Cástor Oubiña Montenegro e Abalo

CÁSTOR OUBIÑA MONTENEGRO (1843-1907)

“El Mirlo del Umia”

Naceu sobre 1843 na freguesía de San Fins de Lois (Ribadumia), fillo de José Oubiña Montenegro (nat. de Oubiña-Cambados) e de Robustiana Abalo Porrua (nat. de Lois).
Trátase dunha personaxe das máis interesantes do concello de Meis de finais do século XIX e primeiros anos do séc. XX. Fálase de el no ano de 1874 onde se dí: “veu co Márques de Bóveda”.

A petición do Alcalde de Meis, Benito Couto, é recibido polo Gobernador Civil de Pontevedra no seu despacho o 17 de Maio de 1875.

En 1881 apareceron numerosas hachas de cobre nunha caixa no castro de Paradela, en terreos pertencentes á Casa de Montenegro, partes das cales foron agasalladas por Cástor Montenegro a Ramón Valle-Inclán Bermúdez (1823-1890), pai do escritor Ramón del Valle-Inclán Peña. Valle-Inclán Bermúdez, nomearía a Cástor como unha das persoas máis ilustradas do país.

En Febreiro de 1901 asiste en Cambados a unha homenaxe ao deputado en Cortes Augusto González Besada, do Partido Conservador, en Maio dese mesmo ano recita unha poesía no Casino de Cambados na festa pola renovación da acta como deputado de Augusto. Tamén en Febreiro dese mesmo ano asiste a unha reunión co Gobernador Civil de Pontevedra xunto co Alcalde de Meis, o Secretario do Concello (señor Alonso) e o médico Vito Barreiro.

En 1904 comeza as obras de rehabilitación da capela do Mosteiro castigada polos temporais daqueles anos, isto foi posíbel a iniciativa de Cástor e aos cartos dos veciños de Meis. A finais de Agosto anúnciase que empezaran as obras da capela do Mosteiro pola actuación do deputado Augusto González Besada e da iniciativa de Oubiña Montenegro pola ameaza de derribo á que estaba sendo sometida.

En Febreiro de 1904 é nomeado Capelán de Honra da Súa Maxestade.

En setembro de 1905 dá unha misa na igrexa de Santa María A Maior de Pontevedra na honra do seu amigo Moisés G. Besada.

Probabelmente, de orixe fidalga e emparentado coas familias de Valle-Inclán e de Cunqueiro, polo que non pode sorprender as cualidades literarias que fixo famoso a este cura do Salnés. Crego da freguesía de San Vicente de Nogueira entre finais do século XIX e comezos do XX e moi coñecido na comarca polos seus númerosos traballos literarios que asinou co alcume de O Merlo do Umia”. De el diría Jaime Solá en “Vida Gallega” en Novembro de 1913: “Aquel trovador, tan obscurecido en vida, como morto, cuxa lira foi forxada nos xunques helénicos e era irmá da que pulsara Anacreonte”.

Como se verá de seguido, Cástor O. Montenegro adicábase tamén a facer comentarios políticos no concello, nun artigo publicado en 1899 por mor do nomeamento de Manuel Méndez como Xuiz de Meis aparece o seguinte: “(…) O nomeamento de Xuiz Municipal en Meis foi celebrado por un mirlo do Umia cos mais inspirados e agarimosos cantos, entre istos figuran os rechasquidos que empeza <<Acórdaste Micxilona, etc>>. Coma ainda se preparan máis sorpresas, o merlo seguirá cantando se, o que Deus non permita non se lle atravesará na gorxa un óso de cereixa”.

Pouco se sabe da súa vida, os mais vellos do concello ainda escoitaron falar de el, que por certo deixou moita descendencia polos concellos de Meis e Ribadumia.

Faleceu na Reitoral de San Vicente de Nogueira ás once da noite do día 15 de Marzo de 1907, sendo soterrado no cemiterio parroquial de Nogueira o día 17. Ao morrer tiña como títulos os de Presbítero, Capelán de Honra da Súa Maxestade e o de cura párroco de San Vicente de Nogueira. Disque o igrexario todo de San Vicente era propiedade familiar de Castor Montenegro, e que á sua morte o donou á Igrexa, por eso lle fan todos os anos a misa en San Vicente.

CASA DE MONTENEGRO
Esta personaxe podo estar moi vencellado á Casa dos Montenegro, no concello de Vilanova de Arousa. De feito, a muller de Don Ramón Valle Bermúdez foi Dolores Peña Montenegro (nacida no Pazo do Colo da Arca, Lesón-Poboa de Caramiñal), filla de Josefa Montenegro e Saco de Bolaños, pertencente á devandita Casa dos Montenegros de Vilanova. Xosefa Montenegro é irmá de Benito Montenegro Saco, oriundo de Vigo e bisavó do escritor Alvaro Cunqueiro. Carmen Montenegro Barcino, avoa de Alvaro Cunqueiro, foi natural da Poboa do Caramiñal.

I XERACIÓN: Francisco de Montenegro c.c. Mª Antonia Sánchez

II XERACIÓN: Antonio Montenegro Sánchez c.c. Mª Dolores Saco e Lira

III XERACIÓN: Benito, Josefa e Ramona Montenegro e Saco

A SÚA DESCENDENCIA EN MEIS

Ainda que adicado á carreira eclesiástica deixou moita descendencia polo Concello. Segundo contan os mais vellos do lugar:

1. Blas Abal “Blas da Cachola” era fillo de Montenegro, froito da relación que mantivera coa veciña de San Salvador de Meis Manuela Abal (1851-1936). Seguindo a estela do seu pai, Blas Abal, que viveu no Marco e en Sogorribas (San Salvador de Meis), tivo un fillo con Segunda Outeda Iglesias que se chamaría Marcial Outeda Iglesias (éste casaría con Celina Casal Martínez, cuxa descendencia é ben coñecida en San Vicente de Nogueira). Blas Abal casou con Dolores “a da Igrexa” en San Salvador de Meis, deste matrimonio nacerían 4 fillos: Manuel “O Cacholo” que casaría con Dolores “A Folgueira” do que tiveron un fillo chamado Victor Manuel, outro fillo de Blas foi Alfredo que casou con Felisa “das Quintáns” e dos que tiveron 3 fillos: Mercedes, Rosa e Alfredo “Texeto”. Os outros dous fillos foron Xerardo e Adolfo (que estivo pola Arxentina).

2. Outro dos fillos de Cástor Montenegro foi Camilo Buceta “Camilo da Bufa”, de Penente (Nogueira) que casou cunha tal Arminda e tiveron unha filla.

3. Por último, outro fillo en Lois (Ribadumia), froito da súa relación con Peregrina Ares Padín: José Ares Padín “O Mixilon” e que tivo tamen 8 fillos, entre eles a Maximina Ares Rodriguez e Rosa Ares Rodriguez. A descendencia dos oitos fillos están esparecidas polas freguesías de Paradela e Lois.