La Voz de Galicia

lavozdegalicia.es
Edición digital de La Voz de Galicia. El diario más leído de Galicia gracias a la participación de sus lectores, con la última actualidad, multimedia, opinión y debates sobre negocios, deportes, cine, viajes, libros, empleo, educación, inmobiliaria, automóviles y mucho más en sus 14 ediciones: A Coruña, A Mariña, Arousa, Barbanza, Carballo, Deza-Tabeirós, Ferrol, Lemos, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo y Madrid
  • 20 de octubre del 2003
Logotipo de La Voz de Galicia

PONTEVEDRA

Pontevedra 2004 Ano da Música: No centenario do primeiro disco galego


O 2004 será o Ano da Música en Pontevedra. O obxectivo é conmemorar o centenario da gravación do primeiro disco en Galiza, un feito histórico que tivo lugar no ano 1904 coa participación do Coro Aires da Terra de don Perfecto Feijoo. A iniciativa parte do empresario coruñés Pedro Ferrer, editor da revista Portfolio Galicia, que contrata os servicios da Compañía francesa Gramophone que despraza un vehículo motorizado no que se gravan 22 temas do coro.

A historia comezara no ano 1887 coa invención do gramófono por Emile Berliner, aparello reprodutor do son que superaba o fonógrafo de Edison. A primeira fábrica europea de discos para gramófono nace en Hanover en 1896 e poucos anos máis tarde o disco plano e circular acaba consolidándose e substutindo aos cilindros con que funcionaba o fonógrafo. No ano 1904, só seis anos despois do inicio da industria discográfica, un vehículo motorizado da Compañía do Gramophone viaxou por España e outros países europeos efectuando gravacións in situ de grupos musicais locais, no que pode considerarse como o primeiro paso para a promoción e coñecemento popular desta nova tecnoloxía.

Pontevedra e Galiza participan desta innovación coa gravación do coro pontevedrés Aires da Terra, o primeiro rexistro en disco da historia da música no noso país. O investigador José Luis Calle no seu libro Aires da Terra. La poesía musical de Galicia, indica que o coro non cobrou nada pola gravación pois existe unha carta da compañía Gramophone, do 8 de xuño de 1904, na que agradecen que Aires da Terra se prestara gratuitamente a impresionar "los aires de esa hermosa tierra, contribuyendo con ello a hacer más popular el gramófono, el cual es la mejor máquina parlante hasta hoy conocida".

Segundo o relato de Calle, Ferrer pagou á compañía francesa unha elevada cantidade (35.000 ptas. do tempo) pola exclusiva da distribución en América de vinte discos entre os que estaba o do coro de Perfecto Feijoo. Os discos do coro pontevedrés deberon ter unha moi boa acollida entre os galegos emigrantes e en 1911 a empresa Odeón fixose cos dereitos de reprodución e gravou unha nova copia do disco. Quen non gustou moito do invento, pola deficiente calidade da reprodución, foi Perfecto Feijoo, que nunca máis voltaría a gravar a súa música.

A conmemoración do centenario do primeiro disco galego ten unha dupla finalidade: recuperar e divulgar a historia da música en Pontevedra e en Galiza ao longo dos últimos cen anos adicando especial atención a músicos e iniciativas ligadas a Pontevedra como Perfecto Feijoo e o Coro Aires da Terra, Manuel Quiroga ou a Coral Polifónica; e impulsar e proxectar en toda Galiza a imaxe de Pontevedra como unha cidade con unha rica tradición musical e como sé de novas iniciativas nas que a música terá unha especial relevancia.

Proxecto colectivo

O Concello quere contar con todas as entidades e institucións relacionadas coa historia, o presente e o futuro da música. Para iso, iniciarase unha rolda de contactos destinada a recoller ideas, sumar esforzos e elaborar colectivamente unha programación que convirta a Pontevedra ao longo do vindeiro ano, no centro de referencia da música en Galiza. A intención da Concellería de Cultura é que a iniciativa conte co respaldo da Corporación, polo que a proposta será sometida ó pleno. Á espera deste proceso de maduración de ideas que ha conformar o proxecto definitivo, queremos dar a coñecer unha serie de propostas que vertebran a programación do Ano da Música.

A celebración ha ser a base dunha ambiciosa programación que inclúa exposicións, edicións de cedés, libros, ciclos musicais, ciclos de conferencias, cursos e obradoiros, etc.

Como actividade nuclear organizarase unha grande exposición sobre a historia da música en Galiza desde 1904 a 2004, na que estean presentes os grupos, persoas e entidades que protagonizaron a Galiza musical nestes cen anos. Esta mostra, dirixida ao público e con un programa específico de vistas para grupos organizados, será complemetada con outras mostras así como publicacións divulgativas sobre a historia da música.

A programación de concertos de todos os estilos será outro dos eixes do Ano da Música: jazz, música tradicional, clásica, canción de autor, pop, rock, bandas de música, corais, etc. Neste contexto, potenciarase a programación do verán, con especial atención ao Festival de Jazz, co obxecto de introducilo definitivamente no circuito de grandes festivais da península. A potenciación das actividades de formación (a semellanza do Seminario de Jazz), as homenaxes a grandes músicos como Perfecto Feijoo, Manuel Quiroga ou Ricardo Portela, e a organización dunha feira da música son outras das propostas para un ano no que a luz da música brillará con forza en Pontevedra e en Galiza.

LA VOZ DE GALICIA,S.A. se reserva todos los derechos como autor colectivo de este periódico y, al amparo del art. 32.1 de la Ley de Propiedad Intelectual, expresamente se opone a la consideración como citas de las reproducciones periódicas efectuadas en forma de reseñas o revista de prensa. Sin la previa autorización por escrito de la sociedad editora, esta publicación no puede ser, ni en todo ni en parte, reproducida, distribuida,comunicada públicamente, registrada o transmitida por un sistema de recuperación de información, ni tratada o explotada por ningún medio o sistema, sea mecánico, fotoquímico, electrónico, magnético, electro óptico, de fotocopia o cualquier otro en general. M de A Coruña en el Tomo 2.438 del Archivo, Sección General, al folio 92, hoja C-2141.CIF: A 15000649

© Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A. Polígono de Sabón, Arteixo, A CORUÑA (España) RM de A Coruña: tomo 2413, folio 84, hoja C-12502. CIF: B-15.482.177