na acción -demorouse á hora de colocar a barreira e non se situou axeitadamente nin a tempo- e as táboas poñían o partido a mercede dos elementos. Os frutíferos trocos ofensivos de Rafa Sáez, dando entrada ao ex racinguista Rafa Mella e a Chacopino; o movemento de banco dun ausente -por sanción- Aira para dar concurso á mocidade (entraron Juan Rodríguez e Carlos López); a impenitente auga que xa convertira o campo nunha chocolataría;... Era a emoción do fútbol meteorolóxico, da incerteza do resultado, da ventura dese fútbol no que se apela á épica, sen brillo nin calidade, pero no que un gol se celebra sempre dobremente. 
Terminaba a tarde entre escuridades e líquido elemento a esgalla. En Zamora o Racing de Santander non daba sinais de vida e o de Ferrol houbo de conformarse coa custodia compartida dun primeiro posto que, visto o visto, sabe a moito tras 23 xornadas disputadas.

ONCE XORNADAS SEGUIDAS SEN PERDER

O Racing ferrolán está a sete de igualar o seu récord histórico de dezaoito partidos ligueiros sen coñecer a derrota. Acumula oito vitorias e tres empates, éstes últimos lonxe d`A Malata. Son case tres meses sen perder para o equipo que dirixe José Manuel Aira. 

MARCOS, TRES DE TRES

O de Ortigueira está casado co gol nos últimos compromisos. Marcou no Nuevo Las Gaunas ante a Unión Deportiva Logroñés; marcou n`A Malata fronte ao Ourense e logrou o seu terceiro tanto desta liga en Coruxo. Que siga a festa!

CO-LIDERADO E COLCHÓN DE SETE PUNTOS

Aínda que puido ser mellor de ter ganado en Vigo, o Racing de Ferrol consolida a súa situación na táboa e amplía pouco a pouco distancias cos rivais que ten detrás. O Racing de Santander perdeu en Zamora e o Ourense foi derrotado no seu incalificábel terreo de xogo ante o Real Sporting B. Iso si, Real Oviedo, Guijuelo, Real Avilés e Burgos venceron, pero os verdes deixan agora a sete puntos ao quinto, que é o cadro branco-azul do Román Suárez Puerta.   

Así quedan as primeiras posicións da táboa en CL2B-I logo de 23 xornadas.

MANU BARREIRO, BAIXA ANTE O MARINO DE LUANCO

O compostelán veu no minuto 86 o quinto cartón amarelo do seu primeiro ciclo desta temporada e non poderá estar a disposición de José Manuel Aira para a vindeira xornada, algo que axudará ao futbolista a consolidar a súa recuperación.

PRIMEIROS MINUTOS PARA JUAN RODRÍGUEZ

O xuvenil Juan Rodríguez disputou os seus primeiros seis minutos da presente liga (xa xogara na Copa RFEF) co primeiro equipo. Entrou no minuto 84 no lugar de Marcos. Tamén estivo Álex Ares no banco, na que foi a súa primeira convocatoria co cadro de Aira nesta temporada. Carlos López (que xogou quince minutos) e Álvaro Rey completaron o paquete de canteiráns presentes n`O Vao esta tarde.



 


venres 24 xaneiro 2014

CORUXO F.C. - RACING C. DE FERROL, SAD: duelo de "verdes" á beira do mar de Vigo


Un Racing de Ferrol mermado polas lesións e as sancións por acumulación de cartóns amarelos visita este domingo (O Vao, 17,00h / TVG) ao Coruxo F.C. na 23ª xornada do grupo 1º do Campionato de Liga de 2ª División B. Será a primeira vez que confronten nesta división, aínda que non na “terceira categoría”, posto que ámbolos equipos verdes se atoparan na vella 3ª División en seis oportunidades, entre 1960 e 1966.
O Coruxo F.C. foi fundado en 1946, denominándose Corujo S.D. até 1954, Corujo C.F. até 1991 e Corujo F.C. até 1996. A presente é a súa terceira temporada na Segunda B pero é a undécima en terceira categoría se sumamos as oito que actuou na vella Terceira División. O cadro vigués ocupa neste momento a praza da Promoción de Permanencia con só dous puntos máis que o Tropezón. Porén, os últimos resultados colleitados (empate na casa da Sociedad Deportiva Logroñés e vitorias ante Compostela e Celta B) demostran que reaccionou logo dunha dinámica negativa de cinco derrotas que o foi ubicando no pozo da táboa. O Coruxo loita pola permanencia, asume ese rol, e nas últimas semanas tomou folgos.
Xunto ao Caudal, é o terceiro equipo máis goleado do grupo primeiro da Segunda B no que vai de liga e está no paquete dos menos realizadores, con 21 tantos, o mesmo que Unión Deportiva Logroñés, Tropezón e Caudal. Até novembro, só o Noja fora quen de vencer no campo d`O Vao (1 a 5), no que perderon o Marino de Luanco e a Unión Deportiva Logroñés.
Chacopino e Antúnez son os referentes goleadores no Coruxo nesta liga, pero a escasa capacidade goleadora do cadro de Rafa Sáez ten que ser suplida cun xogo de conxunto que nos últimos compromisos semella ter mellorado tras a crise de decembro. Non se fían da epidemia de baixas que azouta ao Racing de Ferrol de cara ao partido deste domingo.
A historia das confrontacións entre Coruxo e Racing de Ferrol remóntase ao 9 de outubro de 1960, na vella Terceira División. O potente Racing (entón Club Ferrol) recén descendido da "división de prata" tras moitísimos anos consecutivos nela, non fora quen de ganar en Coruxo (rexistrouse un empate a dous goles), algo que foi noticia nunha liga, a de 1960/61, na que os ferroláns só deixaron de vencer en seis partidos dun total de trinta. Víctor Ledo marcara os dous tantos no primeiro tempo, e no segundo os vigueses conseguían a proeza de empatarlle ao equipo entón dirixido polo ferrolán Juan Rodríguez Aretio.

O Racing de Ferrol non xoga n`O Vao dende decembro de 1991.

Pese a iso, o Racing sempre puntuou n`O Vao agás na temporada 1984/85, que perdeu por 1 a 0 na 3ª División que hoxe coñecemos, concibida dende 1977 como cuarta categoría. Ganou sete veces nas once visitas ligueiras efectuadas, destacando o 2 a 5 da temporada 1963/64 con goles de José López (2), Suco II, Loza e Salvador Echave; e o contundente 0 a 7 da campaña 1991/92, na que o festival realizador se repartiu entre o asturiano Mario de la Roca (2), Pazolo, Manu Miranda e Luis Alberto (3) aquel 1 de decembro de 1991. O equipo de Fernando Vázquez era líder e como líder rematou a temporada, acadando o ascenso á Segunda B con franca superioridade.
Vigueses e ferroláns tamén se viron as facianas na final da fase autonómica da Copa RFEF, nun encontro disputado en Negreira o 19 de outubro de 2011, con retraso arbitral para chegar ao lugar de final ao pensar que se ía xogar en Ferrol; apagón de tres cuartos de hora no segundo tempo; e empate final a un gol, resolto a prol do Coruxo na quenda de penaltis.
Polo tanto, temos 23 partidos ligueiros disputados (doce na antiga e dez na actual Terceira División, máis un na Segunda B, o da primeira volta da presente liga, no que se rexistrou empate sen goles n`A Malata) cun balance moi favorábel ao Racing de Ferrol: 17 vitorias e 5 empates, cunha soa derrota en toda a historia dos choques entre ámbolos equipos na competición. O capítulo goleador é tamén moi claro. Nada menos que 85 goles marcou o Racing ao Coruxo neses 23 partidos, polos quince dos vigueses. En terreo olívico, o Racing ganou sete veces, rexistrándose táboas en tres oportunidades e a comentada única derrota da temporada 1984/85, a primeira do Racing na cuarta categoría estatal ligueira en toda a súa historia.
Computando Liga e Copa RFEF temos que Coruxo e Racing de Ferrol disputaron 24 partidos, con dezasete triunfos para os racinguistas, seis empates e unha soa derrota, con oitenta e seis goles marcados e quince encaixados.

CORUXO F.C., UN DOS RIVAIS AOS QUE MÁIS GOLES LLES MARCOU O RACING EN TODA A HISTORIA

Con 86 goles en 24 partidos oficiais (todos na competición ligueira agás un da Copa RFEF) o Coruxo F.C. está entre os rivais máis goleados polo Racing de Ferrol. Tamén recibiu 86 goles o Barakaldo C.F., se ben ferroláns e negro-amarelos confrontaron en sesenta partidos oficiais. O C.D. Lugo encaixou 88 goles en 58 partidos; o Deportivo La Coruña, 95 goles en 80 partidos e o Eiriña pontevedrés 110 goles en 46 partidos. 

A CATRO GOLES DOS 4.000 LIGUEIROS

O Racing de Ferrol marcou até o momento 3.996 goles na liga regular de todas as categorías nas que militou (Segunda, Segunda B e Terceira). Está, polo tanto, a catro de alcanzar a barreira dos 4.000 tantos ligueiros dende que se estreara o 22 de decembro de 1929 na vella Terceira División contra o Eiriña F.C. de Pontevedra tras probar, a temporada anterior, no torneo clasificatorio por unha praza na inaugural Segunda División - Grupo B, logo denominada Terceira División. 

CRONOLOXÍA

O Coruxo F.C. é o rival racinguista nº 104 en competicións oficiais, o nº 132 na 2ª División B e o nº 29 na “terceira categoría” ligueira (CL3 antiga + CL2B).