Amosando publicacións coa etiqueta sarina. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta sarina. Amosar todas as publicacións

venres 07 marzo 2014

O Racing de Ferrol non estará só en El Sardinero

Achégase o gran partido do domingo, o que porá a proba prudencias e ambicións a partes iguais entre os mellores do grupo 1º da Segunda B. Racing de Santander e Racing de Ferrol volven a rivalizar por vez primeira nesta categoría e co desexo de que a experiencia se repita a temporada vindeira... Ogallá que na Segunda División.
El Sardinero escoitará os mesmos berros de alento para os respectivos contrincantes. A palabra "Racing" e o espírito que encerra para ferroláns e santanderinos será un clamor á beira da praia, na fermosa cidade cántabra. Tres puntos en disputa para estar arriba cun obxectivo, chegar a maio e loitar polo ascenso pola vía rápida. Os colectivos racinguistas de Ferrol preparan desembarco en Santander e as bancadas dos campos de sport, así, en plural, terán corazón verde para alimentar a festa deportiva dun superpartido entre dous grandes.



VELLOS RACING QUE NUNCA MORREN
A conexión Irún-Santander-Ferrol (as cidades dos tres Racing máis importantes da historia futbolística española, o vasco desaparecido en 1915 ao fusionarse co Irún Sporting) deixou dende antigo unha pegada entrañábel nos equipos que levaron ou levan tan nome, "Racing". Ser do norte e chamarse Racing imprime carácter e un recendo especial. Esa vía nacida na Francia das carreiras de cabalos e motos foi como un camiño de peregrinaxe norteño que forxou ao longo do tempo a paixón polo fútbol e polas cores dos "vellos" Racing. A cor verde e o Racing, unidos para sempre alí onde nostalxia, paixón e rebeldía conviven na defensa incondicional e perenne dunha identidade que vai alén do exclusivamente deportivo. Porque o fútbol é un xogo pero tamén é a vida.
Un músico cántabro emigrado a México inventou a fins da década de 1911-20 o alaviva-alavá, logo popularizado como alavín-alavá, para crear un cántico ao seu querido Racing de Santander. Non tardou en escoitarse no Inferniño xa a mediados da década seguinte, adoptado con enorme naturalidade e que hoxe forma parte do himno verde. O Ra-Ra-Ra tantas veces aludido pola prensa galega e española ao longo dos anos resultaba un canto de guerra que distinguía a unhas afeccións sempre especiais, casadas co simbolismo do hoxe chamado "fútbol antigo" en contraposición co sobredimensionado "fútbol moderno", saturado de dirixentes prepotentes e incompetentes, mercantilismo, xornalismo cómplice da sublimación da nada e prostitución barata da historia. En Santander deuse unha lección nesta temporada cando a afección de El Sardinero dixo "basta!" e o equipo de futbolistas tamén.
Racing de Ferrol e de Santander comparten rica e extensa competición, símbolos, espíritos, estilos... e tamén moitos futbolistas e algún adestrador, por descontado. Xente como Revuelta, Juanito González, Guillermo Calviño, Crispi, Manuel Noriega, o eumés Pedro Amado, Adolfo Mazón, Mauri, José Luis Peña, o hispano-francés Vicente Allende (Chili), Ramis ou Jonathan Pereira entre moitos máis, defenderon ámbalas camisetas. E homes como Santiago Vázquez (fillo do noso primeiro internacional, o olímpico Joaquín Vázquez, creador do nome do noso club e protagonista do inicio da rivalidade Racing-Deportivo La Coruña), Tomás Rodríguez Villanueva (Tomaselli) ou Santiago Sanz (Yayo) fixérono tamén no banco nun ou noutro club. E que dicir de José Antonio Saro, o cántabro do eterno sorriso e inventor nos seus tempos de futbolista da célebre sarina. Co seu espigado fillo compartín a EXB durante a estadía do técnico en Ferrol a primeiros dos oitenta. E por varios anos foi o grande asesor da entidade verde á hora de facerse cos servizos de xogadores de Cantabria. 
O domingo as bandeiras verdes e os berros de alento serán comúns. Cada afección no seu lugar e o espírito do norte indómito, do fútbol antigo que non quere ceder ao que foi e debe seguir sendo, flotará no ambiente para repartir ilusión, facer competición e pugnar por tres puntos de ouro. Nós queremos a vitoria do Racing de Ferrol, obviamente. Pero queremos, por riba de todo, que todo o que representaron -e teñen que seguir representando- estas dúas vellas institucións siga vixente e con boa saúde, porque o fútbol auténtico, o de carne e óso, o necesita. Desta volta só queda berrar AÚPA RACING e que o balón decida en boa lide o desenlace deste 46º Racing-Racing da historia.