• strict warning: Declaration of views_attach_plugin_display_node_content::options_submit() should be compatible with views_plugin_display::options_submit(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_attach/views_attach_plugin_display_node_content.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_handler_filter_node_status::operator_form() should be compatible with views_handler_filter::operator_form(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/modules/node/views_handler_filter_node_status.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_bonus_plugin_style_panels_twocol::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_bonus/panels/views_bonus_plugin_style_panels_twocol.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

As posibilidades do alternativo. Reflexións desde a Academia

As posibilidades do alternativo. Reflexións desde a Academia por Daniel López Abel e Víctor E. Pérez

O pasado 26 de maio tivo lugar na biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea un seminario promovido polo proxecto de investigación Canais Alternativos de Creación Experimental. O Eixo Atlántico 1975-2010, da Universidade de Santiago de Compostela. Entre os convidados atopábanse algúns dos persoeiros máis destacados da teoría e a produción artística española. Como puidemos comprobar ese día, a Academia mobilízase á busca da enésima reformulación do alternativo no mundo da creación contemporánea.

405 Juan Martín Prada, Javier Tudela, José Luis Molinuevo, Juan Luis Moraza, Federico López Silvestre e Pedro de Llano

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A día de hoxe, en plena expansión dos medios electrónicos e do capitalismo cognitivo, falarmos en termos de “canais alternativos” pode semellar un anacronismo cando non unha imprecisión propia dos lugares comúns da mercadotecnia cultural. Pero non é menos certo que en cada circunstancia e contexto, incluso no tan deostado cubo branco do museo, existen, latentes, experiencias capaces de mudar as nosas actitudes acomodaticias e impulsarnos a vivir máis intensamente o feito artístico. Ben sexa por enriquecer a relación entre público e creador, ben por desenvolver -desde dentro ou desde fóra- discursos críticos coa institución ou por empregar diversificados métodos de financiamento na busca dunha independencia funcional, a realidade múltiple que admite o paraugas da alternatividade é demasiado informe como para afrontala sen delimitar un marco de estudo máis sólido e definido que a propia urxencia da novidade. Dirixido polos profesores Federico López Silvestre e Javier Tudela, máis o crítico e comisario de exposicións Pedro de Llano, o seminario Canais alternativos de creación. Unha aproximación crítica comprometeu a primeira actividade pública dun proxecto de investigación -aínda en cernes- que, respondendo a esa necesidade de delimitar a súa área de acción arredor do alternativo, quixo reformular de xeito aberto a pertinencia da súa propia hipótese, así como a validez dos marcos xeográficos e políticos nos que facerse a pregunta.

Para os que participamos dalgún xeito nesta investigación, non estaría fóra de lugar pensar que nestes momentos de recortes orzamentarios os centros e museos galegos poderían favorecer o ensaio de novas canles e formatos para a exhibición artística. Mais a realidade é que o panorama está dominado polo conservadorismo e que a escaseza de medios económicos converteuse no pretexto ideal baixo o cal camuflar a desarmante banalidade dalgunhas das exposicións que se poden ver ultimamente no país. O profesor de Historia das Ideas Estéticas da USC e participante no proxecto de investigación, Federico López Silvestre, introduciu aos participantes do seminario chamando a atención sobre este aspecto, xa que ao seu ver, a institución artística galega está máis preocupada por manter un pétreo estatus de oficialidade e excelencia que por ofrecer solucións modestas, máis achegadas ao contexto e, polo tanto, máis atentas á diferenza.

Esta cuestión, a de como xestionar e facer visible a diferenza sen entregala a unha lóxica de mercado, viría a converterse nun dos temas centrais arredor dos cales xirou o seminario. Pero antes, a primeira intervención da mañá a cargo de Juan Luis Moraza aportou unha lectura a fundamentis sobre a etimoloxía do termo “alternativo”. O recoñecido artista, comisario e profesor da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo puxo sobre a mesa unha pertinente cuestión inicial ao considerar a xenealoxía que relaciona o alternativo -ou mellor dito, o alterne- co mito moderno de emancipación propio do liberalismo. Así foi que co nacemento da Academia comezou o soño do enciclopedismo ilustrado e con este sentáronse as bases para unha xestión da diferenza e da subxectividade. Segundo Moraza, a proliferación desta asociación entre o alternativo e a singularidade definiu o carácter do pensamento occidental ata tal punto de que o impulso máis primario do acto creativo -o exercicio de liberdade- cristalizou na sociedade en forma de alteridades ben definidas, profesionalizadas, ligadas ao ideal de progreso e vangarda. Por este motivo, o propio Moraza considera que el mesmo forma parte dunha nova Academia que está a colaborar na destrución da diferenza e na proliferación deste alterne. E é que á Universidade, como parte tamén da institución artística, xa non se lle esixe a promoción de ideas liberais e de progreso, senón de calquera referencia de xuventude e novidade que sirva para comercializar o coñecemento.

Mariano H. de Ossorno, poeta e artista visual, en ocasións editor e crítico de arte, foi presentado ao público do seminario como un pozo de experiencia, entre outras moitas cousas, por ter participado nos míticos Encontros de Pamplona de 1972. Obxecto dun recente análise en profundidade por parte do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, esta reunión dalgúns dos artistas máis experimentais a nivel nacional e internacional durante o tardofranquismo serviu para ilustrar o debate en varias ocasións. Sen embargo, o propio Ossorno lembraba que a maioría daqueles proxectos de John Cage, o Equipo Crónica ou Isidoro Valcárcel Medina, aterraran en Pamplona coma extraterrestres totalmente descontextualizados e que a resposta social fora insignificante. Ademais, non hai que esquecer que os encontros estaban patrocinados pola familia Huarte, grandes empresarios enriquecidos ao abeiro do Réxime, e que as maiores críticas e intentos de censura chegaran das esquerdas e da propia ETA, que redactara para ocasión o seu único comunicado ata a data sobre arte contemporánea. Pero se cadra, como unha experiencia moito máis pertinente ca esta para unha investigación sobre o alternativo, Ossorno trouxo a colación os relatos do chamado Sitio de Madrid, en novembro de 1936, que describen o que realmente foi a resposta da cidadanía cando esta quedou fóra do Estado. Os madrileños, abandonados á súa sorte polo goberno da República, conseguiron instrumentalizar tódalas institucións que aínda lles quedaban (sindicatos, ateneos libertarios, casas do pobo,...) para un obxectivo común: a súa defensa e subsistencia. Un exemplo de autoorganización no que suxeitos, obxectos e discursos pasan a ser o mesmo, e no que salvar a República ou facer a Revolución deixan de ser opcións a considerar, simplemente, por pouco prácticas. Nunha palestra enchida de suxestivas imaxes literarias, Ossorno denunciou que vivimos un xogo con regras prestadas que nos sitúa nun estado prebiográfico permanente, coa partida sempre por rematar. Coma no taboleiro de xadrez, que fai as veces de mapa e  territorio, seguimos a rede de movementos que as regras nos facilitan; namentres, o rei, peza fundamental nun xogo de poder, non é nunca expulsado do terreo pese a interrupción momentánea do mate. Pero é posible, segundo el, imaxinar un instante (Novembro do 36, ou a acampada de Sol e o 15M) en que os nodos da rede (os escaques do taboleiro), as pezas e os seus movementos sexan outra vez o mesmo, e as fichas avancen levando consigo o espazo que ocupan de maneira que o mapa se vexa constantemente redefinido.

Por outra banda, o Catedrático de Estética y Teoría de las Artes da Universidad de Salamanca José Luis Molinuevo criticou na súa intervención o mito das alternativas culturais a través das canles electrónicas. Os seus últimos traballos van encamiñados cara a análise da estética contemporánea nos medios dixitais e, na súa opinión, tanto os museos como os medios dixitais teñen un obxectivo común: o buscaren a usabilidade, a sinxeleza do intuitivo para facilitarnos a comprensión de sistemas farto complexos. O mundo, como o museo, é explicado a través de interfaces atractivas, eficaces, táctiles. Pero non nos enganemos, a presenza do corporal a través do dixital non ven a redundar nunha expansión da nosa experiencia da cultura senón que, polo xeral, canto máis intuitiva é unha interface, máis restrinxidas son as opcións do usuario para elixir por si mesmo. E ese é, nas palabras de Molinuevo, o camiño que seguen as sociedades occidentais, cada vez máis asistidas, ao demandar teorías simples para explicar un mundo complexo. O coñecemento do mundo -di- realízase hoxe máis ca nunca a través de imaxes simbólicas, conceptos emocionais e metáforas dixitais destinadas a conmover. Estes tres elementos dan lugar á comprensión da realidade contemporánea como algo borroso, escuro, difícil de entender. E así como a complexidade pode ser ambigua pero non confusa, a visión do complexo a través do dixital queda reducida a unha linguaxe de sensibilización por medio de eslóganes e atallos conceptuais que reflicten a linguaxe dunha mercadotecnia de empresa. Non obstante, Molinuevo propón buscar unha alternativa a esta invasión dos reximes estéticos. Para combater o sobrepeso informacional, el postula unha estética fitness, unha estética que nos faga perder graxa simbólica e gañar músculo de coñecemento. Pois pensar a complexidade por nos mesmos é un acto de resistencia que nos mantén en forma e nos achega ao real.

E proseguindo ca análise dos medios electrónicos como referentes na busca do alternativo nas artes, Juan Martín Prada, profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidad de Cádiz e experto en teoría da posmodernidade e da recepción estética, realizou un percorrido histórico polos primeiros experimentos artísticos xurdidos da internet. Para el, proxectos como os liderados polo colectivo The Thing, anteriores incluso á implantación do protocolo da world wide web que supuxo a socialización das redes dixitais, representaban unha alternativa non só aos formatos habituais da arte e o seu mercado, senón tamén á súa propia función. O seu obxectivo era xerar espazos de comunicación autónomos, nunha sorte de escultura social moi ao xeito das aspiracións do artista alemán Joseph Beuys, que xa realizara experimentos baseados na democracia directa e no establecemento de condicións para o diálogo aberto. Martín Prada sitúa estas experiencias no programa utópico dos Brecht e Benjamin, que aspiraban á creación de “comunidades de produtores de medios”, e observa un correlato nas teorizacións recentes da multitude segundo Antonio Negri e Michael Hardt. O chamado net.art, que posiblemente perdeu vixencia no momento en que foi incorporado ao discurso da arte institucional (na X Documenta de Kassel, no 97) avanzaba xa a potencia desa “multiplicidade de singularidades activas” que, como non podería ser doutra maneira, se invoca hoxe para falar dos movementos do 15M.

No debate aberto que sucedeu ás palestras incorporáronse á mesa voces do propio grupo de investigación: Ignacio Pérez-Jofre e Javier Tudela, ámbolos dous profesores da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, máis un novo invitado, Antón Fernández de Rota, antropólogo e membro da Universidade Invisíbel. Por algunha razón, a cuestión da lexitimación da arte, e de feito a crise de lexitimación que semella conformar a propia historia da arte na contemporaneidade, ocuparon gran parte desta mesa redonda. Pero a posibilidade de ler un debate pasado un tempo permite identificar mellor as súas claves, que non son tanto os temas máis discutidos ou os consensos acadados como as novas preguntas que axudou a configurar. Así, froito da urxencia e da actualidade, agromaron cuestións realmente conflitivas que sen embargo, non produciron ningún tipo de fricción no seu momento. Pero quizáis, moito máis alá das desaproveitadas diatribas da sala, o seminario conseguiu constatar que todas aquelas referencias susceptibles de ser empregadas na localización do alternativo teñen en común o espírito de afrontar a creación artística xusto aló onde o conflito entre o global e o local emerxe con forza; aló, tamén, onde se localizan as hipóteses desta investigación. Por este motivo, somos da opinión de que o grao de operatividade futura deste proxecto -que posúe unha indudable vocación de traballar o contexto próximo- pasará pola análise en profundidade das características do rururbano galego como o territorio problemático, urxente e certamente alternativo que é fronte á concentración da oferta cultural institucional nas cidades.

406 Mesa redonda

407 José Luis Molinuevo, Antón Fernández de Rota e Miguel Anxo Rodríguez

 

Este Grupo de Investigación do Departamento de Historia da Arte da USC está a traballar na edición das actas do seminario. A publicación servirá como punto de partida teórico para un obxectivo máis concreto: a creación dunha aplicación en rede capaz de ampliar a difusión e o recoñecemento dunha serie de espazos e iniciativas galegas que ou ben se atopan infrautilizadas, ben non teñen cabida nos medios de comunicación e pasan despercibidas para a opinión pública. Desde fai uns meses o colectivo Culture Workers ven prestando atención no seu blogue a esta “outra” actualidade galega, da que extraemos a súa reflexión sobre as canles alternativas de creación: “insistimos, ao igual que coa nosa dúbida, en que os esforzos metodolóxicos foron dirixéndose (alomenos no público) cara a identificación case compulsiva do que (quen) puidera ser o alternativo, como se nesta cuestión fose todavía posible unha cuestión de clase.”

Esta crónica foi publicada no nº 170 de Tempos Novos, en xullo de 2011.