Amosando publicacións coa etiqueta U.D. Logroñés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta U.D. Logroñés. Amosar todas as publicacións

domingo 17 xaneiro 2016

DERROTA EN LOGROÑO E LIDERADO BAIXO MÍNIMOS

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

A derrota do Racing de Ferrol en Logroño confirma o mal momento do equipo merengado. Os nosos perderon frescura e empezan a non controlar ese status labrado ao longo de case toda a primeira volta con números de escándalo. Son tres derrotas nos últimos catro partidos, seis goles encaixados e só un punto xa de vantaxe sobre unha segunda clasificada, a U.D. Logroñés, seria, motivada e acertada no importantísimo choque desta tarde. Todo iso sitúa aos nosos na obriga inexcusábel de poñerse a ganar partidos de contado -e con regularidade- para non verse alcanzados polo tsunami. Un tsunami que, en realidade, non é para tanto. O nivel futbolístico desde Grupo Primeiro da Segunda B, déixenme dicilo, non é demasiado elevado, pero, por riba diso, a súa principal característica é que este ano existe unha igualdade brutal entre case todos os equipos. Esta 21ª xornada foi un bo exemplo: dez partidos, oito empates. Nesta liga todos fallan, todos levan paus, todos sacan tallada aos erros dos demais. Xa non hai dominador imparábel. Está vacante e vai para longo a fumata branca, témome. A esta hora, Racing de Ferrol, U.D. Logroñés, Racing de Santander, Pontevedra ou Leonesa poden ser campións aló polo mes de maio e ninguén pode dicir o contrario.
O Racing de Ferrol semellaba inmune ás circunstancias que si viviron os demais. Creou o equipo da Detroit española unha apetecíbel renda a base de resultados e un rendemento notábel, e foi verdadeiro dominador da táboa. Salientámolo con sinceridade. Pero todos sabiamos que o "home do mazo" podía aparecer en calquera momento, a vertixe do liderado, a presión dos outros aspirantes, as confianzas... Ou, simplemente, podía declararse un incendio de resultados adversos que, de súpeto, fixese que a boliña non quixese entrar ou os erros aflorasen como as margaridas nun céspede mal coidado.

A Peña San Juan desprazouse a Logroño para apoiar in situ ao Racing no importante partido entre segundo e primeiro da táboa. (foto: Miguel Herreros)
 
Nas ultimas semanas estamos a ver que non somos inmunes. Somos un equipo de carne e óso, con virtudes e defectos, individuais e colectivos. Con necesidades. Nin tan bo era o cadro de Miguel Ángel Tena cando lle sacaba oito puntos á U.D. Logroñés logo da 16ª xornada nin tan malo é agora. É un tópico dicilo, pero é absolutamente certo. Fomos perdendo fuel e tino, pero é recuperábel. O único que se pode valorar de maneira obxectiva é que somos menos sólidos defensivamente, que encaixamos demasiado para sermos un líder con aspiracións (vinte tantos en vinte e un partidos) e cústanos sermos solventes, fortes, ante rivais máis ou menos cualificados (non ganamos a Leonesa, Coruxo, Racing de Santander e U.D. Logroñés). A todo isto hai que darlle un xiro canto antes.

Como en Santander, o Racing de Ferrol deulle vida a outro rival directo, que pelexou pola vitoria como se valese unha Champions League. Eran puntos de ouro pero os ferroláns se levaron pirita. (foto: riojapress.com)
 
Non me doeu a derrota en Logroño. Era algo que podía acontecer entre grandes, e o Racing aínda ten que demostrar que sabe ganar fóra d`A Malata a algún rival potente. A día de hoxe a que máis me amolou foi a derrota colleitada ante o pechaportelos. Iso si, o Atlético Astorga era un pechaportelos de atrezzo, ocasional, porque os maragatos son un bo equipo, un cadro perfectamente capacitado para pelexar con garantías pola permanencia. Pero tamén é certo que esa tarde sacamos a empanada de calamar para contrarrestar ás mantecadas astorganas. Así a todo, que o do Atlético Astorga llo digan ao Racing de Santander, que non pasou das táboas en La Eragudina. É tan difícil a Segunda B cando se locen bitolas! (e dígoo tamén por nós).

O primeiro gol da tarde. Carlos Fernández rematou comodísimo e oportuno un bo centro de Titi en pleno acoso local. (captura: www.crtvg.es)

Na fría Logroño confrontaron o mellor defendendo e o mellor atacando... Certo? Todo é relativo. Hai moitas formas de defender e de atacar, e con resultados dispares. Seguimos a ter ao principal anotador do Grupo, Joselu, pero a bagaxe ofensiva que amosamos en Las Gaunas, que ofreceu a mellor entrada do que vai de exercicio, foi escasa e fragmentada. A U.D. Logroñés é un cadro moi forte, adicto ao ritmo, excelente no contragolpe con velocidade e hoxe estivo, asemade, moi inspirado. Nin un nin outro sorprenderon ao seu rival. O equipo de Carlos Pouso foi fiel ao seu estilo, tivo máis chegada, fixo máis dano e exprimiu os problemas defensivos ferroláns para sacar o mellor zume. Os de Tena renderon culto á posesión, a sacar pó á cómoda e afinar o piano de cola e estirar esa situación todo o posíbel. Pero Titi, un dos homes destacados da Unión logroñesa, fixo un centro e o punta Carlos Fernández, totalmente libre de marca, enviaba á rede. Delirio en Las Gaunas.

A U.D. Logroñés xogábase moito esta tarde e saeulle redonda. (foto: riojapress.com)

Os rioxanos fixeron dano á contra, aproveitando, entroutros factores, o concurso de Titi, presente nos dous goles do seu equipo. (foto: riojapress.com)

Cos trocos introducidos no 2º tempo (entraron Héber, Marcos e Vidal), o Racing ganou certa mordente atacante, reordenándose con Nano ao lateral zurdo, Forte retrasado á defensa e Pablo Rey e Borja Domínguez mandando no centro. Mellor colocado e mentalizado, o Racing levaba o peso do xogo e froito diso logrou o empate. Nano coa testa, tras falta tirada por Pablo Rey, lograba o seu primeiro gol no que vai de liga 2015/16. Era o gol da esperanza. Pero faltou tempo para gustarse, para temperar e controlar. Joselu tivo o 1 a 2 nas súas botas; o partido non tiña dono real e o balón viaxaba moito. Os rioxanos tiñan ansia viva por ganar, arroupados por unha nutrida afección. A tarde era súa e, nun córner, (que raro, non si...?), conseguían o gol da vitoria, por medio de Chevi. E novo delirio en Las Gaunas.

Nano subiu a rematar unha falta botada por Pablo Rey e estableceu o 1 a 1 no 62'. (captura: www.crtvg.es)

Pouco despois do empate, Joselu tivo nesta acción do 65' a oportunidade de colocar ao Racing por diante no marcador, pero Miguel estivo moi rápido e acertado para desviar o toque do dianteiro de Ribeira. (captura: www.crtvg.es)

O gol de Chevi, un minuto despois da ocasión perdida por Joselu. (captura: www.crtvg.es)
 
Houbo tiros ao pau, algunha intervención espectacular de Mackay, intentos de Pablo Rey a balón parado, réplicas con moito perigo dos de casa, unha longa prolongación do 2º tempo... Foi un partido moi vivo até o final. Pero aí, nos derradeiros minutos, os nosos perderon os papeis e se encheron de cartóns, todos por protestar. Por se fose pouco, Jaume Vidal, que suplira ao loiro capitán racinguista a quince minutos da conclusión, acabou na rúa con vermello directo pouco antes do asubío arbitral por darlle unha labazada sen balón a un rival. Os clásicos dirían que todo foi froito da desesperación. 
Desesperados ou non, os nosos teñen que reaccionar xa. Non queda marxe, nin renda, nin colchón. Estamos na rúa con tanto recorte, señoras e señores. Peña Sport agarda a vindeira semana no coliseo do rego da Sardiña e toca ganar sen excusas se queremos manter o primeiro posto. É xa unha cuestión de supervivencia na praza na que estamos dende a 7ª xornada pero coa mesma vocación de futuro de toda a temporada. A liga non acaba agora, nin o mes que vén, pero para sermos campións hai que ir á tenda a pillar un pouco de regularidade. Hai que chamar ao fontaneiro para que tape os buratos defensivos. E que o club traballe como sexa, co que sexa, onde sexa, por reforzar o plantel. Xa sei que non hai un céntimo e que fritimos os ovos con saliva. Pero haberá que considerar unha marxe de risco, pensando que se poderá compensar con creces logo co ascenso. A ver se chega algunha cesión interesante...
Pasado o "meteorito" tarraconense que case se leva a Joselu ao espazo sideral por uns patacóns e finalizada a "telenovela" Nacho Novo, rica en diálogos e de poderoso guión, hai que poñerse as pilas. Todos. Consello de administración, cadro técnico, plantel de xogadores e afección. Todos xuntos farán que o sabor amargo destas xornadas sexa menos amargo. Volverán a vitorias e demostraremos que queremos ser campións. Que máis podo dicir? Que a dezasete xornadas do remate, estamos arriba. Que nos quiten de aí, se se atreven.
Vamos Racing!


sábado 16 xaneiro 2016

MOITO EN XOGO EN LAS GAUNAS

Escenario importante, rival directísimo e puntos de ouro. Ese é o menú que o Racing de Ferrol terá que procesar mañá no moderno Las Gaunas (17:00h) ante a U.D. Logroñés. Segundo contra primeiro con catro puntos polo medio nunha 21ª xornada do Grupo Primeiro da Segunda B na que os perseguidores teñen, a priori, partidos doados. O Racing de Santander visita Astorga, o Pontevedra visita Cáceres e a Leonesa xogará na casa do Celta B. Xa é sabido que no fútbol todo é posíbel pero os prognósticos neses choques apuntan aos éxitos forasteiros. Esta especie de final non conclusiva entre o cadro de Carlos Pouso e o de Miguel Ángel Tena pode axudar a comprimir a parte alta da táboa -non decidirá nada todavía, por suposto- ou disparar ao hiper-espazo a un Racing que necesita un triunfo rechamante.

O Racing ten mañá unha oportunidade para dispararse outra volta e deixar a un rival directo moi controlado.

Logo dunha semana na que o club que preside Isidro Silveira estivo a piques de sucumbir á seducción de andar por casa dun club que quixo levarse a Joselu en plenas rebaixas de xaneiro; o equipo merengado precisa centrarse no que toca esta temporada, que con iso xa ten abondo. Hai que recuperar frescura no xogo, restablecer a regularidade amosada case toda a primeira volta e ser conscientes de que a segunda será máis dura. O rival de mañá tivo a sorte de emparellarse na Copa del Rey co Sevilla, co cal, aínda que saturase o seu rendemento ligueiro durante varias semanas, fixo unha suculenta caixa e puido reforzarse. No Racing estaban tanteando o mercado pero cando caeu o "meteorito" de Tarragona non se puido evitar a tentación de prantexarse a marcha de Joselu (iso é o que podemos interpretar do dito no seu momento por Isidro Manuel Silveira, conselleiro delegado do club) para poder fichar. Sería un erro de groso calibre e, afortunadamente, reinou a cordura. Joselu tiña e ten claro que o seu sitio está en Ferrol e o club entraría en aberta contradicción se se puxera a prescindir dos seus homes máis determinantes nunha campaña que ten o ascenso como meta. Non só por Joselu, tamén por calquera dos restantes futbolistas. Porén, pese a que a necesidade de reforzarse segue moi vixente, polas verbas de Juáncar Fernández non dá a sensación de que haxa moitas posibilidades de que se dean. Hai, presuntamente, unha boa saúde económica pero non hai un céntimo. Acaso podería vir algunha cesión, que non será doada. O Racing necesita un home que vaia ben de cabeza, que pelexe de verdade coas defensas nas disputas, que aproveite os rexeites, que aporte a agresividade que lle falta ao equipo entre a liña media e a punta en moitas ocasións. Necesita ese algo máis que todo equipo require sempre para ser mellor, para ser máis sólido. Sen entrarmos no feito obvio de que o plantel é curto e as exixencias da temporada son longas. Todo iso é necesario, máis sendo un equipo que xoga con moitos xogadores por detrás do balón, que ten os seus conceptos defensivos moi asumidos (despistes ou erros inesperados aparte), e que converte a posesión nun exceso -ás veces- de elaboración con resolucións incompletas ante a porta rival. Nada grave, pero corrixíbel, quizais, cunha fichaxe. Non son defectos, insisto, senón características válidas dun plantel cualificado que está a facer unha temporada exitosa. Pero en todo colectivo sempre hai pezas e funcións a mellorar, e o Racing non é unha excepción nunha liga na que aspira literalmente a todo.

Os rioxanos danlle ao partido deste domingo unha importancia suprema.

Polo que se deduce dos adestramentos desta semana, algúns dos cales tiveron lugar no sintético de Aneiros, Tena aposta por intentar saír en Logroño cunha defensa de tres, e con Piette e Forte como parella de medios defensivos. De todos é sabido o potencial do rival á contra pero por riba de todo os nosos terán que ser moi sintéticos na circulación do balón. Tratar de chegar con menos toques. E, regra de ouro, entrar no partido moi despertos. Intúo que será, o de Las Gaunas, un encontro moi vivo, propio de dous grandes da categoría. O de Santander e o acontecido ante o At. Astorga tivo que servir de lección correctora.  

O RIVAL
A Unión Deportiva Logroñés, SAD naceu en 1967, denominándose C.D. Varea até 2009. Para máis datos deste club e os seus enfrontamentos co Racing premer aquí e aquí.
O equipo rioxano é o menos goleado de toda a Segunda B e o segundo, tras o Atlético de Madrid, das tres primeiras categorías ligueiras do fútbol español a día de hoxe. Non é un conxunto especialmente goleador, concentra esa faceta na aportación de Pere Milla, e o seu campo non é un baluarte precisamente: non pasou das táboas ante At. Astorga, Sporting B, Leonesa e Tudelano e perdeu ante o Somozas. Leva dúas vitorias consecutivas alí onde é máis forte, lonxe do seu terreo, e a motivación de intentar recortar diferenzas clasificatorias co líder fará do equipo branco-vermello un dos contrincantes máis difíciles do que lle resta ao Racing nesta liga regular. 
Está en xogo, por outra banda, algo importantísimo: o goal-average. Na primeira volta vencera pola mínima o Racing n`A Malata a unha UDL que chegaba a Ferrol de líder, salvando os tres puntos cun gol a seis minutos do remate feito por Borja Domínguez. O equipo dos Santelices, Titi, Iker Alegre e o citado Pere Milla salienta polo forte ritmo que procura imprimir aos seus encontros, e sácalle partido á velocidade coa que xoga cando recupera o balón. Non vai sorprender cos seus argumentos o cadro de Pouso, e intentará lograr un triunfo que lles sabería moi ben. O premio para nós suporía meterlle sete puntos (máis o goal-average) ao conxunto logroñés.

CRONOLOXÍA
A Unión Deportiva Logroñés, SAD é o rival racinguista nº 289 en competicións oficiais; e o nº 181 no terceiro nivel ligueiro de sempre con presenza nel do Racing (CL3 antigo + CL2B).




luns 31 agosto 2015

PRIMEIRA VITORIA LIGUEIRA, ANTE UN RIVAL DIRECTO... E A SEGUIR MELLORANDO

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

Non defraudou este Racing-U.D. Logroñés, duelo entre aspirantes á FA2, na estrea da temporada oficial en Ferrol onte domingo. O líder da primeira xornada foi a terras ártabras disposto a repetir a experiencia gratificante da semana pasada ante o Compostela e seguir mandando na táboa. E non o disimulou. Deu moi traballo, creou ocasións, dominou moitos minutos, tivo bastante a pelota e fixo lucirse a Mackay varias veces. Diante, un Racing de Ferrol excesivamente "platónico", metido na cova, moi defensivo de partida, cedendo terreo e posesión do balón aos logroñeses, pero que tivo case o mesmo número de ocasións de gol ca eles, balóns á madeira incluídos por ámbolos bandos (un de Iker Alegre a pase de Titi e un de Héber a pase de Joselu). Foi a través de tres accións de fermosa execución como se alterou o flamante marcador electrónico dos oitenta do campo d`A Malata. O golazo de Peláez pola escadra dende fóra da área que abría a tarde pasada a intensa primeira media hora; o disparo de falta, tamén pola escadra e ao Pablo Rey style, a cargo de Titi, mediado o segundo acto; e o tanto salvador de Borja Domínguez a escasos minutos da conclusión, enviando á rede un excelente centro de Joselu dende a esquerda.

A Malata volveu a ter marcadores electrónicos operativos tras moito tempo arruinados. (foto: J. Peich)

Non me gustou o Racing no primeiro período. Abusou do pase atrás, deulle moi escasa mobilidade ao seu xogo, errou á envorca e concedeu moita marxe de manobra a unha Unión con ideas de fábrica moi claras. Os de Carlos Pouso mandaron territorialmente, roubaron e recuperaron balóns, presionaron de fábula e cada vez que se aproximaban á área ferrolá era con perigo. A todo iso axudou, como queda dito, un Racing moi impreciso nas recepcións, nos pases, nos despexes e na orientación das xogadas. Había ganas nos nosos, pero tamén vaguidade, non sei se nervios. Vemos ao equipo un chisco estático, precipitado á veces, que só cando aforraba toque e movía a pelota de xeito máis directo, máis longo, e con velocidade, obrigaba aos branco-vermellos a dedicar máis tempo a defender. Á UDL víñanlle ben as rebuldainas e batifondos que se formaban entre os xogadores na disputa da pelota e os infecundos rondós locais lonxe das zonas sensíbeis, porque neles, os seus varudos efectivos ganaban case sempre a partida, xa fose despexando ás cubertas d`A Malata ou sacando a pelota con caída a rolos para poñer a proba a imparcialidade dun árbitro, o asturiano Fernández Pérez, que estivo correcto nun choque por momentos complicado. 

Fran Beade dirixiu o banco por estar Miguel Ángel Tena sancionado. (foto: J. Peich)



 
Marcos e Héber non tiveron o seu día pero non escatimaron esforzos por proxectar o fútbol do seu equipo por fóra. Pero faltou tiro a porta, cousa que, dende calquera lugar e distancia, si practicaba a Unión logroñesa todas as veces que podía. A presenza física da UDL impoñía respecto, tamén as súas durezas, recursos varios de equipo con estudada paciencia ante o reloxo e potencial para desviar un partido ao seu favor. Equipo práctico, sen flores, pero feito para pelexar e con vocación ganadora.

Joselu non tivo doado moverse con soltura ante a defensa rioxana. Deu bos pases e recuperou algúns balóns, pero tamén andivo un pouco taciturno. (foto: J. Peich)

O Racing estivo mellor no 2º tempo, contando con varias ocasións de gol antes do marcado por Borja Domínguez. (foto: J. Peich)
 
Menos mal que no segundo tempo o Racing estivo, progresivamente, máis atinado atrás, perdeu menos balóns e foise un pouco máis ao ataque. Con Vela ganouse posesión con velocidade pero lle faltou ao coruñés chegar á liña de fondo e centrar. Lonxe diso, optou por driblar escorándose ao interior e as súas accións morrían case sempre nos pes dos defensores.
Héber intentouno, foise duns cantos rivais polo seu extremo pero abusou das "bicicletas", lle faltou ese centro, ese pase ou ese disparo executivo, non sacou tallada ás estupendas ocasións que gozou e buscou o penalti que non lle concederon en Aranda. Non o atopou. Outra tarde será.
Joselu foi como o río Guadiana pola zona de Ruidera. Alternou paseo dominical polo enxoito céspede da ribeira do rego da Sardiña -por certo, non viría mal pintar as liñas do campo de cando en vez, a penas se ven- con accións (exiguas) de traballada recuperación do balón e, como non, a magnífica internada polo lado esquerdo, na que impuxo presenza física (tocaba iso nesa acción) para marchar do lateral, centrar perfectamente e servirlle a Borja Domínguez, no segundo pau, o tanto do triunfo. Máis dunha vez ollamos ao de Palmeira colocándose á esquerda, polo medio, un pouco máis atrás ou pola dereita, na procura da mellor postura para recibir balóns en condicións, que chegaron en contadas ocasións. Fallou nuns, recibiu "melóns" noutros e liouse noutros tantos, pero o balance do crack ribeirense foi aceptábel: estivo na xogada do gol da vitoria cando se necesitaba. Visto o visto, suficiente.

Unha das cámaras da TVG, que retransmitiu o encontro, escangallouse e tiveron que poñerlle outro obxectivo.

Peláez non está, nin moito menos, ao 100% do rendemento que de el se espera e haberá que agardar a que o compostelán colla o ton axeitado para dar brillo e proxección ao traballo colectivo da media racinguista, que vai ter que ser importante, si ou si, nesta temporada. Porque, visto o deste RAC-UDL, esa parcela do equipo branquexado segue a necesitar moito traballo para estar ao nivel anhelado ou, polo menos, requirido para cumprir obxectivos e garantir seguridade. 
Moi ben, por outra banda, o canadiano Piette, con moño e todo, que turra e pelexa o que se lle pón por diante, tapa o espazo de fuxida do rival con todo o corpo de xeito rochoso e move a pelota (para atrás, iso si) sen complicarse.
Na defensa, exceso de laboura para unha liña que só mellorou un pouco no segundo tempo. O empuxe rioxano, os rexeites defensivos ferroláns feitos excesivamente ao chou, deixando balóns perigosos a homes moi bulideiros, insistentes e famentos de gol como Titi, Iker Alegre, Pere Milla ou o colombiano Joel Valencia, puido conlevar máis dun disgusto. Agasallos no "balcón" da área ou na liña de medios propiciados polo costume de defendermos un córner ou unha falta sen deixar polo menos a un par de xogadores en tres cuartos, arrastrando con iso a futbolistas rivais con eles para desconxestionar a área. Iso, tan sinxelo, debería de corrixirse.
A U.D. Logroñés foi a menos conforme as néboas invadían o val de Serantes para anubrar case por completo o ceo do norte de cidade. E fíxoo sen decatarse, aínda que estivo viva até o remate. Puido empatar e menos mal que Ian Mackay segue a ser Ian Mackay, señoras e señores. Voou o galaico-escocés varias veces para evitar, polo menos, dous goles visitantes no acto final deste partido e contrarrestou con iso os (pequenos) erros nos saques de porta do primeiro tempo, que se lle ían as bancadas. Por certo, falando da xeografía defensiva merengada, Golobart, que só entrou un par de minutos, ten moi boa pinta e xa imaxino a parella Català-Golobart no centro da defensa... O ex xogador do Erzgebirge alemán vai ser un seguro de vida nesa parte do equipo. Ao tempo.

Os merengados celebrando o gol de Borja Domínguez, que valeu os tres primeiros puntos desta liga. (foto: J. Peich)

O cadro de Miguel Ángel Tena pasa do 16º ao 8º posto da táboa tras esta segunda tirada ligueira no Grupo Primeiro da Segunda B. Ganaron os favoritos (agás a UDL, obviamente) e Coruxo e Guijuelo semellan dispostos a repetiren primeira volta de cine como en temporadas anteriores. O importante onte era vencer, sumar tres puntos ante un rival directo e enxugar o sabor a bitter da derrota en Aranda. Pero, que quede claro, hai moito que mellorar e corrixir
Próxima parada, Tafalla.

venres 28 agosto 2015

RACING DE FERROL-U.D. LOGROÑÉS, PRIMEIRO PRATO FORTE ANTE O PRIMEIRO LÍDER


Este domingo 30 de agosto (18:30h, TVG-2) estréase o Racing de Ferrol no seu feudo no presente Campionato de Liga para recibir ao primeiro líder do Grupo Primeiro da Segunda B, a U.D. Logroñés. O cadro rioxano é un dos candidatos a estaren na FA2 e comezou ganando con claridade ao Compostela -outro dos candidatos, ao meu modo de ver- na xornada inaugural, marcando o seu dianteiro Pere Milla dous dos tres tantos branco-vermellos para ser o primeiro do curso na táboa de realizadores.
O Racing anda no labor, un tanto inopinado, de completar o seu plantel cun dianteiro. Non semellaba estar tal cousa no guión do declinar do verán pero, claramente, se quere mellorar o existente. As consecuencias de traer futbolistas mancados, en proceso de des-fragmentación ou, simplemente, que non convencen abondo, obrigan a anticipar as procuras de reforzos antes do remate do primeiro prazo establecido para adquirir futbolistas. Logrado o central necesario e anhelado na persoa do catalán Golobart; contar cun atacante que complemente a Joselu é, ou semella ser, o obxectivo. Eu sigo pensando que, postos a seguir engrosando a colectividade dirixida por Miguel Ángel Tena, non viría mal un medio organizador, creativo, aínda que esa faceta poida ir cuberta, dun xeito ou doutro, cunhas características ou con outras, por homes como Borja Domínguez, Peláez ou Pablo Rey, futbolistas acreditados para funcións dese tipo. Porén, e polo que temos ollado ou coñecido até o momento, para que este equipo funcione de verdade vai necesitar visión moi clara, moito cerebro e moita fortaleza na parte ancha do esquema, por moito que a maneira de xogar troque en comparanza coas dúas temporadas anteriores. Se se vai xogar "para" Joselu pola vía rápida (que xa se verá se é así ou con matices) o centro do campo terá que cobrar un protagonismo manifesto. Pasala con xeito, movela ben e rápido, apoiar moito as accións sen deixar espazos baleiros e correr máis que o rival. E facer todo iso en equipo e con constancia, non ao chou. Soa ideal, non si? O que está claro é que un centro do campo con cualidades defensivas pero un chisco estático; con individualidades talentosas pero ás veces inconstantes; con velocidade polas bandas pero sen as suficientes adhesións; sería un máis do mesmo para un Racing que segue a ser unha incógnita pero que, ben completado e coas ideas moi claras, pode chegar lonxe nesta temporada, o cal desexamos ao 100% sen xénero algún de dúbida porque hai que estar na FA2 si ou si.
Ao fío disto, nos días pasados soou o nome do xoven medio centro peruano Sergio Peña, un futbolista de 19 anos (cumprirá 20 o mes vindeiro) que actuou no Alianza de Lima e foi fichado polo Udinese italiano, que o cedeu ao Granada, en cuxo segundo equipo actúa.
No tocante ao ataque, como xa comentamos, hai intención de novidades. Dá a sensación de que o "sucesor" de Dalmau, o tamén mallorquino Jaume Vidal, non satisface aos técnicos do case centenario club merengado a niveis significativos. Non estivo en Aranda pese ás baixas coas que se afrontou o partido e na pretemporada, dende que chegara o día 5, o seu concurso foi máis ben secundario, picando minutos sen grande protagonismo baixo a sombra dun Joselu goleador. Nas últimas horas falouse de Guillem Martí, punta menorquino con pasado na Segunda División (Tenerife), como posíbel incorporación, mesmo era dada case como segura en medios insulares, pero finalmente fichou polo Guadalajara
Veremos quen vén finalmente, se é que se atopa algo interesante.

TRES PUNTOS
Superado o pequeno disgusto da derrota en El Montecillo arandino, os da prenda merengada volverán a afrontar un partido con baixas, e por razóns diversas. Ante a UDL n`A Malata, non poderá estar o capitán Pablo Rey (expulsado en terras burgalesas),  Peláez anda resentido dende a pretemporada pola lesión sofrida nun pé cando xogaba na Leonesa. É o conto de nunca acabar neste club... Nano tamén arrastra problemas aínda que din que mellora. O canadiano Piette estará pero logo irá coa selección do seu país a senllos partidos contra Belice clasificatorios para a fase final do Campionato do Mundo en Rusia 2018. Xogaranse o 4 de setembro en Toronto e catro días despois en Belmopán. E non sentará no banco Miguel Ángel Tena, que iniciou a súa carreira como adestrador en competición oficial cunha expulsión por reclamarlle ao colexiado do choque de Aranda o penalti que debeu de sinalarse sobre Héber no canto dunha lei da vantaxe pouco xusta. 
Agardemos que as inevitábeis apreciacións arbitrais adversas para os nosos intereses se equilibren na liga, con naturalidade, coas que non resulten tan desfavorábeis. E, sobre de todo, esperemos a primeira vitoria desta liga.

UN RIVAL FORTE E DECIDIDO
A Unión Deportiva Logroñés, SAD naceu en 1967, denominándose Club Deportivo Varea até 2009 e Unión Deportiva Logroñés até 2010. Para máis datos deste club e os seus enfrontamentos anteriores co Racing premer aquí.
O cadro de Carlos Pouso vive a súa sétima temporada consecutiva na "división de bronce". Non variou a súa política en relación coa temporada 2014/15. Segue a presentarse como un conxunto potente, práctico, inherente aos tópicos da súa ubicación xeográfica e nada exento de calidade. Xa sabe o que é vencer en Ferrol (fíxoo na primeira confrontación oficial entrámbolos equipos, na campaña 2013/14) e abofé que viaxará á Detroit española para intentar coller despistados aos racinguistas e manter o seu liderado cun novo triunfo. A UDL ten un inicio de calendario exixente (Compostela, Racing de Ferrol, Coruxo e Racing de Santander) e quererá achantarse no eirado da liga sen demoras nin vacilacións.
No seu plantel permanece xente coñecida como Jacobo, Titi, Julio Rico, Santelices, o colombiano Joel ou Iker Alegre. O ilerdense Pere Milla, fichado do Getafe B (igual que o lateral dereito zaragozano Edu Payá), está chamado o ser o referente anotador pese a que a súa demarcación adoita ser a de extremo esquerdo.
Podemos agardar a unha Unión logroñesa sólida defensivamente que buscará sorprender á contra, aínda que a película do partido só se verá o domingo. O 3 a 0 conseguido ante o Compostela en Las Gaunas impón respecto por máis que cada encontro sexa sempre unha historia diferente.

MARCADORES NOVOS, VITORIA SEGURA?
Os novos marcadores incorporan o logo do Concello de Ferrol e o presunto escudo do Racing. (foto: Juan Galego)

Descoñezo se os novos marcadores electrónicos d`A Malata estarán xa dispoñíbeis este domingo. Así a todo, o Marcador Electrónico de FERROL É RACING estará como sempre aquí para indicar resultados e goleadores.

CRONOLOXÍA
A Unión Deportiva Logroñés, SAD é o rival racinguista nº 289 nas competicións oficiais; e o nº 181 no Terceiro Nivel ligueiro de sempre con presenza nel do Racing (CL3 antigo + CL2B).



venres 17 abril 2015

RACING DE FERROL-U.D. LOGROÑÉS: UN PARTIDO IMPERDÍBEL



Importante partido o deste domingo n`A Malata (17:00h, TVG-2) dentro da 34ª xornada na "división de bronce". Corrixo con urxencia. Importante non, importantísimo. Porque hai moito máis que tres puntos no apaixoante Racing de Ferrol-Unión Dep. Logroñés. Está en xogo o goal-average entre ámbolos equipos (polo momento leva vantaxe o equipo rioxano, que ganara en Las Gaunas por 2 a 1); xógase chegar á 35ª estación ligueira no terceiro posto con dous ou catro puntos de vantaxe sobre o rival (dependendo de cal dos dous sexa quen de vencer); xógase seguir soñando co subcampionato, que ostenta, a distancia alcanzábel, o Real Murcia; e xógase aumentar, se callar, as distancias con Guijuelo e Compostela, quinto e sexto da táboa respectivamente. Unha auténtica final, en resumidas contas, é o que hai dentro de dous días en Ferrol entre dous equipos pelexados a tumba aberta pola terceira praza. O que gane dará un paso de xigante cara á Fase de Ascenso á Segunda División.
O Racing de Ferrol-U.D. Logroñés que terá lugar n`A Malata é un encontro imperdíbel. Imperdíbel para os contendentes polo que acabamos de comentar e imperdíbel para os afeccionados ferroláns, que teñen que estaren no coliseo de Serantes si ou si. Non hai excusa para o contrario. O choque de trens entre verdes merengados e branco-vermellos será unha verdadeira proba de Fase de Ascenso, un ensaio, un exame. O ambiente que abofé rodeará a este partido especial, a transcendencia dos puntos a estas alturas da recta final, todo ten un recendo especial.

En Logroño tamén tiran dun dos escudos surrealistas que circulan pola rede para representar ao Racing de Ferrol. Non é culpa deles.
 
Por que só lle vale ganar ao Racing? Porque de non facelo seguiría tendo opcións de colarse na FA2 pero co alto risco de que Guijuelo e Compostela conecten directamente coa pelexa por unha praza. A U.D. Logroñés establecería unha distancia connosco de catro puntos (e co goal-average no peto) de sumar os tres en Ferrol. E un empate, sen ser unha traxedia, non é o resultado apetecido por ningún dos dous. O Guijuelo xoga na casa do condenado Marino de Luanco e o Compostela recibe en San Lázaro a un Coruxo que basicamente non se xoga nada (sácalle nove puntos ao cuarto pola cola). De ganaren santiagueses e jamoneros poderían quedar a un só punto de nós, sempre e cando perdésemos ante a UDL. Ou a dous do equipo rioxano de vencer o equipo de Manolo García. Distancias minúsculas con catro xornadas por diante. De aí que ganar o domingo resulte obrigatorio.

O RIVAL DOMINICAL
A Unión Deportiva Logroñés, SAD naceu en 1967. Denominouse C.D. Varea até 2009 (non confundir o actual C.D. Varea, nacido precisamente en 2009, con este club) e Unión Deportiva Logroñés até 2010. Xogou no Finca Diputación e en La Picona até 1983, en El Vivero até 1992, no Municipal até 2009 e no moderno Las Gaunas dende entón, que foi cando pasou a lucir a indumentaria que hoxe coñecemos, xa que até ese momento o club vestira camiseta vermella e pantalón azul (até 2002) e posteriormente branco-vermella arlequinada con pantalón negro. Vive a UDL a súa sexta temporada consecutiva na Segunda B -debutou nela en 2009/10- a aspira a mellorar o quinto posto que obtivera en 2011/12.
O cadro de Carlos Pouso (co ex verde Raúl García como axudante e outro ex xogador racinguista, Sergio Martínez, no plantel) vén de ganar en Coruxo e suma seis xornadas sen perder e doce marcando gol. Agás o intocábel Real Oviedo ninguén presenta esas estatísticas entre os equipos da parte alta (só se lle achega un pouco o Compostela). Non é a UDL equipo que marque moitos goles (leva corenta e cinco, doce menos ca nós) pero o fai case sempre. De feito, o seu marcador quedou a cero nos dous partidos co Atlético Astorga e co Coruxo -as súas bestas negras particulares-, así como en Oviedo e Villaviciosa. Nas súas saídas demostrou que non se lle dan ben os equipos da zona baixa, pois foi derrotado por Celta B, Lealtad, Atlético Astorga, Tropezón e Real Sporting B. Por outra banda é o terceiro conxunto menos goleado do Grupo tras oviedistas e murcianistas.
A Unión Deportiva Logroñés cultiva un fútbol puramente norteño. Con orde defensiva espartana, físico irreprochábel e estatura para dar e ter na retagarda; desprega as súas armas de seducción a base de contragolpes rápidos, eficaces e directos. Ten moita velocidade polas bandas -salientamos ao xixonés Javier Álvarez Titi nesta faceta- e moito talento na construción e na execución, co extremo sevillano Juan Carlos Menudo (un produto da canteira palangana que non chegou a debutar co primeiro equipo sevillista) como principal anotador branco-vermello no que vai de liga con dez dianas. Guijuelo e Real Murcia teñen pesadelos con el, xa que anotou ante eses rivais tanto en Logroño como nos terreos salmantino e murciano. É máis, a UDL ganou os dous encontros xogados contra o cadro de Aira polo mesmo resultado, un a cero, marcando Menudo os goles. Menudo el! Non podemos esquecer tampouco a xente como Mikel Abaroa, que fixera os dous tantos do seu equipo ante nós na 1ª volta, e ao bilbaíno Antxon Muneta, auténtico cerebro desta escadra.

TAMÉN POR ISO
Non só por todo o que está en xogo xa comentado, senón por ganarlles por primeira vez. Esa é outra das motivacións do Racing neste super partido dominical ante os branco-vermellos. O único antecedente competitivo coa U.D. Logroñés en terreo ferrolán remóntase á temporada pasada, e nela os entón verdes caían derrotados n`A Malata por 1 a 2 nun encontro no que os de José Manuel Aira andiveron espesos (especialmente na retagarda), sen a intensidade pertinente, sen acerto ante a porta rival e, de premio, acabaron perdendo cun penalti inexistente no derradeiro minuto. Lembremos a ficha técnica dese encontro, xogado o 1 de setembro de 2013:


Aira ataviárase cun look moi italiano aquela tarde.

Rescato tamén aquí algúns comentarios literais nos foros racinguistas na internet logo daquela derrota:

 
UN PAPEL QUE XOGAR
Foto.: Mª J. Sánchez.
A afección tamen xoga o domingo. Farao de maneira especial. A importancia do partido está mobilizando á xente en Ferrol e todos queren que as bancadas d`A Malata luzan unhas galas que estean en plena sintonía co menú futbolístico. O grupo Diablos Verdes convocou ás 14:00h de hoxe a todos os racinguistas a través dos hashtags de Twitter LlenemosLaMalata e HabráRevancha. A idea é que a xente vaia ao partido, use o boca a boca para animar aos indecisos e tamén leve papeliños cortados a xeito de confetti para lanzalos na saída ao campo dos nosos xogadores e, a ser posíbel, nos goles que ogallá se marquen na portería logroñesa. Toda iniciativa é pouca con tal de lograr que este domingo a afección xogue o seu papel (en todos os sentidos) para axudar a conseguir a vitoria.

A convocatoria de Diablos Verdes pode facer que este Racing-U.D. Logroñés sexa coñecido como "o partido dos papeliños". En todo caso, esperamos que sexa lembrado como o do paso de xigante cara á FA2.

Outro dos carteis elaborados por afeccionados racinguistas e publicados nas redes sociais. (foto: Carlos AF)

Así quero ver ese Fondo Sur d`A Malata este domingo. Necesítase. Toca.

CRONOLOXÍA
A Unión Deportiva Logroñés, SAD é o rival racinguista nº 289 en competicións oficiais; e o nº 181 no Terceiro Nivel ligueiro de sempre con presenza do Racing (ou sexa, CL3ant + CL2B).



martes 02 decembro 2014

ONDE VAS, RACING DE FERROL?

Este Racing de Ferrol do curso 2014/15 non vai. Equipo eternamente en construción, como un edificio que quedase a medio facer na España da burbulla inmobiliaria, moi desigual, capaz de excelencias e catástrofes a un tempo, ten defectos de fábrica, xogadores repetidos, descolocados e até xogadores que decepcionan. O cadro de Manolo García está a oito puntos de todo, da FA2 e do descenso. Non toca este ano temer por isto último. Hai catro ou cinco equipos bastante inferiores e claros candidatos a pelexar por eludilo. Os problemas do cadro merengado están en que xoga moi pouco en conxunto, brilla só no creativo a título individual, ben con calidade ben con coraxe, defende moi mal (e non só a retagarda) e aquel futbolista polo que media España bebeu os ventos o pasado verán para acabar fichando polo club d`A Malata, Joselu, aporta ao equipo pero non aporta aquelo polo que fundamentalmente foi fichado a prezo de ouro: goles. O crack de Palmeira xoga descolocado, obrigado a colaborar, a non ser un verdadeiro referente arriba. Con este panorama, ou moito cambian as cousas ou marcará poucos goles esta temporada coa branquexada camiseta dos señores de Nike.

domingo 28 setembro 2014

UNHA LIGA DE DÚAS VELOCIDADES TRAS 540 MINUTOS DE XOGO

Transcorrida a sexta xornada ligueira no Grupo 1º da Segunda B, con todos os equipos sen partidos pendentes -xa que Real Murcia e Unión Dep. Logroñés xogaron o día 24 o que lles correspondía da xornada inaugural-, vemos dous claros "paquetes" na táboa. Por unha banda, nove conxuntos que saldaron con bo balance os dezaoito puntos disputados, é dicir, sumaron máis dos que perderon. Son os máis fortes do pelotón

martes 26 agosto 2014

O RACING DE FERROL-MURCIA XOGARASE O SÁBADO

O vindeiro sábado 30 de agosto haberá partido n`A Malata correspondente á 2ª xornada ligueira da Segunda B entre o Racing Club de Ferrol e o Real Murcia C.F. Así llo confirmou onte luns a RFEF á directora xeral do club verde, Cristina Valiño. O encontro será, asemade, retransmitido pola TVG.
O Real Murcia segue negando a realidade de que é un equipo de Segunda División B. O seu Consello de Administración, capitaneado por Jesús Samper, perdeu o tempo a base de vitimismo e demagoxia, moita burocracia e unha efectista apelación

domingo 12 xaneiro 2014

U.D. Logroñés, SAD - Racing C. de Ferrol, SAD 2-2 (Dom 12-01-2014 / 21ª Xor. / CL2B)

O Racing de Ferrol sobrevive en Las Gaunas
O dominio da Unión Deportiva Logroñés non foi suficiente para derrotar ao equipo de José Manuel Aira, que suma oito xornadas consecutivas sen perder

Ao Racing non lle vai o rioxa. Ou iso semella tendo en conta as súas actuacións e resultados coa parella de equipos logroñeses do grupo 1º da Segunda División B da presente liga. Se na segunda xornada caía derrotado n`A Malata ante o rival desta tarde grazas a un penalti de última hora marcado por Ubis; fronte á Sociedad Deportiva Logroñés repetía desenlace nunha noite de mércores para esquecer na undécima tirada. Pero á terceira non foi a vencida e desta volta as táboas co equipo de Raúl Sáenz Llona saben a triunfo.
U.D. Logroñés e Racing de Ferrol amosaron sobre o céspede do Nuevo Las Gaunas as súas virtudes e defectos a partes iguais. As virtudes dos rioxanos: forte presión, alto ritmo de xogo, directo e agresivo, e con perigo permanente. O defecto: que non transforma en goles ese caudal de fútbol pese aos dous desta tarde, e por iso están na zona baixa como un dos equipos menos goleadores da táboa.
As virtudes e defectos do Racing tamén apareceron. O cadro ferrolán é un equipo terríbelmente difícil de derrotar, ten capacidade de reacción, calidade e disposición para a compostura. Leva a etiqueta de "grande" forxada nunha temporada estupenda até o momento. Pero cando se atopa cun rival que lle fai cóxegas, sofre e moito. Este Racing non naceu para defender, porque non sabe facelo moitos minutos seguidos e á forza. O Racing ferrolán disfruta cando ten a pelota e en proxección ofensiva. Pero o pasa mal cando non a ten ou cando non pode sacala con fluidez mercede á presión do seu opoñente. Os verdes non se encontraron cómodos no Nuevo Las Gaunas e pasaron moito tempo no búnker, aguantando o bombardeo branco-vermello. Ocasións moi contadas nun partido nuns momentos decantado para os de casa, noutros aberto e tolo. Camacho tivo traballo e a retagarda problemas. Balóns con cheiro a gol que non atoparon rematador, penaltis reclamados que non foron e loita contra o reloxo. A loita dunha Unión Deportiva Logroñés necesitada de ganar ante un Racing que só desexaba non perder. Probara o mel da remontada do gol inicial de Ubis cos tantos de Marcos Álvarez e Pablo Rey, dous dos homes importantes do equipo racinguista que tiñan e teñen que aportaren gol. Pero nin tempo houbo para celebracións, porque o equipo logroñés estaba moi enriba, moi enchufado, moi forte. O Racing atopaba sobre o campo anacos da empanada que levou a noite do 30 de outubro ante a S.D. Logroñés; e consciente que ganar estaba moi caro, foi indo aos "cuarteis de inverno" sen excesivo disimulo e con coherencia a base trocos defensivos para preservar un punto moi doce, que lle permite seguir virxe de derrotas dende hai máis de dous meses e conservar como ouro en pano a terceira praza da clasificación.
O Racing de Ferrol afronta agora unha semana cargada de minutos de xogo, pero tamén ilusionante. Corenta e cinco o xoves no Nuevo Carlos Tartiere para poñer fin á "historia do petardo". E o domingo un super partido contra o Ourense n`A Malata con sabor a goal-average, a rivalidade directa na veciñanza clasificatoria. Pasados os efectos do rioxa pelexón, toca tomar aire e continuar o camiño. 


JOSÉ MANUEL AIRA, na sala de prensa do Nuevo Las Gaunas:  
Les hemos facilitado mucho la labor jugando mucho por dentro.

venres 10 xaneiro 2014

U.D. LOGROÑÉS, SAD - RACING C. DE FERROL, SAD: a romper o "maleficio" de Las Gaunas

A U.D. Logroñés, club nacido en 1967 e denominado C.D. Varea até 2009, é o vindeiro rival do Racing Club de Ferrol na competición ligueira da 2ª División B (domingo, 17,00). O cadro rioxano foi o único que venceu até o momento n`A Malata na presente temporada (por 1 a 2 na 2ª xornada) e o novo Las Gaunas un dos dous campos nos que non foi quen de puntuar o equipo de José Manuel Aira, xa que fora derrotado polo outro equipo de Logroño, a S.D. Logroñés, na 11ª xornada. Será a primeira visita verde a este club de traxectoria irregular, que vive a súa quinta temporada na categoría. 
Equipo de perfil vasco na concepción do fútbol, a U.D. Logroñés de Raúl Sáenz, Llona é o segundo menos goleador do grupo 1º da 2ª División B, con só dezaoito dianas, dez das cales as fixo no seu terreo. Nel ganou ao Real Sporting B e ao Ourense e freou ao Guijuelo cun empate. Ubicado na 14ª posición, a dous puntos da promoción de permanencia, os branco-vermellos necesitan una vitoria que faga esquecer as derrotas ante Compostela e Celta B nas dúas últimas xornadas, por 2 a 0 e 4 a 0 respectivamente.

O Racing de Ferrol volverá ao novo Las Gaunas, onde perdeu por última vez no que vai de liga o mércores 30 de outubro de 2013 diante da S.D. Logroñés no considerado como peor partido dos verdes.

O Racing de Ferrol ten a opción de asaltar o liderato de perderen Racing de Santander en Avilés e Guijuelo fronte á Cultural Leonesa. En todo caso, Ourense e Real Oviedo estarán moi atentos a calquera fallo verde para arrebatar a terceira praza aos ferroláns. Os ovetenses teñen un aparentemente doado compromiso na casa da case excluída S.D. Noja e o C.D. Ourense disputará un derby galego diante do segundo equipo do R.C. Celta. 
Nos prolegómenos do U.D. Logroñés-Racing de Ferrol deste domingo fará o "saque de honra" o rapaz Mario Palacios, vencedor do concurso Masterchef Junior, de TVE. 
A U.D. Logroñés é o rival racinguista nº 289 en competicións oficiais; o nº 137 na 2ª División B e o nº 185 na "terceira categoría" ligueira (CL3 antiga + CL2B).