Amosando publicacións coa etiqueta Real Avilés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Real Avilés. Amosar todas as publicacións

luns 16 marzo 2015

O RACING DE FERROL AFONDA NA FERIDA AVILESINA CUN TRIUNFO ROTUNDO

O Marcador Electrónico de FERROL É RACING.

O Racing de Ferrol recupera a terceira praza da clasificación no Grupo 1º da Segunda División B logo de vencer con autoridade no estadio Román Suárez Puerta a un Real Avilés que estreaba técnico -aínda que Ismael Díaz non puido sentar no banco por non estar pechado o finiquito do cesado Iosu Uribe- pero segue sen saber o que é ganar no presente ano. Está claro que iso da vitoria segura con novo adestrador xa non é o que era...
Os verdes merengados (onte de rigoroso acibeche, cor innecesaria para este match se a nosa camiseta principal non tivese ese absurdo engadido branco que ogallá sexa suprimido en 2015/16) voltaron a ser, como en San Lázaro e no Carlos Tartiere, un equipo compacto, coas ideas claras, moi serio, con recursos individuais e colectivos ben dosificados e a sempre necesaria pegada que traduce esas cualidades teóricas e o labor no campo nun resultado positivo. 
Este Racing gústase. É un equipo que agora disfruta como visitante pasadas xa as pantasmas e complexos de meses pasados nos que semellaba, ás veces, un fato de almas en pena. Pelexa, sabe perfectamente o que quere e espreme en plenitude as súas ferramentas, as súas virtudes. Está enchufado ao que toca -ganar, ganar e ganar- a estas alturas do campionato e pinta moi ben de cara á recta final dunha liga na que, no que atinxe a esta fin de semana, as cousas non variaron demasiado pola parte alta (o picazo do Guijuelo en Coruxo foi o único salientábel). Racing de Ferrol, U.D. Logroñés e Guijuelo seguen nun pano e os que veñen por detrás (Leonesa e Compostela) non logran reducir, pese ás súas vitorias, os sete puntos da fenda que quedou aberta na táboa coa zona FA2.
O noso equipo é o segundo máis realizador logo de vinte e nove xornadas, o segundo con mellor diferencial de goles e ten a oito puntos ao Real Murcia, segundo na clasificación. Semella moi complicado arrebatarlle ese posto ao cadro de José Manuel Aira -que se deu un inopinado festín de goles en Torrelavega- pero toda a ambición que lle poña a cada partido restante o equipo ferrolán servirá para clasificarse, en todo caso, no máis alto que a competición lle permita. Nove semanas máis (aínda quedan vinte e sete puntos en disputa e partidazos con Leonesa, Guijuelo e U.D. Logroñés) definirán que será dun equipo que vende confianza e ilusión con feitos. Que está a facer os seus deberes. Que merece máis apoio da afección no seu feudo.

Nos comezos do encontro Joselu dispuxo da primeira boa ocasión de gol cun tiro que se foi moi perto do pau esquerdo da porta de Alejandro. No primeiro cuarto de hora o Racing de Ferrol non disimulou as súas intencións de ganar e coleccionou chegadas á área realavilesina. (captura: www.rtpa.es)

ROTANDO E MANDANDO
Os de Manolo García, en plena etapa de rotacións pensando no futuro (Dani Rodríguez e Maceira empezaron a tarde no banco), foron a Avilés a ganar. Como tiña que ser. O propio técnico ferrolán díxoo esta semana. Non había sitio para a especulación, nin agardar polos erros do rival nin temer pola cantiga do adestrador novo. Había que defender a praza sen mirar atrás pensando só nos tres puntos e demostrar, a propios e estraños, continuidade e solidez como un verdadeiro aspirante á FA2. 
O once de saída presentou ao ortigueirés Marcos no sitio de Dani Rodríguez e a Nano no de Maceira. A proba saeu ben e os trocos introducidos ao longo do encontro tamén. Pero ademais viuse a un Adrián Cruz inconmensurábel. Que actuación a do moañés! O das Rías Baixas estivo pletórico, mandando na meseta do partido con poderío "marca de casa" e solidariedade, dando fantásticos pases a Joselu ou a Nano que non foron goles por pouco e marcando o primeiro da tarde de fortísimo punteirolo dende fóra da área na parte final do 1º tempo. Estivo en case todo, co seu selo, mesmo no gol local, que marcou en propia porta ao petar nel un potente disparo do avilesino Arias. Moi valente, decidido e contundente este Adrián Cruz que nos está a gustar moitísimo dende hai bastantes xornadas.

O sensacional disparo de Adrián Cruz que supuxo o 0 a 1 no minuto 38. (captura. www.rtpa.es)

O Racing sabía que posuír a pelota era media vitoria. Hai calidade, confianza, ideas e chegada neste equipo nos prolegómenos da primavera de 2015. Así que o rol a desempeñar en Avilés estaba claro pese a que se esperaba a un rival máis dominante e incisivo de inicio dada a necesidade que tiña -e que segue a ter- de ganar partidos para salvarse da queima. Con esa idea, ao longo dos noventa minutos o equipo da Nike foi quen de controlar o partido, de facer o seu encontro, e só cumpría resolvelo con goles. A colocación no campo dos ferroláns foi estupenda, non dando grandes concesións. Cero espazos baleiros, cero distancias insalvábeis. Bastante serios defendendo -agás algún despiste froito dos nervios que o Real Avilés quixo transmitir aos nosos cando apuraba os seus intentos de crear perigo á porta de Mackay-, posuíndo a pelota con autoridade, tocándoa con simplificación (queremos iso tamén n`A Malata!) e chegando moitas veces. Souberon xestionar os merengados as acometidas locais das segundas partes de cada metade do encontro con acerto. Cando os de casa metían ritmo e presión, había que sacar a relucir solucións. O golazo de Adrián Cruz foi a primeira importante para empezar a conducir o resultado.
Un Pablo Rey moi vixiado polos branco-azuis volveu a enviar un lanzamento de falta á trabe arredor no minuto 10. É redundante dicir que o capitán racinguista é un dos mellores lanzadores de faltas da historia deste club, que xa supera os noventa e cinco anos de vida. Por ese segmento do partido mandaba claramente o Racing e só creaban ocasións os de negro. Nano atopou opcións de deixarse notar pola banda mentras o equipo asturiano se entretiña co noso capitán. E Marcos, na demarcación que xa ocupara a pasada semana, demostrou ansia e versatilidade. E gol, por suposto. O seu tanto, a centro de Diego Vela mediada a 2ª parte, semellaba ser o corolario do que estaba a ser o partido. Porén, o gol local oito minutos despois non estaba no guión pese ao evidente empeño que o Real Avilés lle metía por momentos ao xogo. Os branco-azuis metíanse no partido.

Excelente remate de Marcos Álvarez á rede a centro de Diego Vela no minuto 61. Era o 0 a 2 e a vitoria ferrolá semellaba xa no peto. (captura. www-rtpa.es)
  
Sen balón o Racing pasaba algúns apuros como case calquera equipo deste planeta. Manolo reaccionou dando entrada a Dani Rodríguez para recuperar posesión e baixar a temperatura dun partido que o desesperado Real Avilés elevaba con aproximacións e disparos á porta. O reloxo xogaba, así a todo, a prol dos de Ferrol e sobre o céspede os nosos derrochaban atención e laboura colectiva. Non ía ser doado derrotarlles. O concurso do betanceiro foi, como queda dito, crucial para apagar as aspiracións avilesinas. Pero antes diso xa dera o técnico ferrolán entrada ao elixido, unha vez máis, para solucionar o resultado final. Como non!, Adrián Dalmau. Matemático. O mallorquín ocupou o sitio de Pablo Rey pouco antes do auto-gol involuntario de Adrián Cruz e só había que esperar o momento. Ese contragolpe culminante que pechase a tenda no Suárez Puerta. Ese rexeite perfecto para un bo pescador coa cana disposta. Este chegaba a dez minutos da conclusión. Alejandro cuspiu un disparo recibido dende fóra da área que foi aproveitado polo punta balear -sempre está cando e onde se lle necesita- para anotar o seu sexto gol no que vai de liga. 

Dalmau non faltou á súa cita co gol, marcando o terceiro a dez minutos do remate. (captura: www.rtpa.es)

En resumidas contas, unha vitoria totalmente merecida a acadada onte en Avilés que contribúe a equilibrar o balance casa/fóra (que lonxe empeza a quedar aquel debate, non si?). O Racing volve a ser terceiro e agora toca pensar no Burgos.









venres 13 marzo 2015

REAL AVILÉS-RACING DE FERROL, ADESTRADOR NOVO... PELEXA SEGURA

A primavera achégase e o sol brilla un pouco máis en Occidente sen conseguir desbotar, aínda, a friaxe dun inverno convulso, cru. Javier Tebas, cabeza visíbel da non tan invisíbel LFP, ameaza con paralizar a final do Campionato de España se a xente asubía contra o himno oficial do Estado das Españas. Simple excusa. O do himno dubido que lle importe moito. Hai unha guerra subxacente dende hai tempo entre Federación e Liga. Hai ansia viva por romper o bipartidismo balompédico-televisivo que enriquece a Real Madrid e Barcelona (metido, éste último, en asuntos xudiciais de saboroso impacto, igual que un paquete de futbolistas de Atlético Osasuna, Real Betis e Espanyol por amaño de partidos) e fai da liga española un torneo da galleta dende hai unha década. Hai ganas de repartir a tarta audiovisual doutro xeito e todos queren ser a guinda. Uns queren modificar a lexislación e aplicala doutra maneira co amparo da FIFA. Outros asubían dende as bancadas contra o recorte de liberdades, contra o fútbol moderno e contra o prezo das pipas de xirasol nos ambigús. Hai personalismos, hai lea. Cristiano Ronaldo, ícona deste tempo con demasiado glamour, pon faciana de noxo por perder co Schalke 04 (tremenda traxedia, sen dúbida) e Villar Llona, o vitalicio presidente da RFEF -leva no cargo, segundo lemos no listado de reis elaborado polo sacerdote e historiador exipcio Manetón, dende finais da segunda metade do derradeiro século do pasado milenio despois de Cristo- quere controlar, dende a lei (que ben soa iso nun país tan... tan... como España), o intocábel reino da Liga para recuperar protagonismo e romper o dominio ancestral e todopoderoso que, no reparto da tarta televisiva, representan os "microestados" merengue e culé. Existe, en suma, un abraiante triángulo de paixóns entre o faraón Villar; o sumo sacerdote de Tebas, don Javier; e o secretario de estado para o Deporte, Miguel Cardenal, que exerce de Napoleón Bonaparte cando éste decidiu pasar unha tenebrosa noite na Gran Pirámide en 1799 para ver que pasaba.
N`A Malata os membros de Diablos Verdes levan dous partidos dedicándolle un ¡vete ya! no minuto 13 a Javier Tebas (¿te vas o no te vas? sería a pregunta). Hai quen consideran que está en marcha unha "santa cruzada", unha caza de bruxas contra os grupos denominados "ultras" para acabar co yihadismo futbolístico. Será só unha excusa para desviar atencións? Hai quen piden que o grupo coruñés de coros e danzas Riazor Blues volva á vida. O populacho quere vivir o fútbol como sempre, pero, como se canta no espectacular Live in Berlin de Roger Waters naquel verán de 1990, the tide is turning... A violencia verbal ou física non pode ter cabida, endexamais, nun espectáculo deportivo veña de onde veña. Iso témolo claro e sen discusión algunha. Pero me dá a sensación que o propósito último -e nestes tempos escuros, créanme, hai moitos propósitos últimos que nunca serán contados nos sempre manipulados telexornais- é practicar o control total nun segmento, o social, até agora relativamente indomábel. Igual que a tentación de controlar a internet (único reduto mediático de liberdade máis ou menos real para as masas consumidoras); existe un progresivo desexo de manexar e conducir a parte social do fútbol disfrazándoo de política anti-violencia.
Está claro, en todo caso e como queda dito, que esa estación floral que o sangue altera, está próxima. Algo empeza a cambiar no fútbol aínda que non se note. E non necesariamente para ben.


O DE AVILÉS
No estritamente deportivo (porque todo o anterior é política e folclore indoeuropeo) fanse cada vez máis contas da leiteira polos Ferroles. Quedan aínda (ou só) dez xornadas para terminar a fase regular desta liga 2014/15 e resulta inevitábel asomarse ao que lles resta a Racing de Ferrol, Guijuelo e U.D. Logroñés para optar a unha praza no concurso-oposición da FA2, dando por sentado que Real Oviedo e Real Murcia puntúan abondo cos cursos feitos e aprobarán seguro. Mais o único importante agora é pensar no choque deste domingo 15 de marzo (16:30h) no histórico Román Suárez Puerta, feudo no que xa xogaba o Racing -entón Club Ferrol- contra o antigo Real Avilés na "división de prata" e no "torneo do k.o." aló polos anos cincoenta, cando aínda se chamaba Estadio de la Exposición de Ganado, nome que trocou en setembro de 1956 polo actual. De pouco servirá pensar na viaxe a León se polo medio temos aínda o de Avilés e a visita do Burgos e moita estreiteza clasificatoria. Ou de nada servirá facer macumbas coas visitas transcendentais de Guijuelo e U.D. Logroñés aló polo mes de abril habendo puntos sempre importantes en xogo antes. 

AVILÉS INDUSTRIAL
Avilés é a terceira cidade asturiana en poboación tras Xixón e Oviedo. Segundo o censo de 2014 conta con 81.659 habitantes. Antiga vila a cabalo entre o mundo mariñeiro e campesiño, burguesa e obreira, o sector siderúrxico moldeouna de maneira decisiva dende o pasado século con diversas empresas como Ensidesa (hoxe chamada ArcelorMittal) ou Endasa (hoxe denominada Inespal), o cal axudouna a pegar un salto demográfico espectacular. Nas décadas recentes experimentou -diso sábese tamén moito en Ferrol, cidade con historia e vivencias parecidas- o forte impacto das eufemisticamente chamadas reconversións industriais, derivadas das exixencias político-económicas que para o estado español supuxo entrar na elitista Europa comunitaria.

A rúa Galiana, cos seus soportais, é un dos lugares emblemáticos da Avilés antiga.
 
A cidade avilesina está situada ao fondo dunha ría e foi un dos polos de desenvolvemento máis importantes non só de Asturias senón de todo o norte español. A crise económica propiciou en gran medida a procura de alternativas, reinventar unha nova cidade. O sector turístico ten en Avilés un evidente potencial que exerce sen reservas grazas ao seu interesante casco antigo, no que sobresaen palacios, igrexas e outros edificios de porte notábel. O Centro Oscar Niemeyer, construído polo homónimo arquitecto brasileiro, é un dos focos de atracción da Avilés moderna.

O Centro Oscar Niemeyer é algo así como o Guggenheim avilesino. Representa o intento de renovación urbana e social dunha cidade degradada durante moitos anos pola presión de industrias moi contaminantes, erixíndose en espazo para foros de debate de índole internacional e actividades culturais de vangarda.

O Real Avilés Club de Fútbol, SAD foi fundado en 1983 pola fusión do Club Deportivo Ensidesa e máis o Real Avilés Club de Fútbol, denominándose Real Avilés Industrial Club de Fútbol até 2012. O consello de administración que na actualidade rexe os destinos deste club segue, túzaro e obcecado, instalado no disparate -algo moi típico na Celtiberia futbolística- de que foi fundado en 1903 (é como se en Ferrol dixésemos que o Racing naceu en 1892, para que o comprendan e por dicilo en poucas palabras) e nega que a fusión de 1983 -totalmente documentada, como xa dixemos outras veces, e constatada con absoluto rigor polo maior experto na historia do balompé avilesino, o meu amigo Jorge Valverde- fose tal cousa, inventando que o antigo Real Avilés (que estaba na 3ª División en 1982/83) absorbeu ao Ensidesa (que ascendeu á 2ª División B nesa campaña) para pasar a xogar na "división de bronce" en 1983/84 así polas boas. En fin... Para máis datos históricos deste club de case trinta e dous anos de historia premer aquí.


A fusión do C.D. Ensidesa, que en 1982/83 estaba na Segunda B, co antigo Real Avilés (que xogaba en Terceira nesa campaña), documentada na primavera de 1983 para dar carta de natureza ao rival desta fin de semana. (fotos: libro Avilés y su Fútbol: un siglo de historia)

O rival dominical estreará pasado mañá adestrador -o avilesino Ismael Díaz Galán é o elixido- logo da destitución de Jesús Uribesalgo, Iosu Uribe para os amigos. Aplicando un dos tics do fútbol, a adestrador novo... xa saben. Pero a historia non indica que iso aconteza sempre. A motivación dos xogadores por agradar ao técnico novo tampouco é unha verdade absoluta. O único claro é que o Racing ten que darlle continuidade á boa liña que, como visitante, inaugurou en Santiago de Compostela. Ganar é o obxectivo porque está en xogo seguir na zona que nos interesa. E mesmo podemos optar a recuperar a terceira praza se o recuperado Guijuelo perdese en Coruxo.
O cadro avilesino do ex verde Antonio Matas leva dez xornadas sen coñecer a vitoria -está virxe de triunfos no que vai de ano 2015, en definitiva- e foise metendo, como consecuencia diso, nunha moi incómoda situación clasificatoria. Pese á pequena ONU que o seu plantel foi -ou é- esta temporada (o serbio Miljan Buckovic, o uruguaio Fassani -que xogou no partido da 1ª volta en Ferrol-, o surcoreano King Young Gyu...) o cadro asturiano leva unha temporada moi irregular. O seu mellor momento foi o comprendido entre a 15ª e a 18ª xornada, con catro vitorias seguidas ante Real Murcia, Atlético Astorga, Zamora e Tropezón. Pero a partir de aí todo foron malas noticias para un conxunto con argumentos para facelo moito mellor. Neste momento é décimo terceiro, a cinco puntos do descenso e tres da promoción. No encontro do domingo, pois, é de agardar un Real Avilés cheo de coraxe e ganas de vencer para trocar o sombrío rumbo no que está. Con adestrador novo ou sen el.

Antonte mércores o plantel do Racing de Ferrol posou n`A Malata para a tradicional foto que adoita facer no declinar do inverno de cada temporada.

No Racing, a semana veu marcada pola confirmación de que Iván Forte terá que visitar o quirófano. O seu regreso aos campos de fútbol terá que esperar máis tempo do agardado (a alguén sorpréndelle isto?) e quizais poda facelo nos derradeiros compases da temporada. Foi tamén semana de foto oficial do plantel e de recoñecemento, por parte dalgúns xogadores, do discreto partido ante o Real Sporting B (hay días que es mejor no levantarse, escribiu o bo lateral esquerdo Diego Maceira no seu Twitter). Pero por riba de todo, dado o momento ligueiro no que estamos, o principal é ganar. De aí que facelo sen grandes luces ante os xixoneses non puntúa negativo na confianza plena que, dende o verán, temos en que este equipo estará na Fase de Ascenso. E iso vale tamén polo partido de Avilés e polos nove seguintes. Ganar ante todo. Esa é a consigna.

CINCO VITORIAS EN TERREO BRANCO-AZUL
O Racing ferrolán visitou trece veces ao Real Avilés na competición de liga, sempre na Segunda B. Delas, unha fora na Fase de Ascenso á Segunda División da temporada 1995/96, con vitoria branco-azul por 4 a 2 (dous dos tantos asturianos de penalti, transformados por Fran Alonso nun intervalo de dez minutos), marcando o asturiano Javi Prendes e Manel para os nosos. 

O Racing xogará este domingo nun estadio, o Román Suárez Puerta, no que actuou por vez primeira o 19 de outubro de 1952, por suposto na Segunda División.

Até o momento anotamos cinco triunfos verdes en terreno asturiano, salientando o 0 a 3 de 1999/2000 (campaña que terminou con ascenso ferrolán á "división de prata"). Aquel 7 de maio de 2000 marcaban o vasco Gonzalo Sueiro -por partida dobre- e o viveirense Pablo, que a finais do mes seguinte levaría á loucura a todo Ferrol con ese inesquecíbel gol de penalti ante a desaparecida Asociación Deportiva Ceuta -famosa polas xiringas...- que devolvía ao Racing ferrolán ao Segundo Nivel da liga española vinte e un anos despois. Tamén podemos lembrar o 0 a 2 conseguido en 2003/04 (o Racing era un recén descendido de Segunda e volvería a ascender á conclusión desa temporada) mercede aos goles de Jorge Barbarin e o amentado Gonzalo Sueiro nos últimos sete minutos daquela contenda. Fora unha vitoria especial, correspondente á 16ª xornada desa liga, xa que o cadro entón dirixido por Luis César só vencera como visitante en Calahorra até ese momento.
Pero tamén houbo resultados non tan fermosos para nós como aquela derrota por 6 a 1 en 1988/89 que precipitaba a marcha de Jesús Tartilán como técnico racinguista, quedando provisionalmente Manuel Fernández Amado no banco á espera da chegada de Luis Viñas, co que as cousas non foron moito mellor. Na forte derrota de Avilés (correspondente á 8ª xornada desa edición ligueira) marcaba Fran Mella o único gol verde e o equipo ferrolán seguía sen lograr a primeira vitoria, a cal non se produciría até a décimo cuarta tirada!, ante a desaparecida S.D. Lemona. 

IGUALDADE GOLEADORA
No total de enfrontamentos entre Real Avilés e Racing de Ferrol temos este cadro:


Avilesinos e ferroláns marcaron o mesmo número de goles no global de choques verificados. Veremos se o domingo se rompe esa igualdade. Ogallá que aconteza do lado racinguista para superar a barreira dos 50 puntos, conservar a cuarta praza e, como dixemos ao comezo, optar á terceira.

ATENCIÓN A TRES PARTIDOS NA 29ª XORNADA!
A parte do noso, que é o máis importante, non hai que perder de vista tres choques do vindeiro domingo: o Coruxo-Guijuelo (O Vao, 17:00h), o Cultural Leonesa-Real Valladolid B (Reino de León, 17:00h), e o Burgos-U.D. Logroñés (El Plantío, 17:00h). Apostamos polas vitorias coruxista e burgalesa e por unhas táboas en León, por descontado. Pero por riba de todo, pola vitoria en Avilés. 

CRONOLOXÍA
O Real Avilés Club de Fútbol, SAD é o rival racinguista nº 180 en competicións oficiais; e o nº 109 no Terceiro Nivel ligueiro de sempre (CL3ant + CL2B).








domingo 11 maio 2014

S.D. Noja - Racing C. de Ferrol, SAD 1-3 (Dom 11-05-2014 / 38ª xor. / CL2B)

SUBCAMPIÓNS!
O Racing de Ferrol venceu ao pechaportelos Noja e termina a liga regular 2013/14 no segundo posto do grupo primeiro da Segunda División B

Rematou a liga. Unha máis, e xa van oitenta e unha disputadas polo Racing de Ferrol dende 1929/30 (en 1928/29 disputárase sen éxito un torneo clasificatorio por dúas prazas vacantes na Segunda B, logo chamada Terceira División). Trinta e catro temporadas no segundo, trinta e oito no terceiro e nove na cuarto nivel ligueiro contemplan ao vello Racing até hoxe. 
O cadro verde incautouse a segunda praza do grupo primeiro -que xa ocupara durante doce xornadas anteriores a esta- tras vencer en Noxa. De nada serviulle ao Real Avilés o 4 a 0 que lle meteu ao Zamora. O Guijuelo nin puido entrar na pelexa ao ser derrotado no dificilísimo terreo do Caudal, que elude co seu triunfo o descenso directo (que experimentaron finalmente S.D. Logroñés, derrotado en Ourense, Celta B e Noja) e se engancha á Promoción de Permanencia. A clasificación final en CL2B-I queda así:



O equipo de José Manuel Aira xa agarda ao bombo de Las Rozas, ao que decida o sorteo que mañá terá lugar na sede da RFEF. Os posíbeis rivais verdes na 1E (primeira eliminatoria) xa son do dominio público: Las Palmas Atlético, Gimnàstic de Tarragona ou Cádiz, cuartos clasificados nos seus grupos, para unha rolda en todo caso apaixoante que dará comezo a vindeira fin de semana.

Esta tarde Jorge Rodríguez tivo presa por marcar e despachar canto antes ao derradeiro clasificado nesta liga. O torrelaveguense, heroe oficial racinguista a semana pasada, quixo asumir protagonismo á beira da praia de Trengadín e antes de cumprirse o primeiro minuto xa abría o marcador de La Caseta. Repetiu experiencia goleadora á media hora para canalizar a vitoria e o Racing alcanzou o descanso coa sensación de ter os tres puntos practicamente no peto.
No segundo acto apareceu ese Noja solto, cómodo, sen presión, que estaba acadando bos resultados nas últimas semanas. E unha man de Víctor Vázquez preto da área deu lugar a unha falta coa que o Noja se meteu no partido. Porén, a cousa non foi a maiores e o Racing de Ferrol inxectou un calmante ao electrónico co tanto do xuvenil Carlos López. O 1 a 3 definitivo que permitía reconquistar o segundo posto da clasificación.

CINCO SUBCAMPIONATOS LIGUEIROS NO TERCEIRO NIVEL
Como queda dito, non é a primeira vez que o Racing de Ferrol remata unha competición de liga no seu terceiro nivel (ven sexa na antiga Terceira ou na Segunda B) como subcampión -de grupo ou absoluto-.
Na temporada 1929/30 o Racing de Ferrol, campión do subgrupo galego, foi subcampión do grupo 1º da Terceira División logo de que na final a dous partidos contra o Club Gijón (campión do subgrupo asturiano) perdera en La Campona e non pasara do empate no Inferniño. O cadro verde obtivo ese subcampionato sen adestrador. Empezara no cargo o aragonés José Meseguer durante o Campionato de Galicia e posteriormente o club quixo fichar para a Liga a José Planas -que fixera campión galego invicto ao cadro verde a campaña anterior- pero nesa ocasión non houbo acordo entre as partes no terreo económico. Planas marcharía ao potente Arenas de Guecho (que estaba na Primeira División) e o Racing disputou a competición ligueira, como queda dito, sen técnico.
O conxunto ferrolán volveu a ser subcampión de grupo na Terceira División na campaña 1961/62, desta volta baixo a dirección de Santiago Vázquez Díez. O Lugo fora o primeiro clasificado con seis puntos de vantaxe. Os verdes disputaron a Fase Promocional de Subcampións, que unha vez superada daba o billete á Promoción de Ascenso á Segunda División. Pero o Jerez Deportivo (actual Xerez Deportivo) foi quen de levantar cun 3 a 1 o 2 a 1 que lograra o Racing no estadio Manuel Rivera. Julito Nogueira marcara os tantos na ida e Lamelo o gol ferrolán no vello estadio Domecq da cidade xerezana.
En 1995/96 logrou o Racing o seu terceiro subcampionato de grupo no terceiro nivel da Liga. Nesta ocasión xa na Segunda B, que suplira á vella Terceira nese "piso" do edificio ligueiro español a partir da temporada 1977/78. Naquela campaña 1995/96 o equipo de Luis Rodríguez Vaz (que xa ascendera á Segunda División ao Racing en 1977/78) quedara no segundo lugar tras a U.D. Las Palmas. Logo disputaría a fase de ascenso, que era polo sistema de puntos. Pero na liguiña acabou na derradeira posición tras Levante, Córdoba e Real Avilés Industrial (actual Real Avilés). 
En 2003/04 o Racing de Luis César regresou vía FA2 á "división de prata" ao primeiro intento (descendera a temporada anterior) tras quedar clasificado no segundo posto do grupo primeiro da Segunda B. Naquela liga regular fora campión o Pontevedra. O conxunto ferrolán superaría a Sevilla B, Castellón e At. Madrid B nunha liguiña que tivo na derradeira xornada emoción e suspense en cantidades industriais, coa derrota case sen querer no Cerro del Espino ante o filial colchonero e a vitoria do Castellón (uh, aquel paradón de Oliva!) ante o segundo equipo palangana que deu luz verde ao ascenso departamental e a ledicia subseguinte do milleiro de heroes racinguistas desprazados a Maxadahonda, onde houbo que aturar corenta carpeto-vetónicos graos de temperatura e un sol implacábel... nunha bancada descuberta. Reconfortou -a parte da enorme cantidade de auga servida no campo aos sedentos afeccionados ferroláns- o detalle final do Atlético de Madrid cando puxo os acordes do himno racinguista unha vez rematado o "match".

Esta tarde o Racing de Ferrol, o Racing de José Manuel Aira (cento seis partidos de liga, un do Campionato de España / Copa del Rey e tres de Copa RFEF); este Racing que de trinta e seis partidos ganou dezasete, empatou doce e perdeu tan só sete (tres deles n`A Malata); este Racing que acabou sendo o equipo máis goleador do grupo con cincoenta e oito dianas; que estivo vinte e cinco xornadas en prazas FA2 (dende a 14ª); este Racing que contou con até seis gardametas durante a temporada, Mackay, Camacho, Marcos Souto, Valín e os canteiráns De Santiago e Quique; nos labores defensivos con Rubén, Víctor Vázquez (o do gol oficial nº 5.000), Antonio, Pérez, Pumar, Dopico e os canteiráns Amil e Juan Rodríguez; no centro do campo con Pablo Rey (que golazo o do Nuevo Tartiere!), Vela, Dani Rodríguez, Iago, Forte, Villar, Marcos e a rapacería dos Toni, Álex Ares, De Diego, Álvaro Rey e o madrileño do filial Morais; e arriba coa dinamita e corazón de Jorge Rodríguez, heroe do partido dos desvelos do chulesco Calderé, e Manu Barreiro, o "crack", o ídolo, o deus...; este Racing, señoras e señores, convida aos seus seareiros, alí onde estean, a soñar. 

Mañá, a primeira hora da tarde, unha bola indicará o primeiro paso para poder facer realidade unha ilusión colectiva. O "capítulo 2.0" do rexurdimento verde segue o seu curso.

PARABÉNS RACING, FELICIDADES FERROL, E MOITA SORTE!!!!!





luns 05 maio 2014

Racing de Ferrol na fase de ascenso á Segunda División: e agora que?

O Racing de Ferrol selou a súa presenza na Fase de Ascenso á Segunda División con sangue, suor e bágoas. Non podía ser doutro xeito, así é a competición. Os verdes son o equipo máis goleador do seu grupo cando só resta unha xornada da liga regular; contan cun dos artilleiros de luxo da Segunda B, Manu Barreiro, que ocupará o segundo lugar na táboa dos realizadores do grupo I tras o compostelanista Joselu, o home-gol do novel club da capital de Galicia; e sobre de todo, forman un plantel de futbolistas que dende a pasada temporada estivo e está chamado a grandes empresas. 

En 2012/13 o Racing fixo historia con números doutra galaxia. Despediuse da Terceira División pola porta grande e con vocación de non voltar xamais. O capítulo 1.0 do rexurdimento verde semellaba quedar certificado. A presente campaña, a piques de concluir na súa liga regular, é unha prolongación exitosa do traballo iniciado no verán de 2012. Coas dificultades de navegar en estratos do fútbol español pouco proclives a ingresos e flores; co obstáculo de ver á cidade de Ferrol afondida nunha crise socioeconómica escandalosa, gravísima, escenario sempre difícil para todo proxecto deportivo con pretensións; o Racing é unha milagre entre tanto desalento, tanta depresión. A cidade ferrolá só sairá do escuro pozo no que se atopa dende mediados dos anos oitenta cando os seus habitantes descubran que é necesario un modelo novo de cidade, un proxecto diferente que rompa os esquemas establecidos dende o século XVIII (monocultivo industrial). Algunha das claves son a unidade de acción, ser valentes e innovadores. Cunha cidade case desaparecida empresarialmente, moribunda comercialmente e que experimenta un dos maiores éxodos poboacionais de Europa (leva perdendo peso demográfico ininterrompido dende hai trinta anos), toca voltear de xeito radical mentalidades e políticas. Ese Ferrol do pasado, mimado por un Estado sempre pouco comprensivo con el, ese Ferrol de prestixio incompleto, mudou hai tempo. Ferrol debe de partir de cero, reinventarse sen agardar nada de ninguén. Só confiar en si mesmo e construir futuro, a modo, pero avanzando. Con unión.

Ese esquema semella -salvando as distancias, obviamente- o seguido polo Racing nos últimos tempos. Acollido a unha austeridade económica, a non pasarse dos límites que si pasaron outros clubs que hoxe agonizan e pretenden o perdón divino e privilexios e axudas que en moitos casos non merecen; o club verde mergullouse en 2010 en augas profundas para empezar de novo e recuperar terreo. A caída na Terceira División fora un pau, pero tivo a súa parte positiva. Toda crise a ten (agás que non sexa crise senón outra cousa). O club ferrolán crece, de vagar pero seguro, e en menos de dous anos pasou de aspirar a meterse na fase de ascenso á Segunda B cun plantel ilusionante fabricado con estilo diferente e con vocación de futuro; a agardar polo rival que lle tocará no bombo da RFEF en Las Rozas no play-off de ascenso á "división de prata". Isto, que é histórico, xa que nunca antes disputara o Racing dúas fases de ascenso consecutivas, non acontece por casualidade. Neste blog xa falamos do compromiso que caracteriza a este grupo humano de futbolistas liderado por José Manuel Aira. Este plantel que xa ten un espazo propio na longa historia racinguista pola impresionante sesión 2012/13 e a continuidade dese éxito certificada na presente. Plantel curto, sometido a un esforzo extra nunha temporada dura, exposto a mancaduras ou sancións que mermasen a marxe de manobra do técnico de Ponferrada para presentar o seu menú partido a partido. Pois ben, con todo iso este equipo demostrou que é duro de espelicar. Contra ventos, marexadas e cicloxéneses explosivas o Racing foi forte mentras puido, tirou de oficio e talento canto puido pero resistiu sempre. Moitos din que ao cadro verde lle falta fuel, que chegou á parte final desta liga sen fol suficiente, que o seu xogo é máis espeso. Pero o corazón que en todo momento lle pon este colectivo que defende a Verde é incuestionábel. 

Parafraseando a cínica e desvergonzada aseveración coa que algúns políticos españois intentan xustificar os abusos que están a cometer coa súa cidadanía... estamos na Fase de Ascenso á Segunda División por riba das nosas posibilidades? Eu creo que non. O Racing obtivo máis botín do agardado oficialmente en 2013/14, pero só atopa iso o que cree nas súas posibilidades, sen temor. O Racing está onde está por méritos propios, coas súas virtudes e defectos, cos seus acertos e erros. Pouquísimos rivais demostraron ser superiores ao cadro de Aira. O grupo primeiro é o único que xa coñece aos seus catro representantes na FA2. E os catro clasificados foron claramente os mellores. Racing de Santander, Real Avilés, Racing de Ferrol e Guijuelo (falta por saber a posición na que terminarán estes tres últimos) foron os máis regulares, os máis fortes, os que mellor resistiron as exixencias do guión ligueiro. A adaptación progresiva á categoría alimentada emocionalmente pola unidade case incestuosa entre equipo e afección no contexto dunha brutal crise económica e institucional no Racing de Santander; a constancia e o sprint final dun Real Avilés traballador e moi centrado na segunda volta; a sorpresa que foi máis que sorpresa do modesto Guijuelo, que nunca cedeu á presión e resistiu como os grandes na zona alta con absoluto merecemento. E o Racing? Equipo de talentos, grupo consolidado, con futbolistas a gusto en Ferrol e ilusionados co proxecto. E unha afección acredora a un monumento. Mal que lles pese a moitos, a afección racinguista existe, está viva, ten futuro e dá leccións de amor ás súas cores. O equipo sábeo, o club tamén. E todo iso ten un valor tremendo se temos en conta que a Ferrol sempre lle toca facer o dobre ou o triplo para ser recoñecida en case todo o que fai. O fútbol galego actual non é só A Coruña, Vigo, Lugo... Santiago e Pontevedra... O fútbol galego é dos que son e están, dos que saben estar, non dos figurantes nin dos mimados de xeito gratuito. E o Racing de Ferrol, a parte de club histórico e glorioso do fútbol español, está onde está porque así ten que ser. É o cuarto club galego do momento e agora levanta o mainel para ver o horizonte da Segunda División perdida unha tarde de 2008. E esa brisa que lle dá na faciana mentras mira ese horizonte vale o seu peso en ouro. O equipo meréceo e a súa afección tamén.
Capítulo a parte para Jorge Rodríguez. O de Tanos soubo aproveitar a ocasión de pasar á recente historia verde co seu gol. Un gol forxado na autoconfianza, pois logo de enviar ao pau o penalti do minuto 81 tivo a valentía, a decisión, de asumir o que lle tocaba e coller a pelota para tirar o segundo penalti. Antonio díxolle que non perdese a confianza en si mesmo. E o dianteiro marcou e acabou sen a camiseta, fundido nunha aperta colectiva cos seus compañeiros sendo a viva expresión da felicidade mentras as bancadas do "park" de Serantes estoupaban de ledicia. O Racing ganou co corazón... nun partido non apto para cardíacos.

A Segunda División B está que arde nalgúns grupos. Solucionado o cuarteto do grupo primeiro, no segundo hai cinco equipos para catro prazas. Só o Sestao River está clasificado de maneira matemática (aínda que non ten asegurado o título). Leganés, Las Palmas Atlético, Athletic B e Toledo teñen opcións de estaren na FA2 e a derradeira xornada decidirá quen queda fóra. Hai un apaixoante duelo directo Leganés-Athletic B en Butarque. Os outros equipos teñen, aparentemente, compromisos asequíbeis (primas á marxe...).
No grupo cuarto Albacete, La Hoya Lorca e Cartagena xa están na Fase de Ascenso e a outra praza terán que disputala Cádiz e Guadalajara. O equipo arriacense ten un difícil choque co San Fernando, que se xoga a permanencia e voluntaria ou involuntariamente (por aquelo da rivalidade provincial) podería axudar ao Cádiz, que xogará contra o Cacereño, un rival que non se xoga nada, agás que aparezan as "curmás" de visita.
O que é un polvorín é o grupo terceiro. Hai sete equipos metidos nun segmento de tres puntos e ninguén ten asegurada aínda a clasificación porque a cousa se foi comprimindo a xeito de arquivo zip. O Llagostera é líder pero ten a L`Hospitalet e Lleida Esportiu a un só punto; e por detrás están o Elche Ilicitano e o Nàstic tarraconense (a dous do primeiro) e Alcoyano e Atlético Baleares a tres da cabeza. Na 38ª xornada darase un dramático Llagostera-Elche Ilicitano en terras xerundenses. Promete fortes emocións a tirada de clausura neste grupo da España mediterránea.
Facer cábalas sobre que rival pode tocarlle ao Racing na primeira rolda é altamente complicado. Resta unha xornada ligueira e aínda non sabemos os dezaseis que estarán no sorteo de emparellamentos. Os catro do grupo primeiro, o Sestao River, o histórico Albacete, La Hoya Lorca e o Fútbol Club Cartagena xa teñen a súa boliña no bombo. Os oito restantes sairán dun domingo de transistores, conexións a internet e, quen sabe, primas... E curmás, que a familia é o importante. 
 

domingo 27 abril 2014

O Racing de Ferrol pasa ao cuarto lugar tras a 36ª xornada ligueira

O Racing de Ferrol descansou nesta 36ª xornada de liga no grupo primeiro na Segunda División B. A sesión acaba de concluir co equipo verde manténdose dentro dos catro primeiros clasificados, pois o Real Avilés non puido pasar das táboas ante o Caudal (2 a 2) e o Real Oviedo foi superado estrepitosamente no Nuevo Carlos Tartiere polo Real Sporting B (1 a 4). Pola súa banda, o Guijuelo non errou e quedou cos tres puntos no difícil duelo de Luanco ante un Club Marino (0 a 1) que xa queda sen opcións matemáticas de entrar na fase de ascenso. Con todo iso, os verdes pasan ao cuarto lugar da clasificación (curiosamente por primeira vez no que vai de liga 2013/14), preservando a súa presenza na zona FA2, na que leva instalado dende a 14ª xornada.
O Racing segue a ser o máis goleador do grupo. Como todo o mundo sabe, depende de si mesmo para estar na fase final. O vindeiro domingo recibe n`A Malata ao Burgos con tres puntos en xogo absolutamente vitais.

Así queda a táboa tras a 36ª xornada en CL2B-I (captura futbolme.com)

A semana foi tranquila no Racing, chea de optimismo, mensaxes esperanzadoras e eventos sociais. Unha visita á Base Naval d`A Graña e a inauguración da tenda oficial do club na rúa Magdalena significaron despexar a cabeza para recargar baterías e, de paso, avanzar con bo pé na vertente máis social e comercial da entidade. Todo é bo para achegarse á xente, porque esa é a lóxica obriga (dentro das posibilidades de cada momento) dunha sociedade.
O importante é que a semana previa ao choque contra o Burgos o racinguismo se mobilice axeitadamente para que o coliseo de Serantes presente o ambiente desexábel para un partido tan especial. Polo momento, o Racing pasou na súa segunda e última xornada de lecer nesta liga do terceiro ao cuarto lugar da táboa. A penas unha anécdota para un conxunto, o de José Manuel Aira, que ten na man clasificarse para unha fase de ascenso a Segunda dende Segunda B por sétima vez.

martes 18 marzo 2014

Nove equipos e un destino

Oito xornadas por diante nunha liga igualada e emocionante no grupo 1º da Segunda B con catro prazas que buscan dono para loitar polo ascenso á Segunda División

A Segunda División B do fútbol español está inmersa na súa recta final. Restan oito tiradas tan só para culminar unha fase regular na que dezaseis afortunados competirán logo polos catro postos de ascenso á división de prata nas calores e as paixóns da primavera inminente. Prazas para xustificar esforzos económicos, sacrificio semanal durante meses a pé de campo de adestramento e no vestiario, e dar renda á ilusión colectiva de clubs, cidades e afeccións que, con urxencia histórica ou sen ela, anhelan estaren a temporada vindeira na Segunda División.

O Grupo Primero da categoría bronceada ten un equipo menos pero non por iso vai terminar antes que os outros tres. Trinta e oito xornadas con trinta e seis partidos e dous descansos para todos é o menú obrigado para os dezanove supervivientes á forte crise imperante no noso fútbol, que castigou a Salamanca sen xogo nin recreo, abortou un enxendro made in Spain, fixo cambalear a un "grande" como o Racing de Santander (con revolución popular incluída) e case exclúe ao Noja, que durante semanas fixo o testamento. Todos queren fuxir dunha categoría con poucos ingresos, máis ben abandonada por unha RFEF inmobilista e presuntuosa, moi ocupada en sacarlle brillo ao Somos Leyenda das xestas de La Roja e mirarse ao espello narcisista da autoproclamada mejor liga del mundo entre cristianismos e messianismos conveniente e insistentemente inculcados polos grandes medios de comunicación deportiva. Ante a alarmante falla de xornalismo de investigación ou de denuncia, rigoroso e serio (agás anecdóticas excepcións)... chistes e frivolidade por un tubo para tapar as duras realidades do fútbol hispánico, agachar as graves carencias de moitos "profesionais" e dar bombo sen cuartel ao fútbol virtual centralizado.

Nove equipos semellan ser os que neste momento, e co que resta de competición no grupo primero da Segunda B, contan con opcións reais de estaren no paquete de catro para xogar a Fase de Ascenso (que non Promoción, xa que non haberá ascensos automáticos ao termo da liga regular). E sobre ese suposto, dando por sentado que no fútbol todo é posíbel –senón non sería tan interesante e emocionante–, imos facer un lixeiro repaso ás posibilidades duns e outros, o que lle queda a cada quen e, en resumidas contas, o que pode acabar sucedendo cando os árbitros asubíen o remate dos partidos da 38ª xornada aló polo 11 de maio.

Real Racing Club, SAD: depende de si mesmo para ser campión

O Racing santanderino era o gran favorito ao trono do grupo e aí está, primeiro na táboa tras trinta xornadas. A súa traxectoria é a perfectamente propia dun líder con vocación de ser campión. Sen resultados de escándalo, sen asoballar a ninguén (Racing de Ferrol incluído), o centenario club de El Sardinero é solvente no seu campo, onde até agora ninguén lle derrotou; cando perde o fai de maneira episódica e pola mínima; e no capítulo goleador comparte actualmente co Racing ferrolán o primeiro lugar con corenta e nove dianas. Iso é tanto como dicir que se atopa (xunto ao seu homónimo) entre os máis anotadores da categoría. Só están por riba o Cádiz, con 54 goles en 30 partidos (e aínda así non está entre os catro primeiros do grupo cuarto o conxunto da Tacita de Plata) e os sorprendentes Llagostera e La Hoya de Lorca (líderes dos grupos terceiro e cuarto) ámbolos con 51 goles en 30 partidos. Convén salientar que o equipo lorquino só marcou dous goles máis que Racing de Santander e Racing de Ferrol pero acumula a arrepiante cantidade de 68 puntos, trece máis que o cadro cántabro e dezaoito máis que o conxunto verde.
Os racinguistas de El Sardinero teñen unha perla cultivada na súa punta de ataque, o marfileño Koné, e unha fortaleza defensiva "marca da casa" que lles dá equilibrio e solidez. Dise que unha boa defensa é un bo ataque, mais defender ben é un bo xeito de controlar e desgastar aos rivais. O Racing de Santander ten gol e defende moi ben. Non é un equipo espectacular, notou a novidade dunha categoría descoñecida para el, pero posúe calidade e experiencia. E a exixencia de ascender para empezar a arranxar dende o deportivo a desfeita institucional e económica que nos anos pitermaníacos primeiro e nos recentísimos tempos de Ángel Lavín, alias Harry despois puxeron ao club nunha delicadísima situación; tivo no "motín" da noite copeira ante a Real Sociedad un punto de partida para iniciar unha etapa nova, excelentemente reforzado co incondicional vencellamento existente entre o equipo e a súa afección.
O plantel que dirixe Paco Fernández domina a táboa sabedor de que depende de si mesmo para ir á eliminatoria de campións. O seu calendario non é especialmente sinxelo, xa que ten saídas aparentemente asequíbeis (S.D. Noja, U.D. Logroñés e Coruxo F.C.) pero partidos en casa que se presumen duros e mirará con lupa o Racing de Ferrol á espera dalgún picazo (R. Oviedo, Burgos C.F., C.D. Ourense). Porén, os montañeses aturan ben a presión –a súa vitoria ante o Racing ferrolán puido ser clave pensando no desenlace ligueiro– e a grande igualdade existente xornada a xornada, con resultados sorprendentes en case todas elas, favorécelles. Os actuais cinco puntos de vantaxe sobre os verdes son un almadraque importantísimo co que se poden permitir algún desatino.

Racing Club de Ferrol, SAD: retomando folgos para certificar a FA2

Pase o que pase esta temporada, non terá xa cabida a palabra “fracaso” á hora de facer unha valoración conclusiva da mesma no Racing de Ferrol. O troco no rumbo experimentado a pasada campaña nalgúns aspectos da política deportiva permitiu formar un grupo humano e deportivo cualificado, con proxección, competitivo, comprometido e claramente chamado a grandes logros. Ese grupo, liderado por José Manuel Aira (que o sábado cumprirá o seu partido ligueiro nº 100 no banco verde), sacou ao Racing do pozo da Terceira División con números e fútbol doutra galaxia e agora, na sesión de 2013/14, o seu rendemento e resultados superan as máis optimistas previsións. Os verdes levan dezasete xornadas consecutivas en prazas FA2 e neste treito final necesitan dar o último arrouto para conseguir unha merecida meta: asomarse á posibilidade de regresar á división de prata seis anos despois (xa seis!) da última presenza nela. 
A temporada ferrolá non tivo un obxectivo "oficial" demasiado marcado. Loitar pola permanencia tras tres anos na Tercera División antoxábase un propósito lóxico. Pero os de Aira demostraron, tras os partidos iniciais, unha clara acomodación á categoría e unha capacidade para despregar  a súa identidade futbolística e o talento dos seus efectivos sobre calquera terreo de xogo e traducirlo en resultados felices. A goleada ante a desarborada S.D. Logroñés foi como a perrencha que provocara a derrota en El Sardinero, non enteiramente inxusta pero moi mediatizada por encaixar o gol nada máis empezar e sufrir a expulsión de Antonio á media hora. Os rioxanos pagaron os pratos rotos e os ferroláns devolveron á súa afección ese fútbol doado, con chegada ben fiada, con velocidade electrizante, con traballo de equipo e mesmo virtuosismo individual que alucinou o ano pasado e se mantivo en moitos partidos (ou momentos de partidos) na presente liga. Por iso, a motivación por conquerir o que está na súa man, xogar a Fase de Ascenso, fai deste Racing un candidato moi firme. Non está onde está nin ten o que ten de "chiripa". Labrouno ao longo de trinta xornadas e agora toca rematar a angueira nas oito que restan. 

O Racing de Ferrol ten un calendario que podemos calificar como moderadamente asequíbel. Veñen tres partidos nos que facer colleita de puntos ao máximo posíbel (Compostela, Celta B, Caudal) para que os choques contra Real Oviedo e Burgos (ambolos dous n`A Malata) sexan de trámite ou case. Moito ollo terá que ter o cadro de Aira nas saídas (especialmente Compostela e Real Sporting B). Se o capítulo de mancaduras (estes días saeu á luz que Pumar estivo xogando ultimamente cun nocello afectado) non volve a amolar en exceso a un plantel curto como o fixo a finais de xaneiro e comezos de febreiro, o Racing ten todo na súa man para estar na FA2. E a partir de aí, que a ambición por darlle caza ao líder se manteña até o remate.

Real Oviedo, SAD: como se despiste queda fóra

Outro dos grandes do grupo vive coa urxencia histórica ás costas por ascender. O Real Oviedo de Rober Robles (que supliu ao cesado José Carlos Granero) está arriba pero sen cinguido fulgor, cun ambiente sempre tenso no Nuevo Carlos Tartiere, de onde voaron nada menos que dezaseis puntos até o momento. Visitará Ferrol na 35ª xornada, a bo seguro acompañado dunha nutrida afección, pero antes diso terá difíciles compromisos para ganar un posto na FA2. Para empezar, visitará ao Racing de Santander a vindeira fin de semana, fará xira galega xogando seguidos con Coruxo (o partido pendente da 25ª xornada, suspendido pola inundación pluvial do futbolín d`O Vao), Compostela e Racing de Ferrol, e logo asturiana con Real Sporting B (na casa) e Caudal (en Mieres), descansando na derradeira sesión ligueira. A derrota en Zamora e o empate ante a Cultural Leonesa non perfilan unha venturosa fin de liga para os carbayones, casados coa inestabilidade e moi dados a flirtear coa sorpresa e o risco de estragar a temporada. Non obstante, o Real Oviedo ten potencial e partidos suficientes para demostrar que debe de estar na FA2, xa que, agás as visitas a Santander e a Ferrol, o seu calendario é razoábelmente propicio.

Club Deportivo Guijuelo: de aquí non me quita ninguén!

O C.D. Guijuelo é a revelación da temporada no grupo primeiro desta Segunda B. Algúns comentaristas outorgan tamén esa etiqueta ao Racing ferrolán, pero en certo modo ao cadro de Aira se lle vía vir dende unha abraiante temporada pasada na que todo o mundo o calificaba como un equipo de Segunda B en Terceira. O do Guijuelo é sorprendente, aínda que nunha liga tan chata, sen gran fútbol nin escadras que marquen diferenzas estratosféricas, un pouco de veteranía e un moito de traballo poden servir para ganar todas as etiquetas.
O cadro guixuelense asume inopinadamente o liderado do fútbol da provincia de Salamanca non só con dignidade senón con argumentos palpábeis. Pobo famoso polos seus xamóns, o Guijuelo amosou nesta campaña que alí hai algo máis que saboroso serrano. Hai un bo equipo ben dirixido dende o banco polo galego Rubén de la Barrera. E todo iso eso, cando van as xornadas que van, non é casualidade.
O C.D. Guijuelo do ex racinguista Jonathan Martín empezou movéndose por onde todo o mundo esperaba, pero logo creceu, ganou sobradamente a permanencia, tomou o liderado e durante semanas foi protagonista ante os estelares aspirantes ao cobizado primeiro posto. Cando o Racing de Santander apareceu nas alturas para poñer un pouco de orde e instaurar a lóxica os jamoneros cederon gradualmente pero seguen no pelotón de cabeza, agora sufrindo a vertixe de ver tan preto algo tan lonxano para un club modestísimo. Gustou moito en Ferrol o equipo verde salmantino e aquí arrincou un punto (certo que Manu Barreiro fallou un penalti a seis minutos do final, o famoso tiro ao Didí que resultou anulado) con total merecemento. A súa organización, o seu traballo colectivo defensivo e construtivo, seduciron.
A tendencia actual dos guixuelenses é á baixa, non ganan dende hai cinco sesións (nunha delas descansaron), son cuartos polos pelos e teñen ao quinto e aos que por detrás veñen bufando e pisándolles algo máis que os talóns. Aguantará o tirón o Guijuelo? Claudicará ao final? A emoción do fútbol radica tamén niso. Real Avilés, Ourense, Burgos, Marino ou Zamora forman un paquete excesivo para que os salmantinos resistan. Ou non. O calendario enfrentaralles de aquí en diante a tres deles no que serán verdadeiras finais pola cuarta praza (C.D. Ourense e C. Marino de Luanco fóra e R. Avilés C.F. na casa). O resto deberían ser partidos apracíbeis (S.D. Noja, U.D. Logroñés e Coruxo F.C. na casa, e C.D. Tropezón e Caudal D. fóra), se é que algún partido o é nesta complicada Segunda B.

Real Avilés Club de Fútbol, SAD: como na casa en ningures

O club avilesino vive unha liga de idas e voltas. Cando semella que si é que non e viceversa ou todo o contrario, pero o certo e verdade é que actualmente está na boa onda, co foco posto na FA2. A un punto do C.D. Guijuelo, ocupa a quinta praza con moitos boletos para clasificarse. Dos nove clubs da nosa pequena análise é, xunto ao Marino luanqués, o único que ten cinco partidos na súa casa por diante. E é aí, no histórico Román Suárez Puerta, onde o equipo realavilesino conta con gran parte das súas posibilidades, sen desbotar as saídas, en xeral moi asequíbeis.
O cadro que dirixe Josu Uribe só caeu derrotado no seu feudo ante Zipi y Zape, é dicir, Racing de Santander e Oviedo, pero non por iso deixa de ser un conxunto forte nel. O Real Avilés ten moito gol (é o terceiro máis realizador despois dos dous Racing) e a motivación necesaria para decatarse de que o seu listado de partidos por xogar e a ilusionante situación na táboa fanlle un candidato firme a non perder a excelente oportunidade que se lle presenta.
No seu terreo recibirá a C.D. Tropezón, C.D. Ourense, C. Marino de Luanco, Caudal D. e Zamora. Algúns deses encontros serán decisivos no Suárez Puerta. Lonxe da industriosa cidade asturiana xogará nas casas de U.D. Logroñés, Coruxo F.C. (que loita pola permanencia) e dun rival directo, o C.D. Guijuelo.

Club Deportivo Ourense, SAD: crise, calendario difícil, opcións intactas

O equipo que prepara o técnico ex verde José Luis Míguez, Luisito ten, a priori, o peor calendario dos nove aspirantes á FA2. Se dicimos que ten que xogar con Marino, Real Avilés, Guijuelo, Zamora e Racing de Santander é case como para sair correndo. Mais ollo!, o C.D. Ourense deixou patente a súa capacidade para resistir todo tipo de inclemencias, a base de unión incondicional e coraxe militante, dentro e fóra do campo. A grave crise económica que amarga a vida dende hai varias temporadas á entidade d`O Couto e o seu calamitoso terreo de xogo (inaceptábel na terceira cidade de Galicia e non apto para outra cousa que non sexan actividades agrícolas ou gandeiras) xerou, como noutros clubs españois, un novo tipo de equipo acorde coa decadente España global de hoxe en día. O que, inmerso no drama de non cobrar, recorre desesperadamente aos máis variados recursos para chamar a atención: "plantóns", ameazas de retirada, xogadores que marchan, tensas e intensas roldas de prensa colectivas, exercicios -quizais espirituais- de dinámica grupal para sairen dos problemas extradeportivos todos xuntos; paróns en medio dun partido como protesta... A adhesión exacerbada e solidaria das afeccións, fartas dos efectos que produce a peor faciana do "fútbol moderno" nun país, en moitos aspectos, de mentira (nelas, nas torcidas, é onde reside o pouco que queda auténtico no fútbol, non nos enganemos) resulta o complemento lóxico a situacións que alteran o curso normal dun equipo. 
Pese a todo iso, o carácter que o seu técnico imprime aos seus, fixo e fai ao Ourense un conxunto con posibilidades reais de estar arriba. A súa temporada é máis que digna dadas as circunstancias, o seu fútbol é máis lucido do que parece (pese ao pouco gol que ten, un dos hándicaps do cadro ourensán) e poder estar na FA2 non deixaría de ser unha importante válvula de escape deportiva e económica para a sufrida familia vermella.

Burgos Club de Fútbol: a súa irregularidade pódelle custar cara

O Burgos é o rei da irregularidade (competitiva, enténdase) entre os nove elexidos a vivir fortes emocións primaverais no postre da temporada. Incapaz de entrenzar máis de dúas vitorias seguidas, alternou demasiados resultados positivos e negativos sen unha tendencia clara, fallando ante algúns dos seus posíbeis rivais directos. É, amais, o que acumula máis derrotas dos principais da táboa, dez, quizais excesivas para estas alturas de temporada nun aspirante declarado. Porén, o equipo castelán segue na brecha, rondando sempre a zona FA2 pero sen acabar de meterse de cheo nela como consecuencia da súa liña de resultados, máis quebrada que continua.
Os burgaleses de Ramón María Calderé teñen tres "ósos" por diante. Zamora, Racing de Santander e Racing de Ferrol. Polo medio, marxe de manobra para almacenar puntos en El Plantío e agardar acontecimientos (Cultural Leonesa, S.D. Logroñés, S.D. Compostela, R.C. Celta B, Real Sporting B). Cun plantel feito para pugnar por algunha das catro prazas de privilexio, de perfil moi norteño e con talento e experiencia, o Burgos C.F. conta sen dúbida algunha para colarse na FA2 aínda que sexa a última hora e visitará A Malata na penúltima xornada, quen sabe se xogándose o ser ou ser na fase final.

Club Marino de Luanco: "mataxigantes" oficial do grupo

O equipo de Gozón presenta unha "tarxeta" espectacular no que vai de exercicio 2013/14: só unha derrota nas últimas quince xornadas, que foi pola mínima en Santiago de Compostela. Sen estar estritamente chamado a loitar por unha praza na FA2, o Marino de Luanco leva unha segunda volta notábel, a golpe de remontada pura e dura, para situarse a só tres puntos do cuarto clasificado. Ninguén pode dicir que os asturianos non teñan posibilidades reais de dar a sorpresa e penetraren na fase final. O Marino, "besta negra" do Racing de Ferrol nesta temporada (tanto na competición de Liga como na insulsa Copa Federación) é, asemade, un auténtico "mataxigantes". Fixo do seu campo de Miramar unha batería de costa onde só venceu o Real Oviedo; e pasou pola pedra ao Burgos alí e en El Plantío; e a Zamora e Real Avilés tamén os fixo claudicar no seu campo. Pero non só iso. O Racing de Santander só puido empatar nos dous compromisos co cadro que prepara José Luis Quirós; e o Guijuelo tampouco foi quen de ganarlle na súa casa, o mesmo que Ourense e Real Oviedo. Ou sexa, o Marino de Luanco é un durísimo rival, que fixo un partidazo en Ferrol (onde ganou) e que  foi merecendo o respecto de todos.
O seu calendario vindeiro non semella, en principio, doado mais este equipo demostrou dabondo estar capacitado para combatir contra todo o que lle boten enriba. Ten saídas difíciles a Ourense, Avilés e Zamora (a pregunta é para quen é difícil, visto o visto) e no seu campo terá un choque directo co Guijuelo. Se o cadro asturiano é quen de manter o notábel ton que presenta nos últimos dous meses, hai que contar seriamente con el.

Zamora Club de Fútbol: segunda volta prometedora

O Zamora C.F. foi un dos sete líderes do grupo pero lle puido a presión, sobre de todo cando o Racing de Ferrol lle parou os pes n`A Malata por un claro 3 a 0. Porén, os do Ruta de la Plata melloraron na segunda volta onde só levan unha derrota, ante a S.D. Logroñés en terreo rioxano. O problema está en que aos de Roberto Aguirre lles faltan gol e vitorias (só catro nas últimas doce xornadas). Iso si, o seu triunfo sobre o Real Oviedo a pasada fin de semana nun Ruta de la Plata onde só perderon ante U.D. Logroñés e Real Sporting B (o Racing de Santander tamén caeu derrotado alí) pode darlles a moral necesaria para non capitular no intento por remontar posicións e estaren na loita final.
Ao Zamora quédanlle partidos complicados na casa ante Burgos C.F., C.D. Ourense e C. Marino de Luanco, e entre as súas saídas, salienta a correspondente á xornada de clausura da competición, en terreo do Real Avilés. Se é quen de enganchar triunfos e non errar nos encontros contra rivais directos terá opcións de estar na fase polo ascenso.