Amosando publicacións coa etiqueta Tomás Rodríguez "Tomaselli". Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tomás Rodríguez "Tomaselli". Amosar todas as publicacións

xoves 06 marzo 2014

REAL RACING CLUB - RACING CLUB DE FERROL: gran duelo no cumio entre os mellores

O domingo 9 ás 17,00 horas en El Sardinero é a cita. Un apaixoante Racing de Santander-Racing de Ferrol co liderado en xogo (dous puntos separan a ámbolos equipos), o "goal-average" en disputa -polo momento leva vantaxe o noso Racing, que vencera por 3 a 2 na primeira volta tras poñerse cun 3 a 0 á media hora de xogo- e tres puntos, en todo caso, con cheiro a transcendencia nun ambiente de seguro festeiro, marcado pola fraternidade entre as afeccións dos dous "Racing" por excelencia do fútbol español e pola anhelada Fase de Ascenso como meta cada vez máis próxima. De venceren os santanderinos marcharían a cinco puntos dos ferroláns e terían unha porcentaxe moi importante do título no seu peto. De facelo os ferroláns auparíanse ao máis alto por segunda vez nesta liga 2013/14 (xa foran líderes na 20ª xornada, lembremos) cun punto por diante do seu rival e aínda oito partidos no horizonte. Pase o que pase en El Sardinero non estará decidido o campionato, pero un triunfo local daría moitos boletos aos de Paco Fernández para obtelo.

O Real Racing Club, SAD naceu en 1913. Fundador da liga española e subcampión da 1ª División nunha ocasión; o cadro cántabro vive a súa estadía na 2ª División B nesta temporada entre os sobresaltos da longa e tortuosa crise institucional e económica aínda non pechada totalmente, que terminou por explotar en toda a súa intensidade coa valente actitude dos seus futbolistas ao negarse a xogar o partido de volta dos cuartos de final do Campionato de España contra a Real Sociedad como protesta por non cobraren; e as dificultades dunha liga na que non se pode vivir do nome e toca levar o mono de traballo para sacar os puntos adiante. Coas augas máis tranquilas e despois de que a frase Fuera chorizos de El Sardinero acabase convertida non só no lema sentimental de toda una afección doente pola situación do seu vello Racing senón nun auténtico "hit" do turbulento ambiente futboleiro español -afectado por unha descomunal crise económica en moitos clubs- que mesmo atopou n`A Malata o alento solidario da afección ferrolá durante o encontro da primeira volta; o Racing santanderino recuperou parte do que perdera, logrou encontrar un camiño máis centrado e seguro e, tras desbancar ao Guijuelo do primeiro posto, camiña cara ao título coa esperanza de que esa sexa a vía máis rápida para ascender. Porque máis de cen anos (e tantas e tantas cousas máis) non se merecen Segunda B...

TRAXECTORIA PARECIDA ENTRE ÁMBOLOS RACING
Racing de Santander e Racing de Ferrol son os mellores do grupo non só por seren primeiro e segundo senón porque encabezan a táboa de goleadores, con corenta e tres dianas cadanseu. Asemade só coñeceron a derrota en catro oportunidades, os cántabros sempre lonxe de El Sardinero (Ferrol entre elas). O equipo de Paco Fernández suma nada menos que dez empates (un menos que o conxunto de José Manuel Aira), cinco dos cales tiveron lugar no escenario que o domingo os vai confrontar. Equipo forte defensivamente (encaixou vinte e un tantos) e tamén no seu terreo, agrupa a futbolistas que aportan solidez, experiencia, talento e remate. Xente como o "retornado" Koné, Granero, Rubén Durán ou Javi Soria son algúns dos seus principais suministradores de gol e calidade. Sen acumular demasiados resultados brillantes, nin sequera algunha racha de copiosas vitorias (sumou tres seguidas nas xornadas 15ª, 16ª e 17ª ante rivais da zona baixa), o Racing de Santander foi labrando a regularidade necesaria, tanteando unha categoría ignota para el e aprendendo sobre a marcha mentras procura cumprir esa urxencia histórica do ascenso.
Perdeu o Racing de Santander a pasada xornada en Vigo ante o Celta B e ese resultado só pode interpretarse como un perigo engadido para os intereses dun Racing de Ferrol que atopará na capital de Cantabria a un rival desexoso de conservar con unllas e dentes o primeiro posto da clasificación ante un rival directo e esquecer a derrota no antediluviano campo de Barreiro. 

LONGA HISTORIA DE ENFRONTAMENTOS CHEA DE VICISITUDES
Racing de Santander e Racing de Ferrol non se prodigaron nas últimas catro décadas mais teñen unha rica historia detrás que fixo dos seus envites un dos máis rechamantes para os afeccionados, todo un clásico norteño que ao longo de moitos anos ofreceu innumerábeis anécdotas. 

Cadro cos enfrontamentos entre Racing de Ferrol e Racing de Santander na Segunda División e na Promoción de Ascenso (de Permanencia para os cántabros) á Primeira División, disputada en 1951/52.

Tras verse as facianas de maneira amigábel por vez primeira no mes de outubro de 1938 (tres vitorias ferrolás noutros tantos partidos), en plena preparación do Racing de Ferrol para xogar o Campionato de Galicia de 1938/39, que se adxudicaría por terceira vez na súa historia (e segunda sen coñecer a derrota); estrearon rivalidade competitiva oficial na campaña 1940/41. Naquela temporada o choque de Santander tivo que aprazarse ao mes de marzo de 1941 por mor do pavoroso incendio que destruiu parte da cidade vella santanderina na noite do sábado 15 de febreiro, véspera do partido. O Club Ferrol -trocara de nome semanas atrás por imperativo legal- tivo que fuxir do hotel no que se aloxaba e posteriormente do local da federación cántabra onde intentaran durmir os verdes en colchonetas, para marchar finalmente en barco cara a Ferrol ante a lóxica imposibilidade de disputarse o partido. O mesmo puido celebrarse o 23 de marzo, aínda coas cicatrices da traxedia na cidade cántabra, e rexistrou empate a un gol. Ese encontro ten o carácter de único na historia do fútbol español, xa que computou tamén para o Campionato de España, competición na que o destino emparellara aos dous Racing. A FEF adoptou o insólito acordo de que o choque copeiro de El Sardinero servise tamén para elucidar o encontro ligueiro pendente como consecuencia do incendio.
Na temporada 1942/43 o partido de El Sardinero entre Real Santander e Club Ferrol estivo preñado de incidencias, por sorte só deportivas. Ganou o equipo local aquel 25 de outubro de 1942 por un cinguido 3 a 2 e resultaron expulsados Miranda nos ferroláns e Felipe nos santanderinos; o local Pombo enviou fóra un penalti aos tres minutos de xogo, adiantándose logo o equipo verde por medio de Toro; O ferrolán Vicente marchou mancado no minuto 20 e reapareceu tras o descanso; e o que se mancou sen retorno foi Faustino Romero Herodes, a dez minutos do remate. O gol da vitoria local producíase a sete minutos da conclusión, entre o delirio do público.
Na temporada 1944/45 (sempre na Segunda División) o partido de El Sardinero arroxou a vitoria local máis avultada en liga regular sobre o rival ferrolán. Un 8 a 1 inapelábel con Saras marcando a metade dos tantos do cadro dirixido por Tomás Rodríguez Tomaselli, que tamén dirixiu o banco do Inferniño.
Na campaña 1946/47 a celebración do gol local (feito por Duque no minuto 29) provocou o derrubo do valado da grada de Xeral tirando cos afeccionados, entre os que houbo un ferido. Os verdes lograrían empatar no minuto 66 por medio de Caeiro.
Na temporada 1949/50 a traxedia volveu a voar -por sorte sen consecuencias irreparábeis- sobre o campo de El Sardinero. Era a primeira xornada da liga e pouco despois do primeiro dos dous goles cos que vencería o Real Santander o forte vento reinante (acompañado dunha chuvia moi intensa) derrubou a cuberta dunha das tribunas saldándose o suceso con cinco feridos. 
En 1951/52 o Club Ferrol colouse na promoción polo ascenso á Primeira División e na liguiña correspondente atopou a un potente Real Santander que loitaba por seguir na máxima categoría. O seu poderío quedou patente co 10 a 0 endosado aos verdes en El Sardinero (a derrota máis forte da historia do Racing de Ferrol), no que homes como León ou Mahjoub puxeron de manifesto a súa calidade e o seu olfato goleador. Nos verdes, Pepe Anca, un dos lendarios xemelgos de Ferrol Vello que tantas tardes de gloria deron á camiseta verde, acabou baixo os paus tras resultar mancado o gardarredes Manel. E non encaixou ningún gol nos cinco minutos que lle tocou defender a porta.

O Racing de Ferrol non xogaba no actual campo de El Sardinero (inaugurado en 1988) dende a temporada 2001/02, na Segunda División. Este domingo terá a oportunidade de asaltar o primeiro posto se vence ao seu homónimo santanderino.

AS VITORIAS FERROLÁS EN SANTANDER
Tres veces ganou o Racing de Ferrol en El Sardinero (no vello e no actual) dentro da competición ligueira, até o momento. A primeira aconteceu o 30 de xaneiro de 1949, por 1 a 2, con goles de Sebito. A porta verde estaba defendida polo nedense Juanito González, que logo xogaría en Santander e no Real Madrid. O segundo triunfo en terreo cántabro produciuse o 26 de outubro de 1958, por 0 a 1, marcando o gol o ribeirense Andrés Parada, Suco. E a terceira vitoria ferrolá deuse no actual campo de El Sardinero o 24 de febreiro de 2002, tamén por 0 a 1. Foi Grozdic o autor da marabilla de gol que, no minuto 46, daría os tres puntos aos de Luis César, adestrador do Racing ferrolán nesa época. O serbio marcou un dos tantos máis fermosos e espectaculares da historia do Racing de Ferrol, penetrando dende a liña de medios cara a porta cántabra, sorteando a cantos rivais se lle puxeron diante nunha sorte de slálom que fixo terminar a pelota na rede. Todo un agasallo de calidade exquisita dun internacional polo seu país.

NA PROCURA DUN TRIUNFO PARA DESEMPATAR A HISTORIA
Nos corenta e cinco partidos oficiais disputados por Racing de Ferrol e Racing de Santander (trinta e seis na Segunda División; catro no Campionato de España; dous en Promoción de Ascenso á Primeira División; dous en Fase de Ascenso a Segunda -dende Terceira División-; e un na Segunda B) ámbolos conxuntos teñen dezaoito vitorias, aínda que os verdes marcaron setenta e dous goles e os montañeses oitenta e tres. Dentro da liga, leva vantaxe o Racing ferrolán con quince triunfos e cincoenta e seis goles polas trece vitorias e cincoenta e cinco tantos dos cántabros. 

CRONOLOXÍA
O Real Racing Club santanderino é o rival racinguista nº 44 en competicións oficiais; o nº 133 na Segunda B e o nº 23 na "terceira categoría" ligueira (CL3 antiga + CL2B).