Festa da palabra silenciada

A Festa da palabra silenciada é unha revista de cultura, producida por Feministas Independentes Galegas e dirixida por María Xosé Queizán, que sae á luz no ano 1983 co propósito de sacar da escuridade a escrita feminina e as teorías feministas vixentes nese momento. Ata o ano 1998 foi elaborada integramente por mulleres, desde o deseño e maquetación, a realización, as colaboracións e o material gráfico.

O seu contido foise ampliando desde o seu comezo ata a actualidade, reflectindo, por un lado, unha panorámica do pensamento feminista, sobre moi diversos aspectos da realidade, e por outro, explorando desde unha óptica aberta e crítica a literatura do noso país, incidindo na autoría feminina. A nómina de colaboradoras (máis de 200), revela o labor de estímulo que a Festa supuxo para as numerosas estudiosas do tema, así como o vigoroso impulso da literatura feita por mulleres, asunto sen precedentes no estado español.

Esta defensa incondicional da escrita feminina interrómpese no número 14, coincidindo tamén coa entrada de participación masculina na revista, ao considerar que xa se estaba cumprindo a nosa aspiración de que as escritoras deste país puideran gozar de máis espacio nos circuítos normais de difusión.

Outra característica da Festa é o seu pluralismo cultural e lingüístico. Nas páxinas da revista teñen acceso as escritoras doutras comunidades españolas: catalanas, vascas, asturianas, etc., pero tamén están representadas autoras portuguesas, francesas, italianas, canadianas, chicanas, etc. As creacións son publicadas en idioma orixinal e en galego, na procura dunha correcta comunicación. Deste xeito, a FPS, asume o compromiso de difundir por todo o mundo a lingua e a cultura galegas, dando a coñecer nos seus exemplares, estudios inéditos ata o momento.

A voluntaria creadora do blog pide paciencia; en breve subiremos novos contidos da Festa, porque estamos mellorando a nosa páxina web.