• strict warning: Declaration of views_attach_plugin_display_node_content::options_submit() should be compatible with views_plugin_display::options_submit(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_attach/views_attach_plugin_display_node_content.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_handler_filter_node_status::operator_form() should be compatible with views_handler_filter::operator_form(&$form, &$form_state) in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/modules/node/views_handler_filter_node_status.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_bonus_plugin_style_panels_twocol::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views_bonus/panels/views_bonus_plugin_style_panels_twocol.inc on line 0.
  • strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

Evasión ou vitoria

Evasión ou Vitoria é o nome que Culture Workers e Baleiro lle demos a un proxecto que quere servir de canle de comunicación entre colectivos que están a enriquecer o panorama cultural galego con propostas diversas. A idea é experimentar cunha estrutura que sirva para cruzar coñecementos sobre problemáticas que afectan aos nosos diferentes campos de acción. Para isto, tentaremos afastarnos dos formatos habituais de encontro (foros, festivais, feiras) para armar un taboleiro de xogo que nos force a manter un contacto estable e ao mesmo tempo flexible entre as forzas da cultura de base en Galicia.

O título é unha referencia á película bélica dirixida por John Huston (Victory, 1981). O filme está inspirado nun feito real coñecido historicamente como “O partido da morte” . O 9 de agosto de 1942, o Fútbol Club Start, un equipo formado na súa meirande parte por ex-xogadores do FC Dinamo de Kiev, enfrontouse ao máis potente equipo alemán na época en que Ucraína estaba ocupada polo III Reich. Os xogadores do Start, a pesares de seren advertidos que de non perder pagarían as consecuencias, gañaron e humillaron aos alemáns para o delirio colectivo. Poucos días despois as ameazas cumpríronse, o capitán do equipo foi torturado ata morrer e moitos dos seus compañeiros foron enviados a campos de concentración e asasinados tempo despois.

O argumento da película varía un pouco con respecto ao feito histórico. Oriéntase cara 1943, e os heroes son un equipo escollido entre prisioneiros do bando aliado no campo de concentración de Gensdorff, que aceptan a invitación a xogar o partido aínda sendo conscientes de que formarán parte dunha manobra máis da propaganda nazi. Pensan no encontro como nunha oportunidade inmellorable para fuxir, pero cando chega o momento, no descanso do partido, perdendo por catro a cero, deciden continuar xogando e tentar a remontada. A personaxe interpretada polo mítico futbolista brasileiro Pelé, comenta nese intre: “se marchamos agora, perderemos moito máis que un partido”. Finalmente, o resultado será de 4 – 4, logo de que o porteiro do equipo aliado, Sylvester Stallone, pare de maneira espectacular un penalti en contra no último minuto. A multitude bótase ao campo e, marabillas da ficción (que permite á Historia ser o que debeu ser), os prisioneiros son axudados pola xente para confundirse entre eles e poder finalmente escapar.

Evasión ou vitoria resume o conflito case que existencial entre fuxir ou vencer, entre a liberdade ou o éxito, entre sacrificarse (morrer) con dignidade ou continuar vivindo sen o complexo memorial de deixar unha pegada na Historia. E sérvenos, neste momento, como escusa para falar dese mesmo conflito á hora de enfrontarse á valoración do público cando se pretende emitir unha mensaxe cultural. Gran parte da produción artística actual camiña nunha dicotomía semellante. Os termos comercial, institucional, oficial, ... representan para os creadores de contidos culturais alternativos, experimentais, independentes o abandono do compromiso reformador da arte, a evasión da posibilidade de cambiar as cousas e o acomodo ante os gustos planos e fáciles da xente. A vitoria, daquela, significa manter o tipo: “... é certo que non o entendeu ninguén, pero a liberdade do noso pensamento está por riba da condena a morte dos nosos corpos, algún día a Historia falará os nosos nomes...”. En Baleiro coidamos que a cousa non é tan sinxela, e que optar pola vitoria e a honra pode supoñer en realidade unha renuncia ao compromiso de seguir avanzando, custe o que custe. Igual estar continuamente fuxindo é máis valente que a vía orgullosa e triunfante do mártir. A riqueza de matices de toda opción creativa fainos ver que tódalas combinacións son posibles, e que a verdadeira innovación está nesa capacidade para fundir elementos sen o prexuízo (a obriga) de situarse nunha posición definitiva. Definitivamente marxinal, definitivamente pública.

De tódolos xeitos, deixando a un lado as reflexións sobre a pertinencia ou oportunismo do título, que ao fin e ao cabo se aproveita paraverter algo de sorna ou risa nestas historias (a mesma que produce ver xogar ao fútbol a Stallone ou a Pelé facendo de actor, ao carón de Michael Caine), o proxecto Evasión ou Vitoria é un intento de promover unha serie de eventos que axuden a conectar o traballo de diferentes grupos de produción cultural galegos. Colectivos dedicados ben á arte dixital, á arquitectura, á experimentación sonora, á xeración de pensamento, á acción social, á divulgación científica, que están a enriquecer o panorama cultural con propostas arriscadas que conviven en diversos niveis de visibilidade. A intención deste proxecto é iniciar unha cartografía deses procesos e fortalecer un enramado ás veces feble e ás veces por consolidar.

Coa idea de compartir coñecementos sobre problemáticas que atinxen tanto a cuestións de metodoloxía, como de comunicación ou financiamento, promoverase unha xuntanza mensual de representantes deses colectivos. Sen embargo, antes que pretender coñecernos mellor a través de presentacións formais, proponse a aprendizaxe colectiva e o cruce de experiencias por medio da práctica dun xogo común. Cada sesión serán comandada de maneira rotativa polos diferentes grupos implicados no proxecto, que programarán unha actividade para ese día someténdose ás regras que máis abaixo se relacionan. Cada colectivo decidirá o lugar, a forma e os contidos do seu evento segundo as súas determinadas regras ou coordenadas, e contando sempre coa presenza, como público participante, do resto dos equipos. O deporte, e non a competición, será o modelo a seguir nun proxecto que busca mellorar as capacidades para a acción cultural a través do seu exercicio.

173 174 175 Evasión ou vitoria. Antigo Cárcere Provincial de A Coruña176


EV VI: No Tours (escoitar.org)

O sexto evento Evasión ou Vitoria, nesta ocasión comandado por Horacio González e Xoán Xil, do colectivo escoitar.org, volveu cumprir varias das premisas do proxecto: a mestura radical de linguaxes ou materiais, a deslocalización, ... A proposta de escoitar.org traduciuse nunha camiñada entre a ficción e a realidade polo parque de Bonaval na que puidemos experimentar a potencia do que eles chaman “auralidade amentada”, unha “fuxida do modelo de cidade-panorama exclusivamente visual, panóptica e xeométrica”. Coa axuda de dispositivos móviles con android e do software no-tours, desenvolvido polo colectivo, buscouse “intervir en espazos extraños ou familiares para convertelos en lugares mutantes que se transforman mentres se percorren baixo o efecto do son e das narracións”.

EV V: Festival Strangelet, encontro intergalaico

A Asociación Cultural Amalgama propuxo como evento Evasión ou Vitoria a participación do agrupamento de colectivos en Strangelet: Encontro Intergalaico. Un festival con propostas musicais, performance e audiovisuais cuxo emprazamento foi, unha vez máis, o Laboratorio de Alg-a en Valadares, Vigo. No programa, algunhas das propostas máis arriscadas da escena punk e experimental galega: Drinin (videoperformance), Undressoler, Urro (trío de improvisacion libre), Nice Girls Who Become Pornstars And Then Monsters, Carlos Suárez, Funboa Escénica, Andressolo, IgMig, Ucranian Bride, Hedonistas, Unicornibot, ...

EV III: Obradoiros de Cultura Contemporánea

O terceiro evento de Evasión ou Vitoria, esta vez programado por Culture Workers, tivo lugar o día 4 de decembro de 2010, no contexto dos Obradoiros Cultura Contemporánea organizados por Universidade Invisíbel, na Fundación Luis Seoane da Coruña. A proposta de Ania González (Culture Workers) consistíu (entre outras cousas) na asistencia á charla que deu ese día, titulada Un(h)a na lysis cultural. O encontro foi unha boa ocasión para afondar nas interferencias entre as artes, as novas tecnoloxías libres, o papel das subxectividades, a precariedade laboral no mundo cultural ou as posibilidades de emerxencia creativa no capitalismo cognitivo.

EV I: Nauya e Illas Cíes

O primeiro evento de Evasión ou vitoria, a cargo da Asociación Arquinatura, consistíu nunha saída en embarcación clásica para o aventuramento na biodiversidade mariña e dos habitantes varios das Illas Cíes. A viaxe realizouse o día 2 de agosto de 2010 ea proposta encadrouse nas liñas xerais do proxecto, como son o poñer en relación radical dous elementos provintes da teoría, a práctica, os contidos, espacios, materiais, persoas ou métodos que adoitan ser empregados en cultura. Así mesmo, xerar unha producción material resultante da xornada de traballo que estará presente na seguinte xornada, rexistrar e documentar a actividade para un posterior plantexamento de arquivo.

EV. Enquisa aos colectivos

Esta enquisa foi realizada por algúns dos colectivos que participan en Evasión ou vitoria. O texto establece un punto de partida previo aos eventos, no que podemos situar as áreas de acción dos participantes, os seus métodos de financiamento, produción e xestión.

EV IV: Core:code

O evento Evasión ou Vitoria comandado por Olholivre consistiu nun espectáculo da deriva performativa do colectivo: core><code, unha identidade nacida “da combinación do código, o corpo, a creación, as máquinas, a pintura e o kernel”. A performance tivo lugar no Centro Social Atreu, na Coruña, e xirou sobre as cuestións de xénero e a súa relación coas tecnoloxías de software e hardware libres. A mestura de linguaxes e materiais (vijing, pintura, recitado de poesía, ...) deu como resultado 20 minutos de suxerentes estímulos visuais e sonoros artellados cunha profunda vontade deconstrutiva.

 

[...]

EV II: Feira Imaxinaria I

Nesta ocasión, a actividade proposta polo Teatro Resoante, segundo colectivo en coller o mando de Evasión ou Vitoria, foi a participación do agrupamento na I Feira Imaxinaria Contemporánea, un encontro-residencia creativa que se celebrou no Alg-a Lab (Valadares, Vigo)  entre os días 3 e 5 de setembro de 2010. Nel mesturáronse a performance continuada, os eventos e paseos sonoros ou o debate crítico nun ambiente de convivencia e cooperación que resultou certamente enriquecedor. A situación dun centro de experimentación creativa como o Laboratorio de Alg-a (Comunidade subacuática de arte e acción libre), no medio rural, xa supuña de por sí o cumprimento dunhas das condicións dos proxectos Evasión ou Vitoria: a mestura radical de elementos.