Concello de Teo


Portada | Coñecendo Teo | Xeografía e clima | As parroquias

Compartir:

As parroquias

En termos demográficos a dinámica de Teo foi positiva durante todo o século XX. Comezou a centuria con 7037 habitantes, cifra que foi en aumento mantida por un elevado crecemento vexetativo que contrarrestaba a intensa emigración a América. Durante a primeira metade do século a dinámica demográfica continuou en positivo: 7194 habitantes en 1910, 7496 habitantes no 1920, 7998 habitantes en 1930, 8930 habitantes en 1940 e 9242 habitantes no 1950.

Na segunda metade do século o crecemento non só seguiu en aumento senón que o seu ritmo foi aínda maior: 9848 habitantes en 1960 e 11179 habitantes en 1970. En 1981 produciuse un estancamento e un lixeiro declive da poboación (cun rexistro de 10986 habitantes) como consecuencia da atracción exercida pola cidade de Santiago, que fixo que moitos habitantes do concello se trasladasen á capital. Nos últimos anos 90 e comezos do século XXI Teo viviu o seu maior crecemento poboacional: 13915 habitantes rexistrados en 1996 e 15476 en 2001, ata chegar aos 18170 actuais distribuídos entre as seguintes parroquias.

Bamonde

Os seus principais núcleos de poboación son: O Coto, A Igrexa, Lamas, Malfuado, As Quintáns, Reboredo e Tribaldes. Conta cun total de 233 habitantes e unha superficie de 2,6 quilómetros cadrados.

Cacheiras

Conta cun total de 5315 habitantes distribuídos nos seus 12,4 km2. Os núcleos poboacionais que a compoñen son os de: A Barcia, Cacheiras, Constenla, Covas, As Cruces, A Devesa, Feros, Guldrís, A Igrexa, Lamas, Monte, Noenlles, Osebe, Pedrouso, Penelas, A Póboa, Procelas, Raxó, Requián, A Ribeira, O Sisto, Tras do Eixo e Vilar.

Calo

Cunha superficie de 15,12 km2 e 4403 habitantes, conta cos seguintes núcleos de poboación: Adrán, Ameneiro, Balcaide, Cabovila, Carballal, O Casal, A Casalonga, Cesar, Cornide, O Faramello, Fixó, Folgueiras, As Galanas, A Igrexa, Mazas, Mouromorto, Osebe, A Pedreira, Riotinto, Rúa de Francos, San Domingo, Socastro, Solláns, Texexe, Vila Verde, O Vilar de Baixo, O Vilar de Calo, O Vilar de Riba, O Vilar do Medio e A Xesta.

Lampai

Con só 4,3 quilómetros cadrados e 299 habitantes distribúe a súa poboación entre os núcleos de: A Agrela, Mosteiro, A Silva, Veitureira e Vilar do Bispo.

Lucí

Os seus 758 habitantes distribúense en 3,3 quilómetros cadrados e nos núcleos poboacionais de Chaves, Lucí, Paredes, Pite, Portoameneiro e A Ramallosa.

Luou

O Aido, Bustelo, Cantoña, Caxede, Espasande, A Igrexa, A Insua, Loureiro, Nespereira, Paraxó, Quintáns, Regoufe e Trasellas ocupan unha superficie de 8,7 quilómetros cadrados e neles habitan 940 persoas.

Oza

Cun total de 1003 habitantes e unha superficie de 5,8 quilómetros cadrados os seus núcleos poboacionais son os de: Agoso, Cachóns, Castres, Cepeda, Eio dos Ferreiros, Eio dos Menecos, A Ermida, Gondelle, Laña, O Outeiro, O Piro, Ribas e Vilanova.

Rarís

Ten unha superficie total de 7 quilómetros cadrados e 629 habitantes. Os seus núcleos poboacionais son:Bouñou, Buela, O Casal de Reis, A Floida, Fornelos, Rarís, Rial do Mato, Sestelo e Vilela.

Recesende

Cun total de 514 habitantes e 3,3 quilómetros cadrados, distribúe a súa poboación entre os núcleos de: O Casal, Casaldomiro, A Pedra, Seoane, Tarrío e Vilanova.

Reis

A súa superficie é de 8,4 quilómetros cadrados e conta con 805 habitantes distribuídos nos núcleos de: Chao do Río, Coira, O Ferreiriño, A Freiría, Freixeiro, A Igrexa, Montecelo, Olveira, O Outeiro, Pazos, O Piñeiro, Pontevea, A Ribeira, Samar, Valiñas, Vieiro e Xermeade.

Teo

Conta cun total de 394 habitantes e 4,5 quilómetros cadrados. Os seus núcleos poboacionais son os de: Agromaior, Campos, Fontenlo, Mallos, Noceda, Vilachaíño e Vilar.

Os Tilos

Ten un total de 2707 habitantes.

Vilariño

Conta con 170 habitantes e unha superficie de 1,2 quilómetros cadrados que se distribúen entre os núcleos de Cerdeira e Vilariño.
Panorámica de Lampai

Panorámica de Lampai

San Xoán de Calo

San Xoán de Calo

Cacheiras

Cacheiras

© 2008 Concello de Teo. Travesía da Ramallosa, nº 38, 15883 A Ramallosa - Teo (A Coruña). Teléfono: 981 81 57 00