Amosando publicacións coa etiqueta Román Galarraga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Román Galarraga. Amosar todas as publicacións

sábado 27 decembro 2014

LEMBRANDO A ANTONIO FLÓREZ "MICHE", HÁBIL EXTREMO LEONÉS FALECIDO RECENTEMENTE

Miche faleceu o pasado día 17.
Ando mergullado estas semanas nun pequeno traballo sobre a historia do fútbol en Ferrol Vello que formará parte dun libro de varios autores dedicado a ese histórico e entrañábel barrio que pide a berros dende hai moitos anos ser rehabilitado urbanística, arquitectónica e socialmente. Será editado o libro en cuestión pola Autoridade Portuaria ferrolá. Lembrando os tempos heroicos do balompé da Cidade Vella, aos nomes que fixeron historia no fútbol parrocheiro, como Xelo Pardal -un dos que estrearon ao Racing na Segunda División en 1934 e logo foi heroico superviviente de Mauthausen-, os irmáns Anca, o asturiano Blas Artime (falecido hai un ano), o gardameta Colorín, José Luis Botana Botanita, etc.; entereime hai só unhas horas da morte, acontecida o día 17 na cidade castelá-manchega de Cidade Real, dun ex xogador do Racing de Ferrol da temporada 1958/59. O extremo Antonio Flórez Díez.
Nacido na localidade leonesa de Riello o 23 de maio de 1929, era coñecido como Miche dende os seus inicios balompédicos no colexio dos Padres Agustinos da capital da súa provincia. A súa vida deportiva transcorreu fundamentalmente na Cultural y Deportiva Leonesa e na derradeira temporada da súa carreira, tras dicir repetidas veces non ás ofertas que lle chegaban dende fóra de León (por exemplo dende Xixón), acabou xogando no entón denominado Club Ferrol. A Leonesa, tras o seu fugaz paso pola Primeira División en 1955/56, entrara nun declive que a devolvera á Terceira en pouco tempo. Miche veu en Ferrol a oportunidade de seguir xogando na "división de prata" e non o pensou dúas veces. 
No club verde colgou as botas, porque tras a súa retirada abriu un bar no famoso barrio leonés de El Húmedo, onde foi moi popular e querido.

Miche coincidiu no Club Ferrol con Román Galarraga.
Miche viviu, como queda dito, a mellor época da Cultural Leonesa. No club do león rampante chegou a xogar nas tres categorías estatais do momento. Primeiro na Terceira División, celebrando en 1953 o ascenso á Segunda baixo a dirección do guipuscoano Román Galarraga (falecido en 2009), co que se reencontrou en Ferrol cinco anos despois; logo acadando o histórico ascenso á Primeira División de 1955 ante o desaparecido Real Avilés no vello campo de El Ejido; e, finalmente, disputando vinte e oito partidos na máxima categoría, marcando catro tantos -a Deportivo Alavés, R.C. Celta, U.D. Las Palmas e Real Murcia-, só superado polo "artilleiro" José Vallejo (que tamén xogou en Ferrol, en 1959/60, e faleceu en 2008). Naquela Cultural estaba un leonés ilustre, o internacional e ex barcelonista César Rodríguez.
Mais as "vacas fracas" viñeron cedo ao club de León. Iso propiciou a progresiva marcha dos seus futbolistas máis relevantes, aqueles cos que fixera a proeza de ascender á máxima categoría ou xogar nela un ano. Tres deles, Antonio Flórez Miche, Manuel Rodríguez Serapio e o citado José Vallejo (que despois do descenso á Segunda dos culturalistas marchará ao Atlético de Madrid e aínda xogaría na Primeira División co Pontevedra na década seguinte), recalarían en Ferrol ao final da década.

Miche coa camiseta da Cultural Leonesa.
Miche era un extremo pelexador, infatigábel, de caneo escorregadizo, moi rápido e habilidoso co balón e brillante no un contra un. Coa Verde, Miche compartiu liñas de ataque moi notábeis, pois coincidiu con xente como Andrés Parada Suco, o aresán Marcelino, o mugardés Alvarito, José Caeiro (que regresou a Ferrol procedente do Stade Brestois francés), Manuel Vegazo (que lle arrebataría o posto na parte final da temporada), Rogelio Rodríguez Malpica ou Salvador Calvo Pensa. O seu debut ligueiro coa camiseta esmeralda produciuse na primeira xornada, no Obispo Irurita da cidade catalá de Terrasa. Rexistrouse unha derrota por 4 a 2 aquel 14 de setembro de 1958 e Miche foi o primeiro goleador verde da temporada. 

A fichaxe de Miche coincidiu co regreso do veterano José Caeiro ao club verde. Antes de marchar a Ferrol o extremo culturalista tivera ofertas do Real Gijón. (El Correo Gallego, 22-07-1958)

O atacante leonés aportou en Ferrol veteranía, talento e tamén ilusión. Disputou nesa temporada 1958/59 vinte partidos ligueiros coa Esmeralda, marcando seis tantos, tres deles de penalti (e puideron ser máis, xa que enviou un lanzamento á trabe ante a Real Unión de Irún na 18ª xornada). Asemade, xogou un partido do Campionato de España facéndolle un gol ao desaparecido C.F. Extremadura, o cal, no choque de volta, logrou superar o 2 a 0 adverso do Manuel Rivera cun meritorio 4 a 1 que deixaba fóra ao equipo de Galarraga. 

Un once ferrolán da temporada 1958/59, no estadio Manuel Rivera. É 21 de setembro de 1958 e o rival desa tarde é o C.D. Baracaldo-Altos Hornos. Están de pé: Gantes, Sánchez, Casitas, Perniche, Melón e Pepe Anca. Anicados: Marcelino, Agustín, Pensa, Caeiro e Miche. Rexistrouse un empate a un gol, marcando para os verdes o noso protagonista de penalti. O madrileño Agustín Villa foi expulsado a doce minutos da conclusión, ao igual que o baracaldés Orive.

A temporada 1958/59 foi estraña. Mal comezo (a primeira vitoria non chegaba até a 6ª xornada, ante o Deportivo La Coruña); remontada espectacular (catro triunfos seguidos na parte final da primeira volta); un terceiro posto durante varias xornadas tras Real Valladolid e Sabadell; e, finalmente, un affaire que desestabilizou claramente ao plantel, a saber, o agobiante interese do Celta por Suco, que lle fixo perder os papeis á directiva presidida por Rogelio Cenalmor Ramos (con dimisión incluída deste o 23 de decembro para regresar mediado o mes de xaneiro). No medio de toda esa barafunda, o temor -exaxerado- a pasar apuros para manter a categoría (non se ganou ningún partido nas derradeiras seis xornadas) e o xa estrutural debate entre suquistas e non suquistas, provocou unha especie de "caza de bruxas" dende dentro do club pero tamén, en certa medida, dende a prensa cara a determinados futbolistas, acusados de baixo rendemento. Miche estaba inxustamente entre eles e acabou rescindindo o seu contrato o 19 de febreiro, once días despois do encontro ligueiro disputado n`A Coruña. Era a despedida do fútbol do bravo extremo leonés.

No estadio de Riazor (A Coruña) o 8 de febreiro de 1959, momentos antes dun "clásico" ligueiro ante o Deportivo La Coruña que rexistrou triunfo local por 1 a 0 con tanto do compostelán Veloso. De pé: Gantes, Granda, Pepe Anca, Sánchez e Chinín. Anicados: Ruiz, Malpica, Miche, Álvarez, Suco e Marcelino. Este foi o derradeiro partido oficial que xogou Miche co cadro verde.

Dende aquí a nosa homenaxe e lembranza permanente a Antonio Flórez Díez, Miche, xogador do Racing de Ferrol hai cincoenta e cinco anos.

domingo 23 febreiro 2014

Morreu José Alonso Gantes, gardarredes do Racing de Ferrol en 1958/59

José Alonso Gantes faleceu este venres n`A Coruña, onde nacera o 30 de marzo de 1931. Defendeu a porta do Racing ferrolán na campaña 1958/59, na Segunda División, en vinte e seis partidos ligueiros -nos que recibiu trinta e oito goles, un deles de penalti- e en dous partidos copeiros diante do desaparecido C.F. Extremadura -encaixando catro-.

José Alonso Gantes abriuse paso na porta verde ante Zamorita e Franklin, deixando mostra da súa calidade na temporada 1958/59.

Gantes xa tiña percorrido nisto do fútbol cando arribou ao club verde. Probara as meles da Primeira División no Deportivo La Coruña en 1955/56 (onde actuou en dous partidos) e en Ferrol soubo facerse un oco importante para defender unha portería que, ao longo da campaña na que foi verde, tivo nada menos que sete inquilinos, aínda que só catro deles disputaron partidos oficiais nela: o caribeño Franklin Alleyne, José Ramón García, Pablito Pérez Ruibal, o ourensán José González Pita e máis o veterano Lorenzo Ruiz Zamorita.
Gantes debutou como gardarredes do Racing de Ferrol o 21 de setembro de 1958 ante o Baracaldo-Altos Hornos. Aquela tarde rexistrárase un empate a un no Manuel Rivera, marcando Miche de penalti para os verdes e Serafín para os biscaíños. Naquel Racing había vellos "rockeiros" retornados como o lendario Caeiro (viña do Stade Brestois francés) ou prometedoras perlas da canteira ártabra como Marcelino. O vasco Román Galarraga, que tamén fora porteiro nos seus tempos, dirixía o banco e Gantes logrou arrebatarlle o "cetro" a Zamorita aproveitando, amais, que Franklin estaba mancado por mor dun accidente de moto en Madrid. Pero o coruñés demostrou coa súa chegada que non foi un mero comparsa. 
Dende aquí só resta enviar unha forte aperta á súa familia e achegados. Gantes, futbolista do Racing de Ferrol con rango de antigüidade 197 (con el debutaron no club o mesmo día Agustín Villa e Vicente López Casitas) queda xa para sempre na nosa memoria entre os que fixeron Racing e contribuiron á súa gloria.